Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 51968

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 29 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación e, a través do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia e o Decreto 175/2015, de 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, a Consellería de Economía, Emprego e Industria asume o exercicio das competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Corresponde pois, a esta Consellería para o exercicio de 2016, a xestión das subvencións e axudas públicas das políticas activas de emprego, entre as que están as medidas dirixidas a incrementar a empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo, no marco da Estratexia Europea para o Emprego, do Programa Nacional de Reformas, da Estratexia Española de Activación para o Emprego (2014-2016) do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE) e no eido da colaboración institucional e o Dialogo Social entre o goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.

As recomendacións da UE en materia de emprego diríxense a que os estados membros deben descentralizar a xestión das políticas de emprego, de forma que estas se acheguen e adecúen ás necesidades concretas de cada territorio e á realidade do mercado de traballo local coa fin de lograr unha estratexia de acción común. Estas directrices poñen especial fincapé na importancia da creación de postos de traballo a nivel local desde a perspectiva de que existen novos filóns de emprego susceptibles de xerar novos postos de traballo, sendo no ámbito local onde se atopan as maiores posibilidades de detección e aproveitamento en beneficio do emprego.

Para 2016 implementarase en e para Galicia, un programa autonómico, que non é outra cosa que unha adaptación do programa estatal de obradoiros de emprego, coherente co momento actual e cos requirimentos específicos da realidade do noso mercado laboral, máis flexible e áxil que facilite a súa xestión, manténdose, por outra banda, a novidade introducida en exercicios anteriores de incluír entre os beneficiarios ás persoas desempregadas maiores de dezaoito e menores de vinte e cinco anos.

Esta nova regulamentación autonómica é posible á vista do novo enfoque que da ao deseño e á xestión das políticas activas de emprego o apartado 3 do artigo 36 do texto refundido da Lei de Emprego, aprobado polo Real decreto Lexislativo 3/2015, do 23 de outubro, do que resulta que as Comunidades Autónomas están habilitadas para deseño e execución de novos programas e servizos de políticas activas de emprego adaptadas ás peculiaridades e características dos seus mercados de traballo locais que, en todo caso, deberán preverse no respectivo plan Anual de Política e Emprego (PAPE) e integrarse nalgún dos Eixes establecidos no artigo 10.4 do texto refundido da lei de emprego, para a Estratexia Española de Activación para o Emprego para 2014-2016, aprobada polo Real decreto 751/2014, de 5 de setembro. Estes requisitos e condicións cúmprense no presente caso, posto que este programa incluirase no PAPE 2016 no eixo 2.

Efectivamente, a sociedade demanda dos poderes públicos a adopción de medidas efectivas e eficientes que coadxuven a reducir o desemprego, sinaladamente das persoas con especiais dificultades de inserción; por esta razón, mantendo os elementos nucleares que caracterizan orixinariamente aos programas mixtos de formación e emprego e, co obxecto de non defraudar esas expectativas, na presente regulación se realiza unha adaptación do programa estatal de obradoiros de emprego en base ao cal se aprobaran exclusivamente, proxectos de seis meses de duración, introducíndose unha serie de modificacións e adaptacións tendentes ao mesmo tempo que a reducir os custos dos proxectos, a posibilitar o acceso dun maior número de persoas desempregadas beneficiarias, mantendo a filosofía de aprender traballando, isto é recibir unha formación profesional para o emprego acreditable e certificable ao mesmo tempo que se realiza un traballo real e produtivo, configurándose así un programa autonómico nesta materia, que a Xunta de Galicia incluirá no Plan anual de política de emprego (PAPE) para 2016.

Estes obradoiros de emprego concíbense como programas mixtos de formación e emprego que, promovidos por entidades locais, están dirixidos a mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Nesta convocatoria permanece a posibilidade, iniciada no exercicio 2014, de presentar as solicitudes das axudas e subvencións a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, creada polo Decreto 198/2010, do 2 de decembro, que establece o marco de desenvolvemento da Administración electrónica na Administración pública galega, como canle principal de relación do cidadán coa Administración e co obxectivo de avanzar na mellora da calidade e da eficacia dos servizos ofrecidos. Esta posibilidade leva aparellada a necesaria obtención por partigo dos representantes legais das entidades, cando non dispoñan deles, do DNI electrónico ou certificado electrónico de persoa física da FNMT.

Noutra orde de cousas, esta orde da continuidade a senda iniciada na regulación en 2012, onde se establecía como requisito para poder acceder ás axudas para aqueles concellos pequenos que non cheguen a unha media de paro rexistrado no ano 2015 superior a 500 persoas, que necesariamente deberán «asociarse ou coordinarse» con outros concellos limítrofes para poder acceder ás axudas para a posta en funcionamento dun obradoiro de emprego. Toda vez que esta orde establece como requisito para aqueles concellos pequenos a necesidade de asociarse ou mancomunarse para poder optar á concesión das axudas, cabe entender como cumprida a finalidade do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 28 de febreiro de 2013, polo que se aproban os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu Regulamento e, en concreto, no relativo aos principios de concorrencia, publicidade, transparencia, obxectividade, igualdade e non discriminación na concesión das axudas e tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e do artigo 1.1º da Orde da Consellería de Economía e Facenda, de 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada pola Orde de 27 de novembro de 2000 e pola de 25 de outubro de 2001, quedando a concesión da subvención sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitada e suficiente no momento da resolución, existindo crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 19 de outubro de 2015.

Así mesmo, e co gallo de acadar a máxima optimización dos fondos destinados ás políticas activas de emprego, procédese ao establecemento dunha vinculación efectiva entre os programas mixtos de formación e emprego, concibidos como liñas de fomento da empregabilidade e a consecución dun emprego con posterioridade ao desenvolvemento dos mesmos, procurando unha maior implicación e compromiso dos concellos na consecución da posterior inserción laboral das persoas desempregadas que se contraten con cargo a estes programas.

A Comunidade Autónoma galega considera de importancia o retorno e a incorporación laboral da súa poboación no exterior, polo que con esta liña pretendese tamén chegar á poboación galega, laboralmente activa, que reside fóra de Galicia.

Nesta convocatoria de 2016, a distribución provincial de créditos para o financiamento destes programas realizarase tendo en conta o número de persoas paradas e a evolución do paro rexistrado no período 2011-2015 e a evolución da poboación no citado período, e terase en conta, ademais, en coherencia cos Programas Impulsa de Lugo e Ourense, informados polo Consello da Xunta de Galicia, o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

O financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde, realizarase con cargo aos créditos da aplicación 09.41.322A.460.2 (código de proxecto 2014 00 543) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016 por un importe de 7.700.000 de euros. Para o exercicio de 2017, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación polo importe de 2.500.000 de euros, correspondentes a fondos finalistas transferidos polo Servizo Público de Emprego Estatal.

En consecuencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e obtidos os informes favorables da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, da Intervención Xeral e autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, na súa sesión do día 23 de decembro de 2015, a concesión de anticipos, a forma de pagamento das axudas e subvencións reguladas nesta orde así como o seu carácter plurianual e no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto, definición e persoas beneficiarias

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto o establecemento das bases reguladoras, así como a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2016, das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego dentro dos programas mixtos de emprego e formación no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade,

2. Os obradoiros de emprego configúranse como programa mixto de emprego e formación que ten por finalidade mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas de dezaoito ou máis anos de idade, mediante a realización de obras ou prestación de servizos de interese xeral e social que posibiliten aos alumnos e alumnas participantes a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación profesional para o emprego recibida, relacionada directamente con dito traballo, procure a súa cualificación profesional e favoreza á súa posterior inserción laboral no mercado de traballo.

3. A programación dos obradoiros de emprego integrarase, na medida do posible e conforme aos itinerarios de inserción profesional que se definan, en proxectos que dean resposta ás demandas do mercado de traballo e sexan capaces de activar o desenvolvemento territorial, xerar riqueza e, consecuentemente, crear postos de traballo.

Artigo 2. Persoas beneficiarias participantes.

1. Poderán ser persoas beneficiarias participantes neste programa aquelas que, estando desempregadas e inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia, teñan unha idade igual ou superior aos dezaoito anos.

2. Para poder participar neste programa é imprescindible cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e aprendizaxe, co obxecto de estar vinculada mediante un contrato de tales características ao obradoiro de emprego, durante toda a duración da etapa de formación en alternancia, de acordo co previsto no artigo 11. 2 e na disposición adicional segunda do Real decreto lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores.

3. Se a formación a impartir no proxecto vai dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, será necesario que o perfil dos alumnos se adecúe aos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan ditos certificados.

Artigo 3. Beneficiarias da subvención: entidades promotoras.

1. Os proxectos de obradoiros de emprego poden ser promovidos por:

a) As entidades locais ou entidades públicas dependentes ou vinculadas a unha Administración Local, cuxa titularidade corresponda integramente á mesma

b) Os consorcios locais previstos no artigo 149 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

2. As entidades promotoras deberán ser competentes para a execución das correspondentes obras ou servizos e dispoñer da capacidade técnica e de xestión suficiente para a realización dos proxectos e, ademais, deberán ter unha media de paro rexistrado no ano 2015 superior a 500 persoas no seu ámbito territorial.

Este requisito do número mínimo de persoas desempregadas non será de aplicación cando a solicitude ou as actuacións previstas no proxecto engloben, cando menos a tres concellos limítrofes da mesma provincia ou dous no caso de que un deles sexa resultado da fusión de dous ou máis concellos

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 4. Etapas e duración

1. Os obradoiros de emprego terán unha duración de seis meses, así como unha única etapa de formación en alternancia co traballo ou a práctica profesional, que tamén estará dirixida á aprendizaxe, cualificación e adquisición de experiencia profesional.

2. Transcorrido o prazo de duración previsto na resolución de aprobación do proxecto, o obradoiro de emprego considerarase finalizado.

3. A data límite para o inicio dos obradoiros de emprego será, con carácter xeral, o 30 de setembro de 2016.

CAPÍTULO II

Contidos formativos

Artigo 5. Formación e etapa en alternancia nos obradoiros de emprego

1. Durante o desenvolvemento do obradoiro de emprego, os alumnos e alumnas, recibirán formación profesional para o emprego, segundo o plan formativo incluído na memoria exixida no artigo 18.2.c) desta orde, alternándoa coa práctica profesional. A formación adecuarase, na medida do posible e en función do oficio ou posto de traballo que se vai desempeñar, aos contidos mínimos establecidos nos reais decretos que regulen os certificados de profesionalidade das correspondentes ocupacións, de acordo co establecido no apartado 1 do artigo 11 do Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

2. Desde o inicio da súa participación no obradoiro de emprego, o alumnado-traballador será contratado pola entidade promotora na modalidade do contrato para a formación e aprendizaxe, polo que deberá reunir, para formalizar o dito contrato, os requisitos aos que alude o artigo 11.2 do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, e de conformidade co disposto na disposición adicional primeira do Real decreto 1529/2012, de 8 de novembro, polo que se desenvolve o contrato para a formación e aprendizaxe e se establecen as bases da formación profesional dual.

3. Durante esta etapa os alumnos e alumnas percibirán as retribucións salariais que lle correspondan de conformidade co previsto na normativa aplicable e nesta orde.

4. A duración dos contratos de traballo subscritos co alumnado-traballador non poderá exceder á data de remate do obradoiro de emprego.

Artigo 6. Formación complementaria

1. Nos proxectos de obradoiros de emprego impartirase a formación complementaria que determine o Servizo Público de Emprego incluíndo, en todo caso, as materias de alfabetización informática, sensibilización ambiental e sensibilización en igualdade de xénero.

2. En todos os proxectos impartirase a formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación a desempeñar, téndose en conta, se é o caso, os contidos recollidos no correspondente certificado de profesionalidade.

3. O contido dos ditos módulos incluirase dentro do plan formativo exixido no artigo 18.2. c) desta orde, de acordo cos contidos e tempo de impartición que, se é o caso, estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral respectando o disposto no artigo 33 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia.

Artigo 7. Orientación, información profesional, formación empresarial e asistencia técnica

1. O alumnado-traballador, durante todo o proceso formativo, recibirá orientación, asesoramento e información profesional e formación empresarial, para o que os obradoiros de emprego deberán contar co persoal e métodos axeitados.

2. Ao remate da actividade do obradoiro de emprego, as entidades promotoras prestaranlles asistencia técnica ao alumnado-traballador participante, tanto para a busca de emprego por conta allea como para o establecemento por conta propia. Para iso actuarán, se é o caso, mediante as súas propias unidades ou organismos de orientación e asesoramento, en colaboración coa Consellería de Economía, Emprego e Industria. No caso de existiren iniciativas emprendedoras de autoemprego, poderase promover a súa inclusión en viveiros de empresas ou en actuacións similares. Con esta finalidade, as entidades promotoras poderán solicitar á antedita consellería e a outras administracións públicas as axudas establecidas para os distintos programas de apoio á creación de emprego.

Artigo 8. Educación básica

1. Para o alumnado-traballador participante que non acadase os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, previstos na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación, e de conformidade co disposto no artigo 11.2.d) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, organizaranse programas específicos coa finalidade de proporcionarlles unha formación básica e profesional que lles permita incorporarse á vida activa ou proseguir os seus estudos nas distintas ensinanzas reguladas na antedita lei orgánica e, especialmente, mediante as probas de acceso correspondentes.

2. O disposto no parágrafo anterior tamén será aplicable ás persoas que non posúan o título de graduado escolar, por ter este os mesmos efectos profesionais que o de graduado en educación secundaria, segundo establece a disposición adicional trixésimo primeira da referida lei orgánica.

Artigo 9. Certificacións e diplomas

1. Finalizada a súa participación no obradoiro de emprego os alumnos e alumnas recibirán un certificado, expedido pola entidade promotora, nos termos recollidos no artigo 11.2.e) do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores e no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, no que constará a duración en horas da súa participación no programa, así como o nivel de formación teórico-práctica adquirido e os módulos formativos cursados.

2. Este certificado poderá servir, total ou parcialmente, se é o caso, e logo dos requisitos que se determinen, para ser validado no seu momento polo certificado de profesionalidade previsto no Real decreto 34/2008, do 18 de xaneiro, polo que se regulan os certificados de profesionalidade, modificado polo Real decreto 189/2013, do 15 de marzo.

3. A Consellería de Economía, Emprego e Industria concederalles aos alumnos e alumnas uns diplomas nos que se recollerá a duración da súa participación no proxecto, de conformidade co modelo e as instrucións que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

CAPÍTULO III

Selección e contratación

Artigo 10. Normas xerais: grupo de traballo mixto

1. A selección do alumnado-traballador, así como a do persoal directivo, docente e administrativo de apoio participante no proxecto que se vai poñer en funcionamento, será realizada, por un grupo de traballo mixto constituído para tal fin por representantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria e da entidade promotora, atendendo ás prioridades do proxecto, aos itinerarios formativos e a criterios de igualdade e obxectividade. A presidencia do grupo de traballo mixto recaerá na persoa representante da consellería que para o efecto sexa designada pola respectiva xefatura territorial.

2. A este grupo corresponderalle establecer os criterios de selección de todo o persoal e alumnado-traballador do obradoiro de emprego, procurando a maior adaptación das persoas a seleccionar, ás especialidades e as particulares circunstancias de dificultade destas, mediante a aprobación das correspondentes bases reguladoras, nas que deberán respectarse os requisitos e criterios de selección establecidos nesta orde e nas instrucións e circulares da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral que a desenvolvan, procurando a maior adaptabilidade das persoas seleccionadas ás ocupacións e ás particulares circunstancias de dificultade destas.

Unha vez aprobadas as bases reguladoras do proceso de selección do persoal e alumnado traballador do obradoiro de emprego, deberán ser expostas ao público nos taboleiros de anuncios da oficina de emprego que tramite a oferta de emprego así como nos taboleiros de anuncios e na páxina web da entidade promotora do obradoiro

3. Rematados os procedementos de selección, o grupo de traballo preparará a relación das persoas seleccionadas como beneficiarias participantes, persoal directivo, docente e administrativo de apoio, elaborando unha acta, por duplicado exemplar, de todo o actuado e remitiralle un exemplar á entidade promotora para o seu cumprimento e outro á xefatura territorial da consellería.

Artigo 11. Procedemento de selección do alumnado-traballador

1. Para a selección do alumnado-traballador, o grupo de traballo mixto determinará o perfil das persoas candidatas, os baremos e probas que poidan aplicarse, se é o caso, e os requisitos mínimos que aquelas deben cumprir, con suxeición ao previsto nos parágrafos seguintes.

2. En todo caso, a selección irá precedida da tramitación de oferta de emprego pola correspondente oficina de emprego, debendo esta observar, como requisitos mínimos que deben cumprir as persoas candidatas preseleccionadas, os seguintes:

a) Ter dezaoito ou máis anos de idade.

b) Estar desempregadas, entendéndose nesta situación ás persoas demandantes de emprego rexistradas no Servizo Público de Emprego de Galicia, que carezan de ocupación remunerada e estean dispoñibles para o emprego.

c) Cumprir os requisitos establecidos na normativa reguladora do contrato para a formación e aprendizaxe, co obxecto de ter vinculación mediante un contrato de tales características ao obradoiro de emprego, desde a súa incorporación ao proxecto, en aplicación do previsto nos artigos 2 e 5 desta orde.

d) Cando a formación a impartir no proxecto vaia dirixida á obtención de certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 2 ou 3, cumprir cos requisitos de acceso sinalados nos reais decretos que regulan ditos certificados.

3. Terán preferencia para participar nestes proxectos as persoas beneficiarias da renda de integración social de Galicia, así como aquelas que, tendo previsto a realización deste tipo de medidas no seu itinerario de inserción profesional, teñan especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, tales como: as persoas mozas menores de trinta anos, as mulleres en xeral, as mulleres vítimas de violencia, o persoal traballador que esgotou as prestacións e subsidios por desemprego, as persoas paradas de longa duración, as persoas maiores de corenta e cinco anos, as persoas que carecen de títulos universitarios e de F.P. de grao superior, excepto para os certificados de profesionalidade de nivel de cualificación 3, para os que se require unha maior formación, xa que estes programas van dirixidos as persoas que, con carácter xeral, carecen dunha cualificación profesional, as persoas con discapacidade sempre que poidan realizar os traballos e as persoas pertencentes a outros colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.

4. O grupo de traballo mixto practicará a selección de entre as relacións de persoas desempregadas confeccionadas pola oficina de emprego que deberán conter, no posible, tres persoas candidatas por posto.

5. Os alumnos e alumnas que se seleccionen deberán manter o cumprimento dos requisitos de selección na data da súa incorporación ao proxecto.

Artigo 12. Procedemento de selección do persoal directivo, docente e administrativo de apoio

1. Na selección do persoal directivo, docente e administrativo de apoio, o grupo de traballo mixto establecerá o procedemento selectivo, podendo utilizar oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego, convocatoria pública ou ambas.

2. Así mesmo, corresponderalle ao grupo de traballo mixto determinar o perfil, as características e os requisitos a cumprir polas persoas candidatas, elaborar as convocatorias, establecer os baremos e, se é o caso, as probas que poidan aplicarse, preparar as ofertas de emprego que se tramitarán á oficina de emprego, se procedese. Así mesmo encargarase de difundir as convocatorias a través dos medios de comunicación que se determinen.

3. A selección definitiva deberase realizar entre as persoas preseleccionadas pola oficina de emprego e as solicitudes presentadas á convocatoria pública, se é o caso, debendo considerar, na medida do posible, tres candidatos ou candidatas por posto.

4. Terán preferencia as persoas que en igualdade de condicións de cumprimento do perfil requirido se atopen en situación de desemprego

Artigo 13. Contratación

1. As persoas seleccionadas como alumnado-traballador serán contratadas, pola entidade promotora, dende a súa incorporación ao proxecto, a través da modalidade de contrato de traballo para a formación e aprendizaxe que levará implícitas as seguintes particularidades:

a) De acordo co disposto no apartado 1 da disposición adicional segunda do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores, non será de aplicación o límite de idade, nin o de duración establecido, respectivamente, no artigo 11.2.a) e b) de dito estatuto. Así mesmo nestes contratos as situacións de incapacidade temporal, risco durante o embarazo , maternidade, adopción o acollemento, risco durante a lactancia e paternidade non interromperán o cómputo de duración do contrato.

b) En función do previsto no apartado 2 na Disposición adicional segunda do citado texto refundido, os contratos para a formación e aprendizaxe subscritos cos alumnos e alumnas dos obradoiros de emprego non cotizarán nin estarán protexidos polas continxencias de desemprego.

2. A entidade promotora contratará ao persoal directivo, docente e administrativo de apoio que fose seleccionado e figure como tal nas actas do grupo de traballo mixto, a través da modalidade de contratación que considere máis axeitada.

3. Os contratos de traballo formalizaranse por escrito no modelo oficial correspondente, código 421-Formación, debendo facerse constar a súa pertenza ao programa de obradoiros de emprego, a denominación do proxecto para o que se formaliza e, se é o caso, o número da oferta de emprego utilizada. Serán mecanizados y comunicados ao Servizo Público de Emprego de Galicia a través do aplicativo Contrat@, indicando, a súa pertenza ao programa de obradoiros de emprego, por medio dunha opción específica que figura no apartado «Datos específicos do contrato». Unha vez indicada esta opción aparecerá un despregable que permitirá elixir de, entre varias opcións, as correspondentes a «Alumno/Traballador» e «Persoal» que se empregarán, respectivamente, para os alumnos e o persoal directivo, docente e administrativo de apoio do obradoiro.

Artigo 14. Incidencias e reclamacións

1. As incidencias e reclamacións que se puidesen suscitar, derivadas dos procesos de selección, serán resoltas polo grupo de traballo mixto sen que caiba ulterior recurso en vía administrativa.

2. Calquera que sexa o sistema de selección utilizado, seguiranse os criterios e procedementos establecidos polo Servizo Público de Emprego para a cobertura de ofertas de emprego, polo que non será de aplicación a normativa establecida para os procedementos de selección do persoal das distintas administracións públicas aínda cando a entidade promotora sexa un organismo público. Neste último caso, o persoal e o alumnado-traballador seleccionados non se considerarán incluídos nos correspondentes cadros de persoal ou relacións de postos de traballo e, consecuentemente, non será precisa oferta de emprego público previa.

CAPÍTULO IV

Procedemento para a concesión de subvencións

Artigo 15. Solicitudes. Prazo de presentación

1. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de conformidade co establecido nor artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónica ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 16. Consentimentos e autorizacións

1. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 17. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades . O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

Artigo 18. Documentación

1. De carácter xeral: xunto coa solicitude (anexo 1) deberá anexar a seguinte documentación complementaria:

a) A que acredite a personalidade xurídica da entidade solicitante, tendo en conta que se é unha mancomunidade, consorcio ou calquera outro tipo de asociacións dos concellos galegos ou algunha das entidades con competencias en materia de Emprego e Formación ás que alude o artigo 3, deberá achegarse, segundo proceda, norma ou acordo de creación ou estatutos publicados no diario oficial correspondente, podendo substituírse por unha certificación expedida para tal efecto.

b) NIF da entidade solicitante só no caso de non autorizar a súa consulta.

c) Copia do DNI da persoa que en nome e representación da entidade solicita a concesión da subvención. Se se autoriza a consulta, a través do Sistema de verificación de datos de identidade (SVDI) no formulario de solicitude, non será necesaria a súa presentación.

d) A que acredite o apoderamento suficiente de quen actúa en nome e representación da entidade solicitante. Esta circunstancia farase constar mediante copia da norma ou acordo de nomeamento publicada no correspondente diario oficial ou mediante certificación expedida para o efecto.

e) As entidades locais e as entidades con competencias en materia de Emprego e Formación e os consorcios, comunidades, mancomunidades ou calquera outro tipo de asociacións dos concellos galegos, deberán presentar certificación expedida polo secretario ou secretaria da entidade promotora, na que se recolla o acordo de aprobación do proxecto e de solicitude de subvención á Consellería de Economía, Emprego e Industria, adoptado polo órgano competente, ou se é o caso as certificacións das aprobacións por cada un dos concellos participantes no proxecto e, se procede, do convenio de colaboración asinado entre eles para o efecto.

f) Declaración asinada pola persoa representante legal, no que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se acompaña como anexo I. No caso dunha asociación de concellos, ademais da citada declaración asinada polo representante legal do concello solicitante, cada un do resto de representantes legais dos concellos asociados deberá presentar unha declaración na que se recolla o conxunto de todas as axudas ou subvencións, solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade polas distintas administracións públicas competentes ou entes públicos estatais ou internacionais, segundo o modelo que se acompaña como anexo II.

g) Certificado en que consten as fontes de financiamento da partigo do custo do proxecto que non sexa subvencionada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. De carácter específico. Ademais da indicada no punto anterior, as entidades promotoras de obradoiros de emprego deberán xuntar a seguinte documentación:

a) Certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente da entidade promotora que acredite a titularidade xurídica de cada un dos obxectos de actuación e a súa dispoñibilidade para realizar as obras ou a prestación dos servizos previstos no proxecto. No caso de titularidade privada, documento de cesión para o seu uso público por un período de tempo non inferior a vinte e cinco anos.

b) As autorizacións administrativas que sexan exixibles atendendo á natureza xurídica e ao réxime de protección dos obxectos sobre os cales se pretende actuar con ocasión do desenvolvemento do proxecto. De non seren necesarias, achegarase certificación expedida polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente da entidade promotora en tal sentido.

c) Proxecto para o que se solicita a subvención e que, como mínimo, constará dunha memoria, segundo o modelo que se xunta como anexo III, na cal se recollerán os seguintes aspectos:

• Descrición detallada da obra ou servizo que se vai realizar ou prestar, indicando o destino previsto para a súa utilización posterior. No caso de que a obra que se vai executar o requira, achegarase proxecto básico asinado polo persoal técnico competente. O dito proxecto básico constará, cando menos, de memoria descritiva, planos xerais e orzamento con estimación global por capítulos.

• Plan formativo por especialidades en relación co proxecto de obra ou servizo que se vai desenvolver, de xeito que se estableza a correspondencia entre o plan formativo por especialidades e as unidades de obra ou servizos. Os itinerarios formativos adecuaranse, na medida do posible, ao establecido nos reais decretos dos correspondentes certificados de profesionalidade ou, no seu defecto, especificaranse os módulos formativos da ocupación, indicando o número de horas e os seus contidos teórico-prácticos.

• Cada itinerario formativo deberá incluír a denominación dos módulos que o integran e a súa duración, o obxectivo xeral do módulo e os contidos teórico-prácticos.

• Orzamento e financiamento do proxecto, detallado segundo o disposto no artigo 19 desta orde.

• Datas previstas de comezo e finalización da actividade do obradoiro de emprego.

• Informe sobre as estratexias de desenvolvemento e perspectivas de emprego, con inclusión das previsións, o máis concretas posible, de inserción laboral do alumnado-traballador participante ao remate da súa participación no proxecto.

A documentación complementaria presentarase electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

No caso de que algún dos documentos a presentar pola persoa solicitante, de forma electrónica, superase os tamaños límites establecidos pola sede electrónica, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro do prazo previsto no artigo 15.2 desta orde. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá presentar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaño máximo admitido da documentación complementaria para cada procedemento.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Contido do orzamento dos obradoiros de emprego

Para os efectos do previsto na letra c) do artigo 18.2 desta orde, o orzamento do proxecto presentarase subdividido en:

1. Orzamento de gastos segundo o seguinte detalle:

a) Custos máximos totais derivados da contratación do persoal directivo, docente, administrativo de apoio e do alumnado-traballador participante.

b) Custos máximos totais derivados do funcionamento e xestión do obradoiro de emprego:

• Medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

• Amortización de instalacións e equipamentos. Cando a entidade promotora achegue, para o desenvolvemento do proxecto, bens (equipos e instalacións) amortizables, xuntarase relación valorada destes, incluíndo as cotas de amortización que se deriven da aplicación das táboas de coeficientes de amortización anualmente establecidas.

• Viaxes do alumnado-traballador para a súa formación.

• Material de oficina.

• Aluguer de instalacións, maquinaria e equipos, excluído o leasing.

• Gastos xerais.

• Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivar da actuación profesional do persoal do obradoiro de emprego durante todo o funcionamento do proxecto, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

• Outros gastos de funcionamento necesarios para o desenvolvemento do proxecto.

2. Orzamento de ingresos: expresará a partigo financiada pola entidade promotora e por outros posibles organismos ou entidades colaboradoras, así como a partigo para a que se lle solicita financiamento á Consellería de Economía, Emprego e Industria. De ser o caso, tamén se farán constar os posibles ingresos previstos como consecuencia, e sempre que se cumpra o establecido no artigo 31 desta orde, do alleamento de bens producidos ou servizos prestados polo obradoiro de emprego.

Artigo 20. Instrución e emenda

1. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Orientación e Promoción Laboral da xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria competente por razón do territorio.

2. No suposto de que a solicitude non reúna os requisitos exixidos pola lexislación específica aplicable requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que se así non o fixer, considerarase desistida da súa petición, previa resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42, da Lei 30/92, do 26 de novembro, de Réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, de conformidade co establecido no artigo 71 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 21. Avaliación de solicitudes. Comisión Central de Valoración

1. Os expedientes, unha vez completos, serán remitidos, no prazo de 15 días, xunto co informe técnico emitido pola xefatura territorial e no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, á Comisión Central de Valoración para o seu estudo e informe nunha única fase, que terá lugar preferentemente na segunda quincena de abril.

2. Para estes efectos a Comisión Central de Valoración estará composta pola persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, que a presidirá; e serán vogais as persoas responsables das xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e actuará como secretario a persoa titular da Subdirección Xeral de Orientación Laboral, con voz pero sen voto.

Se por calquera causa, no momento que a Comisión Central de Valoración teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidera asistir, será substituída pola persoa que sexa designada pola persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Artigo 22. Criterios de valoración dos proxectos

1. Na valoración dos proxectos de obradoiros de emprego teranse en consideración os seguintes criterios:

a) Número de persoas desempregadas, dentro do segmento de idade beneficiario do proxecto, existentes no ámbito territorial no que se desenvolva, ata 3 puntos, de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos localizados en concellos que teñan un número de desempregados comprendidos dentro do segmento de idade beneficiario do proxecto superior 3.000 persoas: 3 puntos.

• Proxectos localizados en concellos que teñan un número de desempregados comprendidos dentro do segmento de idade beneficiario do proxecto entre 1.501 e 3.000 persoas: 2 puntos.

• Proxectos localizados en concellos que teñan un número de desempregados comprendidos dentro do segmento de idade beneficiario do proxecto entre 0 e 1.500 persoas: 1 punto.

b) O ámbito xeográfico de actuación do proxecto, ata 8 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos localizados en concellos cunha media de paro no ano 2015 superior ás 2.000 persoas desempregadas ou cun incremento na media anual do paro rexistrado desde o ano 2011 superior ao 50 %, ou que teñan sufrido un ERE extintivo no seu ámbito territorial no 2015 que teña suposto un incremento da media de paro desde o ano 2011 superior ao 15 %, 8 puntos.

• Proxectos localizados en concellos cunha media de paro no ano 2015 superior ás 1.000 persoas desempregadas ou cun incremento na media anual do paro rexistrado desde o ano 2011 superior ao 35 %, 6 puntos.

• Proxectos localizados nos restantes concellos, 4 puntos.

No suposto de que no ámbito xeográfico de actuación do proxecto convivan concellos dos diferentes grupos a puntuación obterase de xeito proporcional.

c) Perspectivas de emprego do colectivo participante, especialmente en orde á creación de maior número de postos de traballo estables, 4 puntos.

d) Adaptabilidade do proxecto para a participación dos colectivos sinalados como preferentes polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo co que establezan as directrices de emprego europeas e as que poidan emanar do Dialogo Social e Institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación, 4 puntos.

e) Carácter innovador do proxecto, 4 puntos, tendo en consideración a súa incidencia en novos viveiros de emprego, como:

• Servizos de utilidade colectiva: rehabilitación do patrimonio artístico, histórico, cultural ou natural, revalorización de espazos públicos e urbanos, xestión de residuos, xestión de augas, protección e mantemento de zonas naturais e aqueles que incidan directa ou indirectamente no control da enerxía.

• Servizos de lecer e culturais: promoción do turismo e desenvolvemento cultural e local.

f) Dedicación do proxecto a implantación de servizos personalizados de carácter cotián como: atención á dependencia, coidado de nenas e nenos, prestación de servizos a domicilio a persoas con discapacidade ou persoas maiores, axuda a mozos e mozas en dificultades e/ou con desarraigamento social, 8 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos que non conteñan ningún módulo relacionado cos servicios indicados, 0 puntos.

• Proxectos que conteñan un módulo relacionado cos servizos indicados, 2 puntos.

• Proxectos que conteñan dous módulos relacionado cos servizos indicados, 4 puntos.

• Proxectos que conteñan tres módulos relacionado cos servizos indicados, 6 puntos.

• Proxectos en que todos os módulos sexan dos indicados, 8 puntos.

g) Dedicación do proxecto a rehabilitación e posta en valor de fachadas e edificios de carácter público e/ou social e de espazos medioambientais, 5 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos que non conteñan ningún módulo relacionado coas finalidades indicadas, 0 puntos.

• Proxectos que conteñan un módulo relacionado coas finalidades indicados, 1 punto.

• Proxectos que conteñan dous módulos relacionados coas finalidades indicadas, 2 puntos.

• Proxectos que conteñan tres módulos relacionados coas finalidades indicadas, 4 puntos.

• Proxectos en que todos os módulos respondan ás finalidades indicadas, 5 puntos.

h) Calidade do proxecto, atendendo ás actuacións que se van realizar e a súa adecuación para a cualificación e adquisición de experiencia profesional do alumnado-traballador e dos beneficios sociais que se prevexa xerar, ata 6 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos considerados de baixa calidade, ata 1 punto.

• Proxectos considerados de calidade media, ata 3 puntos.

• Proxectos considerados de alta calidade, ata 6 puntos.

i) Calidade do plan formativo cara á obtención do certificado de profesionalidade e a súa adecuación entre as especialidades propostas e as ocupacións máis ofertadas no mercado de traballo, ata 6 puntos, de acordo cos seguintes criterios:

• Proxectos considerados de baixa calidade, ata 1 punto.

• Proxectos considerados de calidade media, ata 3 puntos.

• Proxectos considerados de alta calidade, ata 6 puntos.

j) Ámbito de actuación superior ao municipal e que implique, no seu deseño, financiamento e execución, a outras entidades locais do contorno: ata 3 puntos, de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos promovidos por catro o máis concellos: 3 puntos.

• Proxectos promovidos por tres concellos: 2 puntos.

• Proxectos promovidos por dous concellos: 1 punto.

k) Achegas da entidade promotora ou doutras entidades colaboradoras, especialmente cando estas achegas diminúan a subvención que poida conceder a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ata 3 puntos. Para tal efecto, terase en conta o esforzo investidor en cada caso, de acordo coa seguinte escala:

• Proxectos nos que a achega económica das promotoras sexa superior a 45.000 €: 3 puntos.

• Proxectos nos que a achega económica das promotoras estea comprendida entre 20.001 e 45.000 €: 2 puntos.

• Proxectos nos que a achega económica das promotoras estea comprendida entre 5.000 e 20.000 €: 1 punto.

l) Número de proxectos de escolas obradoiros ou obradoiros de emprego promovidos con anterioridade pola entidade solicitante, así como resultados cualitativos e cuantitativos, ata 3 puntos. Para estes efectos, valoráranse en concreto:

• Non ter promovido proxectos durante os catro anos inmediatamente anteriores.

• A inserción das persoas participantes no mercado laboral.

• A formación e experiencia profesional adquirida.

• O resultado socioeconómico derivado da realización de proxectos de utilidade pública e social acollidos a esta orde.

m) Participación dos axentes económicos e sociais, con presenza no territorio na elaboración do contido e posterior desenvolvemento do proxecto ou cando estiver vinculado ou xurdir a iniciativa ou coa participación do comité territorial de emprego competente: 3 puntos.

2. Para o caso de que se produza un empate nas puntuacións obtidas, terán preferencia aquelas solicitudes nas que se utilice a lingua galega na elaboración e na realización dos proxectos.

3. A puntuación mínima exixible para a aprobación dos proxectos e concesión da correspondente subvención será de 23 puntos.

4. Cando a Comisión Central de Valoración informe unha variación do número de alumnos e alumnas participantes, a entidade promotora, no prazo de quince días, desde a súa notificación, deberá realizar os axustes e modificacións pertinentes no proxecto presentado, para os efectos da súa aprobación segundo o previsto no artigo seguinte desta orde.

Artigo 23. Resolución

1. Dentro dos cinco meses seguintes ao remate do prazo de presentación de solicitudes, cumpridos os trámites previstos no artigo 21 desta orde, emitida a proposta de resolución polo órgano instrutor e fiscalizada esta pola respectiva Intervención, a persoa responsable da xefatura territorial, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, ditará e notificaralle á entidade solicitante a resolución que proceda.

2. A resolución favorable conterá, como mínimo, os seguintes apartados:

a) Finalidade e obxectivos básicos do proxecto, número e características das persoas beneficiarias, e, se é o caso, especialidades que se impartirán.

b) Subvención outorgada con cargo aos orzamentos da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o financiamento dos custos sinalados no artigo 27 desta orde, debendo facerse constar que o seu importe ten o carácter de estimado.

c) Duración do proxecto e datas previstas para o seu comezo.

d) Calquera outra especificación que se coide oportuna en cada caso concreto.

3. Transcorrido o prazo de cinco meses sen que se notificase resolución expresa entenderase desestimada a solicitude, de acordo co disposto no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Sen prexuízo do previsto no artigo 37 desta orde, toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. En calquera caso, cando o ritmo de execución non se adecúe á distribución aprobada por anualidades da contía da subvención, poderá modificarse a resolución de concesión, de conformidade co disposto nos artigos 26 e 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de Subvencións de Galicia.

6. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nesta orde esgotan a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, contra elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo perante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a contar desde o día seguinte ao da súa notificación, se for expresa; se non o for, o prazo será de seis meses e contarase, para a entidade solicitante e outras posibles persoas interesadas, a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Potestativamente, con anterioridade á interposición do antedito recurso contencioso-administrativo, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, se dito acto for expreso; se non o for, o prazo será de tres meses e contarase, para a entidade solicitante e calquera outro posible interesado, a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

Todo o anterior é sen prexuízo da interposición de calquera outro recurso que se considere oportuno para a defensa dos dereitos e intereses das entidades solicitantes e outros posibles interesados.

7. As subvencións concedidas ao abeiro desta orde publicaranse, con expresión da entidade beneficiaria, a contía e a finalidade no Diario Oficial de Galicia, na páxina web oficial da Consellería de Economía, Emprego e Industria e no rexistros de subvencións, de acordo co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, na Lei 4/2006, do 30 de xuño, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 24. Modificacións do proxecto

1. Calquera modificación que implique un cambio dos obxectivos e actuacións básicas do proxecto que sexan considerados como substanciais, deberá ser solicitada segundo o procedemento indicado anteriormente.

2. De teren as modificacións o dito carácter de substanciais, as xefaturas territoriais remitirán as solicitudes, cando o informe técnico sexa favorable, á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para que esta informe sobre a procedencia da modificación pretendida. A súa resolución correspóndelles ás persoas responsables das xefaturas territoriais, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Os mencionados cambios deberán responder a causas excepcionais debidamente xustificadas que así o esixan.

3. As solicitudes de modificacións non esenciais non precisarán do informe da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para seren resoltas pola xefatura territorial. Da resolución que se dite enviarase copia á dita dirección xeral para a súa constancia.

CAPÍTULO V

Financiamento e xustificación de subvencións

Artigo 25. Financiamento da subvención

1. O programa de obradoiros de emprego será financiado con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma a través das axudas e subvencións que conceda a Consellería de Economía, Emprego e Industria, con cargo aos créditos da aplicación 09.41.322A.460.2 (código de proxecto 2014 00 543) do proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, por un importe de 7.700.000 euros. Para o exercicio de 2017, as subvencións financiaranse con cargo á mesma aplicación e código de proxecto equivalente polo importe de 2.500.000 de euros. Este importe poderá ser incrementado ou minorado en función das solicitudes que se presenten e das axudas e subvencións que efectivamente se concedan e como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos finalistas para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que puideran establecerse na Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais.

2. A concesión das axudas e subvencións reguladas por esta orde, estará supeditada á existencia de crédito nas aplicacións orzamentarias citadas dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2016. Para os efectos do disposto no artigo 25. 2º do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 3.3 da Orde do 11 de febreiro de 1998 sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, na súa redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, a concesión das axudas ou subvencións estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

3. A distribución provincial de créditos para o financiamento das axudas e subvencións previstas nesta orde será, con carácter xeral, directamente proporcional ao número de persoas paradas e á evolución do paro rexistrado no período 2011-2015, e inversamente proporcional á evolución da poboación no citado período e terá en conta, en coherencia cos Programas Impulsa de Lugo e Ourense, o necesario equilibrio e solidariedade con aqueles territorios máis desfavorecidos.

Artigo 26. Convenios de colaboración

As entidades promotoras poderán subscribir convenios de colaboración con outras entidades públicas ou privadas, mediante os que se comprometan a achegar partigo ou a totalidade do custo do proxecto, descontándose estas achegas da subvención que poida conceder a Consellería de Economía, Emprego e Industria. Esta circunstancia farase constar na memoria prevista no artigo 18 desta orde.

Artigo 27. Obxecto da subvención

1. As axudas e subvencións que conceda a Consellería de Economía, Emprego e Industria para cada obradoiro de emprego, e que se determinarán na resolución que aprobe o proxecto, destinaranse exclusivamente a sufragar os seguintes gastos:

a) Os de formación profesional para o emprego e, se é o caso, educación básica durante a duración do proxecto.

b) Os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriban cos alumnos e alumnas.

2. En ningún caso, o importe da subvención concedida poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo do proxecto.

3. O importe das cantidades efectivas que se aboarán, estará en función do valor dos módulos, do salario mínimo interprofesional e das cotizacións á Seguridade Social vixentes, do número de alumnos e alumnas participantes e da xustificación dos gastos subvencionados.

Artigo 28. Subvención para custos de formación profesional para o emprego

1. Consideraranse como gastos de formación profesional para o emprego e, se é o caso, de educación básica, susceptibles de seren subvencionados:

a) Os gastos derivados da contratación do persoal directivo, docente e administrativo de apoio.

b) Os medios e materiais didácticos e de consumo para a formación.

c) As amortizacións de instalacións e equipamentos. Para o seu cálculo utilizaranse as táboas de coeficientes anuais de amortización oficialmente establecidas.

d) As viaxes para a formación do alumnado-traballador.

e) Os materiais de oficina.

f) Aluguer de instalacións, maquinaria e equipamentos, excluído o leasing.

g) Os gastos xerais.

h) Se é o caso, o importe da póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que para os bens e as persoas poidan derivarse da actuación profesional do persoal do obradoiro de emprego durante o funcionamento do proxecto, quedando a Consellería de Economía, Emprego e Industria exonerada de calquera responsabilidade ao respecto.

i) Outros gastos de funcionamento que sexan necesarios para o desenvolvemento do proxecto formativo.

2. Non poderán financiarse con cargo á subvención concedida:

a) As indemnizacións por morte ou de acción social previstas nos convenios colectivos das entidades promotoras, e as correspondentes a traslados, suspensións, despedimentos, cesamentos ou finalizacións de contratos, así como o importe do pagamento da retribución correspondente ao período das vacacións anuais non disfrutadas durante a duración do proxecto formativo.

b) Os gastos de investimento tales como a adquisición de inmobles, instalacións, maquinarias e equipamentos.

c) Os alugamentos de edificios, locais, naves, aulas ou o seu acondicionamento, sempre que non sexa resultado da práctica profesional do alumnado-traballador participante.

d) Os gastos financeiros xerados por avais, anticipos bancarios ou análogos.

Artigo 29. Cálculo da subvención para custos de formación profesional para o emprego

1. Para os efectos do previsto no artigo anterior, o cálculo da subvención efectuarase por hora/alumno de formación e por módulos:

a) Módulo A: mediante este módulo compensaranse os gastos salariais do persoal directivo, docente e administrativo de apoio que fose seleccionado e contratado, incluídos os orixinados polas cotas da Seguridade Social por conta da persoa empregadora, derivados de continxencias comúns e profesionais, Fondo de Garantía Salarial, Desemprego e Formación Profesional.

b) Módulo B: con este módulo compensaranse os demais gastos enumerados no número 1 do artigo anterior.

2. Para esta convocatoria establécese un importe de 3,35 euros/hora/participante para o Módulo A e de 0,92 euros/hora/participante para o Módulo B.

3. A contía dos anteditos módulos é única para toda a duración do proxecto, aínda que se desenvolva en dous exercicios anuais distintos e será a que corresponda á data de inicio da fase. Non obstante, a retención do 20 por cento da subvención prevista no artigo 32.3 desta orde imputarase a anualidade do 2017, ano no que se vai realizar o seu pagamento, conforme ao disposto no artigo 26.4 do Decreto 11/2009, de 8 de xaneiro.

4. O importe do módulo A ten en consideración a relación dun ou dunha docente a xornada completa por cada oito alumnos.

O importe da subvención prevista para gastos de formación e funcionamento será o equivalente ao resultado de multiplicar o valor dos módulos A e B polo número de alumnos e alumnas e polo total de horas considerando a xornada completa.

Artigo 30. Subvención para custos salariais do alumnado-traballador

Nos contratos para a formación e aprendizaxe que a entidade promotora subscriba cos alumnos e alumnas participantes nos obradoiros de emprego, a Consellería de Economía, Emprego e Industria subvencionará o 100 % do salario mínimo interprofesional anualmente establecido, incluída a partigo proporcional dunha paga extraordinaria. Así mesmo, tamén subvencionará a totalidade das cotas por conta da persoa empregadora correspondentes á Seguridade Social, Fondo de Garantía Salarial e Formación Profesional previstas para os ditos contratos na súa normativa específica.

Artigo 31. Produción de bens e servizos

Cando os obradoiros de emprego, no desenvolvemento da súa actividade, produzan bens que sexan susceptibles de comercialización, poderán allearse, sempre que non se incorra en competencia desleal e se dispoña das autorizacións necesarias. Os ingresos procedentes de tales alleamentos ou da prestación de servizos deberán aplicarse ás actividades do obradoiro de emprego, debendo quedar constancia documental e contable tanto dos ingresos obtidos como do seu destino.

CAPÍTULO VI

Pagamento e xustificación da subvención

Artigo 32. Pagamento da subvención

1. Correspóndelles ás xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria o pagamento das subvencións concedidas, logo das solicitudes das entidades promotoras, no modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

2. Unha vez iniciado o obradoiro de emprego, e despois da xustificación do comezo mediante a oportuna certificación emitida en tal sentido pola entidade promotora, aboaráselle a esta, en concepto de anticipo, unha cantidade equivalente ao 25 % do importe total da subvención do proxecto.

Na medida que a entidade promotora xustifique os gastos e despois de recibida a súa solicitude, poderá aboárselle, en concepto de pagamento a conta, ata o 55 % do importe do total da subvención concedida, de acordo co establecido no artigo 33 desta orde.

3. O 20 % ou a porcentaxe que resulte restante aboaráselle á entidade promotora unha vez rematado o proxecto, xustificados todos os gastos e presentada a acta de liquidación do expediente nos termos dispostos nos artigos 33 e 35 desta orde.

4. Unha vez recibidos os fondos a entidade promotora deberá remitir á xefatura territorial correspondente, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, por cada un dos ingresos, unha certificación acreditativa da súa recepción.

5. As entidades beneficiarias, antes de cada recepción de fondos, deberán achegar unha declaración responsable complementaria de estar ao corrente das obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Seguridade Social e non ter pendente de pagamento débedas coa administración pública da comunidade autónoma.

6. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, a entidade beneficiaria presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 33. Forma de xustificación

1. A xustificación realizarase de conformidade co previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 44 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A entidade promotora, dentro do mes seguinte ao remate do período que xustifique, remitirá á correspondente xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria os xustificantes dos pagamentos efectuados con cargo aos fondos recibidos. A xustificación presentarase segundo o detalle indicado nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, e non se poderán efectuar compensacións entre os distintos conceptos. Así mesmo, xuntarase relación dos pagamentos realizados con identificación das persoas perceptoras, detalle das cantidades aboadas e a data do seu pagamento.

2. A xustificación por horas realizadas nos obradoiros de emprego, deberá efectuarse mediante unha relación do alumnado-traballador participante no período que se xustifica, con expresión das súas datas de alta e baixa, xunto coas copias dos seus contratos de traballo e partes de baixa na Seguridade Social.

Para a xustificación dos custos salariais dos alumnos e alumnas participantes, que se efectuará en función dos contratos efectivamente formalizados e pola duración do período que se xustifica, será necesario achegar a documentación indicada no parágrafo anterior xunto coas nóminas, seguros sociais e xustificantes do seu pagamento.

A antedita documentación deberá xuntarse á nova solicitude de transferencia de fondos, segundo o modelo que para o efecto estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

3. Para a xustificación dos custos salariais e de seguridade social, tanto do alumnado-traballador como do persoal directivo, docente e administrativo de apoio, as entidades beneficiarias presentarán os documentos xustificativos, individualizados, dos pagamentos efectuados xunto cos documentos bancarios correspondentes (extracto ou cargo bancario); así como unha certificación expedida polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente, na que se relacionen todos os xustificantes, individualizados, dos pagamentos realizados así como a data do seu pagamento.

4. Respecto á xustificación dos gastos comprendidos no módulo B, as entidades promotoras deberán presentar unha certificación expedida polo secretario ou secretaria, ou cargo equivalente na que conste: nome e N.I.F. do acredor/a, número e, no seu caso, serie da factura, importe, data de emisión da factura e do seu pagamento, de acordo con disposto no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. No caso de que non se xustifique segundo o previsto nos puntos anteriores, non se realizarán novas provisións de fondos, e procederase á reclamación das cantidades non xustificadas de conformidade co procedemento establecido para o efecto.

6. Os gastos correspondentes ao exercicio de 2016 xustificaranse como data límite o 31 de decembro de 2016, entre os que deberan figurar os correspondentes ao anticipo previsto no artigo 32.2 desta orde, e os de 2017 antes do 1 de maio de 2017.

Artigo 34. Subvención máxima xustificable

A subvención máxima que se pode admitir como xustificada, por gastos de formación e funcionamento, para cada un dos módulos A e B, non poderá exceder ao que resulte de multiplicar o número de horas realizadas polo importe de cada módulo. Para estes efectos, tamén serán consideradas como horas efectivas as do alumnado-traballador que abandone o proxecto polo tempo comprendido entre a data da súa baixa e, se é o caso, o remate do proxecto.

Igualmente, asimilaranse as horas de formación efectivamente impartidas ás correspondentes aos períodos de vacacións anuais retribuídos disfrutados, durante o período de duración do proxecto, polos alumnos e alumnas participantes, establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 35. Liquidación do expediente

1. Dentro do mes seguinte ao remate do proxecto, a entidade promotora remitirá á xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria, nos modelos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, a seguinte documentación:

a) Xustificación dos pagamentos efectuados con cargo a última provisión de fondos.

b) Relación de gastos realizados e os correspondentes xustificantes de pagamento.

c) Acta de liquidación e cadro-resumo de xustificantes de gastos.

d) Copia cotexada dos certificados de aproveitamento, nos que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

2. Despois de verificada a xustificación presentada, e en caso de acordo, a xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria dará a súa conformidade aos documentos antes sinalados, e procederá ao aboamento das cantidades previstas no artigo 32.3 desta orde. No suposto de desconformidade ou discrepancia, a xefatura territorial descontará do pagamento do 20 % restante as cantidades non xustificadas.

3. Revisada a xustificación e de existir un saldo positivo a favor da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a xefatura territorial iniciará o procedemento establecido para o reintegro das cantidades non xustificadas.

4. En todo caso, no prazo de tres meses posteriores á finalización da actividade do proxecto, a xefatura territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria remitirá á Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral a documentación sinalada na letra c) do punto 1 deste artigo.

CAPÍTULO VII

Obrigas, seguimento e control

Artigo 36. Obrigas das entidades promotoras

As entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde, ademais de cumprir as obrigas establecidas pola normativa aplicable con carácter xeral ás axudas e subvencións públicas, deberán:

a) Realizar as actividades para as que se concede a subvención, de conformidade coas disposicións previstas nesta orde e nas resolucións, instrucións ou circulares que a desenvolvan.

b) Acondicionar e dotar as instalacións de xeito que reúnan as condicións de seguridade e saúde laboral que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas desde o inicio do proxecto.

c) Formar aos participantes nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais contidas no plano formativo e contratar aos alumnos e alumnas participantes, na modalidade contractual e pola duración prevista no artigo 4 desta orde, e formalo nos aspectos teóricos e prácticos das actividades profesionais ou oficios obxecto do programa.

d) Acreditar ante a Consellería de Economía, Emprego e Industria a realización das actividades e o cumprimento dos requisitos exixidos para a concesión da axuda ou subvención, achegando a documentación que lles sexa requirida co fin de comprobar o cumprimento das obrigas que derivan da dita concesión.

e) Satisfacer, ao seu vencemento, as obrigas económicas que deriven do funcionamento do proxecto subvencionado, especialmente as de carácter salarial, con independencia de que se percibise con anterioridade a subvención concedida.

f) Someterse ás actuacións de comprobación efectuadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e ás da Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Consello de Contas. Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos

g) Dispoñer de libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, coa identificación e conta separada ou epígrafe específica da súa contabilidade de todos os ingresos e gastos de execución das accións realizadas, para garantir a rastrexabilidade dos pagamentos e o seguimento da pista de auditoría.

h) Comunicar á Consellería de Economía, Emprego e Industria a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra administración ou ente público estatal ou internacional, no momento de presentar a solicitude así como con ocasión da xustificación da execución total do proxecto e, en todo caso, antes do derradeiro pagamento.

i) Procurar a inserción laboral posterior das persoas desempregadas participantes nos proxectos, ben como traballador ou traballadora por conta allea ou ben mediante a súa constitución en traballadores ou traballadoras autónomos ou por conta propia.

j) Remitir a xefatura territorial correspondente da Consellería de Economía, Emprego e Industria copia cotexada dos certificados de aproveitamento, nos que conste o número de horas da formación recibida e a cualificación final, entregados ao alumnado participante no proxecto.

k) Garantir o cumprimento do principio de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no desenvolvemento do proxecto

l) Procurar, na execución do obradoiro, un uso non sexista da linguaxe e velar por transmitir unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes.

m) Identificar convenientemente, para os efectos de difusión pública, a sede do proxecto así como as actividades e as obras e servizos que se realicen, tendo en conta que as súas actividades de publicidade e divulgación se adecuarán á normativa correspondente. Así mesmo, nas realizacións de carácter permanente que leven a cabo os obradoiros de emprego colocarase unha placa identificativa, seguindo os modelos e características que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, no que constará o cofinanciamento polos Servizos Públicos de Emprego.

Artigo 37. Incumprimento de obrigas. Reintegro da subvención

1. O incumprimento total ou parcial por partigo da entidade beneficiaria das obrigas establecidas nesta orde así como na demais normativa aplicable ao programa de obradoiros de emprego e, con carácter xeral, ás axudas e subvencións públicas que se outorguen con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, orixinará, tendo en consideración a natureza e causas do incumprimento e se é o caso, a súa incidencia na formación e cualificación profesional do alumnado-traballador participante, o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas en concepto de axudas ou subvencións máis os xuros de demora nas condicións e de conformidade co establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sen prexuízo do establecido no texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe a reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Incumprimento das condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

b) Non realizar a actividade, ou adoitar un comportamento contrario ao que fundamenta a concesión da subvención: reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado.

c) Incumprimento das obrigas de presentación de documentación exixida no artigo 33 para a xustificación dos gastos: no caso de que non se presente ningunha documentación procederá o reintegro do 100 % sobre o gasto subvencionado, e no suposto de presentación de partigo da documentación exixida ou de que a documentación presentada sexa incorrecta, o importe a reintegrar será proporcional ao gasto non xustificado.

d) Incumprimento da obriga de satisfacer, con independencia do cobro da subvención, e mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial ao seu vencemento: reintegro de ata un 10 % sobre o gasto subvencionado.

e) Incumprimento das obrigas en materia de publicidade establecidas no artigo 36.m): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

f) Incumprimento da obriga de mantemento dun sistema de contabilidade separada ou epígrafe específico establecida no artigo 36.g): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

g) Incumprimento da obriga de manter unha pista de auditoría suficiente establecida no artigo 36.g): reintegro do 2 % sobre o gasto subvencionado.

3. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria facilitarán información aos consellos provinciais de emprego dos incumprimentos das entidades promotoras que dean lugar ao reintegro total ou parcial das axudas concedidas.

Artigo 38. Asistencia, seguimento e avaliación

1. As xefaturas territoriais da Consellería de Economía, Emprego e Industria son os órganos encargados de realizar as tarefas de supervisión, coordinación, asistencia técnica, seguimento e control da xestión dos obradoiros de emprego, así como das axudas e subvencións concedidas.

2. Ademais de tramitar e resolver o expediente de solicitude e, de ser o caso, transferir os fondos correspondentes, deben realizar, na forma e cos procedementos que estableza a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as seguintes actuacións:

a) Asistencia, apoio e asesoramento técnico e administrativo tanto á entidade promotora na preparación do proxecto como ao propio obradoiro de emprego na realización das actividades para as que se concede a subvención, para conseguir o éxito do proxecto: creación de emprego, cualificación, adquisición de experiencia e inserción laboral, así como a correcta realización e desenvolvemento do traballo e actividades previstas.

b) Seguimento da xestión, obtendo dos obradoiros de emprego, a información referente aos alumnos e alumnas participantes, persoal directivo, docente e administrativo de apoio e calquera outro dato que se considere de interese para o seguimento puntual da xestión, especialmente daqueles que serviron de base para a concesión da subvención.

c) Control das axudas e subvencións concedidas e liquidación do expediente.

d) Control dos resultados obtidos. Para estes efectos as entidades promotoras, aos seis e doce meses da súa finalización, remitirán, debidamente cuberto, o cuestionario de inserción laboral, ademais de estaren obrigadas a proporcionar calquera outra información que se considere pertinente con tal finalidade.

Disposición adicional primeira. Plurianualidade das axudas

O 20 % do importe total das axudas para cada proxecto terá o carácter de plurianual, de conformidade co preceptuado polo artigo 58.1.b) do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no acordo do Consello da Xunta de Galicia, adoptado na súa sesión do día 23 de decembro de 2015.

O código de proxecto da anualidade de 2017 será equivalente ao da orde de convocatoria do ano 2017.

Disposición adicional segunda. Modificación do crédito

Os créditos previstos para o financiamento das axudas e subvencións que se concedan ao abeiro desta orde, poderán ser obxecto de modificación como consecuencia da asignación ou da redistribución dos fondos destinados a financiar os programas de fomento do emprego, coas limitacións que establezan a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

Disposición adicional terceira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para a autorizar e redistribuír os correspondentes créditos e nos xefes e nas xefas territoriais, nos ámbitos competenciais respectivos, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro e sancionador sinaladas nos títulos II, III e IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

En caso de ausencia, vacante ou enfermidade da persoa responsable da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, as atribucións citadas no parágrafo anterior serán exercidas temporalmente e mentres persistan aquelas circunstancias pola persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, ou, no seu defecto, de conformidade co disposto no Decreto de estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria

Disposición adicional cuarta. Réxime de infraccións e sancións

As entidades beneficiarias das axudas e subvencións previstas nesta orde están suxeitas ao réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, de conformidade co previsto no artigo 50º e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional quinta. Criterios para cumprir os obxectivos do Servizo Público de Emprego de Galicia

Por resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral poderanse establecer os criterios necesarios para que, a través desta orde, en canto aos colectivos prioritarios, se poidan cumprir os obxectivos establecidos polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de acordo coas directrices de emprego europeas e as que poidan emanar do dialogo social e institucional en Galicia e a demais normativa e acordos que, se é o caso, resulten de aplicación.

Disposición final primeira. Facultade de desenvolvemento

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición final segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria