Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 29 de decembro de 2015 Páx. 48958

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 27 de novembro de 2015, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola que se dá publicidade ao convenio de colaboración entre as administracións das comunidades autónomas de Asturias, Comunidade Valenciana, Aragón, Extremadura, Madrid, Comunidade de Castilla y León e a Administración xeral do Estado, a través do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para o establecemento das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais para todos os seus territorios.

A Administración xeral do Estado, a través do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, e as administracións das comunidades autónomas de Asturias, Comunidade Valenciana, Aragón, Extremadura, Madrid e Comunidade de Castilla y León, subscribiron o día 14 de outubro de 2015, un convenio de colaboración para o establecemento das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais para todos os seus territorios, ao cal a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia se adheriu con data do 17 de novembro de 2015, e a súa anexión é efectiva desde o mesmo día da sinatura.

En cumprimento do establecido no artigo 8.2 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no artigo 11 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública, procede a publicación no Diario Oficial de Galicia do dito convenio, que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 27 de novembro de 2015

Ana María Díaz López
Directora xeral de Conservación da Natureza

ANEXO
Convenio de colaboración entre as administracións das comunidades autónomas de Asturias, Comunidade Valenciana, Aragón, Extremadura, Madrid, Comunidade de Castilla y León e a Administración xeral do Estado, a través do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para o establecemento das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais para todos os seus territorios

En Madrid o 14 de outubro de 2015

Reunidos:

Dunha parte, Isabel García Tejerina, na súa calidade de ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, cargo para o que foi nomeada por Real decreto da Presidencia do Goberno 303/2014, do 28 de abril (BOE do 28 de abril), en virtude do Real decreto 401/2012, do 17 de febreiro, polo que se desenvolve a estrutura orgánica básica do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

Doutra, María Jesús Álvarez Gonzalez, conselleira de Desenvolvemento Rural e Recursos Naturais, en nome e representación do Goberno do Principado de Asturias, en virtude do Decreto 7/2015, do 28 de xullo, do presidente do Principado, polo que se dispón o seu nomeamento.

Doutra, Elena Cebrián Calvo, conselleira de Agricultura, Medio Ambiente, Cambio Climático e Desenvolvemento Rural, en virtude do Decreto 8/2015, do 29 de xuño, do presidente da Generalitat Valenciana.

Doutra, Joaquín Olona Blasco, conselleiro de Desenvolvemento Rural e Sustentabilidade da Comunidade Autónoma de Aragón, en virtude do Decreto do 5 de xullo de 2015, da Presidencia do Goberno de Aragón, polo que se dispón o seu nomeamento.

Doutra, Begoña García Bernal, conselleira de Medio Ambiente e Rural, Políticas Agrarias e Territorio da Consellería de Medio Ambiente e Rural, Políticas Agrarias e Territorio da Xunta de Extremadura, en virtude do decreto polo que se dispón o seu nomeamento.

Doutra, Jaime González Taboada, conselleiro de Medio Ambiente, Administración Local e Ordenación do Territorio da Comunidade de Madrid, en virtude do Decreto 28/2015, do 26 de xuño.

Doutra, Juan Carlos Suárez-Quiñones Fernández, conselleiro de Fomento e Medio Ambiente da Xunta de Castilla y León, en virtude do Acordo 8/2015, do 7 de xullo, do presidente da Xunta de Castilla y León.

En representación dos cargos que desempeñan e no exercicio das competencias que teñen atribuídas,

Expoñen:

Primeiro. Que as comunidades autónomas signatarias teñen asumidas nos seus respectivos estatutos competencias exclusivas en materia de caza e de pesca en augas continentais, e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, as correspondentes á ordenación xeral da actividade económica.

Segundo. Que nas leis autonómicas reguladoras destas materias, así como na Lei 1/1970, do 4 de abril, de caza, establécese a obriga de posuír unha licenza administrativa para exercer estas actividades nos seus respectivos ámbitos territoriais.

Terceiro. Que a emisión de licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais evitará que os cidadáns teñan que repetir os mesmos trámites e xestións administrativas en cada comunidade autónoma onde desexen realizar estas actividades, á vez que isto redundará nunha maior eficacia administrativa e eficiencia do gasto en cada unha das administracións que subscriben este convenio.

Cuarto. Que, con data do 9 de abril de 2014, o ministro de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e os presidentes das comunidades autónomas de Castilla-La Mancha, Extremadura, Madrid e Castilla y León asinaron un protocolo de colaboración para o establecemento das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais, co compromiso de que no prazo máximo dun ano quedase asinado o presente convenio e habilitado un sistema de expedición de licenza interautonómica nos seus respectivos ámbitos territoriais. A este protocolo adheríronse as comunidades autónomas de Aragón, Galicia e Asturias en datas do 5 de decembro de 2014, do 29 de decembro de 2014 e do 11 de febreiro de 2015, respectivamente, mediante a sinatura do anexo de adhesión establecido na addenda de modificación do citado protocolo, aprobada polas catro comunidades autónomas inicialmente asinantes deste o 28 de novembro de 2014.

Por iso, todas as partes acordan subscribir o presente convenio de colaboración, que se rexerá polas seguintes:

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

O obxecto do presente convenio é establecer a colaboración entre as partes para o establecemento das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais que permitan exercer estas actividades en todos os seus territorios, con determinación das características que deben ter e do procedemento administrativo para a súa concesión.

Segunda. Salvagarda de competencias autonómicas

O presente convenio asínase coa salvagarda das competencias exclusivas que cada unha das comunidades autónomas desempeñan en materia de caza e de pesca en augas continentais.

Terceira. Normativa aplicable

O exercicio das actividades de caza e de pesca en augas continentais rexerase en cada territorio pola normativa vixente en cada unha das comunidades autónomas signatarias, en particular, no relativo á idade mínima para a práctica das devanditas actividades. A lexislación nacional terá carácter supletorio.

Cuarta. Concepto de licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais

Para os efectos do presente convenio, defínese licenza interautonómica de caza como aquela que ten validez en todas as comunidades autónomas signatarias e para todas as modalidades de caza, tanto con armas como sen elas.

Igualmente, defínese licenza interautonómica de pesca en augas continentais como aquela que ten validez en todas as comunidades autónomas signatarias e para todas as modalidades de pesca en augas continentais, incluíndo a licenza de embarcación, con independencia dos permisos que concedan os organismos de bacía.

Quinta. Requisitos para a obtención das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais

Para que as comunidades autónomas signatarias expidan a licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais será necesario o cumprimento por parte do interesado dos seguintes requisitos:

a) Que sexa cidadán español ou estranxeiro residente en España.

b) Que aboe a taxa exixida para a obtención da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais.

c) Que non se atope inhabilitado para a obtención de licenza de caza ou de pesca en augas continentais por sanción administrativa firme en calquera das comunidades autónomas signatarias ou por resolución xudicial firme en aplicación da lexislación penal.

d) Que cumpra os requisitos das cláusulas sexta, sétima e oitava.

Sexta. Exame do cazador

Desde que produzan efectos os pactos incluídos no presente convenio, para a habilitación de novos cazadores e a consecuente expedición da licenza interautonómica de caza, en calquera das comunidades autónomas signatarias, será necesario superar o exame do cazador ou outro sistema de acceso equivalente que estableza cada comunidade autónoma.

Sétima. Novo cazador

Conforme o disposto na cláusula anterior e para os efectos de establecer quen obtén a habilitación como cazador a través das probas de aptitude que establezan as comunidades autónomas signatarias, considérase novo cazador aquel cidadán español ou estranxeiro residente en España que non poida acreditar a posesión de licenza de caza en calquera comunidade autónoma que teña implantado o exame do cazador ou un sistema de acceso equivalente con data anterior á sinatura do presente convenio.

Oitava. Solicitude da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais

Os datos obrigatorios que debe recoller a solicitude da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais serán o nome e apelidos do interesado, o domicilio habitual, o número do DNI para cazadores ou pescadores nacionais ou NIE para estranxeiros residentes e a data de nacemento, conforme o modelo do anexo I que se xunta a este convenio.

No caso de menores de idade, deberán figurar tamén os datos do titor legal ou representante.

Novena. Declaración responsable

A acreditación previa de requisitos para a obtención da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais realizarase mediante declaración responsable conforme o modelo establecido para o efecto e que figura no anexo I que se xunta a este convenio. Na devandita declaración farase constar que o solicitante realizou o exame do cazador ou proba equivalente ou que non é un cazador novo, de acordo coa definición da cláusula sétima deste convenio.

Décima. Expedición da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais

A expedición da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais realizarase por procedementos telemáticos ou presencialmente nos servizos provinciais ou territoriais das comunidades autónomas signatarias ou, se é o caso, nas entidades colaboradoras na expedición de licenzas de caza e de pesca en augas continentais, con independencia do lugar de residencia do interesado.

En caso de deterioración, roubo ou perda da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais obtida presencialmente, logo de solicitude, poderán expedirse duplicados delas. Os devanditos duplicados emitiraos a comunidade autónoma que expediu a licenza orixinal, para o que se debe aboar a taxa correspondente por emisión de duplicados se a dita taxa figura nas respectivas leis de taxas autonómicas.

Décimo primeira. Importe da taxa

Crearase a taxa por expedición das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais e o seu importe será de 70 euros para a de caza e de 25 euros para a de pesca. Non serán de aplicación a este procedemento as exencións ou bonificacións que teñan recollidas as comunidades autónomas asinantes nas súas respectivas leis de taxas.

A taxa incrementarase anualmente aplicando unha porcentaxe de actualización do 1,5 %.

Décimo segunda. Prazo de validez da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais

A validez da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais será dun ano, contado a partir do día da súa expedición.

Décimo terceira. Formato da licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais

O formato da licenza interautonómica terá un elemento distintivo común dos seus efectos conforme o modelo establecido no anexo 2 deste convenio. O anverso será específico para cada comunidade autónoma emisora e no reverso, común a todas elas, figurará un texto sobre o alcance interautonómico da licenza e a obrigatoriedade de presentar o DNI ou NIE conxuntamente con ela. No documento constará, como mínimo, o nome e apelidos do titular, o número do DNI para cazadores ou pescadores nacionais ou o NIE para estranxeiros residentes, o número de licenza interautonómica e a data de caducidade desta, coa incorporación ben visible e en letras maiúsculas da lenda licenza interautonómica de caza ou licenza interautonómica de pesca en augas continentais, segundo proceda.

Décimo cuarta. Recoñecemento mutuo

As comunidades autónomas signatarias recoñecen a validez das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais para exercer estas actividades no seu ámbito territorial.

Os titulares poderán exercer o seu dereito no territorio de calquera das comunidades autónomas signatarias, respectando a lexislación vixente en cada unha delas.

Décimo quinta. Réxime sancionador

Cada comunidade autónoma aplicará as súas propias disposicións en materia sancionadora respecto das infraccións que se cometan no seu territorio.

Décimo sexta. Intercambio de información

Para a adecuada aplicación deste convenio, cada unha das partes comprométese a prestar ao resto a información común e necesaria para o otorgamiento de licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais e, en particular, sobre o rexistro de infractores. Para estes efectos, o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente adoptará as medidas precisas para facilitar o seu uso en común mediante sistemas de información e comunicación, polo que desenvolverá o soporte informático para o intercambio automático da información entre as distintas comunidades autónomas signatarias, de conformidade co disposto na lexislación de protección de datos.

O importe do desenvolvemento informático, necesario para o establecemento da plataforma de intercambio antes citada, non será superior aos 150.000,00 euros e será financiado polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (sección 23 dos PXE 2015), con cargo á partida orzamentaria 23.18.456C 640.

Décimo sétima. Comisión de control e seguimento

O control e seguimento do desenvolvemento do presente convenio levarao a cabo unha comisión de control e seguimento, encargada ademais de resolver as posibles incidencias que xurdan na interpretación e aplicación daquel, que definirá as súas normas de funcionamento e a periodicidade das súas reunións.

A Comisión estará formada por un número de representantes equivalentes ao número de comunidades autónomas signatarias, designados por cada consellería competente en materia de caza e de pesca en augas continentais e polo Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

A Presidencia da Comisión será rotativa por períodos dun ano, comezando o primeiro ano o representante do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e seguindo por orde alfabética da denominación oficial da comunidade autónoma. A Secretaría da Comisión será exercida por un funcionario do citado Ministerio, que terá voz pero non voto.

Os acordos tomaranse por maioría simple dos membros presentes.

A periodicidade mínima das reunións desta comisión terá carácter anual e redactarase a acta do contido do tratado nelas.

Dependentes desta comisión poderanse establecer grupos de traballo, cuxa función será resolver os problemas de carácter técnico que, tanto a implantación como o funcionamento deste sistema, poidan orixinar. Cada un destes grupos estará composto da mesma forma que a citada comisión, e os seus membros serán designados por esta. De todas as súas reunións redactarase acta, que será trasladada á Comisión de Control e Seguimento.

A creación desta comisión non suporá ningún incremento de gasto público e atenderase cos medios persoais e materiais do departamento e/ou das comunidades autónomas intervinientes.

Décimo oitava. Rexistro Interautonómico de Cazadores

Por medio deste rexistro común para as comunidades autónomas signatarias crearase unha base de datos que complementara á de licenzas de cada comunidade.

Nesta base de datos distinguiranse aqueles cazadores que nunca tiveron que superar un exame ou outro sistema homologado para a obtención da licenza de caza daqueles que si o tiveron que superar, coa finalidade de que estes poidan facer valer o seu exame ao obteren licenzas de caza en comunidades autónomas non adheridas a este convenio.

Décimo novena. Adhesión doutras comunidades autónomas

As comunidades autónomas signatarias e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente promoverán as accións necesarias para que o resto de comunidades autónomas que o desexen se adhiran ao presente convenio.

A adhesión doutras comunidades autónomas ao presente convenio farase por escrito mediante o modelo incorporado no anexo 3, que deberá ser asinado por quen teña competencia para iso.

A adhesión será efectiva desde o mesmo día da sinatura do escrito sen necesidade de aceptación expresa das partes asinantes do convenio.

Vixésima. Extinción e modificación do presente convenio

O presente convenio extinguirase polo común acordo entre as partes, pola imposibilidade sobrevida do seu obxecto.

Calquera das comunidades autónomas asinantes poderá promover a modificación dalgunha das cláusulas deste convenio, que serán estudadas pola Comisión de Control e Seguimento e incorporadas mediante o correspondente acordo das partes.

Vixésimo primeira. Suspensión temporal dos efectos do presente convenio

Constatada pola Comisión de Control e Seguimento o incumprimento reiterado por parte dalgunha das comunidades autónomas signatarias das obrigacións asumidas no presente convenio, poderase deixar en suspenso a expedición de licenzas interautonómicas por parte da devandita comunidade autónoma, no prazo que determine a citada comisión, e serán válidas as licenzas expedidas por ela ata o devandito momento.

Se, transcorrido devandito prazo, persiste o incumprimento por non se liquidar os motivos que deron lugar a este entenderase, sen necesidade de ningunha comunicación, que a dita comunidade autónoma desexa voluntariamente separase deste convenio segundo o disposto na cláusula vixésimo segunda.

Vixésimo segunda. Separación do presente convenio

Calquera das comunidades autónomas asinantes poderá separarse do convenio logo de comunicación, cunha antelación mínima de dous meses, ás restantes por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. As licenzas emitidas até o momento da separación terán validez en todos os territorios até a súa caducidade.

En caso de separación de calquera das comunidades autónomas asinantes, o convenio continuará en vigor respecto das restantes comunidades autónomas.

Vixésimo terceira. Natureza xurídica do presente convenio

O presente convenio ten natureza administrativa, polo que as cuestións litixiosas que poidan xurdir na súa interpretación e cumprimento, sen prexuízo do previsto no artigo 6.3 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, serán de coñecemento e competencia da orde xurisdicional do contencioso-administrativa e, se é o caso, da competencia do Tribunal Constitucional.

Vixésimo cuarta. Vixencia do presente convenio

O presente convenio entrará en vigor no prazo dun mes contado desde o día da súa sinatura e terá unha duración de dez anos prorrogable automaticamente por iguais prazos salvo denuncia das partes.

E para que conste e en proba de conformidade, todas as partes asinan o presente convenio, por octuplicado exemplar, no lugar e na data no inicio indicados.

Polo Principado de Asturias

María Jesús Álvarez González

Pola Comunidade de Aragón

Joaquín Olona Blasco

Pola Comunidade de Madrid

Jaime González Taboada

Pola Comunidade Valenciana

Elena Cebrián Calvo

Pola Xunta de Extremadura

Begoña García Bernal

Pola Xunta de Castilla y León

Juan Carlos Suárez-Quiñones Fernández

A Ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente

Isabel García Tejerina

ANEXO 1
Solicitude de licenza interautonómica de caza ou de pesca en augas continentais

missing image file

O interesado SOLICITA a expedición da licenza interautonómica de caza□/pesca en augas continentais □(sinalar o que proceda) conforme o convenio de colaboración para o establecemento das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais asinado o día … de … de … e DECLARA responsablemente, en cumprimento do previsto nos artigos … da Lei …/…, de …, de … de caza, e da Lei …/…, de …, de pesca en augas continentais, respectivamente, da Comunidade Autónoma de…, que:

□ Non se atopa inhabilitado para a obtención da licenza de caza ou de pesca en augas continentais por sanción administrativa firme en calquera das comunidades autónomas signatarias ou por resolución xudicial firme en aplicación da lexislación penal.

□ En caso de ser novo cazador (non posuír licenza con anterioridade á data de ...), superar o exame do cazador ou sistemas equivalentes en calquera das comunidades autónomas signatarias.

□ No suposto de menores de idade, o titor legal acredita o cumprimento das condicións anteriormente expostas.

A inexactitud, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato ou manifestación que se xunte ou incorpore a esta declaración responsable, ou a non presentación ante a Administración competente da declaración responsable, determinará a imposibilidade de continuar co exercicio do dereito ou actividade afectada desde o momento en que se teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que procedan. Así mesmo, a resolución da Administración pública que declare tales circunstancias poderá determinar a obrigación da persoa interesada de restituír a situación xurídica ao momento previo ao recoñecemento ou ao exercicio do dereito ou ao comezo da actividade correspondente, así como a imposibilidade de instar un novo procedemento co mesmo obxecto durante un período de tempo determinado, todo iso conforme os termos establecidos nas normas sectoriais de aplicación (art. 71.bis, punto 4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común).

E para que así conste, para os efectos de expedir a licenza de caza ou de pesca en augas continentais interautonómicas, o/a declarante efectúa, baixo a súa responsabilidade, a presente declaración en calidade de:

Titular □

Representante □

En … o … de … de…

(sinatura)

De conformidade co disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos de carácter persoal contidos neste impreso serán incorporados a un ficheiro, cuxo responsable é a Dirección Xeral de … da Comunidade Autónoma de ... coa finalidade de recoller os datos de licenzas de caza e pesca en augas continentais. O interesado autoriza o intercambio da devandita información entre as comunidades autónomas signatarias e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para os efectos do control administrativo do exercicio da caza ou da pesca en augas continentais nas mencionadas comunidades autónomas. Así mesmo, infórmase de que pode exercer o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos pola citada lei e o seu regulamento, mediante escrito dirixido á citada dirección xeral, segundo os modelos normalizados aprobados pola Orde PAT/175/2003, do 20 de febreiro.

ANEXO 2
Modelo de formato do reverso da licenza interautonómica

ANEXO 3
Adhesión ao convenio de colaboración entre as comunidades autónomas de Castilla y León, Extremadura, Madrid, Aragón, Principado de Asturias e Comunidade Valenciana e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, para o establecemento das licenzas interautonómicas de caza e de pesca en augas continentais para o seu ámbito territorial

Don/Dona…, na súa calidade de …, cargo para o cal foi nomeado por …, en virtude de …

DECLARA que, coñecendo e aceptando o contido do Convenio asinado o día … de ... de …, a Comunidade Autónoma de … ADHÍRESE a este ao abeiro da cláusula décimo novena o día da sinatura do presente documento.

En ... … de … de …

O/A…

missing image file