Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Martes, 22 de setembro de 2015 Páx. 37472

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a distribución de gas propano canalizado no núcleo de poboación de Maceda, promovida pola empresa Repsol Butano, S.A. (expediente IN627A 2015/9-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Repsol Butano, S.A., con CIF nº A28076420 e con domicilio para os efectos de notificación na rúa Enrique Mariñas Romero, 36, 2º, local 1, 15009 A Coruña.

Antecedentes:

A empresa Repsol Butano, S.A. presentou, con data do 3.6.2015, a solicitude de autorización administrativa para a distribución de gas propano canalizado no núcleo de poboación de Maceda (Ourense), así como a aprobación do correspondente proxecto de execución.

Ante esta solicitude, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución, con data do 12.6.2015, pola que se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa, para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril.

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 8.7.2015 e, durante o prazo establecido (30 días), non se presentaron outras solicitudes en concorrencia. En consecuencia, procede continuar co procedemento de outorgamento de autorización administrativa solicitada por Repsol Butano, S.A.

Obxecto da petición: autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución para a distribución de gas propano canalizado no núcleo de poboación de Maceda (Ourense), de conformidade co proxecto presentado para o efecto, titulado «Proxecto de autorización administrativa e de execución de obra de estación de almacenamento de GLP e rede de distribución para a subministración de gas propano canalizado no termo municipal de Maceda (Ourense)».

Descrición das instalacións:

• Estación de almacenamento:

Instalarase nunha parcela (referencia catastral: 32044A090000060000UP) situada na rúa Pedroso, no núcleo de poboación de Maceda. Terá unha capacidade de almacenamento de 67,2 m3 e estará composta por dous depósitos aéreos, cunha capacidade unitaria de 33,6 m3, e demais instalacións complementarias de valvularía, regulación e seguridade. As características fundamentais de cada depósito son:

– Marca: LAPESA.

– Modelo: LP 34 A.

– Forma: cilíndrica horizontal.

– Tipo: aéreo.

– Capacidade: 33.600 l.

– Lonxitude: 14.580 mm.

– Diámetro: 1.750 mm.

– Contido: 14.112 kg de propano.

– Presión de deseño: 20 bar.

• Rede de distribución:

A rede de distribución, que partirá da estación de almacenamento, estará formada por tubaxe de polietileno de media densidade SDR-11, en diámetros de 90, 63 e 40 mm, e terá unha lonxitude de 2.743 m. Así mesmo, deseñarase para admitir a distribución tanto de gas propano comercial como de gas natural.

Área de autorización: a solicitude de autorización administrativa afecta ao termo municipal de Maceda, na provincia de Ourense.

Orzamento: cento un mil novecentos trinta e tres euros con noventa e seis céntimos (101.933,96 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións no prazo de vinte (20) días a partir da data de publicación deste anuncio, podendo examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía e Industria, rúa Curros Enríquez, 1-4º, 32003 Ourense.

Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas