Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Venres, 7 de agosto de 2015 Páx. 32535

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 110/2015, do 23 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do muro de contención en Estramundi e ampliación do camiño no lugar de Cruces (concello de Padrón).

O Concello de Padrón, en sesión celebrada o día vinte e nove de novembro de dous mil once, aprobou o proxecto de obras do muro de contención en Estramundi e ampliación do camiño no lugar de Cruces, no concello de Padrón e, na data do trinta de abril de dous mil quince, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

O dito expediente tivo entrada na Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e contén a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

O expediente tratouse na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ao Consello da Xunta de Galicia.

O expediente contén a documentación a que se refire o artigo 1 da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

En consecuencia, considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala o concello, se pretende ampliar o camiño que dá acceso rodado polo norte ao núcleo de Cruces, cunha poboación de 117 habitantes, posto que esta vía ten un largo variable de 2,14 a 2,91 metros que imposibilita o paso dunha ambulancia ou dun camión de extinción de incendios e demais vehículos de similares características. Isto provoca unha diminución na calidade de vida dos residentes neste núcleo.

Ademais, o terreo que se pretende expropiar parcialmente é o que se sitúa na revolta do camiño, lugar que é precisamente onde a circulación rodada devén máis complicada ao ter que xirar uns 180 graos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación corresponde ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e tres de xullo de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do muro de contención en Estramundi e ampliación do camiño no lugar de Cruces, no concello de Padrón, e, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, deberanse obter as autorizacións necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, vinte e tres de xullo de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza