Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 18 de decembro de 2015 Páx. 47319

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 2 de decembro de 2015, da Dirección Xeral de Recursos Económicos, pola que se dispón a publicación do acordo de encomenda de xestión á Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés para a xestión material do expediente de contratación da subministración sucesiva de drenaxes cirúrxicas, torácicas e outras para as estruturas de xestión integrada.

A Dirección Xeral de Recursos Económicos e a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés subscribiron, con data do 11 de novembro de 2015, un acordo polo que se encomenda á devandita xerencia a xestión material do expediente de contratación, mediante procedemento aberto, da subministración sucesiva de drenaxes cirúrxicas, torácicas e outras para as estruturas de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.

Para xeral coñecemento e en cumprimento do disposto no punto 4 do artigo 8 da Lei 16/2000, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, disponse a súa publicación como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2015

Lourdes Vilachán Angueira
Directora xeral de Recursos Económicos

ANEXO

Acordo entre a Dirección Xeral de Recursos Económicos e a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés para a encomenda a esta última da xestión material do expediente de contratación da subministración sucesiva de drenaxes cirúrxicas, torácicas e outras para as estruturas de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde.

Dunha parte, Lourdes Vilachán Angueira, directora xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Doutra parte, José Manuel González Álvarez, xerente da Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés,

Expoñen:

O artigo 3 da Orde do 5 de xullo de 2012, sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, nos seus puntos 1 b) e 2 b) establece as competencias da Dirección Xeral de Recursos Económicos para actuar como órgano de contratación e de xestión do gasto nas contratacións centralizadas ou que afecten unha pluralidade de centros do Servizo Galego de Saúde.

O artigo 13 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, establece a posibilidade de realizar encomendas de xestión intrasubxectivas, entre órganos integrados na mesma persoa xurídica, e intersubxectivas, realizadas entre persoas xurídicas distintas, para a realización de actividades de carácter material, técnico ou de servizos dentro do sector público autonómico. As ditas encomendas rexeranse polo disposto nos artigos 8 e 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

No Servizo Galego de Saúde é habitual que determinadas actividades técnicas e administrativas de centralización de compras sexan realizadas desde as súas estruturas organizativas periféricas, de tal xeito que todos os recursos humanos e técnicos destinados á contratación administrativa participen e colaboren nestas actividades corporativas do organismo autónomo. A finalidade é non duplicar os esforzos da contratación e aproveitar os recursos existentes neste ámbito.

Polo exposto, encoméndase á Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés a tramitación do expediente de contratación da subministración sucesiva de drenaxes cirúrxicas, torácicas e outras con destino aos centros sanitarios dependentes do Servizo Galego de Saúde, subscribindo ambas as dúas partes o presente instrumento de formalización de encomenda de xestión que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira. Obxecto da encomenda de xestión

A Dirección Xeral de Recursos Económicos e a Xerencia de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés acordan, no marco do disposto na Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, que a citada xerencia leve a cabo, por razóns de eficacia, a xestión material do expediente para a contratación, polo Servizo Galego de Saúde, da subministración sucesiva de drenaxes cirúrxicas, torácicas e outras con destino aos centros sanitarios dependentes do Servizo Galego de Saúde, mediante procedemento aberto.

Segunda. Natureza e alcance da encomenda

A xestión material que se encomenda, con respecto ao citado no punto anterior, concretarase nas seguintes actividades, co alcance que en cada caso se sinale:

a) O inicio, impulso e tramitación do expediente de contratación en todas as súas fases, así como dos contratos que deriven del desde a súa formalización ata a súa finalización.

b) A solicitude das autorizacións e dos informes que estableza a normativa de contratos do sector público ou a normativa orzamentaria e administrativa.

c) A recepción das ofertas dos licitadores e de calquera outro documento que durante a tramitación se reciba destinado ao órgano de contratación.

d) A convocatoria, preparación e realización das mesas de contratación.

e) A proposta e preparación material de todos aqueles actos e resolucións que deba ditar a Dirección Xeral de Recursos Económicos.

Terceira. Financiamento

A presente encomenda de xestión non dará lugar a contraprestacións financeiras entre as partes, as cales asumirán os custos das actuacións que deben realizar.

Cuarta. Prazo de vixencia

O prazo de vixencia do presente acordo establécese desde a súa sinatura ata o peche definitivo do expediente de contratación.

Quinta. Titularidade da competencia

A encomenda de xestión non supón cesión da titularidade das competencias en materia de contratación e orzamentaria, nin dos elementos substantivos do seu exercicio, atribuídas á Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Sexta. Actos e disposicións

É responsabilidade da Dirección Xeral de Recursos Económicos ditar os actos ou resolucións de carácter xurídico que dean soporte ou nos cales se integre a concreta actividade material obxecto da presente encomenda de xestión.

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2015

Lourdes Vilachán Angueira
Directora xeral de Recursos
Económicos

José Manuel González Álvarez
Xerente de Xestión Integrada
de Pontevedra e O Salnés