Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Xoves, 6 de agosto de 2015 Páx. 32352

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 15 de xullo de 2015 pola que se clasifica de interese asistencial a Fundación Cáritas Diocesana Santiago de Compostela.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Cáritas Diocesana Santiago de Compostela con domicilio na rúa Carreira do Conde, número 14, en Santiago de Compostela (A Coruña).

Feitos:

1. José Anuncio Mouriño Raño, secretario do padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Cáritas Diocesana Santiago de Compostela foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela (A Coruña) o 5 de xuño de 2015, ante a notaria Inmaculada Espiñeira Soto, co número de protocolo 1.127, por Cáritas Diocesana de Santiago de Compostela, representada polo seu director diocesano José Anuncio Mouriño Raño.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten por obxecto a asistencia social, o fomento da economía social e a promoción e atención ás persoas en risco de exclusión social.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Víctor Benedicto Maroño Peña, vicario xeral da Diocese de Santiago de Compostela, como presidente; Jesús García Vázquez, delegado episcopal de Cáritas Diocesana Santiago de Compostela, como vicepresidente; e José Anuncio Mouriño Raño, director diocesano de Cáritas Diocesana Santiago de Compostela, como secretario.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese asistencial da Fundación Cáritas Diocesana Santiago de Compostela, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese asistencial e a súa adscrición á Consellería de Traballo e Benestar.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 10 de xullo de 2015,

DISPOÑO:

Clasificar de interese asistencial a Fundación Cáritas Diocesana Santiago de Compostela, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza