Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 219 Martes, 17 de novembro de 2015 Páx. 43397

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de maio de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente o peche e o desmantelamento da planta de coxeración que Hipercor, S.A. posúe no concello de Santiago de Compostela e se cancela a súa inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Antecedentes de feito

Primeiro. O 2 de xullo de 1998, a Dirección Xeral de Industria autorizou á empresa Hipercor, S.A. a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica no concello de Santiago de Compostela (A Coruña) e aprobou o seu proxecto de execución. As características básicas da instalación son:

– Dous grupos motoxeradores, alimentados por gasóleo, de 1.460 kW, cos φ = 0,8.

– Tres grupos motoxeradores, alimentados por gas natural, de 1.036 kW, cos φ = 0,8.

– Unha arrefriadora de auga por absorción.

– Cinco caldeiras de recuperación de gases de escape e instalacións complementarias.

Instalacións de interconexión coa liña eléctrica da compañía distribuidora e instalacións complementarias de baixa tensión, protección eléctrica, mando, sinalización e medida.

Segundo. O 30 de xullo de 1998, a Delegación Provincial da Consellería de Economía e Comercio da Coruña autorizou a posta en marcha da instalación de referencia.

Terceiro. O 11 de decembro de 1998, a Dirección Xeral de Industria inscribiu definitivamente a planta de coxeración no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, con número RE-98-28.

Cuarto. O 3 de febreiro de 2014, Hipercor, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa para o peche e desmantelamento da instalación.

Quinto. O 29 de xullo de 2014, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emitiu informe favorable á solicitude presentada.

Sexto. O 2 de outubro de 2014, requíreselle a Hipercor, S.A. documentación adicional necesaria para continuar coa tramitación do procedemento.

Sétimo. O 13 de novembro de 2014, Hipercor, S.A. presenta a documentación requirida, entre a cal se atopa a solicitude de cancelación da inscrición definitiva da planta de coxeración de referencia no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 227/2012, do 2 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no artigo 19 do Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, que lle atribúe á Dirección Xeral de Enerxía e Minas a dirección, coordinación, planificación, execución, seguimento e control das competencias e funcións da Consellería en materia de enerxía, minas, administración e seguridade industrial, solo industrial, metroloxía e metais preciosos.

Segundo. O artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, establece que a transmisión e peche definitivo de instalacións de transporte, distribución, produción e liñas directas, así como o peche temporal das instalacións de produción requirirán autorización administrativa previa.

Terceiro. Na tramitación tivéronse en conta as normas de procedemento contidas no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Real decreto 413/2014, do 6 de xuño, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes de enerxía renovables, coxeración e residuos, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e demais normas vixentes de aplicación.

De acordo co que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizarlle administrativamente a Hipercor, S.A. o peche da instalación de coxeración que posúe na concello de Santiago de Compostela (A Coruña) segundo o proxecto de desmantelamento de instalacións eléctricas de planta de coxeración, centro comercial propiedade de Hipercor, S.A., Santiago de Compostela, redactado polo enxeñeiro industrial José Fernando Fernández Carrillo, colexiado nº 17918, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid o 4 de decembro de 2013.

Segundo. Cancelar a inscrición no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia da instalación citada, con número de rexistro autonómico RE-98-28.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A instalación terá que pecharse e desmantelarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto referido no punto primeiro da parte dispositiva desta resolución.

Segunda. O titular asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante o proceso de desmantelamento, co fin de garantir que, en todo momento, se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. Deberá cumprirse, en todo momento, canto establece o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas e centros de transformación, así como a demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa desta dirección xeral. Pola súa banda, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicarlle a este centro directivo todas as resolucións que dite en aplicación da devandita facultade.

Quinta. O prazo para o peche e desmantelamento da instalación será de seis meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. Se transcorrido o dito prazo aquel non tivo lugar, producirase a caducidade desta autorización.

Unha vez rematado o desmantelamento, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de acta de peche ante a Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, quen deberá emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliacións e traslado de industrias, ou por incumprimento das condicións impostas.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra esta resolución que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 26 de maio de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas