Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Mércores, 18 de novembro de 2015 Páx. 43502

I. Disposicións xerais

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 165/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

O Decreto 116/2015, do 4 de outubro, modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, establecida polo Decreto 227/2012, do 2 de decembro, coa finalidade de adaptala ás necesidades que o momento actual aconsella acometer, tendo en conta os principios de eficacia, suficiencia e racionalización que deben inspirar a actuación e a organización administrativa.

Esta nova dimensión organizativa reflíctese no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, que, no seu artigo 4, regula a estrutura da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

O impulso social, económico e territorial configúranse como os eixes fundamentais no diseño, elaboración e execución da acción política da Consellería de Infraestruturas e Vivenda co fin de contribuír decisivamente a unha nova etapa de crecemento e desenvolvemento económico da nosa Comunidade Autónoma.

A nova estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda persegue facer máis áxil e eficaz a xestión administrativa, tendo en conta os principios e os eixes aludidos que, neste ámbito, se traducen nunha maior racionalidade e eficacia no desenvolvemento competencial e de xestión das funcións que ten atribuídas.

Desde un punto de vista funcional, cómpre destacar a nova organización que se efectúa na Secretaría Xeral Técnica onde se reducen e simplifican os órganos desta dependentes como consecuencia dos ámbitos sectoriais atribuídos á Consellería de Infraestruturas e Vivenda, así como a nova reordenación funcional que se efectúa no seo da Dirección Xeral de Mobilidade para acadar unha maior axilidade na xestión administrativa.

Finalmente, polo que se refire á estrutura da Administración periférica, o presente decreto recolle o modelo organizativo previsto no Decreto 245/2009, de 30 de abril, de tal xeito que, en aplicación dos principios de racionalidade e eficacia, o Departamento Territorial de Pontevedra estende a súa competencia a todo o ámbito provincial, sen prexuízo das funcións de coordinación que corresponden aos/ás delegados/as territoriais de Pontevedra e Vigo no seu respectivo ámbito competencial, consonte co artigo 2 da norma citada.

De conformidade co exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.4 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, co informe previo da Consellería de Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de novembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

TÍTULO I
Ámbito competencial e organización xeral da consellería

Artigo 1. Ámbito competencial

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda é o departamento da Xunta de Galicia ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de infraestruturas, mobilidade e vivenda, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

Artigo 2. Estrutura da consellería

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, baixo a superior dirección do/a seu/súa titular, contará para o exercicio das súas competencias cos seguintes órganos superiores e de dirección:

a) O/a conselleiro/a.

b) A Secretaría Xeral Técnica.

c) A Dirección Xeral de Mobilidade

Artigo 3. Organismos, entes e órganos adscritos á Consellería de Infraestruturas e Vivenda

1. Quedan adscritos a esta consellería, en virtude do disposto no artigo 4 do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, os seguintes organismos e entes:

a) A Axencia Galega de Infraestruturas, creada, en virtude da autorización prevista na disposición adicional cuarta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, polo Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o seu estatuto.

b) O organismo autónomo Instituto Galego da Vivenda e Solo creado pola Lei 3/1998, do 27 de abril.

c) O Xurado de Expropiación de Galicia creado pola Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e cuxo Regulamento de organización e funcionamento foi aprobado polo Decreto 223/2005, do 16 de xuño.

2. Así mesmo, tamén quedan adscritos á Consellería de Infraestruturas e Vivenda co carácter, labores e funcións establecidos nas súas respectivas normas reguladoras, os seguintes órganos colexiados:

a) O Consello Galego de Transportes regulado polo Decreto 230/1986, do 10 de xullo.

b) O Comité Asesor de Habitabilidade regulado pola Orde do 12 de xaneiro de 2011.

TÍTULO II
Servizos centrais

Capítulo I

Artigo 4. O/a conselleiro/a

O/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería e con tal carácter está investido das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia.

Capítulo II
Da Secretaría Xeral Técnica

Sección 1ª. Da Secretaría Xeral Técnica

Artigo 5. Atribucións

A Secretaría Xeral Técnica exercerá as funcións e competencias establecidas no artigo 29 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e demais normativa aplicable, en relación coas diferentes unidades e servizos en que se estrutura a consellería, así como aqueloutras previstas na normativa aplicable ou mesmo as que lle sexan delegadas ou encomendadas pola persoa titular da consellería.

Artigo 6. Estrutura

1. Para o exercicio das súas competencias, a Secretaría Xeral Técnica contará cos seguintes órganos:

a) Vicesecretaría Xeral.

b) Subdirección Xeral de Persoal, Xestión Económica e Control Orzamentario.

c) Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

2. Adscríbense organicamente á Secretaría Xeral Técnica, con nivel de subdirección xeral, a Asesoría Xurídica e a Intervención Delegada que dependerán funcionalmente da Asesoría Xurídica Xeral da Xunta de Galicia e da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, respectivamente.

A Asesoría Xurídica rexerase polo disposto no Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, desenvolverá as funcións previstas no artigo 13.2 do devandito decreto e contará co número de efectivos que se determine na correspondente relación de postos de traballo.

Sección 2ª. Da Vicesecretaría Xeral

Artigo 7. Funcións

1. Con nivel orgánico de subdirección xeral a Vicesecretaría Xeral é a unidade que exercerá as seguintes funcións:

a) Xestión e control dos convenios e protocolos de colaboración en que sexa parte a consellería e non sexan competencia doutros órganos desta.

b) A xestión dos expedientes de contratación administrativa de competencia da consellería.

c) Xestión dos expedientes de subvencións que non sexan competencia doutros órganos da consellería.

d) Coordinación do parque móbil da consellería, sen prexuízo das competencias que corresponden a outros departamentos da Xunta de Galicia e coordinación das dotacións relativas ao vestiario do persoal.

e) Formación de estatísticas nas materias que sexan competencia da consellería en coordinación co Instituto Galego de Estatística, sen prexuízo das funcións nesta materia doutras unidades da consellería.

f) Realizar as funcións inspectoras sobre todos os órganos e servizos de carácter técnico da consellería.

g) Recoñecer, comprobar e recibir os contratos administrativos executados polos distintos órganos e servizos da consellería.

h) Asesorar e emitir os informes solicitados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, e en especial, prestarlle asistencia, coordinar e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica, por razón da súa competencia.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Vicesecretaría Xeral contará, coa seguinte unidade, con nivel orgánico de servizo:

Servizo de Contratación e Apoio Administrativo.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A organización, coordinación e supervisión da xestión administrativa do patrimonio adscrito á consellería, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros órganos.

b) As funcións inherentes á preparación, licitación, adxudicación e recepción dos expedientes de contratación de competencia da consellería, así como as súas modificacións.

c) A emisión dos informes encomendados, ademais do estudo dos asuntos que teñan que elevarse ao Consello da Xunta de Galicia e á Comisión de Secretarios Xerais. Así como o estudo e tramitación dos anteproxectos e proxectos de disposicións de carácter xeral que elaboren os distintos centros directivos da consellería.

d) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Vicesecretaría Xeral.

Sección 3ª. Da Subdirección Xeral de Persoal, Xestión
Económica e Control Orzamentario

Artigo 8. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Persoal, Xestión Económica e Control Orzamentario exercerá as seguintes funcións:

a) A ordenación, xestión e administración ordinaria dos asuntos relativos ao persoal da consellería.

b) A organización e supervisión das bases de datos e de rexistro de persoal, sen prexuízo das competencias que correspondan a outros departamentos da Xunta de Galicia.

c) A xestión dos plans de formación de persoal da consellería.

d) A organización dos aspectos que atinxen ao réxime interior da consellería.

e) A xestión do plan de publicacións e edicións audiovisuais da consellería e as funcións relativas á representación dela na Comisión de Publicacións da Xunta de Galicia.

f) A coordinación da confección e tramitación do anteproxecto de orzamentos da consellería; o seguimento e control interno da execución orzamentaria, así como a tramitación dos expedientes de modificacións orzamentarias, en coordinación cos órganos implicados.

g) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coa seguinte unidade:

Servizo de Persoal, Xestión Económica e Control Orzamentario.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Ordenación, xestión e administración ordinaria dos recursos humanos da consellería e seguimento e control do rexistro de persoal.

b) Xestión do réxime interno da consellería, rexistro, arquivo e información, tramitación de reclamacións e recursos en materia de persoal e xestión do plan de formación e do plan de publicacións.

c) Coordinación e tramitación do anteproxecto de orzamentos da consellería, control da execución económica, tramitación dos expedientes de modificación orzamentaria e a execución dos gastos que se lle atribúan.

d) E, en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Persoal, Xestión Económica e Control Orzamentario.

Sección 4ª. Da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo

Artigo 9. Funcións e estrutura

1. A Subdirección Xeral de Réxime Xurídico Administrativo exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación, para a súa remisión e ulterior publicación no Diario Oficial de Galicia das disposicións e actos administrativos ditados polos órganos da consellería.

b) O estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

c) A tramitación dos requirimentos e peticións formuladas á consellería polos xulgados, tribunais, Defensor/a do Pobo, Valedor/a do Pobo e outros órganos e institucións.

d) A coordinación, mediante a elaboración de instrucións, protocolos de actuación ou calquera outro instrumento que se considere axeitado, coas unidades da consellería que desenvolvan funcións xurídico-administrativas.

e) Rexistro e arquivo das disposicións legais emanadas da consellería, así como levar a cabo as recompilacións e refundicións das normas emanadas desta.

f) Coordinación das actuacións da consellería en relación coas fundacións de interese galego sobre as cales esta exerza o protectorado, levando para ese efecto os libros de rexistro.

g) E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Secretaría Xeral Técnica.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a subdirección xeral contará, con nivel orgánico de servizo, coas seguintes unidades:

Servizo Técnico-Xurídico.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Asistencia e apoio xurídico nas diferentes materias que sexan competencia da consellería e que sexan atribuídas pola persoa titular da Subdirección Xeral, no estudo, tramitación e proposta de resolución de reclamacións, recursos e requirimentos formulados contra os actos e resolucións ditados polos distintos órganos da consellería, cando non estean atribuídos a outros órganos desta.

b) E en xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral de Réxime Xurídico-Administrativo.

Capítulo III
Da Dirección Xeral de Mobilidade

Artigo 10. Funcións e estrutura

1. A Dirección Xeral de Mobilidade exercerá as funcións de impulso, xestión e coordinación das políticas atribuídas á Consellería nos ámbitos da planificación, financiamento e ordenación do transporte e, en particular, exercerá as seguintes:

a) A planificación, a coordinación e o seguimento da política xeral de transportes e a execución dos servizos e das infraestruturas de transportes na Comunidade Autónoma.

b) A promoción da investigación sobre transporte, loxística e mobilidade, e o asesoramento ao departamento nestas materias.

c) O estudo e elaboración de proxectos normativos no ámbito das súas funcións.

d) A ordenación do transporte terrestre, por cable e marítimo no ámbito competencial da Comunidade Autónoma. No marco desta función, desenvolverá todas aquelas atribucións que lle estean conferidas polas disposicións vixentes na materia e, singularmente:

– O outorgamento das autorizacións fixadas pola normativa sectorial habilitantes para o desenvolvemento da actividade de transporte.

– O outorgamento de autorizacións para a prestación de servizos de transporte público regular de viaxeiros/as.

– A proposta de adxudicación da explotación dos servizos públicos regulares permanentes de persoas viaxeiras de uso xeral, a través do correspondente contrato de xestión de servizos públicos, e a resolución de expedientes referentes á súa modificación.

– O rexistro de empresas, vehículos, autorizacións, asociacións ou actividades relacionadas co transporte e a loxística.

e) A planificación e a execución das políticas de control e inspección dos diversos modos de transporte.

f) A tramitación e a resolución dos expedientes sancionadores, de conformidade coas normas de atribución de competencias para o exercicio da potestade sancionadora en materia de transporte. O estudo e a tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas en tal clase de expedientes e, de conformidade coas normas de atribución de competencias, a súa resolución.

g) O estudo, análise e implantación de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade sustentable, o control e a supervisión dos sistemas de información e xestión automatizados, a coordinación dos transportes urbanos cos interurbanos e o fomento de melloras nos elementos móbiles do transporte.

h) A planificación, coordinación e execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade Autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros/as, e a proposta de adxudicación e explotación das terminais de transportes de viaxeiros/as.

i) A promoción, proxección, construción e xestión dos centros integrados de transporte e de plataformas para as actividades do transporte e a operatividade loxística de mercadorías.

j) O control das actividades de transportes en portos, aeroportos e heliportos non cualificados de interese xeral polo Estado.

k) A programación de investimentos, obras e instalacións de transportes por estrada, ferrocarril, aéreo e por cable e o réxime administrativo, dirección, inspección e control delas.

l) O desenvolvemento da xestión administrativa en materia de transporte e, singularmente:

– Resolución ou, se é o caso, informe e proposta dos recursos interpostos dentro do ámbito da súa competencia.

– As funcións inherentes á xestión económica e o seguimento, control e xestión da execución dos contratos administrativos e actividade de fomento no ámbito das súas competencias.

– A tramitación dos expedientes de expropiación forzosa no ámbito das súas competencias.

– Instrución, tramitación e proposta de resolución dos expedientes de responsabilidade patrimonial da Administración no ámbito das súas competencias.

m) A coordinación da actividade dos servizos territoriais de Mobilidade.

2. Baixo a dependencia directa da persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade, e para o adecuado exercicio das competencias enumeradas no artigo anterior, a Dirección Xeral estrutúrase nas seguintes unidades administrativas, ás cales corresponderán as funcións que a seguir se detallan:

2.1. Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte.

2.1.1. A Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte exercerá as seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en relación cos servizos adscritos, así como cos servizos provinciais, en materia de ordenación do transporte.

b) O estudo e a proposta de resolución en materia de contratos de xestión de servizos públicos de transporte e autorizacións.

c) A coordinación da Xunta Arbitral de Transportes de Galicia.

d) A xestión das liñas de axudas en materia de transportes.

e) A coordinación da formación e a cualificación profesional no sector do transporte.

f) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.1.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Ordenación do Transporte contará cos seguintes servizos:

2.1.2.1. Servizo de Ordenación do Transporte Regular de Viaxeiros.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Terá atribuído o estudo e a proposta de resolución en materia de servizos de transporte público de viaxeiros/as por estrada, regular e temporal, así como o apoio e a coordinación da xestión administrativa dos servizos territoriais.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.2. Servizo de Coordinación dos Plans de Transporte.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Desenvolvemento e coordinación dos plans de actuación que, en materia de mobilidade, impulse a Dirección Xeral.

b) Implantación, coordinación e seguimento do Plan de transporte metropolitano de Galicia.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.1.2.3. Servizo de Autorizacións, Informes e Xunta Arbitral.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación da xestión administrativa en materia de autorizacións habilitantes para a actividade de transporte e a elaboración de informes preceptivos e facultativos no ámbito da habilitación para o desempeño da actividade de transporte.

b) A xestión da Secretaría da Xunta Arbitral de Transportes.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2. Subdirección Xeral de Inspección do Transporte.

2.2.1. A Subdirección Xeral de Inspección do Transporte exercerá as seguintes funcións:

a) En relación coa función de control do cumprimento da normativa reguladora dos transportes, corresponderalle a elaboración dos correspondentes plans e programas de actuación na dita área, así como a súa execución e o control e a avaliación do seu cumprimento.

b) En relación coa vulneración da normativa reguladora dos transportes, corresponderalle a tramitación dos expedientes sancionadores incoados e, de conformidade coas normas de atribución de competencias, a súa resolución e a dos recursos administrativos que se presenten.

c) Nas ditas áreas inspectora e sancionadora corresponderalle a coordinación xeral da xestión administrativa que en tales ámbitos desenvolvan os servizos adscritos e os servizos territoriais.

d) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.2.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Inspección do Transporte contará cos seguintes servizos:

2.2.2.1. Servizo de Inspección.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A coordinación xeral das funcións de programación, dirección e avaliación da actuación inspectora en materia de transportes desenvolvida no territorio da Comunidade Autónoma.

b) O asesoramento e a colaboración coas empresas de transporte, para os efectos de facilitarlles o cumprimento das obrigas formais e materiais que lles incumben.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.2.2.2. Servizo de Informes e Recursos.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A incoación dos expedientes sancionadores iniciados como consecuencia da formulación das oportunas actas ou informes que subscriba o persoal inspector adscrito aos servizos centrais, así como a tramitación de tales expedientes e a dos instruídos nos servizos territoriais.

b) A tramitación dos recursos administrativos que se formulen contra as resolucións ditadas nos expedientes sancionadores.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.3. Subdirección Xeral de Planificación Técnica.

2.3.1. A Subdirección Xeral de Planificación Técnica exercerá as seguintes funcións:

a) O estudo e a análise de plans e proxectos de fomento do transporte público e a mobilidade sustentable.

b) O estudo, a proposta e a programación das actuacións que, en materia de transportes, poidan corresponder ao ámbito de actuacións da Dirección Xeral.

c) A xestión e a coordinación das accións que se leven a cabo en materia de aeródromos na Comunidade Autónoma.

d) Seguimento das actuacións que respecto do transporte ferroviario desenvolvan outras administracións públicas distintas da Comunidade Autónoma.

e) A planificación, coordinación e execución da oferta intermodal de transporte na Comunidade Autónoma e das infraestruturas do transporte de viaxeiros/as, así como a proposta da súa adxudicación e explotación.

f) As funcións que se lle atribúan en desenvolvemento das actuacións que en materia de infraestruturas de transporte sexan desenvolvidas pola Dirección Xeral.

g) En xeral, prestarlle asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados, por razón da súa competencia, pola persoa titular da Dirección Xeral.

2.3.2. Para o desenvolvemento das funcións antes relacionadas, a Subdirección Xeral de Planificación Técnica contará co seguinte servizo:

2.3.2.1. Servizo de Infraestruturas.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Supervisión técnica das infraestruturas de transporte de viaxeiros/as existentes na Comunidade Autónoma.

b) Planificación e execución de novas actuacións destinadas ao uso dos/as viaxeiros/as do transporte público colectivo, así como dos elementos complementarios destas.

c) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

2.4. Servizo de Estudos e Apoio Xurídico.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A asistencia á Dirección Xeral en materia de estudo, asistencia xurídica, xestión de contratos e elaboración de proxectos e informes sobre textos normativos ou sobre materias que a propia Dirección Xeral lle encomende.

b) En xeral, cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Subdirección Xeral.

Título III
Das xefaturas territoriais da Consellería de Infraestruturas e Vivenda

Artigo 11. Xefaturas territoriais

1. Para o exercicio das súas competencias a Consellería de Infraestruturas e Vivenda organízase nas xefaturas territoriais da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra que desenvolverán as súas funcións no ámbito provincial respectivo, sen prexuízo das funcións de coordinación do exercicio das competencias que asume cada delegación no seu correspondente ámbito territorial, de acordo co disposto no artigo 2 do Decreto 245/2009, do 30 de abril.

2. Á fronte de cada xefatura territorial estarán os/as xefes/as territoriais que exercerán as seguintes funcións:

a) A dirección, despacho e proposta de resolución dos asuntos ordinarios.

b) A coordinación dos servizos ou unidades que o integran.

c) A elaboración do anteproxecto de orzamento de gastos da xefatura territorial.

d) A xestión, administración e habilitación dos medios económicos e materiais da xefatura territorial.

e) A tramitación e a xestión dos expedientes de gasto o control contable e a xustificación dos créditos asignados.

f) A tramitación dos expedientes de contratación administrativa e de subvencións que sexan competencia da xefatura territorial.

g) Cantas outras funcións expresamente lle sexan atribuídas ou delegadas.

3. Integran cada unha das xefaturas territoriais o seguinte servizo:

3.1. Servizo de Mobilidade.

Desenvolverá as funcións propias da consellería en materia de mobilidade así como aqueloutras que se lle asignen dentro do referido ámbito competencial.

Disposición adicional primeira

No non previsto neste decreto, en caso de vacante, ausencia ou enfermidade das persoas titulares dos órganos superiores e de dirección da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, as competencias atribuídas por este decreto aos correspondentes órganos serán exercidas, temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias, polos órganos de dirección da consellería, seguindo a orde de prelación que se establece no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Neste sentido, a substitución será asumida pola persoa titular do órgano que ocupe o posto seguinte na orde correlativa enunciada, correspondéndolle á primeira persoa, se for o caso, substituír a última.

Disposición adicional segunda

No exercicio das función a que se refire este decreto integrarase de xeito activo a dimensión de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

Disposición adicional terceira

Nos nomeamentos de altos cargos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, así como dos/as titulares e membros de órganos de entidades integrantes do sector público autonómico do seu ámbito de competencias, procurarase acadar o principio de presenza equilibrada entre homes e mulleres.

Disposición transitoria primeira

Cando, como consecuencia da estrutura orgánica que se establece neste decreto, se modifique a denominación ou o contido funcional das subdireccións xerais ou servizos existentes, autorízase o/a conselleiro/a de Infraestruturas e Vivenda, por proposta da Secretaría Xeral Técnica, para adscribir ao persoal funcionario que ocupaba o posto existente ao posto equivalente que figura neste decreto.

No caso de supresión ou amortización das subdireccións xerais ou xefaturas de servizo será de aplicación o establecido na normativa vixente en materia de función pública.

Disposición transitoria segunda

As unidades e postos de traballo con nivel orgánico inferior ao de servizo correspondentes ás subdireccións xerais ou servizos suprimidos ou amortizados como consecuencia deste decreto, continuarán subsistentes e retribuiranse con cargo aos mesmos créditos orzamentarios, ata que se aprobe a nova relación de postos de traballo adaptada á estrutura orgánica establecida neste decreto. As unidades e os postos de traballo encadrados nos órganos suprimidos adscribiranse provisionalmente, por orde do/a conselleiro/a por proposta da Secretaría Xeral Técnica, aos órganos establecidos neste decreto en función das atribucións que teñen asignadas.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogados o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, o Decreto 115/2014, do 11 de setembro, polo que se modifica o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, así como cantas disposicións de igual ou inferior categoría se opoñan ao establecido neste decreto ou o contradigan.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas

O Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas, queda modificado como segue:

Un. Dáse nova redacción ao punto 1 do artigo 14, que queda redactado como segue:

«A axencia estrutúrase internamente nas seguintes áreas, que terán nivel orgánico de subdirección xeral: de Planificación e Programación, de Seguridade Viaria e Obras, e de Contratación e Administración».

Dous. Dáse nova redacción ao artigo 16, que queda redactado como segue:

«Artigo 16. Área de Seguridade Viaria e Obras

1. A esta área correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) Promover, impulsar e coordinar as estratexias de seguridade viaria coas distintas administracións públicas implicadas na materia.

b) O seguimento do grao de aplicación e cumprimento dos obxectivos xerais e do desenvolvemento de cada unha das liñas estratéxicas propostas na planificación da seguridade viaria de Galicia.

c) Planificar e desenvolver campañas e medidas de concienciación en materia de seguridade viaria e prevención de accidentes de tráfico en Galicia.

d) Elaborar estudos e proxectos e fomentar a formación e a investigación en materia de seguridade viaria.

e) A xestión, coordinación e control da construción de estradas e as súas incidencias.

f) A preparación de instrucións técnicas relativas á execución de estradas, así como o estudo e desenvolvemento de novas técnicas para a súa construción.

g) A tramitación, coa colaboración dos servizos de infraestruturas das xefaturas territoriais, dos expedientes de expropiación forzosa, logo de efectuada a declaración de utilidade pública e a urxente ocupación, e sen prexuízo das competencias atribuídas a outros órganos en canto á súa xestión económica.

h) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e plans, así como calquera outro instrumento preciso relativo á construción e execución de estradas.

i) A preparación de instrucións técnicas en materia de construción e execución de estradas.

j) A elaboración de orzamentos correspondentes ás actuacións da súa competencia, así como realizar o seu control e axuste.

k) O seguimento e a coordinación xeral dos procesos asociados para a construción de vías de alta capacidade realizadas baixo a modalidade de concesión de obra pública.

l) En xeral, prestar asistencia e xestionar cantos asuntos lle sexan encomendados por razón da súa competencia pola persoa titular da Dirección.

2. Para o desenvolvemento das funcións antes citadas, esta área contará cos seguintes servizos:

2.1. Servizo de Seguridade Viaria e Conservación.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A xestión, coordinación e control da construción de infraestruturas e as súas incidencias relativas á conservación e seguridade viaria de estradas.

b) A coordinación cos servizos de infraestruturas dos departamentos territoriais no relativo á conservación e seguridade viaria de estradas.

c) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende.

2.2. Servizo de Explotación.

Correspóndelle o exercicio das seguintes funcións:

a) A redacción do plan de puntos de medición e a súa explotación.

b) A emisión de informe nos expedientes das autorizacións administrativas en materia de instalacións de servizo ou concesións de áreas de servizo.

c) O inventario, a explotación, a conservación e a sinalización das estradas e dos servizos complementarios na zona de dominio público.

d) A elaboración dos pregos de prescricións técnicas e plans, así como calquera outro instrumento preciso relativo á explotación de estradas.

e) A preparación de instrucións técnicas en materia de explotación de estradas.

f) A coordinación cos servizos de infraestruturas dos departamentos territoriais no relativo á explotación de estradas.

g) Coordinar e desenvolver os sistemas intelixentes de transporte que se instalen nas estradas autonómicas.

h) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende.

2.3. Servizo de Obras.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) O seguimento dos expedientes dos contratos de obras en materia de estradas, agás os relativos á conservación, seguridade viaria e os realizados baixo a modalidade de concesión de obra pública.

b) A preparación dos pregos de prescricións técnicas e o seguimento posterior á súa contratación, dos expedientes dos contratos de servizos complementarios á execución das obras, agás os relativos á conservación, seguridade viaria e os realizados baixo a modalidade de concesión de obra pública.

c) A tramitación e seguimento dos expedientes de reposición de servizos afectados polas obras en materia de estradas.

d) A proposta e a participación no estudo e desenvolvemento de novas técnicas de realización de estradas.

e) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende.

2.4. Servizo de Xestión de Vías de Alta Capacidade.

Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) Tramitación, xestión e control dos contratos de concesión de obra pública en coordinación coas outras áreas, nos labores que nesta materia se realicen para as vías de alta capacidade en réxime de concesión e coa xestión dos sistemas intelixentes de transporte.

b) Coordinación e control das actuacións cuxa contraprestación sexa o pagamento dunha tarifa por parte da Administración.

c) A emisión de informes nos procedementos de autorizacións a terceiros/as, preceptivos para todo tipo de obras, instalacións, edificacións, peches e calquera outra actividade que afecte terreos comprendidos na área de influencia das vías de alta capacidade en réxime de concesión.

d) Emisión de informes relativos aos expedientes de sanción e restitución do medio físico en materia de estradas polas infraccións que tipifica a Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia relacionados coas actuacións referidas nas letras a) e b).

e) Labores de inspección de proxectos técnicos elaborados no ámbito dos contratos de concesión de obra pública.

f) Labores de inspección da construción no ámbito dos contratos de concesión de obra pública.

g) Labores de inspección de explotación no ámbito das actuacións referidas nas letras a) e b).

h) Realización de traballos de contido económico-financeiro relativos ás actuacións referidas nas letras a) e b).

i) Arquivo da información relativa ás vías explotadas en réxime de colaboración público-privada.

j) Calquera outra función que, no ámbito da súa competencia, se lle encomende».

Tres. Suprímese o artigo 17.

Disposición derradeira segunda

Autorízase a persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda para ditar as disposicións necesarias para a execución e desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira terceira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda