A Consellería do Mar está tramitando o anteproxecto de Lei de acuicultura de Galicia, que ten por obxecto regular a actividade da acuicultura e de todas as actividades directamente relacionadas con esta, no ámbito das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia. No Diario Oficial de Galicia do 19 de outubro de 2015 publicouse a Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar pola que se someteu a información pública o citado anteproxecto de lei polo prazo dun mes.
En virtude do exposto no artigo 7.4 do Decreto 111/1984, do 25 de maio, polo que se aproba o Regulamento de réxime interior da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 57/1994, do 25 de marzo, e co fin de seguir garantindo unha maior participación da cidadanía neste trámite administrativo,
ACORDO:
Someter a un novo trámite de información pública o anteproxecto da Lei de acuicultura de Galicia, que rematará o 15 de decembro de 2015.
Durante este tempo, o texto do anteproxecto de lei poderase seguir consultando no seguinte enderezo electrónico:
http://www.medioruralemar.xunta.es/nc/institucional/transparencia/elaboracion_de_disposicions_proxectos_e_actos_administrativos/disposicion/
As persoas interesadas, dentro do prazo sinalado, poderán enviar as súas alegacións preferentemente mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: sxt.mar@xunta.es ou, alternativamente, mediante a presentación dun escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2015
Mª Isabel Concheiro Rodríguez-Segade
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar