Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 242 Luns, 21 de decembro de 2015 Páx. 47622

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANUNCIO do 13 de novembro de 2015, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, polo que se informa da Resolución do 26 de outubro de 2015 de cancelación da inscrición no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao Sistema de Xestión e Auditoría Ambiental (EMAS) da entidade mercantil Gecreri, S.L.

Feitos.

Primeiro. A entidade mercantil Gecreri, S.L., con CIF B15129612 e domicilio social na praza de Recife, 5-2º, 15004 A Coruña, solicitou unha axuda, segundo a Orde do 23 de marzo de 2007 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas a empresas e organizacións para a súa adhesión a un sistema comunitario de xestión e auditoría ambientais (EMAS) e para a implantación por fases do dito sistema para as pequenas e medianas empresas (pemes), para a implantación de EMAS que foi concedida e para a cal se procedeu ao pagamento tras a comprobación de que se cumprían todos os requisitos.

Segundo. Con data do 12 de marzo de 2008 procedeuse á inscrición do centro, sito no Polígono Industrial da Grela, rúa Gambrinus, 101, módulo 0, nave 3 (A Coruña), pertencente á citada entidade mercantil, no Rexistro Galego de Centros Adheridos ao Sistema de Xestión e Auditoría Ambiental co número ES-GA-000169.

Terceiro. A data límite para a presentación da nova declaración ambiental actualizada era, segundo o especificado pola entidade, o 21 de novembro de 2012, e para a renovación trianual obrigatoria no rexistro o 6 de marzo de 2014.

Unha vez rematado o prazo para a presentación da seguinte declaración ambiental validada, non se recibiu, por parte de Gecreri, S.L. ningún tipo de comunicación referente á continuidade no rexistro.

Cuarto. Con data do 26 de agosto de 2015, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental acorda dar trámite de audiencia a Gecreri, S.L. e concederlle un prazo de quince días contados desde a notificación do citado escrito para formular alegacións e achegar os documentos e xustificacións que considere convenientes, ao abeiro do disposto no artigo 14.5 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A presente resolución corresponde ao secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, segundo os artigos 12 ao 14 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental, e segundo o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia.

Segundo. O artigo 14.1º do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación na Comunidade Autónoma galega dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental (EMAS), dispón que: «1. Una vez inscrito o centro no rexistro, se este non presentase a seguinte declaración ambiental validada no prazo fixado pola propia empresa na súa solicitude, que en ningún caso será superior a tres anos, e non pagase a taxa de rexistro, a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental cancelará a inscrición do centro no rexistro e informará de tal medida á dirección do centro».

Dado que non se obtivo resposta por parte do interesado a todos e cada un dos requirimentos realizados e vistos os preceptos sinalados e demais de xeral e pertinente aplicación, esta Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en virtude da competencia que lle outorga o Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental, e segundo o Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia,

RESOLVE:

Cancelar, de conformidade co disposto no artigo 14.1 do Decreto 185/1999, do 17 de xuño, polo que se establece o procedemento para a aplicación, na Comunidade Autónoma galega, dun sistema voluntario de xestión e auditoría ambiental (EMAS), a inscrición do centro da entidade mercantil Gecreri, S.L.

Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2015

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental