Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Martes, 28 de xullo de 2015 Páx. 31403

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2015 pola que se convoca concurso específico para a provisión de postos de traballo singularizados nas oficinas fiscais de Galicia.

Por medio do Decreto da Xunta de Galicia 124/2014, do 11 de setembro, determinouse a estrutura e a organización da oficina fiscal en Galicia e da Unidade de Apoio á Fiscalía Superior.

Tras seren aprobadas as relacións iniciais de postos de traballo das oficinas fiscais en Galicia pola Orde XUS/660/2015, do 25 de marzo, do Ministerio de Xustiza, e publicadas pola Resolución da Dirección Xeral de Xustiza do 26 de marzo de 2015 (DOG núm. 72, do 17 de abril de 2015), procede a súa provisión de acordo co disposto no artigo segundo da Lei orgánica 1/2009, do 3 de novembro, complementaria da Lei de reforma da lexislación procesual para a implantación da nova oficina xudicial, pola que se modifica a Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, que modifica a disposición transitoria cuarta da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, así como co disposto no artigo 49 e seguintes do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

En consecuencia, e no exercicio das competencias previstas no artigo 15 do Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resolvo:

1. Aprobar as bases da convocatoria do concurso específico que figuran no anexo I desta resolución.

2. Convocar o concurso específico de méritos e capacidades para a provisión dos postos de traballo singularizados vacantes nas oficinas fiscais de Galicia que se detallan no anexo II.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor recurso contencioso-administrativo ante o órgano competente no prazo de dous meses, ou ben, con carácter previo e potestativo, recurso de reposición ante este órgano no prazo dun mes, ambos contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2015

Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza

ANEXO I
Bases da convocatoria

Primeira. Requisitos e condicións de participación

1. De acordo co disposto no artigo segundo da Lei orgánica 1/2009, do 3 de novembro, ao se tratar dun proceso de acoplamento, poderá participar exclusivamente, e por unha soa vez, o persoal funcionario do corpo de xestión procesual e administrativa para os postos de coordinador/a da oficina fiscal, e do corpo de xestión e tramitación procesual e administrativa no caso dos postos de responsable de estatística, rexistro e calidade. O persoal funcionario participante deberá atoparse na situación de servizo activo con destino definitivo, ou en calquera outra situación que comporte reserva de posto de traballo, no corpo ou corpos de adscrición da praza solicitada, no municipio onde deben desempeñarse os postos de traballo ofertados.

2. Non poderá participar neste concurso, ao se tratar dun proceso de acoplamento, o persoal funcionario que se atope na situación de excedencia voluntaria sen dereito a reserva de posto de traballo; o que estea suspenso en firme, mentres dure a suspensión; nin o que se atope sancionado con traslado forzoso, para destino na mesma localidade en que se lle impuxo a sanción, ata que transcorran un ou tres anos segundo se trate de falta grave ou moi grave, respectivamente.

3. Con respecto ao tempo mínimo para participar neste concurso específico, consonte o previsto no artigo 49.7 do Real decreto 1451/2005, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, non rexerá a limitación establecida no artigo 46.1 do dito regulamento.

4. Os requisitos de participación teñen que se cumprir na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes que se establece na base terceira desta convocatoria.

5. O persoal funcionario con discapacidades poderá participar no proceso en igualdade de condicións ca o resto de participantes, sempre que poida desenvolver as funcións do posto de traballo que se pretende prover.

Segunda. Postos que se poden solicitar

Os postos que se ofertan son os que figuran no anexo II desta resolución. Neste anexo constan os datos referentes aos distintos postos de traballo e a súa descrición, con inclusión das especificacións derivadas da natureza das funcións encomendadas ao posto e a relación das principais tarefas. Así mesmo, indícase o corpo ou corpos aos cales corresponde o seu desempeño, o complemento xeral do posto e o complemento específico, este último afectado pola redución disposta no artigo 23 da Lei 2/2013, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, que se mantén para o 2015, consonte o previsto no artigo 25 da Lei de orzamentos para este ano. Pola súa banda, o anexo III establece a puntuación dos méritos xerais e específicos que se valorarán na presente convocatoria.

Terceira. Presentación de solicitudes e documentación

1. As persoas que concursen deberán presentar unha única solicitude, utilizando obrigatoriamente o modelo que figura no anexo IV desta resolución.

2. Poderán solicitar máis dun posto de traballo, sempre que reúnan os requisitos exixidos para o seu desempeño. Neste caso, na solicitude deberán indicar, por orde de preferencia, a denominación dos postos a que optan.

3. O prazo de presentación será de 10 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. As solicitudes irán dirixidas á Dirección Xeral de Xustiza da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, praza de Europa, 5 A, 4º, polígono das Fontiñas, 15781, Santiago de Compostela, e deberán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou nas oficinas a que se refire o artigo 38.4 da Lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do seu procedemento administrativo común.

A data que conste no selo de rexistro de entrada ou do certificado da oficina de Correos debe atoparse dentro do prazo de presentación de solicitudes. No caso de que a citada data se encontre fóra do prazo de presentación de solicitudes, ou non conste na instancia remitida o selo do certificado da oficina de Correos, considerarase como presentada fóra de prazo e non será admitida.

5. Canda a solicitude deberase achegar a documentación orixinal ou fotocopias compulsadas da documentación acreditativa dos requisitos exixidos e dos méritos alegados, que deberán relacionarse no modelo de solicitude (anexo IV) da presente convocatoria.

Os méritos específicos, correspondentes á segunda fase do concurso, deberán ser xustificados documentalmente mediante os pertinentes títulos académicos ou diplomas, así como por certificados ou calquera outro medio de proba admisible en dereito.

6. A Subdirección Xeral de Persoal da Dirección xeral de Xustiza emitirá de oficio a certificación correspondente á antigüidade no corpo, así como a puntuación correspondente.

7. Os méritos serán avaliados con referencia á data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes previsto no punto 3 desta base terceira.

8. As solicitudes terán carácter vinculante para as persoas concursantes e só se admitirán renuncias cando estas se presenten antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

9. Non se admitirán anulacións ou modificacións do contido das solicitudes unha vez finalizado o período de presentación destas.

Cuarta. Fases do concurso e puntuación

1. O concurso rexerase polo baremo e puntuacións establecidos no anexo III desta resolución.

2. O concurso constará de dúas fases:

a) Primeira fase: de comprobación e valoración dos méritos xerais.

b) Segunda fase: de valoración de aptitudes concretas a través de coñecementos, experiencia, titulacións académicas e aqueloutros elementos que garantan a adecuación da persoa aspirante para o desempeño do posto, excluídos os valorados na primeira fase. A valoración dos méritos específicos deberase efectuar mediante a puntuación obtida tras aplicar a media aritmética das outorgadas por cada un dos membros da comisión de valoración; deberá desbotarse para estes efectos a máxima e a mínima concedidas ou, se é o caso, unha das que aparezan repetidas como tales.

Quinta. Comisión de valoración

1. A avaliación dos méritos corresponderalle a unha comisión de valoración que será nomeada polo director xeral de Xustiza.

2. A comisión estará integrada por:

a) Catro funcionarios/as da Administración convocante, dos cales un exercerá a presidencia, outro a secretaría e dous actuarán como vogais. Polo menos un destes catro membros será funcionario ao servizo da Administración de xustiza.

b) Un/unha representante das organizacións sindicais máis representativas, que actuará como vogal.

A persoa que represente as organizacións sindicais designarase por proposta destas, advertíndose expresamente que unha vez que a Administración solicite a proposta de designación, se esta non se leva a efecto no prazo de 10 días hábiles entenderase decaída a dita opción.

Logo de recibida a proposta das organizacións sindicais, publicarase na intranet de Xustiza a resolución do director xeral de Xustiza en que se nomean os membros da comisión.

3. A comisión de valoración suplente terá a mesma composición ca a titular, e os seus membros actuarán, con voz e voto, en ausencia xustificada do seu correspondente titular.

4. Os membros titulares e os suplentes deberán pertencer a corpos para cuxo ingreso se exixa unha titulación igual ou superior á requirida para os postos convocados.

5. A comisión de valoración poderalle solicitar por escrito á autoridade convocante a designación de expertos que, en calidade de asesores, actúen con voz pero sen voto. Fóra deste suposto, non poderán participar na comisión máis representantes ca os membros indicados no punto 2.

6. A comisión de valoración poderalles solicitar ás persoas candidatas as aclaracións, ou, se é o caso, a documentación adicional, que se consideren necesarias para a comprobación dos méritos alegados.

7. A comisión de valoración terá a consideración de órgano colexiado da Administración e, como tal, estará suxeita ás normas contidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e mais na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así mesmo, as persoas integrantes dela estarán sometidas ás causas de abstención e recusación previstas na dita lei.

Sexta. Procedemento

1. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de valoración proporá para cada posto de traballo ofertado as persoas candidatas que obtivesen maior puntuación, sumados os resultados das dúas fases do concurso, e no caso de empate, a quen tiver maior antigüidade no corpo.

Se un candidato obtén a maior puntuación en máis dun posto será proposto exclusivamente para un deles, atendendo á orde de preferencia indicada na súa solicitude.

2. A proposta da comisión de valoración conterá as puntuacións obtidas en cada fase e publicarase na intranet de Xustiza.

3. As persoas interesadas poderán alegar e xustificar o que consideren conveniente sobre os resultados da valoración dentro dos 10 días hábiles seguintes ao da publicación na intranet de Xustiza.

4. A comisión de valoración resolverá sobre as alegacións e xustificacións presentadas e redactará a proposta de resolución, que elevará á Dirección Xeral de Xustiza, quen pronunciará a resolución definitiva.

Sétima. Resolución do concurso

1. O presente concurso deberá ser resolto no prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte ao de finalización da presentación de solicitudes.

2. Os postos de traballo incluídos na presente convocatoria non se poderán declarar desertos cando haxa concursantes que os soliciten, salvo no suposto en que, como consecuencia dunha reestruturación ou modificación da correspondente relación de postos de traballo, fosen amortizados ou modificados nas súas características funcionais, orgánicas ou retributivas.

Oitava. Carácter dos destinos adxudicados

1. Os destinos adxudicados como consecuencia da resolución do presente concurso terán a consideración de voluntarios, polo que non xerarán dereito ao aboamento de indemnización por concepto ningún.

2. Os destinos adxudicados serán irrenunciables. Porén, quen obteña un posto de traballo por concurso específico poderá renunciar a este se antes de finalizar o prazo de toma de posesión obtén outro destino mediante convocatoria pública; nese caso, terá a obriga de comunicarllo ao órgano convocante. De incumprir esta obriga de comunicación, deberá tomar posesión no primeiro dos destinos adxudicados.

3. Cando se produza unha desocupación dos postos singularizados obxecto deste concurso que non dea lugar a vacante, a cobertura temporal destes, que se realizará polo procedemento establecido nos números 2 e 3 do artigo sexto da Resolución do 7 de maio de 2008 da Dirección Xeral de Xustiza para a convocatoria das substitucións horizontais, terá en conta, en primeiro lugar, o criterio de preferencia previsto no artigo 74.4 do Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza e, en segundo lugar, o baremo de puntuación establecido no anexo III da presente convocatoria.

Será requisito indispensable estar en activo no corpo ou corpos aos cales figura adscrita a praza na correspondente relación de postos de traballo.

Novena. Toma de posesión

1. O prazo de toma de posesión, ao ser un concurso específico derivado do proceso de acoplamento derivado da posta en marcha da nova oficina fiscal, será de tres días hábiles. No caso en que se participe nunha situación que comporte reserva do posto e se obteña un posto no presente concurso, a persoa funcionaria afectada poderá optar entre incorporarse ao posto adxudicado ou permanecer na dita situación; neste último caso, entenderase que a reserva pasa a selo do posto adxudicado.

2. A toma de posesión efectiva non se producirá ata a posta en funcionamento da nova oficina fiscal nos municipios a que corresponden os centros de destino.

3. Efectuada a toma de posesión, o prazo posesorio considerarase como de servizo activo para todos os efectos, bardante nos supostos de reingreso ao servizo activo por reserva do posto de traballo.

ANEXO II
Postos de traballo convocados

I. Postos de coordinador/a da oficina fiscal.

Código do posto

Denominación

Centro de destino

Localidade

Corpo

CXP

CE*

XG9257702015001111

Coordinador/a III

Fiscalía Superior

A Coruña

Xestión procesual e administrativa

3.509,40 €/ano

6.235,72 €/ano

XG9257802015001111

Coordinador/a I

Fiscalía Provincial

A Coruña

Xestión procesual e administrativa

3.509,40 €/ano

6.726,73 €/ano

XG9257802027001111

Coordinador/a II

Fiscalía Provincial

Lugo

Xestión procesual e administrativa

3.509,40 €/ano

6.481,33 €/ano

XG9257802032001111

Coordinador/a II

Fiscalía Provincial

Ourense

Xestión procesual e administrativa

3.509,40 €/ano

6.481,33 €/ano

XG9257802036001111

Coordinador/a I

Fiscalía Provincial

Pontevedra

Xestión procesual e administrativa

3.509,40 €/ano

6.726,73 €/ano

XG9257804015350111

Coordinador/a III

Fiscalía Área

Ferrol

Xestión procesual e administrativa

3.509,40 €/ano

6.235,72 €/ano

XG9257804015770111

Coordinador/a II

Fiscalía Área

Santiago de Compostela

Xestión procesual e administrativa

3.509,40 €/ano

6.481,33 €/ano

XG9257804036560111

Coordinador/a I

Fiscalía Área

Vigo

Xestión procesual e administrativa

3.509,40 €/ano

6.726,73 €/ano

CXP: complemento xeral do posto.

CE: complemento específico.

(*) Importe anual. Complemento afectado pola Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Funcións principais do posto de coordinador/a:

Colaborar co fiscal superior e mais cos fiscais provinciais e de área.

Planificación, organización, xestión e control das tarefas e do persoal das distintas áreas funcionais da oficina fiscal, supervisando o cumprimento das directrices e criterios establecidos polo fiscal superior ou fiscais xefe correspondentes.

Sen prexuízo das que lle corresponden polo seu corpo de pertenza.

II. Postos de responsable de estatística, rexistro e calidade.

Código do posto

Denominación

Centro de destino

Localidade

Corpo

CXP

CE*

XG9257702015001121

Responsable estatística, rexistro e calidade III

Fiscalía Superior

A Coruña

Xestión procesual e administrativa

3.509,40 €/ano

5.499,73 €/ano

Tramitación procesual e administrativa

2.983,56 €/ano

XG9257802015001121

Responsable estatística, rexistro e calidade I

Fiscalía Provincial

A Coruña

Xestión procesual e administrativa

3.509,40 €/ano

5.990,53 €/ano

Tramitación procesual e administrativa

2.983,56 €/ano

XG9257802036001121

Responsable estatística, rexistro e calidade I

Fiscalía Provincial

Pontevedra

Xestión procesual e administrativa

3.509,40 €/ano

5.990,53 €/ano

Tramitación procesual e administrativa

2.983,56 €/ano

CXP: complemento xeral do posto

CE: complemento específico

(*) Importe anual. Complemento afectado pola Lei 11/2014, do 19 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2015.

Funcións principais do posto de responsable de estatística, rexistro e calidade:

Control da calidade e efectividade dos rexistros informáticos.

Control da documentación e xestión de información realizada polo persoal da oficina fiscal nas aplicacións de xestión procesual e demais ferramentas informáticas.

Control da información, estatística e datos de xestión e pendencia de asuntos.

Sen prexuízo das que lle correspondan polo seu corpo de pertenza.

ANEXO III
Méritos e capacidades. Valoración

I. Postos de coordinador/a da oficina fiscal.

A. Primeira fase: valoración de méritos xerais, cun máximo de 65 puntos.

1. Antigüidade.

Polos servizos efectivos no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta, outorgaranse 2 puntos por cada ano completo de servizos, computándose proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, se é o caso, por días. Para estes efectos, os meses consideraranse de 30 días. A puntuación correspondente por día é de 0,0055556.

A puntuación máxima por este concepto será de 53 puntos.

2. Coñecementos da lingua galega.

A acreditación de coñecementos da lingua galega realizarase mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Xustiza, ou certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente. A puntuación asignarase en función do nivel superior acadado:

a) Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.

b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: 8 puntos.

c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: 12 puntos.

B. Segunda fase: valoración dos méritos específicos, cun máximo de 43 puntos.

1. Coñecementos e experiencia profesional: a puntuación máxima será de 40 puntos.

Os coñecementos e experiencia profesional acreditaranse e baremaranse:

a) Polos servizos efectivos prestados en fiscalía no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta, outorgaranse 4 puntos por cada ano completo de servizos prestados nos cinco anos inmediatamente anteriores á presente convocatoria. Para estes efectos computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, se é o caso, por días, e os meses consideraranse de 30 días. A puntuación correspondente por día é de 0,0111111.

b) Polos servizos efectivos prestados en fiscalía no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta non baremables de conformidade co punto anterior, outorgaranse 1 punto por cada ano completo de servizos, ata un máximo de 20 puntos. Para estes efectos computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, se é o caso, por días, e os meses consideraranse de 30 días. A puntuación correspondente por día é de 0,0027778.

2. Formación específica e titulación: 3 puntos.

Valorarase a formación específica e titulación incluídas na relación de postos de traballo.

II. Postos de responsable de estatística, rexistro e calidade.

A. Primeira fase: valoración de méritos xerais, cun máximo de 65 puntos.

1. Antigüidade.

Polos servizos efectivos no corpo de adscrición do posto de traballo a que se opta, outorgaranse 2 puntos por cada ano completo de servizos, computándose proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, se é o caso, por días. Para estes efectos, os meses consideraranse de 30 días. A puntuación correspondente por día é de 0,0055556.

A puntuación máxima por este concepto será de 53 puntos.

2. Coñecementos da lingua galega.

A acreditación de coñecementos da lingua galega realizarase mediante os certificados de aptitude emitidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Xustiza, ou certificados ou diplomas equiparados segundo a normativa vixente. A puntuación asignarase en función do nivel superior acadado:

a) Celga 4 ou equivalente: 4 puntos.

b) Curso medio de linguaxe xurídica galega: 8 puntos.

c) Curso superior de linguaxe xurídica galega: 12 puntos.

B. Segunda fase: valoración dos méritos específicos, cun máximo de 43 puntos.

3. Coñecementos e experiencia profesional: a puntuación máxima será 40 puntos.

Os coñecementos e experiencia profesional acreditaranse e baremaranse:

a) Pola experiencia en explotación de datos estatísticos e memoria da Fiscalía, outorgaranse 4 puntos por cada ano completo de servizos prestados nos cales se acredite a realización destas funcións. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, se é o caso, por días, e os meses consideraranse de 30 días. A puntuación correspondente por día é de 0,0111111.

A puntuación máxima será 16 puntos.

b) Polos servizos efectivos prestados en fiscalía no corpo de xestión procesual e administrativa, outorgaranse 6 puntos por cada ano completo de servizos prestados. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, se é o caso, por días, e os meses consideraranse de 30 días. A puntuación correspondente por día é de 0,0166667.

A puntuación máxima será 24 puntos.

c) Polos servizos efectivos, prestados en fiscalía no corpo de tramitación procesual e administrativa, outorgaranse 3 puntos por cada ano completo de servizos prestados. Para estes efectos, computaranse proporcionalmente os períodos inferiores por meses ou, no seu caso, por días, e os meses consideraranse de 30 días. A puntuación correspondente por día é de 0,0083333.

A puntuación máxima será de 24 puntos.

4. Formación específica: 3 puntos.

Valorarase a formación específica incluída na relación de postos de traballo.

ANEXO IV
Solicitude de participación no concurso específico para a provisión de postos de traballo singularizados nas oficinas fiscais de Galicia

Datos persoais

DNI

Primeiro apelido

Segundo apelido

Nome

Destino actual:

Localidade:

Corpo:

Teléfono de contacto:

Correo electrónico:

Situación administrativa actual

Servizo activo

SI

NON. Neste suposto, conteste no seguinte recadro

Outras con reserva de posto (indíqueas)

Postos de traballo solicitados

Núm. de orde
de preferencia

Denominación
do posto

Código
do posto

Localidade

1

2

3

4

Méritos alegados para a praza de coordinador/a:

Méritos alegados para a praza de responsable de estatística, rexistro e calidade:

Data:

Sinatura:

Dirección Xeral de Xustiza

Praza de Europa, 5 A, 4º, polígono das Fontiñas

15781 Santiago de Compostela