Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 28 de agosto de 2015 Páx. 35113

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 21 de agosto de 2015 pola que se convoca un curso de patrón para navegación básica (PNB) para o persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencia supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, cofinanciado co Fondo Social Europeo (FSE) no marco do programa operativo Fondo Social Europeo 2007-2013 de Galicia.

O artigo 43 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece que o persoal do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia estará formado tanto por persoal de carácter profesional de servizos que realice algunha actividade relacionada coa xestión de riscos e de emerxencias como por persoal voluntario de entidades ou organizacións públicas ou privadas sen ánimo de lucro que teña como fin a protección de persoas, dos bens e do ambiente en situacións de xestión de riscos e de emerxencias. Segundo o artigo 44 da citada lei, este persoal organizarase en grupos operativos.

Mediante Resolución do 2 de agosto de 2010 publicouse o Plan territorial de emerxencias de Galicia (Platerga), onde se establece a estrutura de dirección e coordinación e as unidades organizativas para facer fronte dun xeito coordinado ás emerxencias que se poidan producir en Galicia derivadas de riscos naturais, tecnolóxicos ou antrópicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2015, e conforme o establecido no artigo 46 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, e na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp), anúnciase a convocatoria dun curso de patrón para navegación básica (PNB) para o persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento, grupos de emerxencia supramunicipais e servizos municipais de protección civil e emerxencias da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme as seguintes bases:

Primeira. Datos da actividade

Tipo: curso.

Denominación: patrón para navegación básica (PNB).

Modalidade: semipresencial.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 20.

Prazas: 40.

Segunda. Obxectivos e contido

– Obxectivos: adquirir coñecementos de navegación, así como a capacitación necesaria para poder pilotar unha embarcación no desenvolvemento das funcións encomendadas.

Os que obteñan o título terán atribucións para o manexo de embarcacións de ata 8 metros de eslora, así como para o manexo de toda clase de motos acuáticas.

– Contido:

Teórico:

Unidade teórica 1. Nomenclatura náutica.

Unidade teórica 2. Elementos de amarre e fondeadura.

Unidade teórica 3. Seguridade no mar.

Unidade teórica 4. Lexislación.

Unidade teórica 5. Balizamento.

Unidade teórica 6. RIPA (Regulamento internacional para previr abordaxes no mar).

Radiocomunicacións: coñecemento xeral das radiocomunicacións no servizo móbil marítimo.

Práctico:

1. Seguridade e comprobación antes de saír ao mar.

2. Motores.

3. Cordame.

4. Manobras.

5. Fondeadura, vixilancia e control da derrota.

6. Manobras de seguridade.

Radiocomunicacións. Coñecemento práctico detallado e aptitude para utilizar os equipamento de radiocomunicacións.

Terceira. Destinatarios/as

Os destinatarios da actividade formativa convocada por esta resolución son:

• Persoal dos servizos de extinción de incendios e salvamento (bombeiros municipais e de consorcios).

• Grupos de emerxencia supramunicipais (GES).

• Servizos municipais de protección civil e emerxencias.

Este persoal forma parte do Sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia (artigos 43 e 44 da Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia).

Cuarta. Desenvolvemento e requisitos da actividade

O curso será impartido por unha escola homologada pola Xunta de Galicia e constará dunha parte presencial e dunha parte en liña a través da internet.

– Parte teórica presencial do curso: realizarase na Academia Galega de Seguridade Pública (avda. da Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra) e constará de:

• Xornada de presentación do curso e entrega de documentación (2 horas lectivas).

• Tres clases presencias (4 horas lectivas cada unha).

As datas e horarios concretos comunicaránselles aos alumnos seleccionados coa suficiente antelación.

– Exame: ao finalizar a parte teórica presencial os alumnos deberán superar un exame nunha das escolas oficiais náutico-pesqueiras dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar.

A data e a hora concreta deste exame seranlles comunicadas ao alumnado coa suficiente antelación.

Os requisitos para poder presentarse ao exame teórico son os seguintes:

• Ter 18 anos cumpridos no momento do exame ou 16 co permiso dos pais.

• Ter entregada a seguinte documentación ao coordinador do curso no prazo requirido para o efecto:

- Instancia de solicitude de participación no exame.

- Xustificante de ter aboadas as taxas.

- Certificado psicotécnico expedido por calquera centro homologado.

- Fotocopia do DNI.

- Foto tamaño carné.

As taxas que deben aboar os alumnos para participar no exame son as seguintes:

• Taxas da Consellería do Medio Rural e do Mar en concepto de dereitos de exame, que deberán ser pagadas con anterioridade á realización do exame: 29,45 €.

• Taxas da Consellería do Medio Rural e do Mar en concepto de expedición do carné acreditativo da titulación acadada, que pagará o alumno unha vez aprobado o exame e feitas as prácticas: 50,01 €.

– Prácticas: os alumnos que superen o exame poderán realizar as prácticas obrigatorias e que son as seguintes:

• Práctica de seguridade e navegación: 8 horas para realizar nunha embarcación homologada da escola náutica que desenvolva o curso, en datas que se convirán cos alumnos.

• Curso de formación en radiocomunicacións: 4 horas, 2 teóricas e 2 prácticas para realizar en simuladores homologados da escola náutica homologada que desenvolva o curso, en datas que se convirán cos alumnos.

Uniformidade: é obrigatorio asistir ao curso co uniforme de traballo. As persoas que incumpran esta norma poderán ser dadas de baixa na actividade.

Normas de comportamento: non se permitirá que o alumnado realice fotografías ou calquera tipo de gravación audiovisual do desenvolvemento do curso.

Quinta. Inscrición

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es), e non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o cal é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.

c) O prazo de inscrición empeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e remata o día 7 de setembro.

A inscrición poderá realizarse ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono: 886 20 61 12, 886 20 61 37 e 886 20 61 38, do fax: 886 20 61 23 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

e) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

f) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

g) Cando o curso para o que presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por fax (886 20 61 23), por correo electrónico (formacion.emerxencias.agasp@xunta.es) ou de acordo co establecido no artigo 38.4 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta. Criterios de selección

Os criterios de selección son os seguintes e na orde indicada:

1º. Teñen preferencia as persoas que pertenzan a parques de bombeiros, bases de GES ou bases de servizos municipais de protección civil e emerxencias que, pola súa situación xeográfica, sexan susceptibles de utilizar embarcacións para os seus operativos e sexan designadas polos responsables do seu centro de traballo como as idóneas para recibir esta formación con base nas súas funcións dentro del.

Dentro do prazo de presentación de solicitudes, os responsables dos centros de traballo deberán enviar cuberto e asinado o anexo I desta convocatoria, e indicarán a/as persoa/s designadas para recibir esta formación por orde de preferencia.

O anexo I cuberto e asinado poderá enviarse por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

Admitirase como máximo un aspirante por cada centro de traballo que remita o citado anexo I cuberto e asinado.

No caso de que despois de aplicar os criterios anteriores quedasen prazas vacantes admitirase un novo aspirante, dentro dos incluídos polos centros de traballo nos anexos I enviados en prazo ata completar o número de prazas.

2º. Teñen preferencia as mulleres ata alcanzar o 50 % das prazas convocadas (artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes). Se non houbese suficientes solicitudes de participación de mulleres, estas prazas acrecentarán as da quenda xeral.

3º. Teñen preferencia as persoas con menos cursos feitos na Agasp nos últimos dous anos.

Sétima. Admisión

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas, de acordo co disposto no artigo 59.6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os/as alumnos/as seleccionados/as serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.emerxencias.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 23.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

Oitava. Dereitos e deberes do alumnado

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Novena. Faltas de asistencia

O Regulamento de réxime interior da Agasp, mencionado na base número 8 desta convocatoria, regula no seu artigo 16 as faltas de asistencia nos cursos:

«1. A asistencia ás clases e actividades comprendidas no programa do curso é obrigatoria. As faltas que as/os alumnas/os acumulen deberán xustificarse debidamente, e penalizaranse disciplinariamente no caso contrario.

2. A/o alumna/o que, por enfermidade ou algunha outra causa xustificada, perda máis do 10 % das clases do curso de formación será declarado non apto, e poderá incorporarse ao curso seguinte ou cando a causa determinante llo permita.

De ser necesario, e só nos casos en que a inasistencia ás clases estivese motivada por accidente ou lesión sufridos con ocasión da actividade académica, o director xeral poderá considerar a conveniencia ou a oportunidade de permitirlle ao/á alumno/a poder recuperar ata un determinado número de horas e participar posteriormente nun exame extraordinario para poder superar o curso sen ter que repetilo.

3. No entanto, aínda que as ausencias acumuladas non cheguen á porcentaxe sinalada, a/o alumna/o poderá verse obrigado a recuperar todas ou parte das horas perdidas ao longo do curso. Neste caso a xefatura de ensino proporá ao director xeral o número de horas que se van recuperar, tendo en conta, en cada caso concreto, o tipo de xustificación presentada para cada ausencia, así como o número total destas e o comportamento e actitude da/o alumna/o ao longo do curso».

Décima. Certificado de aproveitamento

Ao finalizar a actividade entregaráselles un certificado de aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada e superen o exame na Escola Náutico-Pesqueira.

Décimo primeira. Financiamento da actividade

Esta actividade é cofinanciada nun 80 % polo Fondo Social Europeo dentro do programa operativo Fondo Social Europeo de Galicia 2007-2013, no eixe 3, tema prioritario 72.

Décimo segunda. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións deste ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

A Estrada, 21 de agosto de 2015

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

missing image file