Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Mércores, 21 de outubro de 2015 Páx. 40744

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 14 de outubro de 2015 pola que se modifica a Orde do 10 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativa ao Plan renove de caldeiras de alta eficiencia, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (códigos de procedemento IN422D-IN422E).

A Consellería de Economía e Industria ditou a Orde do 10 de xuño de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, relativa ao Plan renove de caldeiras de alta eficiencia, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión, e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (códigos de procedemento IN422D-IN422E).

No artigo 19.1 da devandita orde establécese como requisito indispensable para o libramento de axudas a presentación da documentación acreditativa do investimento realizado antes do 30 de outubro de 2015.

Tendo en conta o elevado número de solicitudes presentadas, que motivou un dilatado proceso de avaliación dos proxectos e resolución dos respectivos expedientes, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación dos investimentos levados a cabo polos solicitantes.

En consecuencia, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único

Ampliar o prazo para a xustificación das actuacións subvencionables ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Industria desde o 30 de outubro de 2015 ata o 16 de novembro de 2015.

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2015

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria