Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 231 Xoves, 3 de decembro de 2015 Páx. 45500

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 24 de novembro de 2015 pola que se establece o réxime de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2016.

O Regulamento (CE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, crea unha organización común de mercados agrícolas e establece disposicións específicas para determinados produtos agrícolas (Regulamento único para as OCM). Este último regulamento recolle as axudas aos programas apícolas no artigo 55 e seguintes.

En España, o Real decreto 519/1999, do 26 de marzo, modificado polo Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas, e tamén polo Real decreto 448/2005, do 22 de abril, de modificación destes dous reais decretos citados, establece un réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais.

A Comisión Europea aprobou o programa de mellora da produción e a comercialización dos produtos da apicultura presentado por España, na Decisión do 12 de agosto de 2013 pola que se aproba o Programa de mellora da produción e a comercialización dos produtos da apicultura presentado polos Estados membros para os anos 2014, 2015 e 2016.

No marco do dito programa nacional establécese un réxime de axudas destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura, no cal a participación financeira corresponde ata un 50 % ao financiamento comunitario, ata un 25 % corresponde ao financiamento do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a restante porcentaxe, á Consellería do Medio Rural.

No artigo 1 do Regulamento de execución (CE) núm. 768/2013 da Comisión, do 8 de agosto de 2013, que modifica o Regulamento (CE) núm. 917/2004 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) núm. 797/2004, do Consello, relativo ás medidas no sector da apicultura, establécese que os gastos dos Estados membros deberán efectuarse, como máis tarde, o 15 de outubro, data en que se deben ter presentados os xustificantes de gasto por parte do Estado membro da Unión Europea. Para adiantar no posible a data de pagamento das axudas cómpre que os gastos correspondentes ás accións realizadas se xustifiquen ante a Consellería do Medio Rural no prazo fixado na resolución de concesión da axuda, sen que en ningún caso poida exceder o 31 de agosto de 2016.

Na súa virtude, de conformidade co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o fomento daquelas actividades destinadas a mellorar a produción e comercialización dos produtos da apicultura e proceder á súa convocatoria para o ano 2016.

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

Artigo 2. Finalidade das axudas, contías e límites

1. Poderán ser obxecto das axudas, de acordo coa normativa comunitaria, aquelas actividades ou investimentos que estean recollidos no programa nacional e encamiñadas a acadar os obxectivos das seguintes liñas de actuación:

a) Asistencia técnica aos apicultores. A esta liña só poderán optar as agrupacións de apicultores:

1º. Contratación de técnicos e especialistas para a información e asistencia técnica aos apicultores das agrupacións apícolas en materias relacionadas coa produción e a comercialización dos produtos da apicultura, a sanidade apícola e as actuacións de vixilancia e control da avespa velutina.

Poderá subvencionarse a contratación dun máximo de dous técnicos por asociación, sendo necesariamente o primeiro deles un licenciado en veterinaria.

A axuda para a contratación de técnico veterinario poderá ser de ata o 90 % do seu custo, cunha limitación de 27.000 euros, e non poderá ser superior ao valor de 1 euro por colmea rexistrada na correspondente agrupación.

A axuda para a contratación doutros técnicos titulados poderá ser de ata o 50 % do seu custo, cunha limitación de 15.000 euros, e non poderá ser superior ao valor de 0,5 euros por colmea rexistrada na correspondente agrupación.

En todo caso, o importe máximo da axuda nesta liña por agrupación non superará os 42.000 euros.

2º. Cursos e xornadas de formación técnica aos apicultores organizadas polas agrupacións de apicultores, así como asistencia a cursos e xornadas de formación continuada por parte dos técnicos e especialistas das agrupacións de apicultores. Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo.

3º. Sistemas de divulgación técnica, a través de folletos, catálogos e outras publicacións, así como de soportes audiovisuais e informáticos. Poderá subvencionarse ata o 90 % do seu custo.

b) Loita contra a varroase:

1º. Adquisición de tratamentos quimioterápicos e/ou tratamentos compatibles coa apicultura ecolóxica contra a varroase, autorizados pola Axencia Española do Medicamento e Produtos Sanitarios. Poderá subvencionarse ata o 80 % do seu custo, cun máximo de 4 euros por colmea, e co límite de 18.000 euros para o caso de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas.

2º. Sobrealimentación das colmeas, renovación de cera mediante a adquisición de láminas de cera e adquisición de fondos sanitarios. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo, co límite de 4 láminas por colmea no caso da renovación de cera. Unicamente poderán optar a esta liña os apicultores beneficiarios da axuda recollida na liña b.1º anterior.

c) Racionalización da transhumancia:

1º. Adquisición de material para a identificación de colmeas e cadros. Poderase subvencionar ata o 70 % do seu custo.

2º. Adquisición de medios de transporte e manexo das colmeas, incluíndo remolques e carretillas, guindastres, mallas de cobertura, sistemas móbiles de extracción de mel e produtos apícolas, así como outros útiles e equipamentos necesarios para facilitar a transhumancia. Non serán subvencionables os custos de reparación ou mantementos destes equipamentos. Poderá subvencionarse ata o 70 % do seu custo.

3º. Mellora e acondicionamento de asentamentos, camiños e sendas. Serán subvencionables soportes para illar colmeas, traballos e utensilios de roza, peches portátiles para a protección dos asentamentos fronte a depredadores e aqueloutros que a xuízo do órgano xestor sexan compatibles con esta liña. Non será subvencionable a realización de traballos con maquinaria pesada para o movemento de terras. Poderá subvencionarse ata o 70 % do seu custo.

4º. Subscrición de seguros de danos propios e responsabilidade civil das colmeas, sempre que as pólizas non cubran garantías xa incluídas no sistema de seguros agrarios combinados. A esta liña poderán acollerse tamén os apicultores con colmeas estantes. Poderá subvencionarse ata o 50 % do seu custo cun límite de 0,5 € por colmea asegurada.

2. Para o cálculo das axudas terase en conta o número de colmeas que os solicitantes teñen inscritas no Rexistro de explotacións apícolas de Galicia, segundo a declaración censual efectuada correspondente ao ano 2015.

3. Os gastos e investimentos obxecto da axuda deberán ter sido realizados no período comprendido entre o 1 de setembro do ano anterior a esta convocatoria e o 31 de agosto de 2016, ambos os dous inclusive, período de duración da campaña apícola de acordo co establecido no artigo 2 do Regulamento de execución (UE) núm. 768/2013 da Comisión, do 8 de agosto de 2013, que modifica o Regulamento (CE) núm. 917/2004 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) núm. 79/2004, do Consello, relativo ás medidas no sector da apicultura.

Artigo 3. Beneficiarios

1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 2:

a) Aquelas persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas. Será requisito para a obtención destas axudas estar inscrito no Rexistro oficial apícola da comunidade autónoma, polo menos con anterioridade ao primeiro de xaneiro do ano 2015. Ademais, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas establecidas no artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

b) Cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, integradas na súa maioría por apicultores que cumpran os requisitos da letra a).

Un mesmo apicultor só poderá ser beneficiario da axuda por unha mesma actuación de forma única para cada unha das súas explotacións, ben sexa a título individual ben como integrante dunha cooperativa ou organización representativa.

As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas polo seu titular.

2. Para poderen acollerse ás ditas medidas da axuda, os apicultores, a título individual ou como integrantes dunha cooperativa ou organización representativa, deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Dispoñer dun seguro de responsabilidade civil.

b) Ser titulares dunha explotación con máis de 50 colmeas, se solicitan axuda para realizar a transhumancia.

c) Ter realizada a declaración censual anual referida ao ano 2015.

d) Realizar polo menos un tratamento ao ano fronte á varroase, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.

3. Será preciso presentar a documentación correspondente segundo a seguinte relación:

a) As persoas físicas (apicultores), integradas ou non nunha asociación ou organización de apicultores, presentarán solicitudes individuais, xuntando á solicitude a seguinte documentación:

1º. No caso de representación exixirase autorización para facer a solicitude nos termos exixidos no artigo 32 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2º. Declaración responsable do número de colmeas activas na data da sinatura, das que o solicitante é titular, de acordo co anexo I (MR506A).

3º. Fotocopia das tres follas do libro de rexistro de explotación apícola (Caderno de explotación apícola e transhumancia) en que figuren os datos do titular, o tipo e clase de explotación, actualización do número de colmeas e selo dos servizos veterinarios oficiais.

4º. Nas axudas da liña de loita contra a varroase: declaración responsable do veterinario de compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa.

5º. Programa de actuación que pretende desenvolver: memoria onde figuren os datos do apicultor, número de colmeas, descrición dos investimentos e finalidade deles, incluíndo orzamentos ou facturas pro forma dos investimentos, desagregado para cada unha das liñas para a cal se solicita axuda. De acordo co artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, de 50.000 euros para obras ou de 18.000 € para subministración ou prestación de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6º. Dispoñibilidade dos terreos nos cales pretenda facer os asentamentos das alvarizas, así como permisos ou licenza das obras que pretenda realizar para a colocación das colmeas e/ou de adecuación ou mellora dos accesos, de ser o caso.

7º. Memoria explicativa da realización da transhumancia (resumo e esquema da situación de orixe das colmeas e do destino onde se pretende realizar a transhumancia e datas probables do movemento), de ser o caso.

8º. Xustificación da exclusividade dos equipamentos para a actividade transhumante, de ser o caso.

9º. Xustificación de ter subscrito un seguro de responsabilidade civil.

b) As persoas xurídicas (cooperativas apícolas, asociacións e organizacións representativas con personalidade xurídica propia ou calquera outro tipo de sociedade ou entidade) achegarán a solicitude coa seguinte documentación:

1º. Certificación do órgano competente na cal se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actúa en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.

2º. Certificación do órgano competente que acredite o desempeño actual do cargo.

3º. Acta de constitución da asociación ou organización, ou copia compulsada dos estatutos.

4º. Relación nominal de socios actualizada, en formato electrónico, concretamente nun arquivo Excel, que conteña os seguintes campos, de cada un dos socios:

– Nome e apelidos.

– NIF.

– Código REGA da explotación.

– Número de colmeas actualizado na data de solicitude.

– Concello/s e localización onde se atopan situadas dentro destes, de cada un dos socios.

– Indicación expresa dos socios incluídos nas liñas b.1º e, se é o caso, b.2º. O mesmo se se solicita axuda para a liña c.4º, pero incluíndo o número de colmeas aseguradas de cada socio e especificando as que son estantes e as que son transhumantes.

Todos os datos deberán ir en maiúsculas, sen acentos e os campos de tipo alfanumérico, sen espazos entre os caracteres.

5º. Declaración responsable do número de colmeas activas na data da sinatura, correspondentes aos integrantes da asociación.

6º. Fotocopia das tres follas do libro de rexistro de explotación apícola de cada un dos integrantes, en que figuren os datos do titular, o tipo e clase de explotación, a actualización do número de colmeas e o selo dos servizos veterinarios oficiais.

7º. Copia do contrato do veterinario responsable da execución do programa sanitario de loita contra a varroase, ou doutros técnicos, se é o caso.

8º. Nas axudas da liña de loita contra a varroase: declaración responsable do veterinario de compromiso previo de execución e posterior xustificación do programa.

9º. Programa de actuación que se pretende desenvolver para cada unha das liñas de axudas solicitadas: memoria descritiva de cada actuación onde figuren os datos dos apicultores incluídos no programa ou liña de axuda, número de colmeas, descrición dos investimentos e finalidade deles, incluíndo orzamentos pormenorizados e/ou facturas pro forma dos investimentos. De acordo co artigo 29, número 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, de 50.000 euros para obras, ou de 18.000 € para subministración ou prestación de servizos, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, agás que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A escolla entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse na xustificación ou, se é o caso, xunto coa solicitude da axuda, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

10º. Xustificación do cumprimento dos puntos 7º, 8º, 9º e 10º do artigo 3.3.a).

4. De acordo co artigo 4, número 2, da Orde do 12 de xaneiro de 2012 (DOG do 16 de xaneiro), pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, os solicitantes non terán a obriga de presentar os documentos dos puntos 3.a.1º, 3.b.1º, 3.b.2º e 3.b.3º que xa fosen presentados e poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Para facer efectivo este dereito deberán especificar a data en que presentaron os documentos e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, sempre que non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que corresponda.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 4. Solicitudes de axuda e prazos de presentación

1. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. As solicitudes axustaranse aos modelos que figuran como anexo I (solicitudes individuais de persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións apícolas) e anexo II (solicitude de cooperativas apícolas e organizacións representativas con personalidade xurídica propia).

4. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, para o que se lle concederá un prazo de dez días, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, de 26 de novembro. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

6. A falsidade do declarado na solicitude determinará a imposibilidade de percibir, de ser o caso, a axuda concedida, desde o momento en que se teña constancia da falsidade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan.

Artigo 5. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría. Unha vez recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, para o que se lle concederá un prazo de dez días, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

2. Efectuadas as comprobacións e estudos pertinentes, para a avaliación das solicitudes presentadas constituirase un órgano colexiado, integrado por tres funcionarios da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario e que estará presidido polo xefe do Servizo de Producións Gandeiras e Benestar Animal, que emitirá un informe que conterá unha relación dos solicitantes para os que se propón a concesión de subvención e a contía, así como daqueles para os que se propón a denegación da subvención solicitada. Á vista deste informe, o subdirector xeral de Gandaría, elevará a proposta de resolución ao órgano administrativo competente, que resolverá as solicitudes presentadas.

3. Os criterios obxectivos de outorgamento serán os seguintes.

No caso de que as axudas superen o crédito dispoñible, seguirase a prioridade seguinte entre as diferentes liñas sinaladas no artigo 2.1:

1. Axudas contidas no punto b.1º.

2. Axudas contidas no punto a.1º.

3. Axudas contidas no punto b.2º.

4. Axudas contidas no punto c.4º.

5. Axudas contidas nos puntos c.1º, c.2º e c.3º.

6. Axudas contidas nos puntos a.2º e a.3º.

En cada unha das liñas, terán prioridade as solicitudes presentadas por asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia, sobre as presentadas polo resto de persoas físicas e xurídicas. Así mesmo, tanto entre as primeiras como entre estas últimas, terán prioridade as das asociacións ou os apicultores que reúnan maior número de colmeas, con excepción das axudas recollidas no punto c.4º en que a prioridade corresponderá a aquelas solicitudes que reúnan maior número de colmeas transhumantes.

As axudas serán adxudicadas a aquelas solicitudes que queden colocadas diante na prelación establecida en función dos criterios anteriores. A determinación da contía será a fixada no artigo 2 para todos os beneficiarios, ata o esgotamento do crédito dispoñible.

4. A resolución do expediente correspóndelle á directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da conselleira do Medio Rural, por proposta do subdirector xeral de Gandaría, no prazo máximo de cinco meses contados desde o día seguinte ao de publicación desta orde. As resolucións serán notificadas ás persoas interesadas, segundo o previsto na normativa vixente. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, as solicitudes poderán entenderse desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 6. Recursos administrativos

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, que comezarán a contar a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, que comezarán a contar a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 7. Xustificacións e pagamento

1. A data límite para a presentación das xustificacións técnicas e económicas da realización do programa será o 31 de agosto de 2016, preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse tal como recolle o artigo 10 do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, nos rexistros dos órganos, servizos e unidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais; nos rexistros das entidades da Administración local, universidades públicas e institucións estatutarias da Comunidade Autónoma de Galicia, así como das entidades públicas con independencia funcional ou cunha autonomía especial recoñecida por lei, sempre que optaran pola súa inclusión no Sistema único de rexistro mediante o asinamento dun convenio de colaboración coa consellería competente en materia de administracións públicas; nas oficinas de Correos, segundo a normativa específica; no portelo único establecida no artigo 18 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizo e o seu exercicio, para aqueles que estean incluídos no seu ámbito de aplicación; en calquera outro rexistro que establezan as disposicións vixentes.

As solicitudes, escritos e comunicacións, que os/as cidadáns/ás dirixan aos órganos das administracións públicas en xeral, poderán presentarse nos rexistros e lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O pagamento tramitarase logo de xustificación da execución do proxecto no prazo sinalado e, para tal efecto, o beneficiario deberá presentar a seguinte documentación:

a) Memoria de realización da actividade en que se indiquen as datas de realización, o número de asistentes a cursos, de ser o caso, e outros aspectos de interese, á cal se xuntará a documentación relacionada coa actividade, tal como programas, folletos, notas de prensa e outros.

b) Facturas, nóminas, orixinais ou fotocopias compulsadas. Os gastos virán acompañados do documento que verifique o pagamento efectivo, é dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto), en que conste que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria, dentro do prazo para a xustificación da axuda. Non obstante, no caso de que o gasto non supere os 300 €, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo provedor e debe figurar a inscrición «Recibín en metálico a contía de ... € por parte de ... » No caso de pagamento de salario, gratificacións, etc., deberá constar a retención correspondente polo IRPF e xustificación do seu ingreso en Facenda.

c) Se a actividade subvencionada correspondese á publicación en formato impreso, audiovisual ou multimedia de orixinais de material didáctico ou de divulgación sobre temas apícolas, dirixidos á formación en materia apícola, incluída a súa preparación e elaboración sempre que a súa finalidade sexa a distribución de balde entre o público, entregarase ademais do establecido no parágrafo anterior, un exemplar orixinal ou unha copia equivalente do material realizado ou algún exemplar editado no caso de que sexa impreso, cunha memoria que indique o seu destino e a xustificación da distribución.

d) No programa de loita contra a varroase, certificación do veterinario responsable acerca da/s explotación/s en que foi executado:

– Nome e apelidos.

– NIF.

– Código REGA da explotación.

– Identificación da/s receita/s empregada/s.

– Número de colmeas implicadas.

– Nome comercial e doses de tratamento químico empregado, de ser o caso, e de cumprimento da normativa vixente en materia de medicamentos veterinarios. Ademais, o beneficiario deberá achegar a copia das receitas medicamentosas emitidas para o tratamento contra a varroase na súa explotación ou nas explotacións integrantes para o caso das cooperativas apícolas, organizacións representativas e asociacións de apicultores con personalidade xurídica propia. As copias deberán ser perfectamente lexibles e permitirán identificar claramente o número de receita, o nome comercial e as doses de tratamento químico empregado.

3. Xunto coa xustificación, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

4. A contía das axudas será satisfeita unha vez realizados os investimentos previstos en cada caso, tras a súa comprobación por parte dos servizos correspondentes da Consellería do Medio Rural. En ningún caso se considerarán gastos subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

5. Os beneficiarios teñen a obriga de conservar a documentación xustificativa relacionada coa operación comprendida dentro do sistema de financiamento do Feaga por un prazo de 3 anos contados desde o pagamento da axuda.

6. O incumprimento das obrigas asumidas polo beneficiario suporá a perda total ou parcial da axuda, así como a obriga de restituír as cantidades percibidas, sen prexuízo doutras responsabilidades en que puidesen incorrer os beneficiarios.

Artigo 8. Outras condicións

En toda a documentación publicada relacionada coas actividades obxecto da axuda farase constar a frase «Esta actividade foi realizada cunha axuda económica da Consellería do Medio Rural, do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e dos fondos Feaga da Unión Europea», cos correspondentes logotipos institucionais.

Artigo 9. Modificación das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da axuda no suposto de falta de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 10. Control da execución das actuacións

1. O control da execución dos programas levarao a cabo a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, realizando as comprobacións e inspeccións que considere necesarias, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como do lóxico seguimento e control das axudas concedidas.

2. Os beneficiarios deberán comunicar por escrito, de ser o caso, as datas e horas de realización das actividades obxecto de axuda con prazo suficiente para poder efectuar as comprobacións que se consideren oportunas. Ademais, están obrigados a facilitar todos os labores de inspección ao persoal técnico das distintas administracións que cofinancian o programa, achegando todos os datos que sobre o particular lles sexan solicitados.

3. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano xestor, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas, o Tribunal de Contas e o Servizo de Auditoría Interna do Fogga, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. No suposto de que unha vez notificada a resolución de concesión houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución da actividade sinalados na memoria da solicitude, ou calquera outra modificación, será comunicada á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias coa antelación suficiente para que poida realizar as comprobacións que considere necesarias, para os efectos de tramitar e propoñer a aprobación ou denegación da devandita modificación.

Artigo 11. Financiamento

1. O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.713E.770.2 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2016 de catrocentos corenta e cinco mil oitocentos noventa e seis euros (445.896 euros). Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama) ata un 25 % e a porcentaxe restante pola Xunta de Galicia en virtude do Regulamento (CE) núm. 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e o Real decreto 519/1999, do 26 de marzo, polo que se regula o réxime de axudas á apicultura no marco dos programas nacionais anuais. As ditas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.

2. En ningún caso poderá a axuda financeira do Estado membro ser superior á da Comunidade, en virtude do artigo 1 da Decisión da Comisión do 10 de agosto de 2007. Por tanto, a contía total de axudas aprobadas dependerá do importe do Feaga consignado a Galicia na repartición estatal.

3. De conformidade co disposto no número 4 do artigo 5 do Real decreto 519/1999, cando o importe das resolucións ditadas exceda, no que respecta aos importes que se financien mediante fondos achegados polo Magrama, as contías aprobadas para a Comunidade Autónoma de Galicia, procederase a reducir proporcionalmente as contías unitarias das axudas.

4. Igualmente, as resolucións poderán ser modificadas incrementando a contía das axudas, para readxudicar a parte de crédito autorizado e non utilizado e recoñecido en obriga dentro do exercicio, por falta de xustificación polos beneficiarios da realización das actuacións ou incumprimento do resto das súas obrigas, sempre que non se excedan as limitacións establecidas nesta orde e seguindo a mesma orde de prioridade sinalada no artigo 5.

5. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2016, no momento da resolución.

Artigo 12. Reintegro da axuda, infraccións e sancións

1. O interesado ten a obriga do reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida nos supostos previstos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no seu réxime de infraccións e sancións.

2. Se como consecuencia dos controis se detectan incumprimentos na execución do programa aprobado en aspectos relevantes para a súa efectividade, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos.

As deducións parciais aplicables serán as seguintes:

– Do 5 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 10 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 15 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 20 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 25 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 30 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

– Do 50 % do importe da axuda para o caso de incumprimentos relevantes detectados no 40 % das explotacións inspeccionadas ou controis realizados.

En caso de detectar un mesmo tipo de incumprimento na execución do programa sanitario en máis dun 40 % das explotacións gandeiras inspeccionadas perderase o dereito á axuda.

Artigo 13. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras.

2. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 14. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: sxt.medio-rural@xunta.es.

Disposición adicional primeira

En todas aquelas cuestións non previstas na presente orde será de aplicación o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo polo que se aproba o Regulamento da citada lei, e nas súas normas de desenvolvemento, sen prexuízo da aplicación das normas de organización e procedemento dispostas na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional segunda

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de novembro de 2015

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file