Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Luns, 26 de outubro de 2015 Páx. 41172

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 4 da Coruña

EDICTO (213/2015).

Eu, Juan Rey Pita, secretario xudicial do Xulgado do Social número 3 en substitución do Xulgado do Social número 4 da Coruña, dou fe e certifico que neste xulgado se seguen autos 213/2015, por instancia de José Antonio Sotelo Beltrán contra Eulen Seguridad, S.A. e Falcón Contratas y Seguridad, S.A., sobre despedimento, en que se ditou sentenza con data do 9 de xuño de 2015 que, copiada nos particulares necesarios, di así:

«Decido:

Estímase parcialmente a demanda interposta por José Antonio Sotelo Beltrán contra as empresas Eulen Seguridad, S.A. e Falcón Contratas y Seguridad, S.A. e, en consecuencia:

Declárase improcedente o despedimento do traballador José Antonio Sotelo Beltrán, efectuado pola empresa Falcón Contratas y Seguridad, S.A. o 10 de xaneiro de 2015.

Absólvese a Eulen Seguridad, S.A. das pretensións exercidas contra ela.

Condénase a empresa Falcón Contratas y Seguridad, S.A. a que, no prazo de cinco días desde a notificación da sentenza, opte entre a readmisión do demandante ou o aboamento dunha indemnización de 53.904,65 euros. O aboamento da dita indemnización determinará a extinción do contrato de traballo; no caso de optar pola readmisión, deberá aboar os salarios de tramitación que desde a data do despedimento ata a presente suman 8.822,08 euros, aos que se deberán engadir os que se devindiquen ata a súa notificación, a razón de 58,04 euros diarios.

Notifíqueselles esta resolución ás partes.

Contra esta resolución cabe recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se deberá anunciar ante este xulgado no prazo dos cinco días seguintes ao da notificación desta resolución, para o cal abondará a manifestación da parte ou do seu avogado ou representante dentro do indicado prazo.

Se o recorrente non goza do beneficio da xustiza gratuíta deberá, ao anunciar o recurso, ter consignado a cantidade obxecto de condena, así como o depósito de 150,25 euros, na conta de depósitos e consignacións que este xulgado ten aberta, facendo constar no ingreso o número de procedemento.

Así o acorda, manda e asina, Nicolás E. Pita Lloveres, maxistrado do Xulgado do Social número 4 da Coruña».

E para que conste, para efectos da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, co fin de que lle sirva de notificación en forma á empresa Falcón Contratas y Seguridad, S.A., expido e asino este edicto.

A Coruña, 5 de outubro de 2015

O secretario xudicial