Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 227 Venres, 27 de novembro de 2015 Páx. 44786

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 173/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun tramo da estrada provincial DP-1905 entre o p.q. 0,000 e o p.q. 0,540 a prol do Concello de Carballo.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada Lei de estradas dispón no artigo 9.7, que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

A Deputación Provincial da Coruña en sesión plenaria do 27 de marzo de 2015 aprobou o cambio de titularidade da estrada provincial DP-1905 de Carballo á Feira de Verdillo entre o p.q. 0,000 ao 0,540 a prol do Concello de Carballo e solicita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a aprobación do dito cambio de titularidade, de conformidade co que se dispón no artigo 9 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

Ao abeiro das previsións legais, o Pleno do Concello de Carballo, con data do 27 de xullo de 2015, aceptou o cambio de titularidade do tramo da seguinte estrada:

• DP-1905 de Carballo á Feira de Verdillo desde o p.q. 0,000 ao p.q. 0,540.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trece de novembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Carballo do tramo da estrada provincial DP-1905 de Carballo á Feira de Verdillo desde o p.q. 0,000 ao p.q. 0,540.

Artigo 2

En aplicación dos puntos 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Carballo deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire o presente decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo ao día seguinte da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Carballo, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte á súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trece de novembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourellle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda