Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Xoves, 29 de outubro de 2015 Páx. 41609

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de setembro de 2015 pola que se ratifica o acordo de extinción da Fundación Pontetec e se dispón a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Unha vez visto o expediente de extinción da Fundación Pontetec, adscrita ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Con data do 3 de xullo de 2015 presentouse ante este protectorado solicitude de ratificación da extinción da Fundación Pontetec, adoptada por acordo do Padroado.

Segundo. A fundación constituída inicialmente coa denominación de Fundación Nino Mirón Pontevedra Club de Fútbol, en escritura pública do 10 de marzo de 2006, co número de protocolo 1313, foi clasificada como deportiva por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 18 de xullo de 2006 e declarada de interese galego por Orde da Consellería de Cultura e Deporte do 24 de xullo de 2006. Modificou a súa denominación por Acordo do Padroado do 9 de febreiro de 2010 e pasou a chamarse Fundación Pontetec, acordo protocolizado en escritura pública do 16 de marzo de 2010.

Actualmente está adscrita ao protectorado da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e figura inscrita na sección do Rexistro de Fundacións correspondente a esta consellería co número 2006/7.

Terceiro. Os fins da fundación establecidos no artigo seis dos estatutos son promover, desenvolver e impulsar o deporte.

Cuarto. O órgano de goberno da fundación na súa reunión do 17 de abril de 2015 adoptou o acordo de extinción da fundación, motivado na imposibilidade de realización dos fins fundacionais por insuficiencia de medios materiais.

No expediente tramitado para o efecto consta a seguinte documentación: certificación do acordo adoptado polo Padroado, memoria xustificativa da concorrencia da causa de extinción, as contas da fundación na data da adopción do acordo e a proposta de distribución dos bens resultantes da liquidación.

Consideracións legais:

Primeiro. Esta consellería é competente por razón da materia, de conformidade co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, en relación co artigo 7.2 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego. Correspóndelle así mesmo a esta consellería o exercicio das funcións de protectorado, de conformidade co establecido no artigo 47 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

Segundo. O artigo 44 da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, establece entre as causas de extinción das fundacións a imposibilidade de realización do fin fundacional, sendo necesario para tal efecto acordo favorable do Padroado, ratificado polo protectorado. O mesmo artigo sinala que o acordo de extinción se inscribirá no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Terceiro. O acordo de extinción adoptouse de conformidade cos requisitos establecidos na normativa vixente e nos estatutos da fundación e foi aprobado por acordo do Padroado coas maiorías previstas nos estatutos da fundación. No expediente tramitado consta a memoria xustificativa da causa de extinción e demais documentación establecida nos artigo 44 da Lei 12/2006 e artigo 48 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego.

Polo exposto, e de conformidade co establecido na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e o Decreto 15/2009, da mesma data do anterior, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego e demais normativa de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro. Ratificar o acordo de extinción adoptado polo Padroado da Fundación Pontetec.

Segundo. Ordenar a inscrición do acordo de extinción no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2015

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza