Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Martes, 1 de decembro de 2015 Páx. 45226

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 24 de novembro de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se declaran, con carácter provisional, os aspirantes admitidos e excluídos, así como os exentos e non exentos do exercicio de lingua galega, no concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario convocado pola Resolución do 17 de xuño de 2015.

Mediante Resolución desta dirección xeral do 17 de xuño de 2015 (Diario Oficial de Galicia núm. 121, do 30 de xuño) convocouse concurso-oposición para o ingreso en diversas categorías de persoal estatutario sanitario, diplomado e de formación profesional do Servizo Galego de Saúde.

Finalizado o prazo de presentación de solicitudes de participación, de conformidade coa base sexta da resolución de convocatoria, este centro directivo, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Declarar, con carácter provisional, os/as aspirantes admitidos/as e excluídos/as así como os/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega no concurso-oposición para o ingreso nas categorías de enfermeiro/a especialista en obstetricia e xinecoloxía, fisioterapeuta, logopeda, terapeuta ocupacional, técnico/a superior en anatomía patolóxica e citoloxía, técnico/a superior en hixiene bucodental, técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico, técnico/a superior en laboratorio de diagnóstico clínico, técnico/a superior en radioterapia, técnico/a en coidados auxiliares de enfermaría e técnico/a en farmacia do Servizo Galego de Saúde, convocado pola Resolución do 17 de xuño de 2015.

Segundo. As listas coa relación provisional de admitidos/as e excluídos/as, con indicación do motivo de exclusión, e os/as declarados/as exentos/as e non exentos/as da realización do exercicio de lingua galega, poderán examinarse na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es).

Ademais, o estado de cada solicitude pode ser consultado polo/a solicitante no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.

Terceiro. As persoas aspirantes excluídas e as declaradas non exentas da realización do exercicio de galego disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para poder emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a súa exclusión e/ou a declaración de non exento/a da realización de tal exercicio, mediante escrito dirixido á mesma Unidade de Validación á cal se dirixiu a instancia de participación, que se deberá presentar nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Disporán do mesmo prazo de reclamación as persoas que, tendo presentado debidamente solicitude de participación no proceso, non consten como admitidas nin excluídas na relación publicada.

Cuarto. A estimación ou desestimación das solicitudes de emenda entenderase implícita na resolución pola que se aprobe, con carácter definitivo, a relación de admitidos/as e excluídos/as e de exentos/as e non exentos/as do exercicio acreditativo do coñecemento da lingua galega, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2015

Margarita Prado Vaamonde
Directora xeral de Recursos Humanos