O proxecto de limpeza e acondicionamento dos encoros de Cabaneiro e Maciñeiras é promovido por Augas de Galicia e ten por finalidade a execución das actuacións de limpeza e retirada de sedimentos dos citados encoros para a mellora e garantía da subministración de auga potable ao concello de Cariño.
O 8 de setembro de 2014, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu o informe de impacto ambiental sobre o proxecto de limpeza e acondicionamento dos encoros de Cabaneiro e de Maciñeiras, no concello de Cariño (A Coruña), clave 2014/0037 (DOG núm. 172, do 9 de setembro de 2015). Este informe de impacto ambiental pode ser consultado na seguinte ligazón:
http://www.cmati.xunta.es/resolucions-da-avaliacion-ambiental-de-proxectos
O 28 de xullo de 2015, o director de Augas de Galicia ditou unha resolución cuxa parte resolutiva dispón:
Aprobar técnica e definitivamente o proxecto das obras para os efectos de encargo da súa execución á Empresa de Transformación Agraria, S.A. (Tragsa), como medio propio instrumental do poder adxudicador, de limpeza e acondicionamento dos encoros de Cabaneiro e Maciñeiras, concello de Cariño, A Coruña, de clave OH.115.1040, redactado en febreiro de 2013 polos enxeñeiros Antonio J. Durán Maciñeira e Xacobe Paz Salgado, cun orzamento de 108.527,44 € e un prazo de execución de tres meses, facendo constar que o dito proxecto cumpre os requisitos exixidos para ser un documento técnico base para a execución das obras.
Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, sen prexuízo de que con carácter previo e potestativo se poida presentar recurso de reposición ante o director da entidade pública empresarial Augas de Galicia no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
O que se fai público de conformidade co indicado no artigo 48 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental. O contido do documento da aprobación técnica e definitiva pode consultarse na seguinte ligazón: http://augas.cmati.xunta.es
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2015
Gonzalo Mosqueira Martínez
Director de Augas de Galicia