Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 239 Mércores, 16 de decembro de 2015 Páx. 47046

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de decembro de 2015 pola que se procede ao nomeamento dos membros da Comisión galega de laboratorios de ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.

O Decreto 105/2015, do 25 de xuño, polo que se regulan o Rexistro e a Comisión galega de laboratorios para a realización de ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano e o seu réxime de acceso á actividade, no seu artigo 6.1 establece a composición desta comisión:

a) Presidente/a, cunha duración anual, terá carácter rotatorio entre os/as vogais representantes dos distintos laboratorios.

b) Vogais que serán designados pola persoa titular da consellería con competencias en materia de sanidade a proposta de cada unha das consellerías implicadas: consellería con competencias en materia de actividades e servizos pesqueiros, consellería con competencias en materia de sanidade animal e vexetal e consellería con competencias en materia de consumo.

O Decreto 105/2015, do 25 de xuño, derroga o Decreto 14/2000, do 7 de xaneiro, de autorización de laboratorios para a realización de determinados ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.

Co motivo dos cambios producidos pola nova normativa, e unha vez consultadas as consellerías implicadas e recibida a súa proposta de nomeamentos, en virtude das facultades que me confire o artigo 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Nomeamentos

Facer público o nomeamento dos/das vogais e suplentes que formarán parte da Comisión galega de laboratorios de ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano segundo as propostas recibidas polas consellerías do Medio Rural, do Mar, de Sanidade e de Economía, Emprego e Industria, que queda composta do modo indicado no anexo.

Artigo 2. Cesamentos

O cesamento como membros da Comisión dos/das designados/as na Orde do 29 de xaneiro de 2010.

Disposición derrogatoria. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido na presente orde e, en particular, a Orde do 29 de xaneiro de 2010, pola que se procede ao nomeamento e cesamento dos membros da Comisión galega de laboratorios de ensaios e control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2015

Jesús Vázquez Almuiña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Composición da Comisión galega de laboratorios de ensaios de control de produtos alimenticios relacionados co consumo humano.

1. Pola Consellería de Sanidade:

Vogal. Subdirector xeral de Programas de Control de Riscos Ambientais para a Saúde: Ángel Gómez Amorín.

Vogal suplente. Xefa do Servizo de Control e Auditorías: Marta Piñeiro Sotelo.

2. Pola Consellería do Mar:

Vogal. Directora do Intecmar: Covadonga Salgado Blanco.

Vogal suplente. Subdirector xeral do Intecmar: Emiliano Cacho Barrio.

3. Pola Consellería do Medio Rural:

Vogal. Director do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia: Manuel López Leizán.

Vogal suplente. Xefe de área do Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia: Antonio Vela Martínez.

4. Pola Consellería de Economía, Emprego e Industria:

Vogal. Directora do Laboratorio de Consumo de Galicia: Natalia Crespo González.

Vogal suplente. Xefa de sección do Laboratorio de Consumo de Galicia: Juana Ferreiro López-Rioboo.