Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 29 de outubro de 2015 Páx. 41614

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 13 de outubro de 2015 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Artiaga.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Artiaga, con domicilio na Finca A Fontaíña, polígono 16, parcela 70, en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra).

Feitos:

Primeiro. José Artiaga Barreira, presidente do Padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Segundo. A Fundación Artiaga foi constituída en escritura pública outorgada en Vilagarcía de Arousa (Pontevedra) o 8 de xullo de 2015, ante a notaria María Isabel Fitera García, co número de protocolo 1018, por José Artiaga Barreira, que actúa no seu propio nome e dereito.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

– A promoción e divulgación da cultura a través da arte;

– Contribuír e participar no desenvolvemento humano, cultural, científico, social e do ambiente de Galicia;

– Promover o estudo da obra de José Artiaga e a conservación do seu legado cultural. Difundir a investigación e o estudo da figura e a obra do fundador. Contribuír á localización e catalogación da súa obra. Reunir o seu patrimonio bibliográfico e documental;

– A promoción de novos artistas;

– Protexer e amparar aos animais que necesiten asistencia.

Cuarto. O Padroado inicial da fundación está formado por José Artiaga Barreira, como presidente; José Artiaga Rodero, como vicepresidente, e Saudade Artiaga Rodero, como secretaria.

Quinto. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Artiaga, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

Sexto. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

Sétimo. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

Primeira. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segunda. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Terceira. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 2 de outubro de 2015,

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Artiaga, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e, previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 13 de outubro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza