Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Venres, 14 de agosto de 2015 Páx. 33435

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 5 de agosto de 2015 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2015.

A responsabilidade social corporativa (RSC) ou responsabilidade social da empresa (RSE) é a integración, por parte das empresas, das preocupacións sociais e ambientais nas súas operacións comerciais e nas súas relacións cos seus interlocutores, dun xeito voluntario.

O Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia, no seu interese por promover e difundir o concepto de responsabilidade social empresarial, e de conformidade co establecido no Acordo a prol da responsabilidade social empresarial en Galicia, asinado ao abeiro do proceso de diálogo social en Galicia, así como no previsto no Plan estratéxico galego de responsabilidade social empresarial (2012-2014) instituíu, mediante o Decreto 156/2014, do 4 de decembro, os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia).

Estes premios pretenden ser un recoñecemento público a aquelas iniciativas e boas prácticas desenvolvidas polas empresas galegas en calquera das dimensións ou ámbitos (social, económico e/ou ambiental) da RSE, como maneira de difundir publicamente o esforzo que neste eido levan a cabo as empresas galegas na comunidade onde desenvolven a súa actividade e, ao mesmo tempo, sensibilizar o empresariado galego sobre a importancia de incorporar a RSE na súa xestión, buscando, así mesmo, concienciar a opinión pública sobre a importancia desta forma de xestión empresarial.

O Decreto 156/2014, do 4 de decembro, establece que os ditos premios terán unha periodicidade anual e que será mediante orde da consellería competente en materia de traballo como se procederá a convocar cada edición dos premios e a establecer as correspondentes bases.

Mediante a presente orde, e ao abeiro do citado Decreto 156/2014, do 4 de decembro, regúlanse as catro modalidades dos Premios RSE Galicia establecidas na procura da maior participación das empresas e tendo en conta as distintas dimensións de actuación do concepto de responsabilidade social: ser economicamente viable, ambientalmente sustentable e socialmente responsable, en especial en materia de conciliación laboral, familiar e persoal.

En definitiva, e mediante os premios que nesta orde se regulan e convocan, premiarase o proxecto, iniciativa ou medida acometida polas empresas para implantar e desenvolver o concepto de responsabilidade social, dentro das áreas de tipo social, ambiental ou económica. Preténdese así resaltar, impulsar, recoñecer e promover iniciativas concretas que sirvan de exemplo para o tecido empresarial en Galicia e indispensables para o seu fortalecemento e adaptación aos novos contornos económicos.

O Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar e, en virtude desta normativa, esta consellería é competente, entre outras, no fomento da responsabilidade social empresarial.

Unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo dos informes preceptivos, e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar os Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia) para o ano 2015.

Artigo 2. Requisitos

Poderán optar aos Premios de Responsabilidade Social Empresarial de Galicia (Premios RSE Galicia), de acordo co artigo 3 do Decreto 156/2014, do 4 de decembro, as empresas públicas ou privadas galegas, ou que conten con centros de traballo en Galicia que, a través das súas políticas e sistemas de xestión, desenvolvan actuacións responsables nos ámbitos social, económico e/ou ambiental, demostrando así o seu compromiso activo coa sociedade, sempre que cumpran o establecido nesta orde de convocatoria. Non poderán optar aos premios as entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 3. Candidaturas

As candidaturas poderán ser presentadas polas propias empresas que se presenten a estes premios ou por outra entidade que as propoña. Neste último caso, a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social informará a empresa de que foi proposta como candidata e esta deberá comunicar se quere participar.

Artigo 4. Prazo

1. O prazo para a presentación das solicitudes das candidaturas será de un mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Non serán admitidas a trámite, en ningún caso, as candidaturas presentadas fóra do prazo e de forma distinta ao que se establece nesta orde.

A presentación de propostas leva consigo a aceptación por parte de quen as formule, dos termos desta convocatoria.

Artigo 5. Categorías

De conformidade co artigo 5 do Decreto 156/2014, do 4 de decembro, os Premios RSE Galicia, en función do tipo de empresa que opte a calquera das modalidades dos premios, contarán con tres categorías:

Categoría a) Pequena empresa: para empresas que ocupen ata 50 persoas, inclusive.

Categoría b) Mediana empresa: para empresas que ocupen máis de 50 e ata 250 persoas, inclusive.

Categoría c) Grande empresa: para empresas que ocupen máis de 250 persoas.

Artigo 6. Modalidades ou recoñecementos

Os Premios RSE Galicia contarán con catro modalidades ou recoñecementos, segundo o establecido no artigo 4 do Decreto 156/2014, do 4 de decembro:

a) Recoñecemento no ámbito social.

b) Recoñecemento no ámbito ambiental.

c) Recoñecemento no ámbito económico.

d) Recoñecemento no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal e promoción da igualdade de xénero.

Artigo 7. Recoñecemento no ámbito social

1. A través de esta modalidade ou recoñecemento premiaranse aqueles proxectos, medidas ou iniciativas empresariais para implantar o concepto de responsabilidade social na empresa que teñan un enfoque destacado na creación de emprego ou na creación dunha sociedade integradora que goce de benestar social.

2. Nesta modalidade, o Xurado valorará especialmente aqueles proxectos, medidas ou iniciativas que contribúan á creación de emprego, a ter emprego de calidade, á formación continua e ao desenvolvemento de actuacións e habilidades das persoas para mellorar a súa empregabilidade.

3. Así mesmo, o Xurado valorará especialmente aqueles proxectos, medidas ou iniciativas que contribúan ao recoñecemento da diversidade, á procura da igualdade de oportunidades e integración social, tamén mediante a mellora e innovación de produtos, a adaptación dos procesos de xestión e a coordinación responsable das persoas traballadoras.

Artigo 8. Recoñecemento no ámbito ambiental

1. A través desta modalidade ou recoñecemento premiaranse aqueles proxectos, medidas ou iniciativas empresariais para implantar o concepto de responsabilidade social na empresa que teñan un enfoque destacado na redución do impacto ambiental das súas actividades.

2. Nesta modalidade, o Xurado valorará especialmente aqueles proxectos, medidas ou iniciativas que contribúan a mellorar o ambiente mediante:

a) Innovacións ambientalmente sustentables en produtos e servizos, en sistemas ou procesos de produción.

b) Campañas de información e sensibilización.

c) Eco-eficiencia no consumo de enerxía, auga e recursos naturais.

d) Tratamento de residuos e outros.

Artigo 9. Recoñecemento no ámbito económico

1. A través desta modalidade ou recoñecemento premiaranse aqueles proxectos, medidas ou iniciativas empresariais destinadas a implantar o concepto de responsabilidade social na empresa que teñan un enfoque destacado na contribución do desenvolvemento económico mediante a innovación, a calidade e a ética empresarial.

2. Nesta modalidade, o Xurado valorará especialmente aqueles proxectos, medidas ou iniciativas que contribúan a:

a) Integrar o goberno responsable na cultura da empresa.

b) Sistematizar as canles de diálogo entre a empresa e os distintos grupos de interese.

c) Dispor dun código ético.

d) Dispor de órganos específicos responsables de velar pola adopción e aplicación efectiva de programas en materia de RSC.

e) Compatibilizar as mellores e máis innovadoras tecnoloxías dispoñibles coa viabilidade empresarial.

f) Levar a cabo os investimentos con criterios de responsabilidade empresarial.

Artigo 10. Recoñecemento no ámbito da conciliación laboral, familiar e persoal

1. A través desta modalidade ou recoñecemento premiaranse aqueles proxectos, medidas ou iniciativas empresariais para implantar o concepto de responsabilidade social na empresa que teñan un enfoque que propicie a conciliación laboral, familiar e persoal, introducindo medidas de usos do tempo que faciliten que o seu persoal poida organizarse mellor, ao tempo que se mellora a organización empresarial. Tamén se premiará neste apartado a promoción da igualdade efectiva entre homes e mulleres en todos os ámbitos relacionados coa actividade da empresa.

2. Nesta modalidade, o Xurado valorará especialmente aqueles proxectos, medidas ou iniciativas tales como:

a) A reorganización de tempos e espazos, como salas de repouso para mulleres embarazadas.

b) Recursos e estruturas para o coidado doutras persoas.

c) Medidas que posibiliten o desenvolvemento persoal.

d) Modificación de roles entre mulleres e homes que posibiliten a implicación de ambos coa familia, o fogar ou o traballo.

e) Promoción interna nos niveis en que as mulleres estean en menor proporción ca os homes.

f) Garantía de igualdade retributiva.

g) Apoio explícito ás mulleres vítimas de violencia de xénero.

h) Emprego de mulleres mozas.

i) Presenza de mulleres nos órganos de goberno e administración da empresa e outras similares.

j) Desenvolvemento de medidas innovadoras para a conciliación máis alá do establecido pola normativa vixente, tales como flexibilidade horaria, sistemas de compensación de días e horas, xornadas intensivas ou comprimidas, permisos especiais para situacións de emerxencia, xornadas especiais en períodos de vacacións escolares, etc.

Artigo 11. Presentación de propostas

1. As propostas das candidaturas deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación desta de forma presencial dentro dos prazos previstos. Por iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

5. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se a persoa solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Documentación

1. Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación, orixinal ou copia compulsada ou cotexada:

a) No caso de non autorizar a consulta dos datos de identidade da persoa que presenta a candidatura no sistema de verificación de datos de identidade, de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, copia do DNI ou do NIE.

b) Documentación acreditativa do domicilio social da empresa candidata ou de que posúe centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Documentación acreditativa do número de persoas traballadoras con que conta a empresa, referida ao período do último mes anterior á data de publicación desta orde de convocatoria.

d) Resumo das accións desenvolvidas pola empresa en materia de RSE pola que se presenta á candidatura (máximo 1 folio).

e) Memoria explicativa, cun máximo de 10 folios a dúas caras, asinada pola persoa que propón a candidatura, na cal se expoñan os méritos e circunstancias que concorran, que debe conter: identificación e descrición da empresa candidata, que terá en conta os criterios de valoración establecidos nesta orde, na cal se detallarán os méritos alegados, as accións desenvolvidas pola empresa, coa indicación dos datos mais relevantes como o período de execución, os obxectivos fixados, as persoas da organización implicadas, a achega financeira, os resultados obtidos, así como os plans futuros de implantación de novas medidas, indicando, neste caso, o prazo de execución.

f) Poderá xuntarse o material adicional que se considere pertinente para a presentación da proposta, como fotografías, vídeos, etc.

g) Respecto das certificacións (ISO, Pacto mundial, GRI, EFR ...) ou calquera outro mérito alegado, deberase xuntar a súa xustificación. Para aquelas empresas que estean en proceso de consecución no momento de presentarse ao premio, deberase achegar documentación fidedigna que garanta a súa obtención.

2. O Xurado poderá requirir das entidades participantes toda aquela información ou documentación complementaria que poida resultar relevante para a avaliación dos méritos alegados e para verificar calquera extremo referente á documentación achegada.

Artigo 13. Xurado

1. O Xurado, no cal se procurará unha presenza equilibrada de homes e mulleres, estará composto polas seguintes persoas:

a) A Presidencia correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social.

Vogais:

– As persoas titulares da Subdirección Xeral de Traballo e da Secretaría Xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar, ou persoa designada por ela, con rango non inferior a subdirector/a xeral.

– Unha persoa en representación da Consellería de Economía e Industria e unha en representación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, designadas polas persoas titulares das consellerías respectivas, con rango non inferior a subdirector/a xeral.

– Tres persoas representantes por proposta das organizacións empresariais intersectoriais máis representativas no ámbito galego, propostas por estas.

– Tres persoas representantes por proposta das organizacións sindicais intersectoriais máis representativas no ámbito galego, propostas por estas.

c) Así mesmo, formarán parte do xurado dúas persoas expertas en materia de responsabilidade social empresarial designadas pola Presidencia deste.

2. Actuará como secretario/a deste xurado un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar, con voz e sen voto.

3. A Presidencia designará os membros do xurado e procederá á súa convocatoria e constitución. Así mesmo, fará público o nome das persoas membros no prazo máximo dun mes desde a publicación desta orde na páxina web: http://rse.xunta.es

4. O Xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nesta orde e ao disposto na sección 3ª do capítulo I do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

5. Os seus acordos adoptaranse por maioría simple, dirimindo o voto da persoa titular da Presidencia no caso de empate. As deliberacións do xurado son confidenciais.

6. O Xurado poderá conceder premios compartidos ou declarar o premio deserto, se considera que as propostas presentadas non reúnen os méritos suficientes para ser galardoadas.

7. O Xurado queda facultado para resolver sobre aspectos non previstos nestas bases, así como sobre todas as cuestións que poidan subscribirse con motivo dos premios.

8. A resolución do xurado será inapelable.

Artigo 14. Xestión, concesión e retirada

1. A xestión dos premios corresponde á dirección xeral competente en materia de traballo e economía social da Consellería de Traballo e Benestar.

2. A Presidencia elevará a proposta do xurado á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, quen resolverá a concesión do premio.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do premio ás candidaturas presentadas será dun mes desde que remate a presentación de candidaturas.

4. A resolución de concesión farase pública a través do Diario Oficial de Galicia e a través da páxina web da Consellería de Traballo e Benestar: http://rse.xunta.es

5. A Consellería de Traballo e Benestar, ante os incumprimentos graves das empresas galardoadas coñecidos con posterioridade, poderá retirar o premio concedido mediante a apertura e tramitación dun expediente que se rexerá polas disposicións administrativas contidas no título VI da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 15. Emenda da solicitude

O defecto na solicitude seralles notificado ás persoas solicitantes e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeran, se darán por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse consonte o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. Para a adxudicación dos premios, o Xurado terá en conta os seguintes criterios de valoración:

a) Arraigo en Galicia da empresa candidata, determinado polo número de anos que a empresa leve implantada na Comunidade Autónoma.

b) Grao de implantación do proxecto, segundo a porcentaxe das actuacións desenvolvidas e dos resultados obtidos, acadado no colectivo ou ámbito a que vai dirixido.

c) Innovación: en función do desenvolvemento por parte da empresa de ideas, produtos e servizos, diferentes e innovadores, durante os últimos 24 meses.

d) Permanencia no tempo das medidas implantadas e continuidade destas, así como o número de traballadores afectados.

e) Alcance xeográfico, de persoas beneficiarias, cuantificadas mulleres e homes, e organizacións implicadas.

f) Existencia de indicadores de seguimento e de memorias de sustentabilidade.

g) Existencia de certificacións en materia de RSE.

h) Posible transferencia da solución a outras empresas.

2. Cada unha das epígrafes terá unha valoración máxima de 10 puntos e cada candidatura poderá lograr un máximo de 80 puntos.

3. O Xurado poderá verificar na empresa a aplicación das boas prácticas alegadas.

Artigo 17. Fases do procedemento de avaliación y outorgamento

As fases do procedemento de avaliación e outorgamento serán as seguintes:

a) Fase I: presentación das propostas para a obtención dos Premios RSE Galicia de acordo co establecido nesta convocatoria.

b) Fase II: estudo, por parte das dúas persoas expertas en RSE, das memorias presentadas polas entidades participantes.

c) Fase III: emisión e entrega ao Xurado dos informes realizados, a través dos cales, o Xurado determinará as que son efectivamente as candidatas finalistas e cal delas é a gañadora.

d) Fase IV: deliberación dos membros do Xurado e proposta da Presidencia das candidaturas gañadoras á persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

e) Fase V: concesión do premio nas súas distintas modalidades e entrega deste, distinguindo os finalistas, se os houber, co correspondente recoñecemento.

Artigo 18. Promoción dos premios

1. A entidade galardoada poderá facer publicidade desa concesión en anuncios, publicacións e memorias, especificando o ano en que foi premiada, así como publicar ou difundir a concesión do premio en calquera medio de comunicación, de acordo coa imaxe gráfica do premio desenvolvida pola entidade organizadora.

2. A Consellería de Traballo e Benestar procurará a maior difusión destes premios, da información, de carácter non persoal, subministrada polas empresas premiadas e finalistas en publicacións, na web rse.xunta.es, nas redes sociais, nos medios de comunicación e demais ferramentas de divulgación.

Artigo 19. Consentimento e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Por tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios, dos requisitos aos cales se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A persoa interesada, mediante o anexo correspondente, poderá autorizar expresamente a Consellería de Traballo e Benestar, de conformidade co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e na orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos seus datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade. En caso de non prestar a autorización, deberá presentar a fotocopia do documento acreditativo da identidade da persoa solicitante.

Artigo 20. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades, cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Traballo e Benestar. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a referida secretaría xeral técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sx.traballo.benestar@xunta.es

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2015

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file