Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 246 Luns, 28 de decembro de 2015 Páx. 48703

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2015 pola que se aproban as bases de subvencións a festivais do sector audiovisual e se convocan para o ano 2016.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) é unha entidade de dereito público con personalidade xurídica propia, patrimonio propio e autonomía na súa xestión, que ten por obxecto o impulso e a consolidación do tecido empresarial no sector cultural galego, segundo o previsto nos artigos 3, 4 e 5 da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais. A Axencia Galega das Industrias Culturais é o organismo en que a Xunta de Galicia, coa participación necesaria dos sectores culturais implicados, centraliza os programas de apoio destinados a reforzar o papel dos creadores individuais, empresas e industrias culturais privadas, dentro do obxectivo xenérico de promoción e fomento da cultura galega impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O obxectivo da Axencia é consolidar o tecido industrial no sector cultural galego para promover un tecido empresarial capitalizado, competitivo e innovador, fomentar a creación e potenciar a comercialización de bens e servizos culturais de calidade, favorecendo a difusión da lingua e da cultura galegas como elementos singulares. A Axencia pretende fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega e, pola súa vez, aumentar a exportación. Os destinatarios da Axencia son as empresas culturais privadas dedicadas principalmente á produción, distribución ou comercialización de produtos culturais.

Tal e como establece a Lei 55/2007, do 28 de decembro, do cinema, na súa exposición de motivos, «a actividade cinematográfica e audiovisual conforma un sector estratéxico da nosa cultura e da nosa economía. Como manifestación artística e expresión creativa é un elemento básico da entidade cultural dun país. A súa contribución ao avance tecnolóxico, ao desenvolvemento económico e á creación de emprego, xunto coa súa achega ao mantemento da diversidade cultural, son elementos suficientes para que o Estado estableza as medidas necesarias para o seu fomento e promoción, e determine os sistemas máis convenientes para a conservación do patrimonio cinematográfico e a súa difusión dentro e fóra das nosas fronteiras. Todo iso considerando que a cultura audiovisual, da cal sen dúbida o cinema constitúe unha parte fundamental, está presente en todos os ámbitos da sociedade actual».

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere seguir impulsando un marco de actuación cultural baseado en tres premisas substanciais:

1. O impulso do sector audiovisual galego, considerado como estratéxico para a comunidade.

2. A consolidación de industrias audiovisuais competitivas, con posibilidades de exportar e dar rendibilidade social e económica á cultura galega.

3. A busca da excelencia nos produtos culturais galegos, coa posta en valor da cultura galega a través da creación e divulgación de produtos audiovisuais galegos.

Con esta convocatoria de axudas, a Axencia Galega das Industrias Culturais quere cumprir co establecido no artigo 4 da Lei 4/2008, «Son fins da Agadic:

c) Fomentar a demanda de produtos culturais na sociedade galega co fin de promover a orientación ao mercado das empresas, mellorar a viabilidade dos seus proxectos, achegar recursos propios e aumentar o peso relativo do sector no sistema produtivo galego».

Así mesmo, o artigo 5 da Lei 4/2008 establece que «En consonancia cos seus obxectivos e fins, a Agadic exercerá as seguintes funcións:

c) Promover a distribución e comercialización dos produtos culturais dentro e fóra do noso país, fomentando a captación de públicos e facilitando o acceso da cultura galega a novos mercados internacionais.

e) Estimular a creación, avivar o talento e a capacitación e incitar ao recoñecemento social e económico de artistas e autores e autoras, en canto subministradores de recursos inmateriais no proceso de produción. Tamén apoiará a colaboración entre empresas e creadores e creadoras como instrumento necesario para o impulso e asentamento do sector cultural».

Por todo isto, en consonancia cos seus obxectivos inmediatos, apróbanse as bases e a convocatoria pública de subvencións a festivais do sector audiovisual para o exercicio 2016, de acordo coas seguintes bases:

Primeira. Obxecto, finalidade, principios de xestión e ámbito de aplicación

1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o apoio a festivais de cine de carácter profesional celebrados en Galicia que, polas súas características, teñan un interese estratéxico para o sector, e proceder á súa convocatoria para o ano 2016.

2. Para os efectos desta convocatoria, entenderase por festivais aqueles certames, semanas e mostras que teñan por obxecto a promoción e difusión da produción cinematográfica e audiovisual e se celebren en Galicia.

3. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto de calquera organismo dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

4. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo do evento.

5. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis. O importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.

6. No desenvolvemento desta resolución aplicarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas da Administración pública galega.

d) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

e) Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

E, supletoriamente:

f) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, que regula os requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta resolución de convocatoria.

g) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

h) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.

7. As subvencións serán concedidas, de acordo cos principios sinalados no parágrafo anterior, mediante o procedemento de concorrencia competitiva.

Segunda. Beneficiarios

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen nestas bases, poderán acceder a estas axudas as persoas físicas e xurídicas de carácter privado domiciliadas en Galicia ou nun territorio membro da Unión Europea ou asociado ao Espazo Económico Europeo, que desenvolvan a súa actividade en Galicia, así como as entidades locais galegas que leven a cabo algún dos festivais descritos no obxecto da convocatoria e cumpran os requisitos referidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia.

As entidades locais galegas poderán presentar a súa solicitude individual ou conxuntamente, baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade, fusión ou outra fórmula similar). Quedarán excluídas as solicitudes conxuntas en que non se acredite a realización conxunta do festival e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

Nos supostos de mancomunidades, consorcios ou áreas metropolitanas, deberá acreditarse que o servizo se presta de xeito mancomunado, metropolitano ou consorciado e que, en todo caso, non supón unha actuación illada ou independente.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.

3. Será requisito para a concesión de subvencións ás entidades locais que estas cumprisen o deber de remisión ao Consello de Contas das contas xerais de cada exercicio, o que deberán acreditar antes da concesión, segundo o previsto no artigo 4 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades galegas.

4. Sen prexuízo da posible presentación de máis dun proxecto distinto por un mesmo solicitante, só poderá ser obxecto de subvención un proxecto por solicitante. No caso de que varios proxectos se consideren subvencionables, optarase polo que teña maior puntuación.

Terceira. Créditos, contías e límites

1. O financiamento das axudas incluídas nesta convocatoria realizarase, en todo caso, en función das dispoñibilidades orzamentarias. Destínase un total de 105.000 euros das aplicacións orzamentarias seguintes:

– 10.A1.432B.460.0: 35.000 euros.

– 10.A1.432B.470.0: 35.000 euros.

– 10.A1.432B.481.0: 35.000 euros.

Ao estar distribuída a contía total máxima das subvencións convocadas entre distintos créditos orzamentarios, a alteración da distribución non precisará de nova convocatoria, pero si das modificacións que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, tal e como se recolle no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

O expediente tramítase como anticipado de gasto, e no ano 2015 poderase chegar como máximo ata o momento inmediatamente anterior ao da disposición ou compromiso do gasto. Todos os actos ditados no expediente de gasto regulado por esta resolución entenderanse condicionados a que, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron aqueles.

2. A contía das subvencións determinarase en función das dispoñibilidades orzamentarias, o custo do proxecto e a puntuación derivada da aplicación dos criterios de valoración.

A porcentaxe máxima de concesión de subvención a través desta convocatoria a un festival non poderá exceder o 40 % do seu orzamento subvencionable cando o solicitante sexa unha entidade local e do 60 % cando o solicitante sexa unha entidade privada. Para as solicitudes conxuntas de entidades locais, ou solicitudes de entidades resultantes de fusión, a porcentaxe poderá alcanzar ata un máximo do 75 % do orzamento subvencionable.

Cuarta. Requisitos

Para poder optar ás subvencións, o festival ten que cumprir os requisitos seguintes:

a) Que se leve a cabo entre o 1 de novembro de 2015 e o 31 de outubro de 2016. Enténdense incluídos os festivais iniciados ata o día 31 de outubro.

b) Ter unha duración mínima de 4 xornadas e realizar un mínimo de 20 proxeccións.

c) Ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas inmediatamente anteriores á publicación desta convocatoria.

d) Que a programación proposta para a edición obxecto de axuda conteña un mínimo dun 5 % de títulos ou 5 sesións de produción cinematográfica galega e/ou dirección galega.

Quedarán excluídos de subvención aqueles festivais que non alcancen un mínimo de 50 puntos nos criterios de valoración. Non terán dereito a recibir axuda aqueles festivais que non alcancen, polo menos, 15 puntos na letra B da base décimo primeira (valoración do proxecto para o cal se solicita a subvención). Non se poderán subcontratar, nin total nin parcialmente, as actividades subvencionadas, de acordo co establecido no artigo 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Quinta. Inicio do procedemento: solicitudes e presentación das instancias

1. Cando as persoas interesadas teñan a consideración de entidades locais, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Para todas as demais persoas interesadas, as solicitudes poderán realizarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Estas bases, así como os modelos das solicitudes e os anexos que se xuntan, así como a guía de procedementos e servizos, estarán dispoñibles no seguinte enderezo web: https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos nas dependencias desta axencia e na súa páxina web, e tamén quedarán expostas no taboleiro de anuncios da Agadic e serán debidamente publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG).

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexta. Prazos para a instrución e tramitación das solicitudes

1. O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, indicándose ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71.

Sétima. Documentación requirida aos solicitantes

1. Ademais da solicitude (anexo I), os interesados nestas subvencións presentarán, con carácter xeral, a seguinte documentación, mediante orixinal ou fotocopia compulsada ou debidamente autenticada:

a) Certificado de estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na epígrafe/subepígrafe que corresponda, no exercicio actual, só no caso de que o interesado denegue expresamente a súa consulta.

b) Se o solicitante é unha persoa física, DNI ou NIE do solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

c) Se o solicitante é unha persoa xurídica:

– Copia compulsada ou cotexada do NIF ou documento equivalente, só no caso de que se denegue expresamente a súa consulta.

– Copia compulsada ou cotexada dos estatutos rexistrados e escrituras de constitución inscritos no Rexistro Mercantil ou o que corresponda.

– Documentación que acredite de forma suficiente a representación de quen asina a solicitude.

– DNI ou NIE do representante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

– Certificado do acordo de solicitude da axuda ou da autorización da persoa que a asine en nome da entidade.

d) Documentación específica requirida:

– Anexo II (ficha do proxecto) debidamente cuberto e asinado.

– Memoria completa e detallada do proxecto para o cal se solicita a subvención, que se axustará aos criterios de valoración especificados na letra B da base décimo primeira, e que se xuntará co anexo III:

– Memoria económico-financeira que inclúa o orzamento completo e detallado do investimento subvencionable, no cal figuren todos os gastos subvencionables sinalados na base décimo cuarta, e a previsión de ingresos. A memoria incluirá o orzamento desagregado, con e sen IVE (anexo III).

– Memoria da edición do festival inmediatamente anterior á edición que se presenta á subvención, na cal se detalle a súa antigüidade e as especificacións axustadas aos criterios de valoración que aparecen na letra A da base décimo primeira. Esta memoria irá acompañada dunha declaración responsable sobre a veracidade da información, que a Agadic poderá comprobar en calquera momento.

– Dossier de prensa da edición do festival inmediatamente anterior á edición que se presenta á subvención.

– Para as solicitudes conxuntas presentadas por entidades locais, memoria de aforro de custos respecto da presentación de modo individual.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

3. No caso de que algún dos documentos que vai presentar a persoa solicitante ou representante, de forma electrónica, supere os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Na sede electrónica encóntranse publicados os formatos admitidos para a presentación de documentación. Se o solicitante desexa presentar calquera documentación en formatos non admitidos, poderá realizalo de forma presencial a través de calquera dos rexistros habilitados. A persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Oitava. Autorizacións e consentimentos

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán presentarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. Ás solicitudes das persoas interesadas deberanse xuntar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Agadic publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Novena. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Subvencións» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Axencia Galega das Industrias Culturais. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Agadic, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: agadic@xunta.es.

Décima. Procedemento de concesión das subvencións: instrución e competencia para a avaliación das solicitudes

1. A Dirección da Agadic, directamente ou a través dos seus servizos administrativos, actuará como órgano instrutor do procedemento, nos termos previstos no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e correspóndelle realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe pronunciar a resolución. En particular, terá atribuídas especificamente as seguintes funcións:

1º. Examinar as solicitudes e documentación presentadas.

2º. Requirir das persoas solicitantes a emenda ou achega da documentación que resulte de obrigado cumprimento.

3º. Formular a proposta de resolución, debidamente motivada.

2. Co fin de facilitar unha mellor avaliación das solicitudes, poderáselles pedir información complementaria aos interesados, así como a outros servizos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou aos profesionais ou expertos consultados. En todo caso, a Dirección da Agadic poderá requirir os solicitantes para que proporcionen calquera información aclaratoria que resulte necesaria para a xestión da súa solicitude.

Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Dirección da Agadic e as unidades administrativas encargadas da tramitación e seguimento do expediente respectivo poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados, e levarán a cabo as funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos labores e demais actuacións que deriven destas bases. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir coas obrigas de comprobación que se establezan nesta resolución e na de adxudicación da subvención. Para realizar estas funcións, poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Dirección da Agadic para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta resolución e na restante normativa vixente que resulte de aplicación.

3. A comisión de avaliación elaborará un informe preceptivo, relacionando os proxectos examinados por orde de prelación, e indicará a puntuación asignada a cada un deles.

4. Unha vez entregado o informe preceptivo por parte da comisión de avaliación, a Dirección da Agadic elaborará a proposta de resolución, indicando o número de solicitudes subvencionadas e o importe económico da subvención correspondente a cada unha delas.

Décimo primeira. Comisión de avaliación e criterios

1. A comisión de avaliación será nomeada pola persoa titular da Dirección da Agadic, e estará constituída por:

a) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, de entre os grupos I, II e III.

b) Tres persoas expertas de recoñecido prestixio no ámbito do audiovisual.

c) Unha persoa do cadro de persoal da Agadic, sen dereito a voto, que fará as funcións de secretario/a.

A condición de vogal da comisión ten carácter persoal e non pode actuar por delegación nin ser substituído en ningún caso.

2. A puntuación máxima será de 145 puntos.

3. As solicitudes teñen que ser valoradas de acordo cos criterios seguintes, comúns a todo tipo de entidades:

A) Historial e valoración específica da da edición do festival inmediatamente anterior á edición que se presenta á subvención (50 puntos).

a.1. Antigüidade do festival: máximo 4 puntos:

– Entre 5 e 10 anos: 2 puntos.

– Máis de 10 anos: 4 puntos.

a.2. Calidade da programación. Terase en conta a temática, a especialización e diferenciación con respecto a outros certames, a incidencia dentro do panorama cinematográfico autonómico e nacional e o número de obras en primeira presentación oficial con respecto a Galicia e España. Máximo 10 puntos asignados proporcionalmente aos aspectos mencionados.

a.3. Presenza de autores de fóra de Galicia. Máximo 5 puntos:

– 1 puntos por cada autor europeo.

– 2 puntos por cada autor de outros continentes.

a.4. Contribución ao fortalecemento do sector audiovisual galego. Valorarase o número de producións de autoría galega (director e/ou guionista de orixe galego/a ou con máis de 2 anos de residencia acreditada en Galicia) presentadas . Máximo 5 puntos:

– Curtas: 1 punto.

– Longas: 2 puntos.

a.5. Carácter competitivo: 1 punto por cada sección competitiva ofertada cun máximo de 3 puntos.

a.6. Actividades: máximo 4 puntos: actividades formativas, educativas e actividades complementarias (encontros profesionais, conferencias, ...). Asignarase 1 punto por cada actividade.

a.7. Programas de cooperación con outros eventos a nivel nacional e internacional: 1 punto por cada evento colaborador cun máximo de 2 puntos.

a.8. Asistencia de público ás proxeccións da edición do festival inmediatamente anterior á edición que se presenta á subvención.

(Non se terá en conta a asistencia ás actividades paralelas: exposicións, conferencias, talleres, etc.). Máximo 5 puntos:

• Entre 1.000 e 2.500 espectadores: 1 punto.

• Entre 2.501 e 5.000 espectadores: 2 puntos.

• Entre 5.001 e 7.500 espectadores: 3 puntos.

• Entre 7.501 e 10.000 espectadores: 4 puntos.

• Máis de 10.000: 5 puntos.

a.9. Porcentaxe de ocupación das salas de proxección (esta información deberá ir acompañada da relativa á capacidade oficial dos distintos espazos). Máximo 3 puntos:

• Entre o 25 % e o 50 %: 1 punto.

• Entre o 51 % e o 75 %: 2 puntos.

• Máis do 75 %: 3 puntos.

a.10. Ingresos de venda de entradas: porcentaxe sobre o total do orzamento. Máximo 3 puntos:

• Más do 5 %: 1 punto.

• Máis do 10 %: 2 puntos.

• Máis do 15 %: 3 puntos.

a.11. Repercusión en medios de comunicación e redes sociais. Terase en conta o número de medios de prensa que recolleron información acerca do festival, o número de seguidores nas redes, o ámbito de difusión dos medios e a súa repercusión no eido audiovisual. Máximo 4 puntos.

a.12. Publicación do catálogo do festival: 2 puntos.

B) Calidade e interese da proposta: (30 puntos).

b.1. Calidade da programación proposta e interese do proxecto en relación coa temática, a contribución á difusión das distintas cinematografías, a potencial incidencia no fomento de público cinematográfico, e a especialización e diferenciación con outros certames audiovisuais do panorama autonómico e nacional. Asignarase un máximo de 16 puntos en proporción aos aspectos descritos.

b.2. Accións programadas dirixidas ao fortalecemento da industria audiovisual galega: 2 puntos por cada acción proxectada, cun máximo de 4 puntos.

b.3. Accións programadas dirixidas á promoción dos autores galegos e ao impulso do talento galego: 2 puntos por cada acción proxectada, cun máximo de 6 puntos.

b.4. Plan de comunicación deseñado para o evento. Valorarase a estratexia, a amplitude de medios a que vai dirixido e o período de tempo dedicado á execución do plan. Máximo: 4 puntos.

C) Viabilidade do proxecto, máximo 20 puntos.

c.1. Porcentaxe de subvención solicitada con respecto ao orzamento subvencionable do proxecto, máximo 10 puntos.

• Entre o 40 % e o 50 %: 3 puntos.

• Menos do 40 % e ata o 30 %: 5 puntos.

• Menos do 30 % e ata o 20 %: 7 puntos.

• Menos do 20 %: 10 puntos.

c.2. Solidez financeira do festival. Achegas de fondos propios da entidade organizadora e patrocinios de entidades privadas. Valoración do nivel de patrocinios e fondos cos que conta a entidade organizadora para levar a cabo a actividade: máximo 10 puntos.

• Entre o 20 e o 40 %: 5 puntos.

• Máis do 40 % e ata o 60 %: 7 puntos.

• Máis do 60 %: 10 puntos.

4. Como puntuación adicional, en cumprimento do acordo do Consello da Xunta polo que se determinan os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal, outorgarase ata 45 puntos a aquelas solicitudes que cumpran as seguintes condicións:

a) Agrupacións de concellos baixo calquera fórmula, agás a de fusión municipal:

– 15 puntos por presentación de solicitudes conxuntas.

– Ata 15 puntos, segundo os seguintes criterios:

a. Número de concellos asociados: ata 5 puntos.

b. Número de servizos que se van prestar de forma compartida: ata 5 puntos.

c. Repercusión sobre o número total de poboación: ata 5 puntos.

– Pola valoración da memoria explicativa do aforro de custos que supón a prestación conxunta sobre a individual: ata 15 puntos.

b) Fusión municipal. Pola simple presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión: 45 puntos.

Décimo segunda. Resolución da convocatoria

1. A Presidencia da Agadic, como órgano xerárquico superior responsable da resolución definitiva da convocatoria de subvencións, deberá ditar resolución expresa, no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución. A citada resolución deberase ditar e notificar no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria pública, será motivada e fará mención expresa dos beneficiarios, da contía da axuda e dunha desestimación xeneralizada do resto dos proxectos solicitantes. No momento de adxudicación da subvención, a entidade beneficiaria deberalle remitir á Agadic o orzamento (anexo III) adaptado á subvención concedida, no prazo máximo de 15 días, contado desde a notificación da resolución de concesión (só no suposto de que a subvención recibida sexa inferior á solicitada, e como máximo, pola diferenza entre ambas as cantidades, a recibida e a solicitada).

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (UE) nº 1407/2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

2. A súa notificación ás persoas adxudicatarias da subvención cursarase no prazo dos 10 días hábiles seguintes ao da súa adopción. Transcorrido o prazo máximo previsto para resolver o procedemento sen que se dite ou publique resolución expresa, poderase entender que esta é desestimatoria por silencio administrativo da solicitude de concesión da subvención.

3. A resolución da convocatoria porá fin á vía administrativa e contra ela poderanse interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Presidencia do Consello de Dirección da Agadic, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Décimo terceira. Pagamento e xustificación. Documentación requirida

1. O pagamento das axudas farase efectivo a partir da data da resolución definitiva de concesión e realizarase sempre e cando se acredite que a actividade foi executada de acordo co programa e/ou proxecto presentados e se xustifique correctamente o seu emprego, todo isto sen prexuízo do réxime de pagamentos anticipados.

2. A Agadic –consonte as previsións estipuladas no artigo 31.6 da Lei de subvencións de Galicia, e 63.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia– poderá aboar como pagamento anticipado, que suporá entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, de acordo coas seguintes condicións:

– Cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros, ata un 80 % da subvención concedida, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

– Cando o importe da subvención concedida supere os 18.000 euros, ademais, un 10 % adicional sobre o importe que exceda os 18.000 euros, e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

O importe restante aboarase tras a acreditación polo beneficiario do cumprimento total das obrigas establecidas nestas bases.

3. Os beneficiarios que reciban pagamentos anticipados, cando estes excedan a cantidade de 18.000 euros, deberán constituír unha garantía, mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá cubrir o 110 % do importe do pagamento á conta, e deberá alcanzar, como mínimo, ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación. Quedan exonerados da constitución de garantía os beneficiarios e nos casos establecidos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. A documentación xustificativa da subvención incluirá o custo total da actividade subvencionada e constará dos seguintes documentos:

a) Memoria de actuación que xustifique o cumprimento das condicións exixidas nestas bases reguladoras, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

b) Memoria económica abreviada co contido seguinte: estado representativo dos gastos incorridos nas actividades subvencionadas, debidamente agrupadas e, se procede, as cantidades inicialmente orzadas e as desviacións que se producisen. A memoria deberá incluír un orzamento con IVE e outro sen IVE.

c) Facturas ou documentos, de acordo co establecido no artigo 6 do Real decreto 1496/2003, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación e se modifica o Regulamento do imposto sobre o valor engadido, orixinais ou compulsados, de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil e con eficacia administrativa, e documentos xustificativos do seu pagamento polo beneficiario, orixinais ou compulsados, incorporados na mesma orde que na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior.

d) Programas de man e/ou carteis, e calquera outro material promocional, publicitario ou informativo empregado na campaña de difusión.

e) Acreditación documental das entradas postas á venda (follas de billeteira, facturas de pagamento dos dereitos de propiedade intelectual, plataformas dixitais de vendas etc.), ou certificados de asistencia de público.

5. No suposto de que o beneficiario da subvención sexa unha entidade local, estará obrigada a xustificar ante o órgano concedente o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do festival e o seu custo real, mediante a presentación dunha conta xustificativa integrada:

– Pola certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

– Pola certificación expedida pola secretaría da entidade local, co visto e prace do/a alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, en que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

a) O cumprimento da finalidade da subvención.

b) Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/a acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiarán a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa orixe.

d) Se é o caso, os tres orzamentos que se exixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

De acordo co previsto no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas, estas estarán obrigadas a acreditar documentalmente a efectividade dos pagamentos realizados no prazo máximo de sesenta días naturais contados a partir da data do ingreso na conta bancaria das beneficiarias de cada un dos aboamentos das subvencións concedidas. No caso de realizarse pagamentos anticipados, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado por parte da entidade local beneficiaria con anterioridade á finalización do período de xustificación.

6. O prazo de xustificación da subvención percibida rematará no prazo máximo de tres meses desde a data de notificación da adxudicación da subvención, no suposto de que se celebrase antes da presente convocatoria, e de tres meses desde a finalización do festival, para os festivais celebrados con posterioridade á convocatoria, sen que en ningún caso supere o día 15 de novembro de 2016. Transcorrido o prazo de xustificación sen que se presente esta ante a Agadic, requirirase o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de xustificación neste prazo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

7. Non se poderá realizar en ningún caso o pagamento da subvención outorgada en canto o beneficiario non estea ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e con Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha outra débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma galega, estando autorizada a Agadic para proceder á comprobación e conseguinte verificación destes datos.

8. Será requisito necesario para o pagamento da subvención outorgada a entrega dunha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, así como das axudas concedidas en réxime de minimis pola entidade beneficiaria nos tres últimos anos (anexo IV).

Décimo cuarta. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á realización do proxecto e se inclúan entre os seguintes:

a) Gastos de difusión e publicidade en calquera soporte no cal se fará constar os logotipos da Agadic e da Xunta de Galicia, seguindo as súas normas de identidade corporativa.

b) Alugamento de espazos e equipamentos técnicos.

c) Gastos de contratación de servizos técnicos e profesionais.

d) Xestión de películas: dereitos de exhibición e transporte de copias.

e) Gastos de subtitulado.

f) Premios ou galardóns oficiais, en cuxa convocatoria e publicidade constará a colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais: fabricación de estatuiñas, galardóns ou similares que se entreguen como premios do festival.

g) Gastos de viaxes e aloxamento dos participantes nas actividades propostas.

Todos os gastos subvencionables deberán estar pagados con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

2. En ningún caso serán subvencionables:

– Gastos ordinarios de funcionamento e mantemento da entidade.

– Os gastos de soldos, salarios ou calquera outro tipo de retribución ou remuneración, seguros sociais ou retencións de impostos do promotor, se é persoa física, ou das persoas pertencentes á entidade promotora do festival.

– Investimento ou adquisición de material ou equipamentos que supoñan incremento de patrimonio do solicitante.

– Gastos protocolarios.

– Premios que consistan en entrega de cantidades en diñeiro.

– Degustacións gastronómicas e actividades complementarias que non teñan carácter cultural.

– Os gastos excluídos no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo quinta. Obrigas dos beneficiarios

As persoas beneficiarias da subvención teñen que cumprir as obrigas seguintes:

a) Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas no texto refundido da Lei de contratos do sector público aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, para o contrato menor, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes empresas, con carácter previo á contratación do compromiso para a obra, a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto se fixese antes da solicitude da subvención.

b) Levar a cabo a actividade subvencionada de acordo co proxecto presentado.

c) Notificar á Agadic as axudas, ingresos ou recursos que financien a actuación subvencionada, obtidos ou solicitados a outras administracións ou entidades públicas ou privadas, con posterioridade á presentación da solicitude da convocatoria correspondente.

d) Proporcionar en todo momento a información que sexa solicitada respecto da subvención concedida e someterse ás actuacións de comprobación da Agadic, da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no título III da Lei 9/2007, ou do Consello de Contas ou Tribunal de Contas, segundo a súa normativa.

e) Facer constar os logotipos da Agadic e da Xunta de Galicia, segundo a súa normativa básica de identidade corporativa, en todos os elementos de difusión relacionados coa actividade subvencionada, excepto no suposto de que o festival se iniciase antes da presentación da solicitude.

f) Comunicar por escrito con antelación suficiente a programación e demais actos co fin de que, se se considera oportuno, poida estar representada a Axencia Galega das Industrias Culturais a través das persoas que se designen para este efecto.

g) Outras obrigas previstas na normativa de subvencións.

Décimo sexta. Modificación da resolución

1. A Axencia Galega das Industrias Culturais ten a facultade de revisar as axudas concedidas e modificar a resolución de concesión no caso de alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

2. O beneficiario ten a obriga de solicitar á Agadic a aceptación de calquera modificación ou alteración relevante ou significativa sobre o proxecto subvencionado. Para que tales modificacións poidan ser tidas en conta na xustificación deberán ser previamente aceptadas pola Agadic. As alteracións non autorizadas, ou non solicitadas, poderán dar lugar á minoración da subvención concedida ou á súa revogación.

3. Non se aceptarán modificacións que afecten os requisitos para poder optar ás subvencións exixidos na base cuarta da presente resolución.

4. En canto ao resto das modificacións solicitadas, a Agadic poderá acordar, motivadamente, a modificación da resolución de concesión, coa minoración proporcional derivada das alteracións.

Décimo sétima. Reintegro

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes, nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2015

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file