Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 170 Luns, 7 de setembro de 2015 Páx. 36052

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2015 pola que se procede a publicar o acordo de colaboración entre o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, polo que se determina o marco das encomendas que efectúe o organismo autónomo á consellería e ás entidades instrumentais adscritas a esta, no ámbito da contratación pública en materia de obras de infraestruturas sanitarias.

A Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, regula a colaboración no ámbito do sector público autonómico, partindo dos principios de colaboración, cooperación e asistencia recíprocas, co fin de garantir a eficacia do sector público e o uso eficiente dos recursos públicos.

Asemade, introduce no seu artigo 8, como novidade, o concepto de autoprovisión de bens e servizos dentro do propio sector público, de tal xeito que «cando os medios de que dispoñan resulten insuficientes para o cumprimento e a realización dos seus fins institucionais, acudirán con preferencia á cooperación, colaboración e asistencia doutros órganos da Administración xeral da comunidade autónoma ou doutras entidades do sector público autonómico que si dispoñan de medios de que precisan».

Prevese que esta colaboración no ámbito interno do sector público se faga efectiva a través de certos instrumentos, tales como protocolos de colaboración, grupos de traballo, encomendas de xestión ou mediante acordos de colaboración ou cooperación para o desempeño de tarefas comúns, entre outros instrumentos.

Coa finalidade de dar cumprimento ao disposto no artigo 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, procédese a publicar no Diario Oficial de Galicia o acordo de colaboración entre o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, polo que se determina o marco das encomendas que efectúe o organismo autónomo á consellería e ás entidades instrumentais adscritas a esta, no ámbito da contratación pública en materia de obras de infraestruturas sanitarias, aprobado no Consello da Xunta de Galicia do 15 de xullo de 2015.

Para xeral coñecemento, disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2015

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO

Acordo de colaboración entre o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde
e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, polo que se determina o marco das encomendas que efectúe o organismo autónomo á consellería e ás entidades instrumentais adscritas a esta, no ámbito da contratación pública en materia de obras de infraestruturas sanitarias

Primeiro. Suxeitos.

O dito acordo subscríbeno o organismo autónomo Servizo Galego de Saúde (entidade encomendante), a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e as seguintes entidades públicas instrumentais adscritas a esta:

– A entidade pública empresarial Augas de Galicia, creada pola Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e cuxo estatuto foi aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro.

– O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo, creado pola Lei 3/1998, do 27 de abril.

– A Axencia Galega de Infraestruturas, creada en virtude da autorización prevista na disposición adicional cuarta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproban os seus estatutos.

– O organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, creado en virtude do mandato recollido na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, na Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e urbanismo, e cuxos estatutos foron aprobados polo Decreto 244/2011, do 29 de decembro.

– A Sociedade Pública de Investimentos de Galicia, S.A. –en diante, SPI– creada en virtude do mandato recollido na disposición adicional número 12 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 1997, mediante o Decreto 56/1997, do 6 de marzo, onde se aproban os seus estatutos.

– Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., sociedade constituída o 23 de decembro de 2013, que ten por obxecto social a elaboración de estudos urbanísticos, incluíndo a redacción de plans de ordenación e proxectos de urbanización, así como a iniciativa para a súa tramitación e aprobación; o desenvolvemento da actividade urbanizadora, que comprende tanto a promoción e preparación do solo, a renovación ou remodelación urbana, a realización de obras de infraestrutura urbana ou a dotación de servizos para a execución dos plans de ordenación; a xestión e explotación de obras e servizos resultantes da urbanización, no caso de obter a concesión ou acabar o convenio correspondente, conforme as normas aplicables a cada caso, así como calquera outra actividade relacionada coas expresadas nos puntos anteriores, incluso a construción, alugamento e expropiación de naves, vivendas e locais industriais e comerciais.

Segundo. Actividades a que se refire

O acordo de colaboración ten por obxecto establecer o marco das encomendas que efectúe o Servizo Galego de Saúde á CMATI para desenvolver as actividades xurídicas ou de carácter material, técnico ou de servizos propias da preparación, selección de contratista e adxudicación e execución de obras en materia de infraestruturas sanitarias, exixidas de acordo co Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

Terceiro. Natureza e alcance da xestión

O obxecto do acordo é propiciar unha colaboración eficiente entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia para levar a cabo determinadas tarefas de marcado carácter técnico como son os proxectos e as obras das infraestruturas sanitarias, aproveitando os recursos e medios propios dispoñibles no sector público autonómico. Trátase, por tanto, de optimizar o aproveitamento dos medios propios, cumprindo coas directrices establecidas para estes supostos na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

Ademais, tal como consta expresamente no acordo, a realización das actividades encomendadas de xestión por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas ou das entidades instrumentais adscritas a ela terá carácter gratuíto e non xerará nin se liquidará taxa de ningunha natureza a favor delas.

Cuarto. Prazo de vixencia

O acordo de colaboración terá un prazo de duración inicial dun (1) ano desde a súa data de formalización, polo que substitúe e deixa sen efecto o acordo asinado polas mesmas partes con data do 12 de xuño de 2014.

O dito prazo prorrogarase automaticamente por períodos dun (1) ano, agás que algunha das partes exprese a vontade da súa resolución cunha antelación mínima dun mes á data do seu remate.