Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 202 Xoves, 22 de outubro de 2015 Páx. 40931

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 19 de outubro de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas de técnico deportivo en Salvamento e Socorrismo para o curso 2015/16.

Con data do 5 de xuño de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 26 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convocan probas de acceso ás ensinanzas deportivas para o curso 2015/16.

Mediante o Decreto 64/2015, do 16 de abril, estableceuse o currículo dos ciclos inicial e final de grao medio correspondentes ao título de técnico deportivo en Salvamento e Socorrismo, así como as probas de acceso específicas.

Con posterioridade á publicación da citada resolución, publicouse a Orde do 22 de setembro de 2015 pola que se fai pública a oferta educativa das ensinanzas deportivas da Comunidade Autónoma de Galicia a partir do curso escolar 2015/16, na que se autoriza o IES Antón Losada Diéguez da Estrada, Pontevedra, para impartir ensinanzas conducentes ao título de técnico deportivo en Salvamento e Socorrismo.

Por todo o exposto, esta dirección xeral resolve convocar as probas de acceso ás ensinanzas deportivas de técnico deportivo en Salvamento e Socorrismo para o curso 2015/16, que se realizarán de acordo ao establecido na Resolución do 26 de maio de 2015 citada anteriormente, e coas seguintes indicacións:

– A inscrición para a realización das ditas probas deberá formalizarse na Secretaría do IES Antón Losada Diéguez da Estrada ata o día 12 de novembro, presentando a documentación establecida no anexo I da citada Resolución do 26 de maio de 2015, e logo de aboar os prezos públicos establecidos para este tipo de probas no Decreto 89/2013, do 13 de xuño.

– Os aspirantes que deban realizar a proba de madureza por non reuniren os requisitos académicos, deberán facelo constar na epígrafe correspondente do formulario de inscrición. No caso de non superar a dita proba, non serán admitidos na específica.

– A listaxe de admitidos/as ás probas publicarase o 13 de novembro no taboleiro de anuncios e páxina web do IES Antón Losada Diéguez.

– As probas de madureza terán lugar no IES Antón Losada Diéguez da Estrada o día 16 de novembro de 2015 ás 9.00 horas.

– A proba específica realizarase nas instalacións da Academia Galega de Seguridade Pública da Estrada o día 18 de novembro ás 9.00 horas.

– A listaxe de aspirantes que superen as probas publicarase o día 18 de novembro no taboleiro de anuncios e na páxina web do IES Antón Losada Diéguez.

– As reclamacións aos resultados das probas realizarase ata o día 19 de novembro a través da Secretaría do citado IES.

– O número de prazas ofertadas para cursar o ciclo inicial do grao medio de técnico deportivo en Salvamento e Socorrismo será de 30. No caso de que o número de aspirantes que superen as probas sexa maior que o número de prazas ofertadas, aplicaranse os criterios de admisión, segundo o disposto no artigo 34 do Real decreto 1363/2007, do 27 de outubro.

– O período de matrícula dos aspirantes que obteñan praza abranguerá desde a finalización do período de reclamacións ata o 24 de novembro. Para a formalización da matrícula, deberase utilizar o modelo establecido no anexo II da citada Resolución do 26 de maio de 2015, achegando a documentación indicada que non fora presentada coa solicitude de admisión ás probas, así como o xustificante de ter aboado os prezos públicos de matrícula establecidos no Decreto 89/2013, do 13 de xuño.

– Os/as integrantes dos tribunais percibirán as correspondentes compensacións económicas polas actividades realizadas, conforme o disposto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo do persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, ou norma que o substitúa.

– A proba de madureza, que se realizará de acordo co establecido no anexo III da Resolución do 26 de maio de 2015, será administrada, avaliada e cualificada por un tribunal que estará integrado polos seguintes membros:

– Presidente: Fernando Fernández Fraga (inspector de Educación).

– Secretaria: Rosa Giao Sánchez.

– Vogal 1: Inés Vidal López.

– Vogal 2: Francisco Xabier Camba Sanmartín.

– Vogal 3: Jesús Cendán Seco.

– Vogal 4: Mª Jesús Neira Andújar.

– A proba específica, que se realizará de acordo co anexo VII do Decreto 64/2015, do 16 de abril, será administrada, avaliada e cualificada por un tribunal que estará integrado polos seguintes membros:

– Presidente: Fernando Fernández Fraga (inspector de Educación).

– Secretario: Juan Emilio Riveiro Rodríguez.

– Vogal: Nuria Rodríguez Suárez.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de outubro de 2015

Manuel Corredoira López
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa