Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 21 de decembro de 2015 Páx. 47518

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se publica o convenio de colaboración entre o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a Xunta de Galicia sobre diversas actuacións de coordinación en materia de contratación pública.

Subscrito o convenio de colaboración entre o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a Xunta de Galicia sobre diversas actuacións de coordinación en materia de contratación pública, e en cumprimento do disposto no punto dous do artigo 8 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do citado convenio, que figura no anexo desta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2015

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda

ANEXO
Convenio de Colaboración entre o Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a Xunta de Galicia sobre diversas actuacións de coordinación en materia de contratación pública

En Madrid o 10 de decembro de 2015

Reunidos:

Dunha parte Pilar Platero Sanz, subsecretaria de Facenda e Administracións Públicas nomeada polo Real decreto 1853/2011, do 23 de decembro, con competencia para subscribir o presente convenio en virtude da delegación de competencias efectuada polo artigo 6 da Orde HAP/1335/2012, do 14 de xuño, de delegación de competencias a favor de diversos órganos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Doutra parte, Valeriano Martínez García, como conselleiro de Facenda da Xunta de Galicia, para cuxo cargo foi nomeado polo Decreto da Presidencia 16/2015, do 9 de febreiro (DOG nº 27, do 10 de febreiro), con competencia para subscribir o presente convenio en virtude do disposto no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e por acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de agosto de 2013.

Expoñen:

O texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro (TRLCSP, en diante), establece no seu artigo primeiro que ten por obxecto regular a contratación do sector público, co fin de garantir que se axuste aos principios de liberdade de acceso ás licitacións, publicidade, transparencia dos procedementos e non discriminación e igualdade de trato entre os candidatos, buscando salvagardar a libre competencia e a selección da oferta economicamente máis vantaxosa.

O ámbito de aplicación do TRLCSP concrétase no artigo segundo definindo como contratos do sector público aqueles contratos onerosos, calquera que sexa a súa natureza, celebrados por algunha das entidades definidas como sector público no artigo terceiro.

Continúa o artigo segundo, no seu ordinal terceiro, indicando que a aplicación do texto refundido aos contratos que celebran as comunidades autónomas e as entidades locais do seu territorio ou organismos dependentes efectuarase conforme o previsto na disposición derradeira segunda.

A citada disposición derradeira segunda sinala que con carácter xeral o texto refundido constitúe lexislación básica ditada ao amparo do artigo 149.1 da Constitución e en consecuencia é de aplicación xeral a todas as administracións públicas e organismos e entidades dependentes delas, exceptuando dela unha serie de artigos concretos, aos cales exclúe o carácter de lexislación básica.

O presente convenio de colaboración ten por obxecto a coordinación das actuacións da Administración xeral do Estado e a Xunta de Galicia en dous ámbitos concretos: a plataforma de contratación do sector público e os rexistros oficiais de licitadores e empresas clasificadas.

Preténdese utilizar e difundir a plataforma de contratación do sector público, establecida no artigo 334 do TRLCSP, como soporte aos perfís de contratante de calquera órgano de contratación con independencia da Administración de que dependa, así como para dar publicidade a través da internet das convocatorias de licitacións e dos seus resultados, e canta información adicional se considere relevante respecto dos contratos que se celebren, facilitando, así mesmo, as comunicacións entre o órgano de contratación e os licitadores e abarcando outros trámites da contratación administrativa, que axilicen e faciliten a tramitación, tanto aos órganos xestores do sector público como aos contratistas.

A citada plataforma constitúe un vehículo idóneo para cumprir os principios citados que inspiraron o TRLCSP de liberdade de acceso ás licitacións, publicidade, transparencia, igualdade de trato e non discriminación, dado que é susceptible de ser utilizada por calquera órgano de contratación do sector público, calquera que sexa a Administración pública de que dependa, e sen prexuízo da existencia doutros instrumentos similares nas comunidades autónomas.

A interconexión de datos entre as plataformas das comunidade autónomas e a do Estado, no relativo ao seu desenvolvemento normativo, xa se regulou mediante a disposición adicional terceira da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía da unidade de mercado, modificando o citado artigo 334 do TRLCSP, cambiando a denominación da plataforma do estado a plataforma de contratación do sector público e establecendo o carácter obrigatorio da súa utilización por todas as entidades citadas no artigo terceiro ordinal primeiro do TRLCSP.

No artigo 326 do TRLCSP establécese o Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Estado e no artigo 327 do TRLCSP cítanse os rexistros oficiais de licitadores e empresas clasificadas das comunidades autónomas, prevéndose no artigo 332, a colaboración entre os citados rexistros, facilitando o do Estado a todas as administracións a información que precisen sobre o contido dos respectivos rexistros, polo que o presente convenio é un bo instrumento para facer efectiva a colaboración indicada.

Por outra banda, o valor que para efectos de contratación paneuropea recoñece a Directiva 2014/24/UE do Parlamento Europeo e do Consello, de 26 de febreiro de 2014 sobre contratación pública e pola que se derroga a Directiva 2004/18/CE, aos rexistros nacionais dos Estados membros da Unión Europea, e o recoñecemento dos efectos dos seus certificados nos contratos públicos celebrados por todos os países membros, fai moi vantaxosa para os empresarios inscritos a consolidación dos distintos rexistros de licitadores actualmente existentes nun único Rexistro Nacional cuxos certificados proporcionen a todos os empresarios nel inscritos as vantaxes derivadas das devanditas disposicións.

Por iso, e de acordo cos principios en que está inspirado o texto refundido, liberdade de acceso, publicidade, concorrencia, transparencia, etc., é necesario e conveniente que as administracións públicas fagan un esforzo en coordinarse nesta materia e que se utilice a mesma terminoloxía, os mesmos criterios, procedementos, e documentos, de tal forma que os axentes económicos, ou licitadores, calquera que sexa o ámbito territorial en que mostren interese sobre unha contratación, teñan a certeza e seguridade de que a documentación, terminoloxía, principios e criterios serán similares, calquera que sexa o órgano de contratación.

Visto o anteriormente exposto e no marco de colaboración mutua que debe presidir as relacións entre as administracións públicas e en cumprimento do establecido no artigo 4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os representantes de ambas as partes consideran que sería moi beneficioso para o cumprimento dos seus respectivos fins establecer un marco de colaboración no ámbito das citadas materias de contratación pública.

Así mesmo, o artigo 33 da Lei 2/2011, do 4 de marzo, de economía sustentable, prevé a cooperación entre as administracións públicas co fin de adoptar medidas para a racionalización e contención do gasto público.

O contido das propostas de actuación do presente convenio atópanse incluídas dentro das medidas aprobadas pola Comisión para a Reforma das Administracións Públicas (CORA), creada por Acordo do Consello de Ministros do 26 de decembro de 2012, en concreto a medida nº 1.04.001 relativa á plataforma de contratación do sector público e a medida nº 1.04.003 relativa aos rexistros oficiais de licitadores e empresas clasificadas das comunidades autónomas.

Polo que se refire ao procedemento para a realización de convenios é preciso ter en conta o previsto na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo establece a disposición adicional décimo terceira da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no ámbito da Administración xeral do Estado, os titulares dos departamentos ministeriais e os presidentes ou directores dos organismos públicos vinculados ou dependentes poderán realizar os convenios previstos no artigo 6, dentro das facultades que lles outorga a normativa orzamentaria e logo do cumprimento dos trámites establecidos, entre os cales se indicará necesariamente o informe do ministerio ou ministerios afectados.

Mentres non teña lugar un desenvolvemento normativo da devandita materia, deben entenderse aplicables as previsións contidas no Acordo do Consello de Ministros do 2 de marzo de 1990, modificado polo Acordo de Consello de Ministros do 3 de xullo de 1998, relativos ao contido dos convenios e procedemento para a súa aprobación previa á súa sinatura.

O Acordo do Consello de Ministros do 2 de marzo de 1990, sobre convenios de colaboración entre a Administración xeral do Estado e as comunidades autónomas, modificado polo Acordo do Consello de Ministros do 3 de xullo de 1998, sobre competencia para celebrar convenios de colaboración coas comunidades autónomas, publicados polas resolucións da extinta Secretaría de Estado para as Administracións Públicas (BOE do 16 de marzo de 1990 e 3 de xullo de 1998, respectivamente) dispuxo no seu ordinal primeiro que a subscrición de convenios de colaboración entre a Administración do Estado e as comunidades autónomas deberá ser autorizada con carácter previo pola Comisión Delegada do Goberno para Política Autonómica, atribuíndo, no seu ordinal sétimo, punto 3, ao entón secretario de Estado para as Administracións Territoriais, a autorización provisional daqueles convenios nos cales o informe do extinto Ministerio de Administracións Públicas fose favorable ou nos cales, formuladas observacións sobre aspectos formais, estas fosen completamente emendadas, engadindo que esta autorización provisional deberá ser ratificada pola Comisión Delegada do Goberno na primeira sesión que esta celebre.

O Real decreto 1886/2011, do 30 de decembro, polo que se establecen as comisións delegadas do Goberno, na súa disposición adicional cuarta, punto 1, suprimiu a citada Comisión Delegada do Goberno para Política Autonómica.

O Real decreto 256/2012, do 27 de xaneiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, no seu artigo 14.1.c), atribúe á Dirección Xeral de Coordinación de Competencias coas Comunidades Autónomas e as Entidades Locais, da Secretaría Xeral de Coordinación Autonómica e Local, a tramitación da autorización e o rexistro dos convenios de colaboración entre a Administración xeral do Estado e as administracións das comunidades autónomas.

Por todo isto, e de acordo coa natureza do convenio foi remitido para o seu preceptivo informe á Secretaría Xeral de Coordinación Autonómica e Local dependente do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Consultada a Avogacía do Estado na Secretaría de Estado de Administracións Públicas sobre o tratamento que proceda dar transitoriamente aos proxectos de convenio de colaboración ata que se regule un novo procedemento de autorización destes, a Avogacía do Estado, tras a consulta formulada á Avogacía Xeral do Estado, e emitirse esta o 9 de marzo de 2012, indicou no seu informe do 15 de marzo de 2012 que, mentres non exista unha norma que veña derrogar expresa ou tacitamente o citado Acordo do Consello de Ministros do 2 de marzo de 1990, non pode considerarse que as exixencias contidas no devandito acordo en relación coa subscrición de convenios de colaboración (sometemento a autorización previa, etc.) quedasen sen efecto como consecuencia da supresión da Comisión Delegada do Goberno para Política Autonómica, sen prexuízo da necesidade de adaptar as referencias aos distintos órganos do Goberno e da Administración contidas no devandito acordo á actual estrutura do Goberno e de Administración do Estado, considerando neste sentido, que se debe manter a autorización provisional, que entende corresponde outorgar ao titular da Secretaría Xeral de Coordinación Autonómica e Local, e a ratificación desta, que, polas razóns que expón o informe, debe corresponder agora ao Consello de Ministros.

Mediante Acordo de Consello de Ministros do 6 de novembro de 2015 foi ratificada a autorización provisional para a subscrición deste convenio de colaboración.

En consecuencia, ambas as administracións públicas acordan subscribir o presente convenio de colaboración de conformidade coas seguintes

Cláusulas

Primeira. Obxecto do convenio de colaboración

O presente convenio ten por obxecto a colaboración entre a Administración xeral do Estado, Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Facenda, competente en materia de contratación pública, nos termos establecidos no presente convenio, para a realización das seguintes actividades:

I. Utilización da plataforma de contratación do sector público para achegar información sobre os procesos de contratación no ámbito de competencias da Xunta de Galicia, mediante un intercambio de información entre a plataforma de contratos públicos de Galicia (PCPG) e a plataforma de contratación do sector público da Administración xeral do Estado.

II. Consolidación nun único Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público dos asentos do Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Estado (ROLECE) e o Rexistro Xeral de Contratistas de Galicia, de acordo co establecido na cláusula segunda. Tras a apertura do Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público, ambas as administracións practicarán nel as inscricións rexistrais que actualmente son practicadas nos seus respectivos rexistros, aos que o novo Rexistro substitúe para todos os efectos, de acordo co procedemento a que se refire a cláusula terceira. Estas inscricións terán os mesmos efectos e plena eficacia fronte a todos os órganos de contratación do sector público, sen ningunha distinción por razón da Administración que as realice.

Para ese efecto, as respectivas administracións promoverán dilixentemente as modificacións normativas, organizativas e de procedementos que resulten necesarias para a plena efectividade do acordado.

I. Plataforma de contratación do sector público.

A. Ámbito obxectivo de aplicación.

O presente convenio, no ámbito de coordinación da plataforma de contratación do sector público, ten por obxecto unificar a publicación das convocatorias de licitacións de todas as entidades pertencentes ao sector público, e os seus resultados nun mesmo sistema de información que ofreza a través da internet toda a información de forma accesible ás empresas e cidadáns.

Preténdese con iso facilitar o cumprimento da disposición adicional terceira da Lei 20/2013, do 9 de decembro, de garantía de unidade de mercado, na que se establece que:

«A plataforma de contratación do Estado regulada no artigo 334 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, pasará a denominarse plataforma de contratación do sector público.

Na plataforma publicarase, en todo caso, ben directamente polos órganos de contratación ou por interconexión con dispositivos electrónicos de agregación da información das diferentes administracións e entidades públicas, a convocatoria de licitacións e os seus resultados de todas as entidades comprendidas no número 1 do artigo 3 do texto refundido da Lei de contratos do sector público».

B. Actuacións.

Ambas as administracións públicas executarán os compromisos establecidos na cláusula oitava e realizarán os desenvolvementos informáticos que lles correspondan nos prazos máis breves posibles.

C. Procedemento.

Preténdese a agregación de información sobre convocatorias de licitacións e os seus resultados mediante mecanismos de interconexión. Para levar a cabo esta proposta a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado e a Xunta de Galicia realizarán os desenvolvementos normativos, organizativos e técnicos necesarios para facer posible o cumprimento dos obxectivos perseguidos.

Agregación de información sobre convocatorias de licitacións e os seus resultados mediante mecanismos de interconexión.

A Comunidade Autónoma manterá os perfís do contratante dos órganos de contratación dependentes dela aloxados na súa propia plataforma, e notificará á plataforma de contratación do sector público sobre todas as publicacións relativas a convocatorias de licitacións e os seus resultados mediante mecanismos de interconexión para a agregación de información.

O conxunto de datos que se compartirán, especificacións técnicas dos formatos, protocolos e mecanismos de intercambio de información serán acordados entre a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado e a Comunidade Autónoma que faga uso deste mecanismo de agregación de información.

A plataforma de contratación do sector público facilitará aos cidadáns e empresas a procura global de toda a información publicada, e o acceso ás publicacións nas plataformas interconectadas.

D. Compromiso das partes.

Ambas as administracións acordan que o servizo se ofrecerá conforme as seguintes condicións:

Ambas as administracións públicas aceptan a utilización das especificacións funcionais e técnicas establecidas entre a Dirección Xeral do Patrimonio do Estado e as Administracións Públicas conectadas coa plataforma de contratación do sector público para a agregación de información.

A Dirección Xeral do Patrimonio do Estado:

a) Desenvolverá un conxunto de especificacións funcionais e técnicas do sistema de interconexión para a agregación de información na plataforma de contratación do sector público.

b) Ofrecerá soporte técnico á integración da plataforma de contratos públicos de Galicia (PCPG) coa plataforma de contratación do sector público, conforme as especificacións desenvolvidas.

c) Asegurará a integridade da información comunicada desde a Comunidade Autónoma, unha vez posto o servizo en funcionamento.

d) Asegurará a dispoñibilidade do servizo en modo 24×7. Poderán programarse paradas do servizo fóra do horario habitual de traballo cun aviso previo aos usuarios de polo menos 48 horas, salvo causa xustificada.

A Xunta de Galicia:

a) Tomará as medidas organizativas, desenvolverá a normativa, e acometerá os desenvolvementos informáticos necesarios, para asegurar a comunicación á plataforma de contratación do sector público de todas as publicacións de convocatorias de licitacións e os seus resultados que se realicen na plataforma de contratos públicos de Galicia (PCPG).

b) Será responsable da veracidade e completitude da información enviada, ou posta á disposición da plataforma de contratación do sector público relativa ás publicacións realizadas na plataforma de contratos públicos de Galicia (PCPG).

c) Asegurará a dispoñibilidade e accesibilidade da información publicada na plataforma de contratos públicos de Galicia (PCPG) a través das ligazóns proporcionadas á plataforma de contratación do sector público.

d) Autoriza a que a plataforma de contratación do sector público poida ofrecer servizos públicos a cidadáns e empresas baseados na explotación desta información: servizos de subscricións e alertas, informes sobre actividade contractual das administracións, etc.

E. Comité técnico.

Co obxecto de impulsar e coordinar a execución das actuacións necesarias para a execución das medidas recollidas neste convenio así como para o seu seguimento, neste punto, crearase un comité técnico formado por dous membros, un pertencente a cada Administración pública.

O representante da Administración xeral do Estado será a subdirectora xeral de Coordinación da Contratación Electrónica da Dirección Xeral do Patrimonio do Estado do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

A representante da Xunta de Galicia será a persoa que ocupe a Dirección da Área de Modernización das Administracións Públicas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Por requirimento dos devanditos representantes, poderán incorporarse ás sesións do comité un ou máis expertos, con carácter non permanente, en función das materias para ser tratadas en cada sesión.

O comité técnico reunirase cantas veces sexa necesario e por pedimento de calquera das partes, reuníndose polo menos unha vez ao ano para avaliar os resultados derivados da execución do convenio e, se é o caso, propoñer a adopción de medidas que contribúan ao seu cumprimento.

F. Custos deste punto do convenio de colaboración.

Os servizos da plataforma de contratación do sector público serán ofrecidos pola Administración xeral do Estado á Xunta de Galicia de forma totalmente gratuíta.

A Administración xeral do Estado por medio da Dirección Xeral do Patrimonio do Estado asumirá o custo de:

a) Os desenvolvementos informáticos para as adaptacións da plataforma de contratación do sector público que resulten necesarias para facilitar a posibilidade de publicar a información por parte da Xunta de Galicia.

b) O desenvolvemento de especificacións funcionais e técnicas dos sistemas de interconexión entre sistemas, cando sexa necesario.

c) O servizo de soporte de usuarios institucionais relativo ao uso da plataforma, ou o soporte técnico relativo á interconexión dos sistemas.

d) O mantemento da infraestrutura informática e os servizos necesarios para o correcto funcionamento da plataforma de contratación do sector público.

Con todo, a Xunta de Galicia asumirá o custo de:

a) Os desenvolvementos informáticos que sexa necesario acometer nos seus propios sistemas de información para a interconexión coa plataforma de contratación do sector público, se for necesario.

b) Servizos de comunicacións necesarios para conectar coa plataforma de contratación do sector público a través da internet ou da rede SARA.

II. Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público.

A) Ámbito obxectivo de aplicación.

O texto refundido da Lei de contratos do sector público establece nos seus artigos 326 a 332 o contido e regulación básica do Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Estado (ROLECE), habilita igualmente as comunidades autónomas para crear os seus propios rexistros oficiais de licitadores, e dispón que facilitarán ás outras administracións a información que precisen sobre o contido dos respectivos rexistros.

Adicionalmente, no seu artigo 83 a Lei atribúe ás inscricións do ROLECE plenos efectos de acreditación fronte a todos os órganos de contratación do sector público, mentres que outorga ás inscricións dos rexistros creados polas comunidades autónomas iguais efectos nos seus respectivos ámbitos propios de contratación e nos das entidades locais do seu ámbito territorial.

No ámbito dos rexistros de licitadores o presente convenio ten por obxecto coordinar e consolidar nun único rexistro toda a información actual e futura relativa a empresarios e demais operadores económicos, tanto a inscrita ou susceptible de inscrición no actual ROLECE como o Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia, mantendo invariables as competencias das respectivas administracións respecto da tramitación e resolución dos expedientes de inscrición e modificación rexistral, outorgando os mesmos efectos e eficacia plenos fronte a todos os órganos de contratación do sector público aos asentos practicados no Rexistro por ambas as administracións.

O novo Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público, de carácter electrónico e acceso telemático, facilitará tanto aos órganos de ambas as administracións como aos interesados o acceso a el a través da internet. Todas as operacións necesarias para a tramitación das inscricións no Rexistro practicaranse sobre unha única base de datos común, tanto se a solicitude de inscrición é practicada polos órganos competentes da Comunidade Autónoma coma se o é polos da Administración xeral do Estado.

Os formularios de inscrición, modelos e interfaces da aplicación informática serán comúns pero adaptaranse en todo o que resulte necesario nos seus aspectos lingüísticos, simboloxía, denominacións e demais circunstancias específicas da Xunta de Galicia para todos os trámites e actuacións que deban ser efectuados por ou dirixidos aos seus órganos competentes.

B) Xestión do procedemento.

Para alcanzar os obxectivos enunciados, ambas as administracións comprométense a promover e impulsar os cambios normativos, organizativos e de procedementos necesarios nos seus respectivos ámbitos de competencias, a adoptar os acordos necesarios e a realizar, implantar e poñer en servizo as novas aplicacións e sistemas informáticos que resulten necesarios, así como a modificar os actualmente existentes, todo iso da forma máis dilixente posible.

A tramitación dos expedientes de inscrición no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público e a adopción dos correspondentes acordos serán competencia da Administración á cal se dirixa o solicitante, cando o empresario teña o seu domicilio no ámbito territorial da Xunta de Galicia, e dos órganos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas nos demais casos.

Levar o Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público, así como a xestión e financiamento de todo o necesario para o seu bo funcionamento, corresponderalle ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

C) Actuacións que hai que acometer.

A execución desta medida exixe varios tipos de actuacións:

– Realizaranse todas aquelas modificacións normativas que, en cada caso, resulten necesarias. En concreto, a modificación do texto refundido da Lei de contratos do sector público no seu artigo 83 e nos seus artigos 326 a 332 e disposicións concordantes e de desenvolvemento, así como a modificación das normas que regulan o Rexistro Xeral de Contratistas de Xunta de Galicia.

– Revisión, comparación e conciliación dos modelos de información e de xestión do ROLECE e do Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia.

– Conciliación e consolidación nun único sistema de rexistro dos asentos que figuren no ROLECE e no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia de acordo co previsto na cláusula segunda.

– Definición das características formais específicas e demais requirimentos institucionais que deberán cumprir as interfaces, modelos e formularios do novo rexistro.

– A achega de documentación aos expedientes polos interesados efectuarase de conformidade coa normativa específica que, se é o caso, resulte de aplicación en función do órgano competente para a tramitación do expediente, instrumentándose os mecanismos necesarios para o acceso compartido á documentación acreditativa dispoñible por todos os órganos que a necesiten.

– Deseño, desenvolvemento e implantación dos sistemas e aplicacións informáticas necesarios para a posta en servizo do Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público, tomando como punto de partida e reutilizando na medida do posible os activos informáticos do ROLECE.

– Formación dos usuarios.

D) Comité técnico.

Co obxecto de impulsar e coordinar a execución das actuacións necesarias para a execución das medidas establecidas neste convenio así como para o seu seguimento, neste punto, crearase un comité técnico formado por dous membros, un pertencente a cada Administración pública.

O representante da Administración xeral do Estado será o subdirector xeral de Clasificación de Contratistas e Rexistro de Contratos da Dirección Xeral do Patrimonio do Estado do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

O representante da Xunta de Galicia será a persoa que ocupe a Dirección Xeral do Centro Informático para a Xestión Tributaria, Económico-Financeira e Contable (CIXTEC).

Por requirimento dos devanditos representantes, poderán incorporarse ás sesións do Comité un ou máis expertos, con carácter non permanente, en función das materias para ser tratadas en cada sesión.

O Comité Técnico reunirase cantas veces sexa necesario por pedimento de calquera das partes, reuníndose polo menos unha vez ao ano para avaliar os resultados derivados da execución do convenio e, se é o caso, propoñer a adopción de medidas que contribúan ao seu cumprimento.

E) Custos deste punto do convenio de colaboración.

Os custos derivados das actuacións recollidas neste punto do convenio relativas aos desenvolvementos informáticos, modificacións destes e operación e mantemento das plataformas informáticas de soporte do Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público serán asumidas pola Administración xeral do Estado, por medio da Dirección Xeral do Patrimonio do Estado.

Os custos das operacións de adaptación ou transformación dos asentos rexistrais que figuren no ROLECE e no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia que eventualmente resulten necesarios para o seu traslado ao Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público serán asumidos polo órgano responsable do respectivo rexistro.

Segunda. Consolidación da información que figura no rolece e no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia

As circunstancias relativas aos empresarios que figuran inscritas no ROLECE e as que figuran inscritas no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia, con excepción daquelas sobre as que figure información contraditoria, trasladaranse de oficio ao Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público. Co obxecto de levar a cabo devandito traslado procederase do seguinte modo:

Primeiro. Elaboración do censo consolidado de empresarios inscritos e da relación de empresarios inscritos en ambos os rexistros.

En primeiro lugar, a partir da información que figura en ambos os rexistros, procederase a elaborar o censo consolidado de empresarios inscritos, identificados univocamente polo seu NIF se son españois, polo seu NIE se son persoas físicas residentes en España e de nacionalidade non española, e pola súa VIES ou DUNS nos demais casos. Procederase igualmente a establecer a relación dos empresarios que estean inscritos en ambos os rexistros. Para ese efecto, os responsables dos respectivos rexistros proporcionarán á Dirección Xeral do Patrimonio do Estado a relación de empresarios neles inscritos, con expresión do identificador e da denominación social de cada empresario.

Segundo. Inventario e análise dos asentos rexistrais incluídos en ambos os rexistros, identificando os asentos equivalentes, así como os asentos que, non incluídos no ROLECE e figurando no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia, deban ser incluídos no novo rexistro.

Terceiro. Traslado ao Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público dos asentos rexistrais de empresarios inscritos nun só rexistro.

A información contida nos asentos do ROLECE e a contida nos do Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia, que non se refira a empresarios que figuren na relación de empresarios inscritos en ambos os rexistros, trasladarase de oficio ao Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público, logo de realización das transformacións de formatos de datos que, se é o caso, resulten necesarias para iso.

A tal fin, o órgano responsable de levar o Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia remitirá á Dirección Xeral do Patrimonio do Estado certificación co contido dos asentos do Rexistro de Contratistas da Xunta de Galicia que deban ser trasladados ao Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público, no formato estruturado de intercambio de información que para ese efecto se defina para facilitar o seu tratamento automatizado e incorporación ao Rexistro.

Cuarto. Traslado ao Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público de asentos relativos a prohibicións de contratar.

As inscricións relativas a prohibicións de contratar en vigor que figuren inscritas no Rexistro levado pola Administración en cada caso competente para a devandita inscrición trasladaranse de oficio, con carácter preferente a calquera outra circunstancia, logo de verificación e, se é o caso, emenda de oficio dos datos de identificación e de denominación social do interesado en caso de existir informacións contraditorias, dubidosas ou incompletas sobre as devanditas circunstancias.

Quinto. Traslado do contido dos demais asentos correspondentes a empresarios inscritos en ambos os rexistros.

As circunstancias de inscrición voluntaria recollidas nos asentos que figuren no ROLECE e nos que figuren no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia correspondentes a empresarios inscritos en ambos os rexistros e non incluídas nos casos recollidos nos puntos anteriores trasladaranse de oficio ao Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público a condición de que non figuren datos contraditorios sobre elas.

Cando nos asentos de orixe figure información contraditoria que afecte algunha das circunstancias recollidas nos números 1 e 2 do artigo 16 do Real decreto 817/2009, do 8 de maio, polo que se desenvolve parcialmente a Lei 30/2007, do 30 de outubro, de contratos do sector público, non se procederá ao traslado ao Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público de ningunha información relativa ao interesado, a quen se informará diso e das razóns que motivan a improcedencia do traslado dos seus datos.

Cando a información contraditoria afecte algunha outra circunstancia susceptible de inscrición voluntaria e distinta das anteriores, esta deficiencia impedirá o seu traslado ao Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público. En tales casos procederase ao traslado ao devandito rexistro dos datos do empresario relativos ás demais circunstancias, que non teñan informacións contraditorias ben por figurar inscritas só nun dos rexistros ben se, figurando en ambos, a información sobre as devanditas circunstancias é coincidente; informarase o empresario do actuado e das razóns que o motivan.

Sexto. Peche e apertura de rexistros.

Unha vez trasladados ao Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público os asentos que figuren no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Estado e no Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia nos termos descritos nos puntos anteriores, e logo da adopción das medidas normativas e de procedemento que resulten necesarias, os dous últimos quedarán pechados e procederase á apertura do primeiro, que os substituirá para todos os efectos legalmente previstos.

A partir da apertura do Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público, as solicitudes de inscrición voluntaria que se reciban entenderanse referidas a este rexistro, e as inscricións que por disposición legal se deban practicar de oficio practicaranas igualmente no devandito rexistro os órganos competentes tanto da Administración do Estado como da Xunta de Galicia, de conformidade coas súas respectivas competencias.

Terceira. Procedemento de inscrición no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público

A instrución dos expedientes e a práctica dos asentos de inscrición no Rexistro Oficial de Licitadores e Empresas Clasificadas do Sector Público por ambas as administracións estarán suxeitas ás regras do procedemento común que para ese efecto acordará a Comisión Mixta establecida na cláusula sexta do convenio, por proposta do Comité Técnico previsto na cláusula primeira.II do convenio, co obxecto de garantir a aplicación de criterios homoxéneos de cualificación e inscrición rexistral.

Cuarta. Publicación

Unha vez subscrito, o presente convenio de colaboración será publicado no Boletín Oficial del Estado, no Diario Oficial de Galicia, e na plataforma de contratación do sector público, sen prexuízo de que se poida facer noutros medios.

Igualmente, deberán ser obxecto de publicación as súas modificacións, e a extinción dos seus efectos. Mediante resolución da Dirección Xeral do Patrimonio do Estado publicarase no Boletín Oficial del Estado a extinción da súa vixencia á cal se refire o número 4 da cláusula seguinte.

Quinta. Entrada en vigor, modificación, vixencia e extinción

1. O presente convenio producirá efectos desde o momento da súa sinatura e terá unha duración de tres anos; poderá prorrogarse mediante acordo expreso das partes, sempre que se adopte con anterioridade á finalización da súa vixencia.

2. Co fin de facilitar o cumprimento dos fins do presente convenio, este poderá ser modificado en calquera momento ao longo da súa vixencia, por mutuo acordo entre as partes asinantes del.

3. O convenio non poderá ser denunciado ata que transcorrese un ano da súa vixencia. Transcorrido este poderá denunciarse na súa totalidade ou só nalgúnha das súas partes, causando efecto a denuncia do convenio para partir do transcurso de tres meses contados desde a súa denuncia.

A denuncia do convenio non eximirá as partes do cumprimento dos compromisos adquiridos ata a data de efectos da denuncia.

4. Así mesmo, o presente convenio quedará sen efecto por algunha das seguintes causas:

a) Polo mutuo acordo entre as partes.

b) Por denuncia dunha das partes.

c) Imposibilidade acreditada ou sobrevinda de cumprimento dos compromisos adquiridos por motivos alleos á vontade das partes.

Sexta. Comisión mixta

1. Para o control do cumprimento e xestión do disposto nas cláusulas deste convenio de colaboración constituirase, sen prexuízo dos comités técnicos previstos na cláusula primeira e das comisións de xestión a que se refire a cláusula sétima, unha comisión mixta, que actuará como comisión de seguimento do convenio, coas seguintes funcións:

1º. Verificar as conexións e funcionamento da plataforma de contratación do sector público en relación coa plataforma de contratos públicos da Xunta de Galicia (PCPG).

2º. Verificar a coordinación entre o Rexistro Xeral de Contratistas da Xunta de Galicia co ROLECE da Administración xeral do Estado.

3º. Resolución das controversias que puidesen exporse sobre a interpretación e execución do presente convenio.

4º. Analizar, estudar e propoñer calquera medida que sexa de utilidade para o bo funcionamento do convenio.

2. A Comisión estará integrada por catro vogais, dous deles en representación do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, que serán designados pola Dirección Xeral de Patrimonio do Estado e outros dous designados pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, correspondendo a Presidencia da Comisión alternativamente, cada ano, á representación dunha ou outra Administración pública.

3. A Comisión reunirase como mínimo unha vez ao ano, ou antes se o solicita algún dos seus membros e a ela poderán asistir cantos asesores e colaboradores se considere necesario.

4. Serán de aplicación á actuación da Comisión as normas de constitución e actuación dos órganos colexiados establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sétima. Comisións de xestión

Unha vez desenvolvidos os diferentes puntos contidos neste convenio e aprobadas, se é o caso, as modificacións normativas necesarias, a xestión das materias establecidas neste convenio serán efectuadas por dous órganos colexiados nos cales estarán representadas tanto a Administración xeral do Estado como a Xunta de Galicia, na forma que regulamentariamente se estableza.

Oitava. Compromisos

As partes asinantes do presente convenio comprométense a tramitar os procedementos legalmente previstos e adoptar os acordos necesarios da forma máis dilixente posible, co obxecto de levar a cabo cantas actuacións se recollen no presente convenio, así como a desenvolver plenamente as disposicións normativas previstas e demais actuacións recollidas neste convenio.

Novena. Natureza e interpretación

O presente convenio de colaboración lévase a cabo ao amparo do disposto nos artigos 6 e 8 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

De conformidade co disposto no artigo 8.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o presente convenio ten natureza administrativa, suxeitándose en canto á súa regulación ao ordenamento xurídico-administrativo.

As cuestións litixiosas que poidan xurdir da súa interpretación e cumprimento serán de coñecemento e competencia da orde xurisdicional do contencioso-administrativo.

O presente convenio de colaboración non está suxeito ás disposicións do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, a teor do establecido no seu artigo 4.1.c). Con todo, as dúbidas e lagoas que, se é o caso, puidesen presentarse derivadas da súa execución ou interpretación serán resoltas, polo órgano competente, aplicando os principios contidos na citada norma.

De conformidade con todo o exposto e convido, no exercicio do que son titulares os asinantes subscriben o presente convenio por duplicado exemplar.

Polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, Pilar Platero Sanz, subsecretaria do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

Pola Xunta de Galicia, Valeriano Martínez García, conselleiro de Facenda.