A industria agroalimentaria ten carácter estratéxico en Galicia por ser un elemento clave para o desenvolvemento do sector agrario e, por extensión, para a promoción das zonas rurais de Galicia. Así, as instalacións de transformación e comercialización de produtos agrarios posibilitan a viabilidade das explotacións agrarias, dando valor engadido ás producións e facilitando o seu acceso aos mercados, fomentando ademais a creación e mantemento de postos de traballo, beneficiando o tecido económico das zonas rurais.
Por todo iso considérase de grande interese establecer medidas de apoio ao seu desenvolvemento, fomentando prioritariamente os investimentos e actividades que teñan un beneficio directo para os produtores agrarios de Galicia, así como aqueles que teñan por obxecto favorecer o desenvolvemento de zonas de montaña ou con problemas de despoboamento.
Por outra parte, a Unión Europea publicou con data 20 de decembro de 2013 o Regulamento (UE) 1305/2013, do 17 de decembro de 2013, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), complementado polo Regulamento delegado (UE) 807/2014, do 11 de marzo de 2014, que o desenvolve. Neles establécense as normas que regulan as axudas comunitarias ao desenvolvemento rural financiadas polo Feader para o período 2014-2020. En particular, estes regulamentos establecen a posibilidade de apoiar os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios incluídos no anexo I do Tratado, materializada coa inclusión no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020 da medida 4.2, referente ao apoio aos investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas.
Así mesmo, esta normativa básica indica que as axudas establecidas para os investimentos nos cales os produtos finais dos procesos de transformación non estean incluídos no anexo I do Tratado deben cumprir a normativa comunitaria sobre axudas de Estado. Nese sentido, as axudas establecidas nesta orde para eses casos ampáranse no Regulamento (UE) 702/2014, da Comisión, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
De acordo con este marco legal, por medio desta orde establécense as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios para o período 2014-2020, e se convocan as correspondentes ao ano 2016.
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que confiren os artigos 7 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras das axudas da Consellería do Medio Rural para os investimentos en transformación, comercialización e/ou desenvolvemento de produtos agrícolas, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e convocar as correspondentes ao exercicio orzamentario de 2016.
A concesión destas axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.
Sección 1ª. Bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación
e comercialización de produtos agrarios e forestais para o período 2014-2020
Artigo 2. Beneficiarios
Poderán acollerse a estas axudas os empresarios individuais ou sociedades que sexan ou vaian ser titulares de instalacións obxecto da axuda dedicadas á transformación e/ou comercialización de produtos do anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, e sobre as cales recaia a carga financeira dos investimentos e gastos que se consideren subvencionables.
Artigo 3. Investimentos subvencionables
1. Considéranse subvencionables, con carácter xeral, os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e/ou comercialización de produtos agrarios, considerando como tales os produtos enumerados no anexo I do Tratado constitutivo da Comunidade Europea, excepto os produtos da pesca. Así mesmo, poderán subvencionarse investimentos relativos a procesos de transformación nos cales interveñan produtos non incluídos no anexo I do Tratado, se estes son un compoñente menor do produto final. Considerarase que son un compoñente menor cando a cantidade total destes non supere o 15 % do peso total do produto final.
2. Os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización poderán ser produtos agrarios (incluídos no anexo I do Tratado) ou non agrarios (non incluídos no anexo I do Tratado). Para estes efectos considerarase que os produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización son produtos agrarios cando a súa totalidade estea incluídas no anexo I do Tratado.
3. Non obstante, non serán subvencionables:
a) Os proxectos nos cales o importe total dos investimentos subvencionables sexa inferior a 30.000 €.
b) Os proxectos de empresas que non sexan pemes cando a totalidade dos produtos resultantes dos procesos de transformación e/ou comercialización non estean incluídos no anexo I do Tratado.
c) Os investimentos relativos aos produtos descritos na parte II do anexo VII do Regulamento UE nº 1308/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, referente aos produtos amparados polos programas de apoio no sector vitivinícola financiados polo Feaga.
4. Os tipos de gasto subvencionables son os seguintes:
a) Construción, adquisición e mellora de bens inmobles. A compra de terreos ata un valor inferior ao 10 % do total dos gastos subvencionables.
b) Compra de maquinaria e equipamentos novos, ata o seu valor de mercado.
c) Os seguintes investimentos intanxibles: adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos así como adquisicións de patentes, licenzas, dereitos de autor e marcas rexistradas relacionadas cos procesos produtivos.
d) Os custos xerais vinculados ás letras a) e b) anteriores consistentes en honorarios de proxecto e dirección de obra, así como en estudos de viabilidade. En todo caso, o importe admisible nestes custos non poderá superar o 12 % do importe total dos investimentos subvencionables das letras a), b) e c) anteriores.
5. Porén, non serán obxecto de axuda os investimentos relativos aos conceptos e actividades sinalados no anexo I desta orde.
Artigo 4. Contía das axudas
1. As axudas teñen a natureza de subvencións de capital e poderán acadar as porcentaxes máximas de axuda do investimento subvencionable indicadas no punto seguinte, establecidas segundo a tipoloxía da empresa solicitante e as características dos produtos. Para determinar o tipo de empresa aplicaranse os criterios establecidos na Recomendación 2003/361/CE da Comisión sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003).
2. As porcentaxes máximas de axuda serán as seguintes:
Tipos de produtos finais |
Tipo de empresa solicitante |
||
Microempresas |
Empresas medianas |
Empresas |
|
Incluídos na súa totalidade no anexo -I- do Tratado |
50 % |
50 % |
50 % |
Non incluídos na súa totalidade no anexo-I- do Tratado |
35 % |
25 % |
0 % |
3. En calquera caso, o importe total das axudas concedidas a unha única empresa por esta liña de axudas non superará o importe de 5 millóns de euros en cada convocatoria de axudas. Para estes efectos, considerarase como única empresa o conxunto de sociedades que teñan polo menos un dos seguintes vínculos entre si:
a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.
b) Unha empresa ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra sociedade.
c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.
d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios da segunda, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas.
As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas nas letras a) a d) do paragrafo anterior a través doutra ou outras empresas tamén se considerarán unha única empresa.
Artigo 5. Requisitos adicionais
Para a concesión e/ou pagamento das axudas, os investimentos e solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos adicionais:
1. Os investimentos deben cumprir a normativa aplicable en materia de ambiente.
Para eses efectos, deberanse cumprir os seguintes requisitos:
a) No caso de proxectos de investimento relativos a instalacións xa existentes, o solicitante deberá acreditar que realizou a comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013 presentando toda a documentación requirida, ou ben, no caso de instalacións anteriores á entrada en vigor da devandita lei, que dispón de licenza de actividade.
b) No caso de proxectos de investimento que requiran unha avaliación do impacto ambiental conforme o establecido na Lei 21/2013 de avaliación ambiental, o solicitante deberá acreditar a súa dispoñibilidade e sentido favorable cando solicite a axuda.
Para eses efectos, toda as solicitudes referentes a proxectos incluídos nalgún dos seguintes casos citados a continuación deberán incluír coa documentación da solicitude o informe favorable de avaliación ambiental ou ben un informe da autoridade competente que indique que non é necesario:
1º. Proxectos incluídos no anexo I ou anexo II da Lei 21/2013, ou que supoñan a modificación das características dun proxecto incluído nos referidos anexos.
2º. Proxectos que poidan afectar, directa ou indirectamente a espazos protexidos da Rede Natura 2000.
c) No caso de novas industrias, así como en investimentos que precisen polas súas características dispoñer ou actualizar a autorización ambiental integrada regulada polo Real Decreto 815/2013 ou a declaración de incidencia ambiental regulada pola Lei 9/2013, deberán acreditar a súa dispoñibilidade e, de ser o caso, o cumprimento das condicións que esta estableza relativas aos investimentos afectados. O prazo máximo para a presentación desta acreditación será o establecido nesta orde para tramitación do pagamento.
2. Os investimentos deben cumprir a normativa aplicable en materia de sanidade e benestar animal de ser o caso.
Conforme iso:
a) Non se concederán axudas a solicitantes que presenten proxectos relativos a instalacións xa existentes que non acrediten dispoñer de rexistro sanitario, ou que non cumpran, de ser o caso, a normativa de benestar animal, ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal.
b) Non se pagarán axudas a beneficiarios que non acrediten, tras a execución dos investimentos, dispoñer de rexistro sanitario actualizado ou vixente, así como, de ser o caso, cumprir a normativa de benestar animal ou a relativa á elaboración de produtos para alimentación animal. Esta acreditación non será exixida no caso de que os investimentos previstos, dadas as súas características, non supoñan unha alteración das actividades da empresa que afecten o rexistro sanitario vixente, ou alteren as condicións relativas ao benestar animal ou á elaboración de produtos para alimentación animal.
A resolución de concesión indicará, de ser o caso e expresamente, as acreditacións referidas que será necesario presentar para o pagamento da axuda.
3. Cando o solicitante estea sometido á normativa de contratación pública conforme o disposto no Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, deberá acreditar o seu cumprimento na execución dos investimentos subvencionados con anterioridade ao pagamento da axuda.
4. Non se concederán axudas a empresas en crise, de acordo coa definición e condicións establecidas nas Directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (2014/C 249/01). Conforme estas considerarase que unha empresa está en crise se concorre polo menos unha das seguintes circunstancias:
a) Tratándose dunha sociedade de responsabilidade limitada, cando desaparecese máis da metade do seu capital social subscrito como consecuencia das perdas acumuladas, circunstancia que sucede cando a dedución das perdas acumuladas das reservas (e de todos os demais elementos que se adoitan considerar fondos propios da sociedade) conduce a un importe acumulativo negativo superior á metade do capital social subscrito;
b) Tratándose dunha sociedade na cal polo menos algúns socios teñen unha responsabilidade ilimitada sobre a débeda da sociedade, cando desaparecese polas perdas acumuladas máis da metade dos seus fondos propios que figuran na súa contabilidade;
c) Cando a empresa estea inmersa nun procedemento de quebra ou insolvencia ou reúna os criterios establecidos legalmente para ser sometida a un procedemento de quebra ou insolvencia por petición dos seus acredores;
d) Tratándose dunha empresa que non sexa unha peme, cando durante os dous anos anteriores:
1. A ratio: débeda/capital da empresa fose superior a 7,5.
2. A ratio de cobertura de xuros da empresa, calculada sobre a base do EBITDA, fose inferior a 1,0.
As pemes con menos de tres anos de antigüidade non se considerarán empresa en crise salvo que cumpran a condición establecida na letra c) do parágrafo anterior.
En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non estar en situación de crise conforme a normativa comunitaria, así como, no caso de sociedades, fotocopia dos balances e contas de explotación dos tres últimos anos.
Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.
5. Non se concederán axudas a investimentos iniciados con anterioridade á presentación dunha solicitude de axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento a data na cal se produza, en primeiro lugar, ben o inicio das obras de construción relativas aos investimentos, ou ben o primeiro compromiso xuridicamente vinculante para realizar un pedido de equipamentos ou servizos ou calquera outro compromiso que faga irreversible o proxecto. A compra de terreos, así como os gastos sinalados no punto 4.d) do artigo 3 desta orde, non será considerado como inicio do investimento sempre que se iniciasen con posterioridade á aprobación do PDR de Galicia 2014-2020 pola Unión Europea Europea (Decisión de execución da Comisión C (2015 )8144 do 18 de novembro de 2015).
6. Para a concesión das axudas teranse en conta as restricións de produción e as limitacións de apoio comunitario que existan de acordo coas organizacións comúns de mercado da Unión Europea. Non se concederán axudas que contraveñan prohibicións ou restricións establecidas nestas.
7. Os investimentos obxecto da axuda deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade correspondente á convocatoria a que concorre a solicitude, e será establecida en cada convocatoria anual.
8. A actividade ou actividades obxecto de axuda, así como os conceptos subvencionados, deberanse manter durante un período non inferior a cinco anos contados desde o momento do pagamento final da axuda ao beneficiario, conforme os criterios establecidos no artigo 71 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello polo que se establecen disposicións comúns relativas a Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello.
Así mesmo, no caso de empresas non pemes, o beneficiario deberá devolver a axuda se nos dez anos seguintes ao pagamento final da axuda a actividade produtiva se somete a unha relocalización fóra da Unión Europea.
9. Non se concederán axudas a investimentos en construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, nin aos investimentos relacionados, se non se acredita coa solicitude e nos prazos establecidos a dispoñibilidade da licenza de obras correspondente que lle permita iniciar as obras. Así mesmo, no caso de novas instalacións, deberase acreditar coa solicitude a dispoñibilidade do terreo ou recinto en que se van realizar os investimentos.
10. Non se concederán axudas a solicitantes en que concorran algunha das circunstancias que dean lugar á prohibición para obter a condición de beneficiario sinaladas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia e, en particular aos solicitantes condenados mediante sentenza firme ou sancionados mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións públicas.
11. No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, deberán acreditar que dispoñen dos contratos escritos establecidos nos artigos 10, 11, 11.bis, 11.ter e 12 do Real decreto 1363/2012, modificado polo Real decreto 125/2015, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condicións de contratación. Esta acreditación deberá facerse cando se solicite a axuda.
12. Débese respetar a moderación de custos tal como establece o artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) n° 809/2014, da Comisión, de 17 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 1306/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no referente ao sistema integrado de xestión e control, as medidas de desenvolvemento rural e a condicionalidade.
Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberanse solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación, e presentar coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.
b) Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.
c) Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca, modelo así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos a descrición detallada destes.
Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan estes requisitos, o que poderá dar lugar á exclusión como subvencionable do gasto xustificado con esa oferta.
A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e debe xustificarse expresamente nunha memoria a elección, baseada nos criterios sinalados, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa. No caso de non ser así, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta económica máis vantaxosa.
Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que figure o seu valor de mercado.
Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados neste punto.
Artigo 6. Solicitudes
1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es , de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.
Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo A1, xunto coa documentación adicional seguinte:
a) Memoria: anexo A2 debidamente cuberto.
b) Estudo técnico: co contido mínimo indicado no anexo A3.
c) Estudio económico: co contido mínimo indicado no anexo A4.
d) Relación de ofertas solicitadas e elixidas: anexo A5 debidamente cuberto.
e) Documentación adicional:
1ª. Documentos acreditativos da personalidade do solicitante. Para iso, no caso de persoas xurídicas deberase presentar unha copia das escrituras ou documento de constitución onde se recollan os estatutos ou regras fundacionais e debidamente inscritos no rexistro público que corresponda segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados, así como a fotocopia do NIF no caso de que se denegue expresamente a súa verificación. No caso de persoas físicas esta acreditación realizarase mediante a fotocopia do DNI, aínda que só será necesario presentalo se o beneficiario non outorga expre¬samente a autorización á consellería, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve, para a consulta dos datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.
2ª. No caso de empresas xa existentes, balance e contas de resultados dos tres últimos anos se son sociedades, e no caso de persoas físicas declaración da renda dos últimos tres anos no caso de que se denegue expresamente a súa verificación á Consellería. Se a empresa ten ou forma parte dun grupo empresarial, debe presentarse tamén o balance e contas consolidadas do último ano do grupo.
3ª. No caso de investimentos que inclúan a construción de novas superficies cubertas: xustificación documental da dispoñibilidade da licenza de obras. Así mesmo, no caso de novas instalacións, deberase acreditar a dispoñibilidade do terreo ou recinto en que se van realizar os investimentos.
4ª. No caso de industrias xa existentes, rexistro sanitario e licenza de actividade do concello ou acreditación da presentación da comunicación previa establecida no artigo 24 da Lei 9/2013 do emprendemento e da competitividade económica de Galicia con toda a documentación requirida. No caso de matadoiros, mercados e outras actividades relacionadas co manexo de gando vivo, deberase acreditar que se cumpren as normas mínimas relativas ao benestar animal, mediante informe ou certificado actualizado expedido por autoridade competente. No caso de industrias de alimentación animal deberase acreditar que se cumpre a normativa específica sobre elaboración dese tipo de produtos, mediante informe ou certificado actualizado expedido por autoridade competente.
5ª. No caso de proxectos incluídos no anexo I ou anexo II da Lei 21/2013 de avaliación ambiental, ou que supoñan a modificación das características dun proxecto incluído nos referidos anexos, así como cando se trate de proxectos que poidan afectar, directa ou indirectamente, espazos protexidos da Rede Natura 2000, o solicitante deberá presentar o informe favorable de avaliación do impacto ambiental, ou un informe da autoridade competente no cal se indique que o referido proxecto non a precisa.
6ª. Todas as ofertas solicitadas relativas aos investimentos que se van realizar e incluídas no anexo A5 desta orde.
7ª. No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, acreditación de que dispoñen dos contratos escritos establecidos nos artigos 10, 11, 11.bis, 11.ter e 12 do Real decreto 1363/2012, modificado polo Real decreto 125/2015, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se establecen as súas condicións de contratación.
8ª. No caso de producir produtos amparados por unha denominación de calidade recoñecida, debe achegarse certificado do Consello Regulador correspondente sobre a produción amparada no último ano.
9ª. No caso de facturar produtos amparados pola marca de garantía de leite «Galega 100 %» debe presentarse fotocopia do contrato de licenza de uso así como acreditación do importe facturado no último ano en produtos amparados nesa marca.
10ª. No caso de proxectos innovadores recoñecidos no marco da Asociación Europea para a Innovación, debe achegarse certificado acreditativo da unidade responsable correspondente.
11ª. No caso de proxectos procedentes de iniciativas de cooperación e desenvolvemento local apoiadas a través do artigo 35 do Regulamento UE 1305/2013, debe achegarse certificado acreditativo da unidade xestora correspondente.
A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
3. O prazo de presentación de solicitudes será o indicado en cada convocatoria.
4. Se o solicitante non presenta a documentación requirida no prazo máximo establecido ou se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, requirirase ao interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días. De non facelo así, terase por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
5. Non obstante o disposto nos puntos anteriores deste artigo, dada a natureza deste procedemento como de concorrencia competitiva, non será susceptible de emenda a presentación fóra do prazo indicado na convocatoria da seguinte documentación, considerada como mínimo imprescindible para a tramitación da solicitude de axuda:
a) Anexo A1 de solicitude da axuda.
b) Anexo A2 de memoria cuberto adecuadamente, e que inclúa en particular a relación pormenorizada dos investimentos previstos co seu importe sinalados no seu punto 10.
Non serán admitidas aquelas solicitudes nas cales se aprecie a ausencia desta información. Nestes casos emitirase resolución de inadmisión. Así mesmo, non se admitirá con posterioridade ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o aumento do seu importe ou a inclusión de novos elementos ou gastos.
6. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente do formulario principal, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único do rexistro.
7. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
8. Os solicitantes de axuda soamente poderán presentar en cada convocatoria unha solicitude de axuda para todos os investimentos que vaian desenvolver nun mesmo centro de produción, considerando como tal o conxunto de instalacións localizadas nun mesmo recinto físico. Porén, no caso de investimentos nun mesmo centro de produción que afecten procesos produtivos en que existan liñas de produción diferenciadas para produtos finais do anexo I do Tratado e para fora do anexo I, poderanse presentar dúas solicitudes diferenciadas polo tipo de produto final obtido, sempre que se cumpran todos os requisitos establecidos.
Artigo 7. Criterios de valoración
1. Para a selección dos proxectos que se van aprobar, e para establecer a axuda que se vai conceder, utilizaranse os criterios de valoración indicados no anexo II desta orde.
2. As solicitudes presentadas ordenaranse de maior a menor puntuación aplicando os criterios de valoración sinalados, e procederase a asignar a subvención que se vai conceder a cada unha delas seguindo ese orde e conforme o seguinte baremo:
Puntuación |
% Axuda |
61 ou máis |
50% |
51-60 |
45% |
41-50 |
40% |
26-40 |
35% |
21-25 |
30% |
15-20 |
25% |
Menos de 15 |
0% |
No caso de que a porcentaxe de axuda determinada polo baremo supere os límites establecidos no número 2 do artigo 4, aplicaranse eses límites. Non se concederá ningunha axuda ás solicitudes que non acaden unha puntuación mínima de 15 puntos. No caso de que o orzamento dispoñible non chegue para aprobar todas as solicitudes, non se subvencionarán as de menor puntuación. Para eses efectos, no caso de empate na puntuación utilizarase como criterio de desempate a maior puntuación obtida no criterio de valoración 1º (Actividade prioritaria) do anexo II. No caso de persistir o empate utilizarase como criterios sucesivos de desempate a maior puntuación obtida nos criterios de valoración do 2º ao 5º, por esa orde.
Artigo 8. Tramitación das solicitudes
1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. A resolución dos expedientes corresponderalle á conselleira do Medio Rural por proposta do órgano instrutor do procedemento, logo da avaliación das solicitudes por un órgano colexiado, que estará presidido polo subdirector de Industrias e Calidade Agroalimentaria, e integrado por dous funcionarios desta mesma subdirección xeral con categoría non inferior á de xefe de sección.
2. As solicitudes serán resoltas nun prazo máximo de seis meses contados desde o día seguinte á finalización do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender desestimada a súa petición por silencio administrativo.
3. A Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias poderá solicitar calquera aclaración ou documento que considere necesario para a correcta tramitación do expediente.
4. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e fronte á Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma (Consellería de Facenda).
Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesourería Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e nese caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.
5. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.
Artigo 9. Resolución de concesión
1. A resolución de concesión indicará os investimentos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se deben cumprir para poder percibir a axuda concedida. A resolución indicará especificamente a anualización aprobada para a execución dos investimentos. As anualidades establecidas indicarán o investimento que se debe executar e pagar en cada unha delas, así como a data límite establecida para presentar a documentación acreditativa correspondente e cumprir outras condicións establecidas, de ser o caso. O número de anualidades así como o investimento que se executará en cada unha delas establecerase conforme a previsión de execución presentada coa solicitude de axuda e as dispoñibilidades orzamentarias. O número máximo de anualidades en que poderá executarse o investimento aprobado será de tres correlativas, e a derradeira delas debe incluír a execución de como mínimo o 20 % do investimento total subvencionable.
2. A resolución indicará tamén a data máxima para xustificar o investimento, incluído a súa facturación e pagamento efectivo así como a presentación da documentación necesaria para tramitar o cobramento da subvención correspondente. Esta data será cando menos posterior en dez días á data prevista no calendario presentado, sen que en ningún caso se supere en cada anualidade a data do 10 de outubro.
3. A resolución poderá incluír a obriga de executar investimentos indicados na solicitude presentada que, aínda que non sexan considerados subvencionables, sexan necesarios para o correcto desenvolvemento do proxecto aprobado.
Artigo 10. Pagamento das axudas
1. As solicitudes de pagamento presentaranse prioritariamente nos rexistros das xefaturas territoriais correspondentes da Consellería do Medio Rural, xunto coa seguinte documentación:
a) Relación de xustificantes, seguindo o modelo incluído como anexo B.1, xunto cos xustificantes dos investimentos efectuados, que consistirán de forma xeral nas facturas orixinais sobre as cales se realizará a toma de razón, e das cales se entregará unha fotocopia. As facturas deberán estar acompañadas dos xustificantes do seu pagamento efectivo que deberá realizarse a través de entidades financeiras. O pagamento efectivo acreditarase presentando a copia do documento de pagamento (cheque, orde de transferencia, letra de cambio, etc.) xunto co orixinal do estrato ou de certificado bancario que xustifique inequivocamente o seu cargo na conta bancaria do beneficiario. Non se admitirá como xustificante do pagamento a simple certificación da empresa facturante de ter cobrado o seu importe, agás de forma excepcional no caso de gastos inferiores a 1.000 euros.
b) Declaración do beneficiario relativa ao financiamento dos gastos efectuados segundo modelo B2. No caso de financiamento mediante créditos ou préstamos deberá presentarse ademais fotocopia da escritura de formalización destes, así como un certificado da entidade financeira no cal indique se o préstamo procede de fondos públicos e se ten algún tipo de axuda. Nese sentido, para o cálculo das axudas implícitas nos préstamos procedentes de fondos públicos, seguiranse os criterios establecidos na Comunicación 2008/C14/02 da Comisión relativa á revisión do método de fixación dos tipos de referencia e actualización.
c) Relación das diferenzas existentes entre os traballos previstos e os realizados, seguindo o modelo do anexo B3. Ademais, no caso de modificacións que afecten os conceptos e elementos subvencionados, deberá presentarse o anexo A5, no cal se indicarán para cada elemento novo as ofertas solicitadas, a oferta elixida, o criterio de elección e a xustificación, de ser o caso, da elección da oferta económica distinta da máis vantaxosa, así como a fotocopia de todas as ofertas solicitadas. A aceptación destas modificacións estará suxeita ao cumprimento deste requisito, así como ao establecido nos artigos 12 e 13.
d) Análise das diferenzas cuantitativas entre os investimentos previstos e os efectuados, seguindo o modelo incluído como anexo B4.
e) Declaración do beneficiario sobre outras axudas concedidas e/ou solicitadas para os mesmos investimentos, conforme o modelo establecido no anexo B5, e achegando no caso de concesión fotocopia da resolución correspondente.
f) No caso de adquisición de terreos e edificacións, deberase achegar ademais un certificado dun taxador independente debidamente acreditado ou dun órgano ou organismo público debidamente autorizado, no cal se acredite que o prezo de compra non excede o valor de mercado.
g) Comunicación relativa á inscrición dos investimentos no Rexistro de Industrias Agrarias.
h) Calquera outra que se indique expresamente na resolución de concesión.
2. As facturas xustificativas dos gastos realizados deberán incluír a relación detallada dos conceptos facturados e, no caso de maquinaria e equipamentos, deberán indicar ademais das súas características marca, modelo e o número de serie da súa placa identificativa.
3. O beneficiario deberá xustificar o investimento conforme a anualización establecida na resolución de concesión e solicitar os correspondentes pagamentos da axuda, que poderán ser pagamentos á conta ou totais.
Os pagamentos anteriores ao pagamento final terán o carácter de pagamentos á conta. Cando se tramite un pagamentos á conta, se o importe dos pagamentos tramitados supera os 18.000 €, o beneficiario deberá presentar con anterioridade ao pagamento da axuda unha garantía constituída por seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá acadar como mínimo ata os dous meses seguintes ao remate do prazo de xustificación previsto na resolución de concesión. A garantía deberá cubrir o 110 % do importe do pagamento fraccionado. As garantías serán liberadas unha vez comprobada a realización da actividade para a que se concedeu a subvención.
4. Con carácter excepcional e por resolución motivada da consellería, poderá autorizarse un anticipo de ata o 50 % da subvención naqueles casos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos. Nese caso será necesario presentar unha garantía constituída mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario da entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca. A garantía deberá cubrir o 100 % do importe das cantidades anticipadas, e será liberada unha vez comprobada a realización da actividade ou proxecto para o cal se concedeu a subvención.
5. A Consellería comprobará que a solicitude de pagamento cumpre os requisitos para aboar a subvención concedida. A comprobación incluirá como mínimo unha inspección in situ dos investimentos realizados para cada expediente de axuda. Non se admitirán como subvencionables os conceptos e elementos dos investimentos xustificados nos cales se comprobe cando se realice a inspección in situ para o pagamento final da axuda, que non están en condicións de poder funcionar.
6. As propostas de pagamento das axudas por parte do órgano xestor adecuaranse ás dispoñibilidades económicas existentes en cada momento, derivadas das transferencias de fondos do Feader e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente que se reciban.
7. En aplicación do establecido no artigo 63 do Regulamento de execución(UE) 809/2014, do 17 de xullo de 2014, a solicitude de pagamento presentada polo beneficiario será examinada para determinar o importe subvencionable, e determinarase o seguinte:
a) o importe que se pode pagar ao beneficiario en función da solicitude de pagamento e a resolución de concesión;
b) o importe que se pode pagar ao beneficiario tras o exame da admisibilidade do gasto que figura na solicitude de pagamento.
Se o importe establecido en virtude da letra a) supera o importe establecido en virtude da letra b) en máis dun 10 %, aplicarase una sanción administrativa ao importe establecido en virtude da letra b). O importe da sanción será igual á diferenza entre os dous importes citados, sen que en ningún vaia máis aló da retirada total da axuda concedida.
6. No suposto de falla de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas nos artigos 12 e 13 desta orde, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento total ou parcial da subvención.
Artigo 11. Modificacións
Unha vez aprobada unha solicitude de axuda, a admisibilidade de cambios de beneficiario, localización do investimento, importe e características dos conceptos e elementos subvencionados, e prazos de execución e xustificación, estará suxeita ás seguintes condicións:
1. Modificación do beneficiario. Será admisible non seguintes supostos:
a) Cando se trate dun simple cambio de denominación da empresa.
b) Cando o novo beneficiario sexa resultante dun proceso de fusión.
c) Cando se trate dunha transformación do tipo de sociedade conforme o establecido na Lei 3/2009, do 3 de abril, sobre modificacións estruturais de sociedades mercantís.
En todo caso, para ser admisibles estas modificacións débese cumprir o resto dos requisitos establecidos para que un solicitante poida ser beneficiario das axudas. A modificación do beneficiario poderá dar lugar á modificación da axuda concedida se afecta a puntuación obtida polo expediente en aplicación dos criterios de priorización establecidos. En ningún caso a modificación do beneficiario poderá dar lugar ao aumento da axuda concedida.
2. Non se admitirán modificacións que supoñan o cambio de localización dos investimentos aprobados.
3. Modificación do importe dos investimentos subvencionados:
a) Non se admitirá o incremento do importe total do investimento considerado como subvencionable.
b) Será admisible a redución do importe total do investimento considerado como subvencionable na resolución de concesión se non supera o 40 % do seu valor.
c) Non se admitirán modificacións que supoñan incrementos do custo unitario dos conceptos e elementos subvencionados.
d) Non se admitirán modificacións que supoñan incrementos do importe do investimento subvencionable correspondente aos conceptos de urbanización e obra civil.
4. Modificación das características dos conceptos e elementos subvencionados.
Serán admisibles sempre que o seu importe non supere o 20 % do investimento total subvencionable e o beneficiario xustifique a realización nos prazos establecidos de conceptos e elementos subvencionados coincidentes cos aprobados que representen como mínimo o 60 % do importe do investimento subvencionable aprobado. Para estes efectos considerarase que os conceptos e elementos subvencionados realizados polo beneficiario son coincidentes cos aprobados cando realizan as mesmas funcións.
En todo caso, para ser admisibles estas modificacións débese cumprir o resto dos requisitos establecidos, e en particular o indicado no número 12 do artigo 5 referente á solicitude previa de tres ofertas. Se a modificación supuxese una alteración das condicións tidas en conta para a valoración da solicitude, conforme os criterios sinalados no artigo 7, farase unha nova valoración que poderá dar lugar á redución ou perda da subvención concedida.
5. Modificación dos prazos de execución e xustificación.
Non será admisible a modificación do número de anualidades nin do investimento correspondente a cada una delas. Tampouco serán admisibles ampliacións dos prazos de execución e xustificación establecidas para cada anualidade que superen a data do 10 de outubro de cada ano.
Independentemente do citado nos puntos anteriores deste artigo, a Consellería poderá excepcionalmente aprobar modificacións da resolución de concesión que non se axusten ás condicións indicadas nos puntos anteriores, no caso de que a execución do proxecto se vexa afectada notoriamente por causas externas á empresa imprevisibles e inevitables de orixe natural, como terremotos, furacáns ou inundacións, así como por incendios. Incluirase dentro desta excepción o suposto de falecemento ou enfermidade grave do empresario cando este sexa o beneficiario a título individual.
Artigo 12. Incumprimentos
Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos e elementos dos investimentos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos establecidos, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida. En calquera outro caso, considerarase que existe un incumprimento, que poderá ser parcial ou total.
1. Incumprimento parcial.
Considerarase que existe un incumprimento parcial nos seguintes casos:
a) Cando o beneficiario non realice ou xustifique nos prazos establecidos a totalidade do importe do investimento subvencionado, e o importe dos conceptos e elementos xustificados admisibles coincidentes cos aprobados represente como mínimo o 60 % do importe total do investimento subvencionable aprobado, e se cumpran co resto dos requisitos establecidos. Nese caso aboarase a parte proporcional da subvención correspondente ao investimento admisible, que poderá incluír a substitución de conceptos ou elementos subvencionados por outros diferentes (ata o límite do 20 % do investimento subvencionable aprobado) se estes manteñen os obxectivos do proxecto e cumpren os requisitos establecidos nesta orde, e en particular o establecido no número 12 do artigo 5 referente á solicitude previa de tres ofertas.
b) Cando o beneficiario non dispoña nos prazos establecidos na resolución de concesión dalgún documento exixido para acreditar o cumprimento de requisitos adicionais, considerarase que existe un incumprimento parcial nos seguintes casos e cos efectos sinalados:
1º. Se o beneficiario presenta toda a documentación requirida entre o 11 de outubro e o 30 de novembro dese ano, aplicarase unha redución á subvención que se vai pagar do 0,15 % por cada día de atraso na presentación do último documento requirido con respecto ao 10 de outubro, aplicado sobre o importe da subvención pendente de cobrar nesa anualidade se esa anualidade non supera o 20 % da subvención total concedida. No caso de que esa anualidade supere o 20 %, a referida porcentaxe aplicarase ao 20 % da subvención concedida. No caso de que a documentación requirida presentada con atraso afecte soamente algún gasto concreto e non a totalidade dos investimentos, o sistema de penalización sinalado entenderase aplicado á subvención concedida a ese gasto concreto.
2º. Se o beneficiario presenta toda a documentación requirida entre o 1 e o 31 de decembro dese ano, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento do 20 % da subvención concedida.
3º. Se o beneficiario presenta toda a documentación requirida entre o 1 de xaneiro e o 31 de xullo do ano seguinte, o beneficiario perderá o dereito ao cobramento do 30 % da subvención concedida máis un 10 % adicional por cada mes completo transcorrido desde o 1 de xaneiro, e deberá, de ser o caso, reintegrar a totalidade ou parte da axuda xa percibida.
2. Incumprimento total.
Considerarase que existe un incumprimento total nos seguintes casos:
a) Cando o investimento xustificado polo beneficiario e admisible como subvencionable correspondente á primeira anualidade sexa inferior ao mínimo executable exixido para esa anualidade.
b) Cando o importe total dos gastos e elementos admisibles realizados e xustificados polo beneficiario que sexan coincidentes cos aprobados non acade como mínimo o 60 % do investimento total subvencionable aprobado.
c) Cando o beneficiario non dispoña dalgún documento exixido para acreditar o cumprimento de requisitos adicionais, en particular os referentes ao cumprimento da normativa ambiental, sanitaria e de benestar animal, antes do 1 de agosto do ano seguinte ao establecido na resolución de concesión para a finalización do proxecto.
d) Cando exista un cambio de localización dos investimentos obxecto de axuda.
e) Cando o investimento total subvencionable realizado non chegue a 30.000 € ou, no caso de organizacións de produtores de froitas e hortalizas, se non supera 50.000 €.
f) Cando se modifique calquera outra característica do beneficiario ou do proxecto aprobado que supoña o incumprimento dalgún requisito para a concesión da axuda.
No caso de incumprimento total, o beneficiario non cobrará ningunha axuda e deberá devolver, de ser o caso, os importes xa percibidos.
Artigo 13. Reintegro das axudas, infraccións e sancións
1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto, de ser o caso, cos xuros de mora calculados conforme o establecido no artigo 7 do Regulamento de execución (UE) 809/2014, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de xustificación ou doutras obrigas derivadas da concesión da subvención.
2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e na normativa comunitaria aplicable, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no disposto no artigo 63 do Regulamento de execución (UE) 809/2014, da Comisión, do 17 de xuño de 2014.
Artigo 14. Seguimento e control
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, ao reintegro total ou parcial da subvención concedida.
2. Os órganos da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias encargados da tramitación do procedemento poderán exixir aos solicitantes ou beneficiarios calquera documentación complementaria necesaria para comprobar o cumprimento dos requisitos necesarios para a concesión e/ou pagamento das axudas.
3. Os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes, e en particular da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, Tribunal de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspección ou control.
4. Conforme o disposto no artigo 66.c) do Regulamento (CE) 1305/2013, o beneficiario da axuda deberá levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación subvencionada.
Artigo 15. Compatibilidade
1. Estas axudas son compatibles con calquera outra para o mesmo fin sempre que a suma total das axudas concedidas, incluídas as de minimis, non supere as porcentaxes de axuda indicadas no número 2 do artigo 4 desta orde.
2. Estas axudas son en todo caso incompatibles con calquera outra para o mesmo fin se teñen financiamento parcial ou total do Feader ou doutros fondos da Unión Europea, así como con calquera outro instrumento financeiro comunitario.
Artigo 16. Medidas informativas e publicitarias
As resolucións de concesión informarán os beneficiarios de que a subvención procede dun programa cofinanciado polo Feader, e da medida e prioridade do PDR que se trate.
O beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader establecida no artigo 13 e no anexo III do Regulamento de execución (UE) 808/2014, e demais normas de aplicación.
En particular, durante a realización dunha operación, o beneficiario informará o público da axuda obtida do Feader da seguinte maneira:
1. Presentando no sitio web do beneficiario para uso profesional, no caso de que exista tal sitio, unha breve descrición da operación cando se poida establecer un vínculo entre o obxecto do sitio web e a axuda prestada á operación, en proporción ao nivel de axuda, cos seus obxectivos e resultados, e destacando a axuda financeira da Unión.
2. No caso de operacións non comprendidas na letra c) que reciban unha axuda pública total superior a 10.000 €, e en función da operación financiada, colocando polo menos un panel coa información sobre a operación (dun tamaño mínimo A3), no cal se destaque a axuda financeira recibida da Unión, nun lugar ben visible para o público, como a entrada dun edificio; cando unha operación reciba una axuda pública total superior a 50.000 €, o beneficiario colocará unha placa explicativa coa información sobre o proxecto, na cal se destacará a axuda financeira da Unión.
3. Colocando nun lugar ben visible para o público un cartel temporal de tamaño significativo relativo a cada operación que consista no financiamento de obras de infraestrutura ou construción que se beneficien duna axuda pública total superior a 500.000 €.
Así mesmo, o beneficiario colocará, nun lugar ben visible para o público, un cartel ou placa permanente de tamaño significativo no prazo de tres meses a partir da conclusión dunha operación que reúna as características seguintes:
1. A axuda pública total á operación supera os 500.000 €.
2. A operación consiste na compra dun obxecto físico, no financiamento dunha infraestrutura ou en traballos de construción.
Ese cartel indicará o nome e o principal obxectivo da operación e destacará a axuda financeira achegada pola Unión.
Os carteis, paneis, placas e sitios web levarán unha descrición do proxecto ou da operación, e os elementos a que se refire o punto 1 da parte 2 do anexo III do Regulamento de execución (UE) 808/2014. Esta información ocupará como mínimo o 25 % do cartel, placa ou páxina web.
Artigo 17. Consentimentos e autorizacións
1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non sexa autorizado o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.
2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.
4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.
Artigo 18. Datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «relacións administrativas coa cidadanía e entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería do Medio Rural, Secretaría Xeral Técnica, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña) ou a través dun correo electrónico a sxt.medio-rural@xunta.es .
Artigo 19. Réxime de recursos
A resolución da subvención porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira do Medio Rural no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou ben ser impugnada directamente perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses.
Artigo 20. Cumprimento da normativa comunitaria sobre axudas públicas
1. As axudas establecidas nesta orde cofinanciadas polo Feader ampáranse no disposto no Regulamento (UE) 1305/2013 do 17 de decembro de 2013 relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).
2. Así mesmo, as axudas establecidas nesta orde referentes a investimentos en que o produto final non está incluído no anexo I do Tratado están amparadas polo Regulamento (UE) nº 702/2014 da Comisión, do 25 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.
Sección 2ª. Convocatoria de axudas para 2016
Artigo 21. Convocatoria
Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde, as axudas para os investimentos en mellora das condicións de transformación e comercialización dos produtos agrarios para o período 2014-2020, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para o exercicio orzamentario de 2016.
Artigo 22. Condicións e finalidade
1. Para poder acceder a estas axudas o solicitante deberá cumprir os requisitos establecidos nesta orde.
2. Estas axudas teñen por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios. A concesión das axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.
Artigo 23. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado a partir do día seguinte ao de publicación desta orde.
Non obstante, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional de tres meses para presentar a preceptiva licenza de obras. Así mesmo, no caso de proxectos de investimento incluídos nos supostos do punto 1.b do artigo 5 desta orde, relativos á declaración de impacto ambiental, o solicitante terá un prazo adicional de tres meses para presentar o informe favorable de avaliación ambiental ou ben o informe da autoridade competente que o exima da súa obtención.
Artigo 24. Execución
Os investimentos obxecto da axuda deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade 2016 do 20 % do total subvencionable.
Artigo 25. Financiamento
1. As axudas previstas nesta orde financiaranse con cargo ao concepto 13.03.741A.770.0 e proxecto 201600195 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 cunha dotación de 14.300.000 €, así como para o exercicio 2017, cunha dotación de 7.000.000 €, e 2018 cunha dotación de 3.700.000 €.
Estas axudas están cofinanciadas polo Feader nun 75 %.
2. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2016, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario actualmente.
3. Os importes establecidos nesta orde poderanse incrementar nos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa
Autorízase a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias para ditar as instrucións que considere oportunas para a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2015
Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural
ANEXO I
Investimentos non auxiliables
A. Actividades non subvencionables.
Non se considerarán subvencionables os investimentos referentes ás seguintes actividades:
1. As realizadas nunha explotación agraria necesarias para preparar un produto animal ou vexetal sen procesar para a súa primeira venda.
2. Investimentos relativos a actividades de venda polo miúdo. Porén, serán admisibles os investimentos en locais e equipamentos que formen parte de instalacións industriais de transformación de produtos agrarios destinadas á súa venda directa.
Tampouco serán subvencionables os investimentos de empresas que teñan como actividade principal a elaboración e/ou subministración de comida preparada para eventos, restauración colectiva ou consumidores finais.
3. Investimentos relativos a actividades de venda por xunto. Non terán esa consideración as actividades acreditadas que inclúan procesos de selección, clasificación e/ou envasamento de produtos agrarios.
4. No sector do leite de vaca e dos seus produtos derivados, os investimentos en novas instalacións dedicadas a recollida e refrixeración de leite, ou á elaboración e/ou envasamento de leite UHT e esterilizado, salvo que procedan dun traslado que supoña o peche doutras instalacións existentes e con actividade en 1.1.2015 en Galicia dedicadas a esas actividades.
5. No sector da alimentación animal os investimentos en instalacións dedicadas á elaboración de produtos para animais de compañía e cría de peixes, así como en novas fábricas de pensos, salvo que se dediquen á elaboración de produtos ecolóxicos, ou que supoñan o peche doutras instalacións existentes e con actividade en 1.1.2015 en Galicia dedicadas a esa actividade.
Independentemente do citado, no caso de fábricas ou liñas de elaboración de mesturas húmidas para alimentación de ruminantes, soamente serán subvencionables os investimentos desenvolvidos por cooperativas de produtores para os seus socios. Neste caso, porén, a subvención máxima que se vai conceder non superará o 40 % do investimento subvencionable no caso de cooperativas que teñan unha sección específica para esta actividade e o 25 % no resto dos casos.
6. No sector cárnico os investimentos en novos matadoiros de gando porcino, bovino e polos, salvo que deriven do traslado doutro matadoiro existentes en 1.1.2015 en Galicia, que se dediquen á produción ecolóxica, ou que formen parte dun proxecto de elaboración de produtos cárnicos ou que promovan o desenvolvemento gandeiro dunha zona con deficiente servizo de sacrificio.
7. No sector vitivinícola os investimentos relativos aos produtos descritos na parte II do anexo VII do Regulamento UE nº 1308/2013 do Parlamento e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo aos produtos amparados polos programas de apoio no sector vitivinícola, xa que poden ser subvencionados a través deses programas específicos.
8. Non se subvencionarán investimentos que incrementen a produción, superando restricións de produción ou limitacións respecto da axuda comunitaria a instalacións de transformación, impostas por unha organización común de mercado, réximes de axuda directa inclusive, financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga).
9. Non se subvencionarán proxectos de organizacións de produtores de froitas e hortalizas (OPFH) cando o investimento subvencionable non supere 50.000 €, xa que nese caso o proxecto é subvencionable a través dos programas operativos establecidos especificamente para este tipo de organizacións na OCM de froitas e hortalizas.
B. Conceptos non subvencionables.
Non se considerarán subvencionables:
1. Investimentos sen viabilidade técnica ou económica, así como desenvolvidos por empresas que carezan de capacidade financeira suficiente para a súa realización.
2. Investimentos relativos ao cumprimento de normas comunitarias.
3. Investimentos de simple reparación do inmobilizado da industria, así como de reposición ou mera substitución de equipamentos e maquinaria, salvo que a nova adquisición corresponda a equipos ou maquinaria distintos aos anteriores, ben pola tecnoloxía utilizada ou polo seu rendemento. Non serán subvencionables os investimentos que substitúan outros subvencionados con anterioridade nos cales aínda non pasaran 5 anos desde a súa adquisición, aínda que estes supoñan unha mellora.
En todo caso, para determinar o importe admitido como subvencionable, restaráselle ao importe de adquisición do novo equipamento o importe de venda do equipamento substituído, de ser o caso.
4. Investimentos en maquinaria e equipamentos de tecnoloxía non contrastada, que non cumpra os requisitos legais, ou adquiridos a empresas que non teñan entre o seu obxecto social a súa fabricación ou venda.
5. Investimentos relativos á posta en marcha de proxectos subvencionados anteriormente ao abeiro desta orde de axudas.
6. Investimentos non relacionados directamente coas actividades (subvencionables) desenvolvidas polo solicitante.
7. Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades que vai desenvolver pola empresa a curto prazo. Nese caso admitirase como subvencionable o importe correspondente ao investimento coa capacidade ou dimensionamento axustado.
8. No caso de compra de terreos o importe subvencionable admisible será inferior ao 10 % do total dos gastos subvencionables.
9. A compra de locais ou edificios que vaian ser derrubados, que recibisen nos dez últimos anos algunha subvención pública, ou que formen parte de instalacións existentes con actividade. Tampouco serán subvencionables os investimentos en reforma de locais que fosen subvencionados anteriormente por esta consellería nos que aínda non pasasen 5 anos desde a súa finalización.
10. Obras de ornamentación e equipos de recreo (xardinaría, bar e semellantes).
11. Investimentos relacionados con medidas de seguridade tales como alarmas, sistemas antirroubo, barreiras de seguridade e similares.
12. Investimentos relativos á promoción e publicidade, como elaboración de vídeos, páxinas web, rotulación, etc.
13. Mobiliario de oficina. Non teñen esa consideración as instalacións telefónicas fixas, fax e ordenadores, incluídos os programas informáticos. Admítese a adquisición de equipamentos de laboratorio si son específicos, pero non o material funxible.
14. Compra de material normalmente amortizable nun ano (botellas, embalaxes, material funxible de laboratorio e semellantes). Considérase que as tarimas, caixóns tarima e caixas de campo teñen unha duración de vida superior a un ano e, polo tanto, son auxiliables, coa condición de que se trate dunha primeira adquisición ou dunha adquisición suplementaria, proporcional a unha ampliación prevista, e de que non sexan vendidas coa mercadoría. Tampouco serán auxiliables outros investimentos que figuren na contabilidade como gastos.
15. Compra e instalacións de maquinaria e equipamentos de segunda man. Tampouco serán subvencionables os gastos relativos ao traslado de maquinaria xa existente ata o local ou lugar en que se vai realizar o proxecto.
16. Reparacións e obras de mantemento, incluso no caso de operacións feitas sobre maquinaria instalada para ampliar a súa capacidade ou mellorar as prestacións.
17. O imposto do valor engadido (IVE) e calquera outro imposto recuperable polo beneficiario.
18. Os gastos de alugamento de equipamentos e os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing). Porén, os investimentos en maquinaria e equipamentos financiados mediante leasing poden ser auxiliables se existe un compromiso de adquisición do ben ao rematar o contrato de leasing e, en todo caso, dentro do prazo previsto para a execución do proxecto. Outros custos ligados ao contrato de arrendamento financeiro, tales como impostos, marxe do arrendador, custos de refinanciamento, gastos xerais ou seguros, non serán subvencionables.
Así mesmo, non serán subvencionables as adquisicións de bens no marco dun sistema de venda e arrendamento retroactivo.
19. Os investimentos realizados que non sexan propiedade do beneficiario da axuda. En particular, non se considerarán subvencionables investimentos realizados para os cales exista unha reserva de dominio ou cesión de uso a favor de terceiros, ou figuras xurídicas similares.
20. A man de obra propia nin os materiais de igual procedencia. Non obstante, os materiais adquiridos polo beneficiario para a execución de investimentos en obra civil e instalacións serán admisibles se se acredita documentalmente o cumprimento das seguintes condicións:
a) A súa adquisición e pagamento conforme os criterios xerais establecidos na orde.
b) O seu uso exclusivo para a execución dos referidos investimentos.
21. A compra e/ou carrozado de vehículos de transporte exterior.
22. No caso de proxectos en que o produto final non sexa do anexo I do Tratado, non serán subvencionables os investimentos vinculados á produción de biocarburante ou enerxía a partir de fontes renovables.
23. Investimentos en urbanización exterior aos edificios de fabricación, salvo que formen parte dun proxecto que inclúa aumento da superficie edificada. Nese caso serán subvencionables en función da nova superficie construída e conforme os módulos establecidos. Tampouco serán subvencionables os investimentos realizados fóra do recinto da industria.
24. Os gastos correspondentes a facturas que non estean pagadas na súa totalidade na data máxima establecida na resolución de concesión para a xustificación dos gastos realizados. Non obstante, no caso de facturas de prestación de servizos nas cales figuren retencións de importes para o seu ingreso na Administración tributaria, se o referido ingreso non está efectuado no prazo de xustificación sinalado na resolución de concesión, o importe restante da factura poderá ser considerado como admisible se cumpre o resto dos requisitos establecidos.
25. O importe dos investimentos e conceptos que superen os módulos máximos e limitacións establecidos no punto seguinte.
26. Os investimentos facturados por empresas que non teñen no seu obxecto social a realización desas actividades.
C. Conceptos con módulos e outras limitacións.
I. Urbanización.
Soamente se admitirán investimentos en peche da parcela, explanadas e firmes, coas seguintes limitacións, en todo caso:
– En peches o perímetro máximo subvencionable será o equivalente (igual valor) ao dobre da superficie cuberta nova subvencionable, cun custo máximo admisible de 30 €/ml, incluídos os elementos singulares.
– En explanadas e firmes a superficie máxima atendible será igual á superficie construída nova subvencionable, cun custo máximo admisible de 25 €/m2, incluídos todos os elementos e conceptos.
II. Edificacións de nova construción e ampliación das existentes.
Aplicaranse módulos máximos de investimento subvencionable (€/m2 construído e atendible) aplicable ao custo total de execución do investimento en obra civil, excluídas instalacións, e incluídas as divisións interiores con todos os seus elementos, independentemente do material utilizado. Incluirá tamén os locais climatizados (ata 0 ºC), pero non as instalacións e equipamentos de frío ou calor.
O importe dos módulos será:
1. Módulo A: 380 euros/m2 construído, aplicable ás novas industrias con altos requirimentos sanitarios e de climatización de locais (industrias cárnicas, lácteas, do pan e derivados e instalacións de subprodutos). Aplicarase tamén ás industrias xa existentes que fagan edificacións para ampliación de zonas de fabricación e novas liñas con altos requirimentos sanitarios e de climatización (zonas de envasamentos de produtos, etc.).
2. Módulo B: 340 euros/m2 construído, aplicable ás novas industrias con requirimentos medios (resto das agroindustrias), así como industrias xa existentes que fagan edificacións de ampliación de actividade con requirimentos sanitarios e de climatización medios.
3. Módulo C: 290 euros/m2 construído, aplicable a industrias xa existentes que fagan edificacións sinxelas destinadas ao almacenamento de materias primas, produtos finais, vehículos, etc., sen especiais requirimentos sanitarios nin de climatización.
Estes módulos poderán incrementarse ata 60 €/m2 no caso de edificacións que requiran, polos equipamentos utilizados, unha altura de beiril superior a 6 metros ou, no caso de varios andares, unha altura libre entre plantas superior a 6 metros. Este incremento será tamén aplicable no caso de edificacións localizadas en áreas de protección especial, onde sexa exixible o emprego de elementos construtivos que harmonicen e se integren co contorno.
O importe destes módulos aplicarase tamén como investimento máximo que se subvencionará para a adquisición de edificacións, incluído o seu acondicionamento ou reforma.
III. Acondicionamentos en edificacións existentes.
Aplicarase un módulo máximo de investimento subvencionable de 280 €/m2 útil aplicable ao custo total de execución do investimento en obra civil.
IV. Outras limitacións aplicables a zonas e equipos específicos.
1. No caso de oficinas, aseos, vestiarios, comedores e outros locais e equipamentos para o persoal subvencionables, a superficie admisible avaliarase conforme o número de traballadores da empresa que os vaian utilizar.
2. No caso de áreas dedicadas a salas de conferencias, catas e outras relacionadas coa promoción e mellora da produción e comercialización das producións, a superficie máxima subvencionable será de 100 m2, sen que en ningún caso supere o 15 % da superficie restante subvencionable da industria incluída na solicitude de axuda.
3. No caso de superficies dedicadas especificamente dentro dunha industria, a exposición e venda polo miúdo dos produtos da empresa, a superficie máxima subvencionable será de 50 m2, sen que en ningún caso supere o 15 % da superficie restante subvencionable da industria incluída na solicitude de axuda.
4. En todo caso, os investimentos en industrias xa existentes relativos a todos estes conceptos admitiranse na medida en que se acredite que contribúen a mellorar o rendemento global da empresa.
V. Outros gastos.
Os gastos na adquisición ou desenvolvemento de programas informáticos non poderán superar o 30 % do investimento subvencionable total admisible.
Os gastos en estudos de viabilidade técnica e económica serán admisibles sempre que o estudo se presente coa solicitude e estea asinado por un profesional competente; en todo caso o importe máximo admisible será de 1.700 €. Non serán, porén, admisibles se se subvencionan os honorarios de proxecto e dirección de obra nun importe superior á contía sinalada.
Para os honorarios de proxecto e dirección de obra admitirase como máximo subvencionable a suma de:
– 10 % do orzamento en obra civil.
– 5 % do orzamento en instalacións básicas e especiais.
– 1 % da maquinaria e equipamentos. Non se considerarán incluídos nesta epígrafe o carrozado de vehículos, o material e equipamento de laboratorios e os equipos e material informático, incluído o software.
Previamente ao cálculo, aplicaranse a cada grupo de partidas (partidas ao 10 %, 5 % e 1 %) os coeficientes correctores seguintes:
Investimento subvencionable considerado |
Coeficiente |
Correspondencia |
Ata 150.000 € |
1 |
150.000 |
Exceso de 150.000-300.000 € |
0,8 |
120.000 |
Exceso de 300.000-600.000 € |
0,4 |
120.000 |
Exceso de 600.000-3.000.000 € |
0,2 |
480.000 |
Exceso de 3.000.000 € |
0,1 |
Non se terán en conta, para os efectos do cálculo, os orzamentos en activos considerados non subvencionables. O resultado redondearase por defecto nas centenas. En todo caso, o proxecto e dirección de obra deben estar realizados por técnico competente.