Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 233 Luns, 7 de decembro de 2015 Páx. 45997

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 20 de outubro de 2015, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do solo de núcleo rural do Caxigo, Fraialde, do concello de Pol (expediente PTU-LU-14/077).

O Concello de Pol remite o expediente de referencia no cal solicita a súa aprobación definitiva, de acordo coa disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizada a documentación achegada polo Concello, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Pol carece de planeamento xeral, dispondo dun proxecto de delimitación de solo urbano aprobado o 1.7.1980. Fóra do perímetro de solo urbano réxese polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a esta, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

2. Canto á tramitación do presente expediente, consta:

• Aprobación inicial do proxecto de delimitación (14.3.2014).

• Exposición pública (24.4.2014-5.6.2015) mediante anuncios en El Progreso do 23.4.2014 e La Voz de Galicia do 24.4.2014; e no DOG do 5.5.2014.

• Aprobación provisional do proxecto de delimitación (15.7.2014).

• Remisión do expediente á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, para os efectos de resolver sobre a aprobación definitiva (5.8.2014).

• Requirimento ao Concello por mor de trámites pendentes e deficiencias documentais que hai que emendar (16.9.2014).

• Informe favorable da Dirección Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Industria (30.3.2015).

• Informe favorable condicionado da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural (6.5.2015).

• Informe favorable da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) (26.6.2015).

• Aprobación provisional do novo proxecto de delimitación (acordo do Concello Pleno do 6.7.2015).

II. Obxecto.

II.1. Trátase dun proxecto promovido polo Concello de Pol, cara á delimitación dun ámbito de 0,66 ha. como núcleo rural común. Os terreos forman parte dun núcleo (A Portela) de xénese tradicional, que se atopa en dous concellos, o propio de Pol e o de Castro de Rei.

Nos terreos da delimitación, separado do resto do núcleo por unha estrada autonómica, emprázase unha explotación agropecuaria, unha vivenda tradicional e unha parcela vacante de edificación.

Malia que semella máis axeitado afirmar que os terreos forman parte do núcleo da Portela, o proxecto vincúlaos co núcleo veciño do Caxigo por atoparse este totalmente no concello de Pol.

II.2. O proxecto delimita o núcleo, integrado por unha única zona edificable, definindo a aliñación no treito da estrada LU-760 coa que linda. Así mesmo, determina as condicións de uso, volume, estéticas, etc. aplicables no seu ámbito. Non se prevén espazos destinados a usos dotacionais nin se cataloga ningún elemento.

III. Observacións.

III.1. Debido á especial circunstancia de que o núcleo se atopa entre dous concellos, será o planeamento xeral, ou análoga delimitación de núcleo no concello de Castro de Rei, o encargado, de xeito coordinado, da delimitación completa do asentamento tradicional de poboación da Portela.

III.2. O proxecto xustifica adecuadamente os requisitos que establece o artigo 13 da LOUG para os núcleos comúns e contén o estudo individualizado do núcleo conforme o sinalado polo artigo 61.3 e máis os planos de delimitación. Queda reflectida a rede viaria pública existente e establécense as determinacións previstas nas letras d) e f) do artigo 56.1 da lei. Non se prevén espazos reservados para dotacións e equipamentos.

III.3. Compróbase que se tramitou o expediente segundo o establecido na disposición adicional segunda da LOUG.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 12.1.b) do Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente o proxecto de delimitación do núcleo rural do Caxigo, Fraialde, concello de Pol.

2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Notifíquese ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2015

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo