Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Luns, 17 de agosto de 2015 Páx. 33709

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2015 pola que se regulan as bases para a concesión de bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo en mercados emisores durante os anos 2015 e 2016 e se procede á súa convocatoria.

O artigo 27.11 do Estatuto de autonomía de Galicia sinala como competencia exclusiva da Comunidade Autónoma de Galicia a promoción e ordenación do turismo dentro da Comunidade.

O Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos establece que a Axencia terá como obxectivo impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da Comunidade.

A importancia do turismo no tecido económico e social de Galicia así como o incremento da calidade do sector turístico son considerados elementos primordiais para o crecemento sostido das cotas de competitividade, o que require a realización dun esforzo continuado na formación dos recursos humanos para adaptar as novas demandas ás actuacións dos titulados que inician a súa actividade neste sector.

Entre as iniciativas levadas a cabo neste eido, a Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia vén dedicando desde o ano 1999 parte dos seus recursos en materia turística á convocatoria de bolsas para que, a través da realización de prácticas na rede de oficinas españolas de turismo no estranxeiro dependentes de Turespaña, se formen expertos en promoción exterior do turismo e se estableza unha base de apoio á captación de demanda turística a Galicia.

Á vista dos frutíferos resultados obtidos nas anteriores edicións, a Axencia Turismo de Galicia considera de interese continuar con esta medida e seguir fomentando a colaboración desenvolvida con Turespaña, na cal se considera prioritario afondar na organización cooperativa de accións en materia de investigación en particular, mediante a formación de bolseiros, o cal se articula a través dun convenio de colaboración asinado entre o Instituto de Turismo de España (Turespaña) e propia Axencia.

A importancia da convocatoria destas bolsas é maior se temos en conta a crecente presenza de Galicia en mercados internacionais, polo que a formación práctica de persoal será fundamental para o futuro, pois poderá contribuír á mellora da comercialización e difusión dos produtos turísticos de Galicia no exterior.

Atendendo a estas consideracións xerais, e en virtude das competencias que me foron atribuídas, e por proposta da Axencia Turismo de Galicia,

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo en mercados emisores durante os anos 2015 e 2016.

Convocar de acordo coas devanditas bases reguladoras a concesión de cinco bolsas de formación, en Londres, París, Frankfurt, Os Ánxeles e San Paulo.

2. Solicitudes

1. Para poder ser beneficiario das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo III desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no artigo 6.6 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información aos interesados

1. Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.es

b) O teléfono: 981 54 74 06 ou enderezo electrónico: proxectos.turismo@xunta.es

c) Presencialmente: Axencia Turismo de Galicia-Área de Calidade e Proxectos Europeos. Praza de Mazarelos, 15. Santiago de Compostela.

2. Para dúbidas relacionadas con dificultades técnicas ou necesidade de máis información durante o proceso de obtención ao presentar os formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas ao teléfono de información 012 ou ao correo electrónico 012@xunta.es . Se as dúbidas están relacionadas coa presente convocatoria, poderán facer as súas consultas no enderezo electrónico proxectos.turismo@xunta.es .

5. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os/as interesados/as poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2015

Mª Nava Castro Domínguez
Directora de Turismo de Galicia

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cinco bolsas de formación práctica en mercados emisores mediante a realización de prácticas de especialización en oficinas de turismo en mercados emisores durante os anos 2015 e 2016

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta resolución ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras e as condicións polas que se rexerá, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a concesión de cinco bolsas de formación práctica especializada en mercados emisores, en réxime de concorrencia competitiva nas seguintes cidades: Londres, París, Frankfurt, Os Ánxeles e San Paulo.

O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2015 e 2016 cunha duración máxima de dez meses, contados desde a data da incorporación das persoas bolseiras.

A data prevista de incorporación dos bolseiros aos seus destinos é o 1 de outubro de 2015 estando condicionada á dispoñibilidade nas oficinas das consellerías de turismo en destino. En todo caso, manterase a duración total de 10 meses do período de prácticas que se computarán a partir do día da incorporación definitiva.

A Axencia Turismo de Galicia reserva para si a facultade, se existen circunstancias que o xustifiquen e o órgano competente de Turespaña está conforme, de adscribir os bolseiros/as a outras oficinas temporal ou definitivamente. No caso de que iso implique desprazamentos, a Axencia Turismo de Galicia faríase cargo destes.

O programa formativo desenvolverase ao longo dos anos 2015 e 2016 cunha duración máxima de dez meses, contados desde a data da incorporación das persoas bolseiras.

Para poder ser beneficiario das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo III desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7.2 das bases reguladoras.

Artigo 2. Duración, importe e financiamento da bolsa

1. A Axencia Turismo de Galicia financiará estas bolsas con cargo ás aplicacións orzamentarias 04.A2.761A.480.0 (importes brutos da remuneración dos bolseiros) e 04.A2.761A.484 (cotas da Seguridade Social) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2015 e 2016 cunha contía máxima prevista de cento vinte e seis mil catrocentos noventa e cinco euros con setenta céntimos (126.495,70 €), coa seguinte desagregación:

04.A2.761A.480.0: 24.891,14 € para 2015 e 99.564,56 € para 2016

04.A2.761A.484: 408 € para 2015 e 1.632 € para 2016

2. A dotación económica das bolsas será como se indica no seguinte cadro:

Cidade de destino

Nº de bolsas

Dotación euros (total)

Londres

1

28.726,20 €

París

1

22.543,20 €

Frankfurt

1

21.124,20 €

San Paulo

1

28.726,20 €

Os Ánxeles

1

24.034,30 €

Na dotación de cada unha das bolsas están incluídos os gastos de desprazamento (ata e desde o lugar de destino) e o seguro médico, de accidentes e de responsabilidade civil obrigatorio.

3. Aboamento das axudas: realizaranse catro pagamentos unha vez recibidos de conformidade os documentos que se especifican a continuación a través do modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución. O primeiro pagamento equivalerá ao 20 por 100 do importe total da bolsa, e realizarase unha vez asinada a aceptación da bolsa; os dous pagamentos seguintes, equivalerán ao 35 por 100 por cada un; e o cuarto pagamento, que se elevará ao 10 por 100 da bolsa, unha vez finalizadas as prácticas. En todos os pagamentos efectuarase a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas.

– Primeiro pagamento: para o seu aboamento será requisito ter enviado a seguinte documentación:

a) Escrito de aceptación da bolsa, onde conste o compromiso de cumprimento das normas e obrigas derivadas das bases desta convocatoria, segundo o modelo do anexo V desta resolución.

b) Fotocopias compulsadas das pólizas de seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e responsabilidade civil, válidas no país onde se realicen as prácticas e que cubran a totalidade do período de duración da bolsa.

c) Fotocopia do billete ata o lugar de destino.

– Pagamentos intermedios (segundo e terceiro): para o aboamento destes será requisito ter presentado:

a) Certificación, expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas, de levar a cabo a súa actividade cun nivel de rendemento satisfactorio.

b) Informe trimestral a que fai referencia o artigo 14 desta resolución.

– Pagamento final: para o aboamento do derradeiro pagamento será requisito ter presentado a seguinte documentación:

a) Certificación expedida polo director ou responsable da oficina onde se realicen as prácticas no mesmo sentido do punto anterior.

b) Memoria realizada polo bolseiro e visada polo director ou responsable de oficina acerca do labor realizado e cun balance que inclúa os resultados obtidos.

4. De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), os/as beneficiarios/as das bolsas quedan exentos/as da obriga de constituíren garantía.

5. Durante o tempo de duración da bolsa a persoa bolseira quedará incluída no réxime xeral da Seguridade Social, de acordo co establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación.

Artigo 3. Obxectivo das bolsas

O obxectivo das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional dos/as bolseiros/as mediante a realización de prácticas formativas de especialización en mercados turísticos emisores nas oficinas de Turespaña situadas nas cidades de Londres, París, Frankfurt, Os Ánxeles e San Paulo con suxeición ao plan de formación que se lles entregará ao comezo das súas prácticas e coas indicacións que lles transmita o titor que teñan asignado.

Artigo 4. Condicións xerais

As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

As bolsas serán indivisibles e improrrogables. Serán tamén incompatibles con calquera outra bolsa concedida para o mesmo período e con calquera actividade laboral ou remunerada.

Os adxudicatarios, no momento de aceptación da bolsa, non poderán ser perceptores de salarios ou outros ingresos que impliquen vinculación contractual ou estatutaria. As bolsas son incompatibles coa percepción de prestación ou subsidio por desemprego.

Os solicitantes non poderán estar incursos en ningún dos supostos de prohibición para obter subvencións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A concesión e desfrute da bolsa non supoñerán vinculación civil, laboral ou funcionarial entre a persoa bolseira e a Axencia Turismo de Galicia.

A estas bolsas non lles será aplicable o Estatuto do persoal investigador en formación.

Artigo 5. Beneficiarios

Poden solicitar a concesión das bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

1. Nacionalidade: ser español/a ou nacional dun Estado membro da Unión Europea.

2. Titulación: estar en posesión, antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes dunha licenciatura ou grao universitario (calquera), ou diplomatura en Turismo. As titulacións deben estar finalizadas nos catro anos naturais inmediatamente anteriores ao remate do prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria.

Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros españois non estatais, deberan estar validados ou recoñecidos oficialmente polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

3. Idiomas:

a) Os solicitantes deberán acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

b) Dominio oral e escrito da lingua oficial do país de destino: acreditarse cun certificado B2 ou superior do Marco común europeo de referencia para as linguas.

4. En ningún caso poderán ser beneficiarios desta bolsa aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios dela en edicións anteriores. Quedarán tamén excluídos da convocatoria aqueles solicitantes que fosen adxudicatarios das bolsas en edicións anteriores e que renunciasen a elas con posterioridade.

Artigo 6. Solicitudes e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

4. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica por parte da persoa solicitante ou representante supere os tamaños e límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro do mes.

Artigo 7. Documentación

Para poder ser beneficiario das bolsas é necesario presentar a seguinte documentación:

1. Anexo III. Solicitude.

No anexo III inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se presentan son certos.

b) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

c) Declaración de non atoparse incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2º.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Declaración responsable do solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Declaración responsable das axudas de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

2. Xunto coa solicitude achegarase a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE do solicitante só no caso de que a persoa interesada non autorice expresamente na solicitude de comprobación de datos de identidade por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade.

b) Copia do pasaporte no caso de nacionais da Unión Europea residentes fóra de España e que non posúan NIE.

c) Fotocopia compulsada do título, só no caso de que non autorice a súa consulta no servizo de interoperabilidade correspondente ou, se for o caso, da certificación do pagamento dos dereitos da súa expedición e certificación académica completa. No caso de presentar un título estranxeiro será preciso que estea debidamente validado pola Administración educativa española.

d) Certificación académica persoal de carácter oficial do título universitario con que se presenta á bolsa. Deberase presentar certificado compulsado expedido pola universidade en que conste a nota media do expediente, calculada segundo o sistema establecido no Real decreto 1125/2003 (ata 10 puntos).

e) Copia compulsada dos documentos acreditativos dos méritos alegados.

f) Curriculum vitae.

g) Copia compulsada do título do Celga 4 ou certificación equivalente de lingua galega.

h) Copia compulsada dos títulos acreditativos do nivel de idiomas e cursos de idiomas realizados.

i) A experiencia laboral acreditarase a través de contratos de traballo ou ben a través do certificado expedido polo organismo onde se realizaron as prácticas.

3. Se a solicitude non se cubre en todos os seus termos ou non se acompaña a documentación que se menciona neste artigo, requirirase o interesado a través dun anuncio na páxina web da Axencia Turismo de Galicia (http://www.turgalicia.es/canle-institucional ) e no taboleiro de anuncios da sede da Axencia Turismo de Galicia (praza de Mazarelos, 15 en Santiago de Compostela), para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desiste da súa petición, de conformidade co disposto no artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Artigo 8. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de valorar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo 12 e emitirá un informe no cal se concrete o resultado da avaliación efectuada. A comisión de valoración poderá contar co asesoramento de expertos externos.

2. A comisión de valoración estará composta por cinco membros todos eles con voz e voto:

a) Presidente: o director de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia ou persoa en quen delegue.

b) Secretario: un xefe/a de área da Axencia Turismo de Galicia.

c) Vogais: tres persoas designadas polo director de Competitividade da Axencia Turismo de Galicia entre o persoal de área da Axencia Turismo de Galicia.

Para as probas de idioma, a directora de Turismo de Galicia, por proposta da comisión, poderá designar asesores especialistas, que terán voz pero non voto nas sesións que esta celebre.

3. No informe que elabore a comisión de valoración figurarán, de xeito individualizado, os solicitantes propostos para obter a bolsa e a puntuación obtida ordenada de maior a menor. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada un deles sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 9. Avaliación e selección das solicitudes

A comisión fará a avaliación de acordo cos seguintes criterios:

1.1. Curriculum vitae:

Formación

Ata 15 puntos

Expediente académico

Pola nota media do título universitario con que concorre á bolsa:

• 0,5 puntos para a cualificación de notable.

• 1 punto para a cualificación de sobresaliente ou matrícula de honra.

Estudos de posgrao

Máster universitario, curso de posgrao universitario, curso de experto ou especialización universitaria ou equivalente específico en materia de turismo, sexa oficial ou propio e cunha duración mínima de 200 horas. 5 puntos.

Outras titulacións universitarias distintas da establecida como mínima no artigo 5.2 e no parágrafo anterior

Outros títulos universitarios de licenciatura, grao, posgrao ou máster ou equivalente:

• 1 punto se a titulación está directamente relacionada coa materias obxecto das bolsas de formación.

• 0,5 puntos por titulación se non está directamente relacionada coas materias obxecto das bolsas de formación.

Máximo de 2 puntos.

Cursos

Por cada curso de formación na materia de turismo, de 15 ou máis horas, ata un máximo de 2 puntos:

• Cursos de duración igual ou superior a 75 horas: 1 punto por curso.

• Cursos de duración igual ou superior a 40 horas e ata 74 horas: 0,5 puntos por curso.

• Cursos de duración igual ou superior a 15 horas e ata 39 horas: 0,25 por curso.

Idiomas

Polo dominio oral e escrito dunha lingua estranxeira distinta da oficial do país para o cal se solicita a bolsa, acreditada mediante título oficial:

– Certificado A1 ou A2 do marco común europeo de referencia para as linguas: 0,25 puntos.

– Certificado B1 ou B2 do marco común europeo de referencia para as linguas: 0,5 puntos.

– Certificado C1 ou C2 do marco común europeo de referencia para as linguas: 1 punto.

A puntuación máxima a acadar nesta epígrafe será de 3 puntos.

Experiencia práctica

0,25 puntos por cada tres meses de prácticas ou traballo relacionado co turismo en oficinas de turismo, empresas turísticas, asociacións profesionais de turismo, consorcios turísticos, mancomunidades turísticas ou calquera outra empresa vinculada ao sector turístico.

A puntuación máxima a acadar nesta epígrafe será de 2 puntos.

1.2. Probas.

Test de coñecementos turísticos

Ata 5 puntos

Idioma

Ata 5 puntos

A proba sobre coñecementos turísticos versará sobre as materias do anexo II e consistirá nun cuestionario tipo test eliminatorio cun máximo de 80 preguntas.

A proba de idioma desenvolverase en dous exercicios. O primeiro consistirá nun cuestionario na lingua oficial do país elixido. Posteriormente desenvolverase unha proba oral en que se avalíen as competencias de expresión e comprensión da lingua do país receptor. Ambos os dous exercicios terán carácter eliminatorio. Os candidatos que non os superen, quedarán automaticamente excluídos do proceso de selección.

Para superar estas probas exíxese un nivel mínimo equivalente ao nivel B2 do Marco europeo de referencia para as linguas. Os candidatos que non se presenten a ambas as probas, quedarán automaticamente eliminados do procedemento de selección.

1.3. Entrevista persoal.

Valorarase ata un máximo de 5 puntos. Coa entrevista preténdese afondar sobre os coñecementos dos candidatos acerca do país para o que soliciten a bolsa e sobre comercialización e promoción turística, así como valorar as súas actitudes e aqueloutras circunstancias que se consideren de interese para o futuro desenvolvemento das actividades. Os candidatos que non se presenten á entrevista quedarán automaticamente eliminados do procedemento de selección.

Artigo 10. Instrución do procedemento e tramitación

1. A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de concesión de bolsas presentadas ao abeiro desta convocatoria corresponderalle á directora da Axencia Turismo de Galicia.

2. O órgano instrutor do procedemento será a Axencia Turismo de Galicia, que de conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia realizará cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

3. As unidades da Axencia comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta convocatoria.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión de valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación ou que non conteñan a documentación necesaria ou que esta non cumpra os requisitos establecidos, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta.

6. Non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

7. A comisión de valoración elaborará unha lista cos aspirantes admitidos e excluídos e convocará os candidatos á realización das correspondentes probas: test sobre o temario que se inclúe como anexo II desta resolución, proba de idioma e entrevista persoal. As listas de aspirantes admitidos e excluídos, a data e lugar da celebración das probas e da entrevista, publicaranse na páxina web Axencia Turismo de Galicia http://www.turgalicia.es/canle-institucional

8. Así mesmo, publicarase nos mesmos lugares a lista provisional coas puntuacións obtidas polos solicitantes nas diversas probas para cada oficina. O prazo de exposición pública será de cinco días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación e durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes.

9. A Comisión valorará os méritos alegados polos candidatos conforme o baremo indicado e formulará o informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada.

10. O prazo de exposición pública da lista de puntuación provisional será de cinco días naturais contados a partir do día seguinte ao da súa publicación e durante os cales os interesados poderán facer as alegacións pertinentes.

11. Unha vez examinadas as reclamacións, o órgano instrutor elevará un informe xunto coa proposta de resolución coa puntuación definitiva ordenada de maior a menor á directora da Axencia Turismo de Galicia, que no prazo de 15 días resolverá o procedemento de concesión. O prazo máximo para a tramitación e resolución da concesión das bolsas será de tres meses, desde a data de publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

12. A resolución da directora da Axencia Turismo de Galicia pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes computado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

13. Aos adxudicatarios notificaráselles persoalmente a concesión da bolsa. Nun prazo de tres días naturais están obrigados a comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a súa aceptación ou renuncia por escrito. Se transcorridos os sinalados tres días sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente rexeitada. Se o beneficiario renuncia expresamente á bolsa, esta concederase ao seguinte candidato con mellor puntuación de entre os que solicitaron ese destino e non fose beneficiario doutra das bolsas convocadas.

14. Se durante o desenvolvemento das prácticas se produce algunha vacante o renuncia por parte dos beneficiarios, poderase proceder á súa cobertura seguindo a orde establecida nas correspondentes listas de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 11. Publicidade

A anterior resolución, así como os datos que deban notificarse de forma conxunta publicarase no taboleiro de anuncios da Axencia Turismo de Galicia e na páxina web da Axencia Turismo de Galicia http://www.turgalicia.es/canle-institucional . Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

Artigo 12. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 13. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar este procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Turismo de Galicia. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Axencia Turismo de Galicia, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: praza de Mazarelos, 15, CP 15703, Santiago de Compostela ou a través dun correo electrónico a proxectos.turismo@xunta.es

Artigo 14. Obrigas dos solicitantes e dos beneficiarios/as

Ademais das obrigas previstas polo artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia, os bolseiros seleccionados quedan obrigados pola aceptación da bolsa a:

1. Aceptar en todos os seus termos esta resolución. A comprobación de datos non axustada á realidade, tanto na solicitude como na documentación achegada, poderá supoñer a denegación ou revogación da axuda.

2. Subscribir un seguro de asistencia sanitaria, de accidentes e de repatriación en caso de accidente ou enfermidade e de responsabilidade civil, que terá cobertura internacional e vixencia polo período de duración da bolsa, ou ben acreditar por calquera medio admitido en dereito dispor da devandita cobertura.

Ademais, os/as bolseiros/as seleccionados/as deberán presentar un certificado médico oficial que acredite non padecer enfermidade nin estar afectado por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coas actividades formativas obxecto da bolsa.

3. Obter pola súa conta o visado necesario para o acceso e a permanencia no país de destino durante o período de desfrute da bolsa, así como respectar a lexislación correspondente en materia de visados.

Ademais, deberán residir no lugar de destino durante o período da bolsa e non ausentarse deste sen comunicación e autorización previas do/a responsable da formación do/a bolseiro/a, no caso dos/as bolseiros/as destinados/as no exterior.

4. Realizar as actividades previstas no plan de formación e a cumprir o horario indicado polo seu titor. Deben presentar á Axencia Turismo de Galicia informes trimestrais sobre as tarefas realizadas e os resultados obtidos e ao remate da bolsa presentarán unha memoria final sobre as actividades desenvolvidas visada polo titor ou responsable da oficina onde se realizaron as prácticas con inclusión das melloras que consideren oportunas.

5. Comezar o desfrute da bolsa dentro do prazo que se sinala en cada caso e desenvolver o seu labor sen que ningún outro compromiso anterior ou futuro o impida ou dificulte.

6. Manter un comportamento que en ningún caso implique un prexuízo para os intereses da Xunta de Galicia nin para a imaxe exterior de Galicia e España.

7. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia.

8. Todos os estudos, informes, e demais documentos que xere a persoa bolseira durante o desenvolvemento da súa formación, quedarán á disposición da Axencia Turismo de Galicia e de Turespaña, as cales serán titulares dos dereitos de explotación e demais relativos á propiedade intelectual dos estudos e informes. As persoas bolseiras deberán aceptar por escrito esta atribución de dereitos a favor das devanditas entidades antes da súa incorporación ao país de destino.

9. O titor ou persoa competente na Axencia Turismo de Galicia expedirá un certificado sobre asistencia e aproveitamento da bolsa.

Artigo 15. Incidencias

A Axencia Turismo de Galicia resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

En calquera momento, o responsable da oficina correspondente ou o titor poderá propoñer á Axencia Turismo de Galicia –quen decidirá– a cancelación da adscrición do bolseiro a esta por razóns de insuficiencia no seu rendemento, incumprimento do plan de actuación aprobado ou inadaptación ás normas de funcionamento da oficina. Á vista diso, a Axencia Turismo de Galicia, logo do trámite de audiencia, poderá revogar a concesión ou suspender o desfrute dunha bolsa por incumprimento das obrigas contraídas polo adxudicatario.

A Axencia Turismo de Galicia poderá autorizar a interrupción temporal da bolsa, logo da incorporación do bolseiro ao destino adxudicado por motivos de forza maior. No caso de que a interrupción supere o 10% do tempo total de duración da bolsa suporá a súa revogación.

A renuncia durante o desfrute da bolsa inhabilitará a persoa adxudicataria para os efectos de presentación nas seguintes convocatorias, agás nos casos de forza maior, que serán valorados pola Axencia Turismo de Galicia.

O incumprimento dos compromisos adquiridos de acordo coas bases precedentes dará lugar á revogación da axuda concedida e, de ser o caso, á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto na lexislación vixente. Así mesmo, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa obxecto desta resolución e a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes privados nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 16. Remisión normativa

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na actualidade correspondente.

ANEXO II
Temario

Tema 1. Principais recursos do patrimonio arquitectónico en Galicia.

Tema 2. Principais recursos do patrimonio cultural inmaterial galego, en especial o folclore.

Tema 3. A gastronomía galega.

Tema 4. Historia de Galicia. Principais feitos históricos.

Tema 5. Elementos principais da Rede de museos e centros de interpretación de Galicia.

Tema 6. Os tramos galegos dos Camiños de Santiago.

Tema 7. Áreas naturais no litoral: rías, illas e praias, zonas húmidas e areais, acantilados.

Tema 8. Áreas naturais do interior: as montañas, os vales fluviais, os bosques e as lagoas.

Tema 9. As cidades e vilas galegas como focos de atracción turística.

Tema 10. Os novos produtos turísticos de Galicia (turismo termal, rural, de congresos e convencións, náutico, golf, turismo activo e de natureza, etc).

Tema 11. Competencias da Administración do Estado e da Xunta en materia turística.

Tema 12. A administración turística en Galicia. Órganos e funcións.

Tema 13. Nocións básicas sobre planeamento de destinos turísticos.

Tema 14. Ferramentas de promoción e comercialización de produtos e paquetes turísticos.

Tema 15. Estratexias de promoción e comercialización de Galicia como destino turístico.