Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 235 Xoves, 10 de decembro de 2015 Páx. 46231

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural

DECRETO 180/2015, do 26 de novembro, polo que se modifica o Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural.

O día 22 de xaneiro de 2010 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural.

O artigo 127.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, prevé que o exercicio da potestade sancionadora corresponde aos órganos administrativos que a teñan expresamente atribuída, por disposición de rango legal ou regulamentario, e o artigo 134 da mesma norma legal exixe que a potestade sancionadora se exerza consonte un procedemento legal ou regulamentariamente establecido.

Precisamente, un dos obxectivos do Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, era regular a atribución competencial para o exercicio da potestade sancionadora nas materias propias do medio rural. As materias propias do medio rural abranguen ámbitos materiais tan variados como os recollidos nas seguintes leis: a Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal; a Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal; a Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño; a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega; a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia; a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, e o Real decreto lexislativo 1/2015, do 24 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de garantías e uso racional dos medicamentos e produtos sanitarios.

O Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, tamén recolle a materia de conservación da natureza, que se regula no ámbito autonómico na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

Non obstante o anterior, a elaboración e entrada en vigor de novas disposicións legais que afectan este ámbito do medio rural determina a necesidade de actualizar de novo a regulación competencial nos procedementos sancionadores, en conxunción coas competencias que ten atribuídas a Consellería do Medio Rural ao abeiro do Decreto 166/2015, do 13 de novembro, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural.

En concreto, xorden novas necesidades de regulación competencial que derivan da aplicación do réxime sancionador que se contén na Lei 17/2011, do 5 de xullo, de seguridade alimentaria e nutrición, no tocante ás competencias de que dispón a Consellería do Medio Rural en materia de seguridade alimentaria nas producións gandeiras, e tamén na Lei 12/2013, do 2 de agosto, de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria, e considéranse, así mesmo, as competencias desta consellería no ámbito da cadea alimentaria. Por tanto, esta modificación cobre tales necesidades.

Esta modificación tamén aborda a cuestión da distribución competencial territorial para que inicien os procedementos sancionadores as diversas xefaturas territoriais. Ata o de agora só fora establecida nos concretos ámbitos da calidade alimentaria, montes e incendios, xa que tanto a Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, como a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, regulan expresamente esta cuestión. Non obstante, a regulación que introduce este decreto concreta tal distribución para o resto das materias do medio rural mediante a introdución, con carácter xeral, do principio de forum delicti comissi, xa que, na meirande parte dos casos, se acude como criterio de distribución competencial territorial ao do lugar de comisión da infracción.

Na súa virtude, por proposta da conselleira do Medio Rural, de acordo co Consello Consultivo, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e seis de novembro de dous mil quince,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural

O Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural, queda modificado como segue:

Un. Engádese un número apartado 3 no artigo 1, coa seguinte redacción:

«3. Establecer a competencia das xefaturas territoriais para a incoación de procedementos sancionadores».

Dous. O artigo 7 queda redactado como segue:

«Artigo 7. Órganos sancionadores en materia de seguridade alimentaria nas producións gandeiras

Os órganos competentes para a imposición de sancións pola comisión de infraccións en materia de seguridade alimentaria nas producións gandeiras serán os seguintes:

a) A persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de seguridade alimentaria nas producións gandeiras, pola comisión de infraccións leves.

b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de seguridade alimentaria nas producións gandeiras, pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellería competente en materia de seguridade alimentaria nas producións gandeiras, pola comisión de infraccións moi graves».

Tres. Engádese un novo artigo 8, coa seguinte redacción:

«Artigo 8. Órganos sancionadores en materia de mellora do funcionamento da cadea alimentaria

Os órganos competentes para a imposición de sancións pola comisión de infraccións en materia de mellora do funcionamento da cadea alimentaria serán os seguintes:

a) A persoa titular da xefatura territorial da consellería competente en materia de mellora do funcionamento da cadea alimentaria, pola comisión de infraccións leves.

b) A persoa titular da dirección xeral competente en materia de mellora do funcionamento da cadea alimentaria, pola comisión de infraccións graves.

c) A persoa titular da consellería competente en materia de mellora do funcionamento da cadea alimentaria, pola comisión de infraccións moi graves».

Catro. Engádese un novo artigo 9, coa seguinte redacción:

«Artigo 9. Competencias das xefaturas territoriais para a incoación de procedementos sancionadores

A competencia das xefaturas territoriais para a incoación de procedementos sancionadores de competencia autonómica en materias do medio rural axustarase ás seguintes regras:

a) No caso de infraccións en materia de promoción e defensa da calidade alimentaria galega ou en materia de viños o órgano competente para incoar os expedientes sancionadores será a persoa titular da xefatura territorial da consellería competente na materia de agricultura onde o operador teña o seu domicilio ou razón social, agás no suposto de que teña o seu domicilio fóra da comunidade autónoma; neste caso a incoación realizaraa a persoa titular da xefatura territorial do ámbito territorial onde se detectase a infracción.

b) No caso de infraccións en materia de mellora do funcionamento da cadea alimentaria o órgano competente para incoar os expedientes sancionadores será a persoa titular da xefatura territorial da consellería competente nesta materia correspondente ao lugar en que teña o seu domicilio ou razón social o primeiro comprador.

c) No caso de infraccións nas materias propias do medio rural distintas das previstas nos parágrafos anteriores, o órgano competente para incoar os expedientes sancionadores será a persoa titular da xefatura territorial da consellería competente na materia correspondente ao lugar de comisión da infracción, sen prexuízo da especificidade establecida nos números 1 e 3 do artigo 54 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e no artigo 55 bis da Lei 3/2007, do 9 de abril.

Cinco. Engádese un novo artigo 10, que queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 10. Procedemento sancionador

Os procedementos sancionadores en materias do medio rural, xa sexan por infraccións leves, menos graves, graves ou moi graves, tramitaranse conforme a normativa estatal reguladora do procedemento administrativo sancionador, sen prexuízo do cumprimento das peculiaridades procedementais reguladas por cada norma sancionadora substantiva».

Disposición adicional única. Referencias a departamentos territoriais

As referencias aos departamentos territoriais contidas no Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural, entenderanse realizadas ás xefaturas territoriais, consonte o establecido no artigo 35 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición transitoria única. Réxime aplicable aos procedementos sancionadores en materias do medio rural iniciados antes da entrada en vigor da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas

«Nos procedementos sancionadores en materias do medio rural que se inicien antes da entrada en vigor da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo das administracións públicas, a remisión á normativa estatal contida no artigo 10 do Decreto 2/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regulan os órganos competentes e o procedemento para a imposición de sancións en materias do medio rural, entenderase feita á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e aos artigos 11 a 22 do Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, aprobado polo Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, sen prexuízo do cumprimento das peculiaridades procedementais reguladas por cada norma sancionadora substantiva».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de novembro de dous mil quince

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural