Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 30 de decembro de 2015 Páx. 51565

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 22 de decembro de 2015 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN225A).

A Consellería de Economía, Emprego e Industria é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria (DOG núm.140, do 24 de xullo), indica que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de comercio interior.

Mediante a Orde do 14 de xaneiro de 2015, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio e se procede á súa convocatoria para o ano 2015 (DOG núm.15, do 23 de xaneiro), convocáronse catro bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio coa finalidade de que as persoas que tivesen unha titulación universitaria de licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou de grao complementasen os coñecementos teóricos adquiridos nos seus estudos cunha formación práctica que lles permitise afrontar con maiores garantías o seu futuro profesional.

Abórdase a necesidade de dar continuidade a esta actuación formativa, desde una dobre perspectiva. Por un lado, consolidar este mecanismo como un sistema eficaz de formación previo ao acceso á vida laboral. Por outra banda, neste contexto de crise económica, posibilitar aos/ás mozos e mozas con titulación universitaria de licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou de grao obter unha formación práctica no campo da actividade comercial que lles permita un mellor acceso ao mercado laboral.

Neste senso, por medio desta orde establécense as bases da convocatoria de catro bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio para o ano 2016 co mesmo ámbito subxectivo de aplicación que a de 2015.

A Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto (DOG núm. 34, do 19 de febreiro), modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 (DOG núm. 231, do 29 de novembro) e pola Orde do 25 de outubro de 2001 (DOG núm. 209, do 29 de outubro), posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 19 de outubro de 2015.

De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.

Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, existen nas aplicacións 2016.09.30.751A.480.0 e 2016.09.30.751A.484.0 partidas orzamentarias consignadas polas contías de 43.200,00 € e 2.000,00 €, respectivamente, para atender as bolsas de formación da presente orde.

Por outra banda, coa finalidade de que as persoas adxudicatarias das bolsas poidan comezar canto antes a súa formación, prevese a tramitación do procedemento de concesión das bolsas pola vía de urxencia, polo que se reducen á metade (5 días) os prazos para efectuar os requirimentos de emenda, presentar reclamacións á lista provisional de puntuacións, poñer de manifesto o procedemento ás persoas interesadas e aceptar as bolsas.

Por todo o exposto, en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de catro bolsas de formación na Consellería de Economía, Emprego e Industria da Comunidade Autónoma de Galicia, na Dirección Xeral de Comercio, para as persoas tituladas que se especifican no anexo I, e proceder á súa convocatoria.

2. O importe total que se habilita para esta convocatoria ascende a 45.200,00 €, que se imputará ás aplicacións 2016.09.30.751A.480.0, «formación en materia de comercio» (43.200,00 €), e 2016.09.30.751A.484.0, «cotas sociais para formación en materia de comercio» (2.000,00 €), dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2016, e que se destinará ao pagamento das persoas bolseiras e das cotas da Seguridade Social.

3. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro), destinaranse 2.000,00 €, en concepto de cotizacións á Seguridade Social por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria por continxencias comúns e profesionais.

4. Ao abeiro do disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes (DOG núm. 149, do 3 de agosto), engadido pola Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galicia (DOG núm. 72, do 13 de abril), reservarase o cincuenta por cento das prazas para mulleres que reúnan os requisitos exixidos nesta convocatoria, que accederán á quenda reservada só se non hai suficientes solicitudes de participación das mulleres. Se non hai suficientes solicitudes de mulleres, as prazas cubriranse con homes.

Artigo 2. Solicitudes

Para poder ser beneficiario/a da subvención deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Economía, Emprego e Industria axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 7 das bases reguladoras.

Artigo 3. Lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase que o prazo vence o día cuxo ordinal coincida co que serviu de partida, que é o de publicación no Diario Oficial de Galicia e, se é festivo, o primeiro día hábil seguinte.

Artigo 4. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

Artigo 5. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a tres meses.

Artigo 6. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código IN225A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Dirección Xeral de Comercio, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Consellería http://ceei.xunta.gal na súa epígrafe de axudas.

b) No teléfono 981 54 55 99 da devandita dirección xeral.

c) No enderezo electrónico cei.dxcomercio@xunta.es.

d) Presencialmente.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia, que é o 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Comercio para que dite as resolucións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2015

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva,
de catro bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio para o ano 2016

Artigo 1. Obxecto e duración das bolsas de formación

As bolsas de formación na Dirección Xeral de Comercio teñen como obxectivo contribuír á formación titorial de profesionais no campo da actividade comercial e o seu ámbito.

A Dirección Xeral de Comercio elaborará un programa formativo que integrará aspectos relativos á actividade comercial, o estudo e análise da pequena e mediana empresa comercial, e o sector da distribución e as estruturas comerciais. O programa formativo poderá estenderse a todas aquelas materias de comercio e artesanía sobre as cales o centro directivo ten competencia.

Así mesmo, a Dirección Xeral de Comercio nomeará un/unha titor/a responsable das actividades de formación que desenvolverán as/os bolseiras/os.

O programa formativo desenvolverase ao longo do ano 2016 cunha duración máxima de doce meses, contado desde a data da incorporación das persoas bolseiras ata o 30 de decembro.

Artigo 2. Financiamento e concorrencia

1. Para a concesión destas bolsas destínase un crédito de 45.200,00 € que se imputará ás aplicacións 2016.09.30.751A.480.0, «formación en materia de comercio» (43.200,00 €), e 2016.09.30.751A.484.0, «cotas sociais para formación en materia de comercio» (2.000,00 €), dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2016, e que se destinará ao pagamento das persoas bolseiras e das cotas da Seguridade Social. O importe de cada bolsa non excederá a cantidade de 10.800,00 euros.

2. O procedemento de concesión destas bolsas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 3. Requisitos das persoas beneficiarias

Poderán optar á concesión destas bolsas as persoas que reúnan os seguintes requisitos, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacionais de calquera Estado membro da Unión Europea, así como estar domiciliado/a na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Acreditar un coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4.

c) Estar en posesión dalgún título universitario de licenciado/a, arquitecto/a, enxeñeiro/a ou de grao. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición, ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematado os estudos conducentes a el no ano 2007 ou posterior.

d) Non gozar anteriormente doutra bolsa de formación na Dirección Xeral de Comercio, excepto que na convocatoria do ano inmediatamente anterior fose chamado da lista de reserva e gozase da bolsa por un período de tempo non superior a 3 meses.

e) Non ter emprego remunerado nin percibir a prestación por desemprego.

f) Non gozar de calquera outra bolsa ou axuda, salvo o subsidio por desemprego.

g) Non padecer ningunha enfermidade nin limitación física ou psíquica que imposibilite o cumprimento das súas obrigas como bolseiro/a.

h) Non estar incurso/a en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño).

Artigo 4. Condicións e incompatibilidades

1. As persoas adxudicatarias adquiren exclusivamente a condición de bolseiras, coas obrigas e dereitos delas e conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo co órgano convocante nin coas entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. A percepción destas bolsas é incompatible con calquera outra bolsa ou axuda financiada por calquera administración, institucións ou entes públicos, así como con soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas.

Artigo 5. Dotación económica

Cada bolsa estará dotada cun importe máximo de 10.800,00 euros brutos, distribuídos en pagamentos mensuais, a razón de 900 euros por mes.

Artigo 6. Centro de destino e xornada

A formación terá lugar nas dependencias da Dirección Xeral de Comercio en xornada de mañá.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes para participar no procedemento de concesión das bolsas presentaranse na forma e no prazo que se indican nos artigos 2 e 3 da orde de convocatoria.

2. Xunto coa solicitude deberá presentarse o orixinal ou copia compulsada da seguinte documentación:

a) DNI da persoa solicitante e certificado de empadroamento, só no caso de que non dea o seu consentimento para que o órgano instrutor comprobe estes datos por medio de conexión telemática co servizo horizontal de acceso aos sistemas de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio da Facenda e Administracións Públicas (de acordo co disposto nos artigos 2.2 e 3.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos).

Para eses efectos, a persoa solicitante poderá cubrir a autorización que figura no modelo normalizado de solicitude. No caso de non prestar o seu consentimento, deberá presentar fotocopia compulsada do documento nacional de identidade e do certificado de empadroamento.

b) Documento acreditativo do nivel de coñecemento do idioma galego, só no caso de que non autorice a súa verificación, de acordo co artigo 4 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos. Só se lles concederá validez aos cursos ou titulacións homologados polos órganos competentes en materia de política lingüística.

c) Título académico ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición, só no caso de que non autorice a súa verificación, de acordo co artigo 6.2.b da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

d) Certificación académica persoal de carácter oficial en que conste a nota media do expediente académico da titulación.

e) Curriculum vitae da persoa solicitante en que se relacionen os estudos cursados e, se é o caso, a súa experiencia profesional, así como os documentos acreditativos dos méritos alegados.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen más de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

3. A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, debendo presentar entón a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

4. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias, así como a lista de reserva, e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 9. Órganos competentes

A Dirección Xeral de Comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión das bolsas e corresponde ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditar a correspondente resolución.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nas bases reguladoras ou na convocatoria, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de cinco días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistida na súa petición, logo da correspondente resolución.

Este requirimento de emenda tamén se realizará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8.3 das bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias e sociais co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social.

2. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido nos artigos 59.6.b), 60 e 61 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os requirimentos de emenda poderanse realizar mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e esta producirá os mesmos efectos que a notificación individualizada. A dita publicación tamén se realizará no taboleiro de anuncios da páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Se a instrución do procedemento o aconsella, poderase substituír a publicación pola notificación individualizada de conformidade co establecido no artigo 59 da mesma lei.

3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderá requirirse a persoa solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

4. Unha vez revisadas as solicitudes e as emendas feitas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración, de acordo co establecido no artigo seguinte.

5. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, en que se indicarán as súas causas.

Artigo 11. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no seguinte artigo, así como de propoñer a concesión ou denegación das bolsas ás persoas interesadas.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio.

b) Vicepresidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Comercio, que substituirá a presidencia nos supostos de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal.

c) Vogais: dous xefes de servizo da Subdirección Xeral.

d) Secretaría: unha/un funcionaria/o da Dirección Xeral de Comercio.

3. As/os suplentes serán designadas/os pola Dirección Xeral de Comercio entre o funcionariado que preste servizos nela.

4. A comisión de valoración constituirase na sede do devandito centro directivo. O seu funcionamento rexerase polo disposto no capítulo II do título II da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Todos os membros terán dereito a voto.

Artigo 12. Procedemento de selección e criterios de valoración

1. Para a concesión das bolsas realizarase unha comparación entre as solicitudes presentadas e establecerase unha prelación entre elas de acordo cos criterios de valoración que se determinan a seguir.

2. As persoas adxudicatarias serán as que acaden unha maior puntuación como consecuencia da suma dos puntos obtidos nas dúas fases de que consta o proceso de selección. A puntuación máxima será de vinte puntos.

3. A primeira fase valorarase de cero a dezaoito puntos. A puntuación mínima exixida para pasar á segunda fase é de 6,75 puntos. A comisión de valoración examinará as solicitudes presentadas e avaliará os méritos acreditados documentalmente, conforme o seguinte baremo:

a) Titulación. Por estar en posesión dalgún dos seguintes títulos universitarios de licenciado/a ou de grao: Ciencias Económicas e Empresariais, Dereito, Ciencias Políticas, Administración e Dirección de Empresas, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Dirección e Xestión Pública, Comercio e Márketing, Publicidade e Relacións Públicas ou equivalentes, 2 puntos por cada un, cun máximo de 4 puntos.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

b) Expediente académico. Pola nota media obtida no título con que concorre:

– Aprobado: 2 puntos.

– Notable: 3 puntos.

– Sobresaliente: 4 puntos.

– Matrícula de honra: 5 puntos.

Forma de acreditación: certificación académica.

c) Outras titulacións. Por estar en posesión doutros títulos universitarios de licenciado/a ou de grao, arquitecto/a e enxeñeiro/a, 1 punto por cada un, cun máximo de 2 puntos.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou xustificante do pagamento dos dereitos para a súa expedición.

d) Formación complementaria recibida. Un máximo de 7 puntos conforme o seguinte baremo:

1º. Por cada máster universitario ou certificado-diploma de estudos avanzados, 1 punto. Por cada curso de experto/a ou especialista universitario, 0,70 puntos. A puntuación máxima desta epígrafe é de 3 puntos. Os ditos estudos deben ter relación directa co programa formativo establecido no artigo 1 das bases reguladoras. Para estes efectos, considerarase que o enunciado de, polo menos, a metade de horas/créditos impartidos nestes estudos debe estar directamente relacionado co dito programa formativo.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

2º. Por cada curso de formación en materia de comercio, artesanía ou informática: desde un mínimo de 20 horas ata un máximo de 50 horas, 0,20 puntos; de máis de 50 horas e ata 100 horas, 0,40 puntos; de máis de 100 horas, 0,60 puntos, ata un máximo de 3 puntos nesta epígrafe.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas. Para estes efectos, non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica nin os cursos que non acrediten as horas lectivas.

3º. Por coñecemento de idiomas: 0,50 puntos por cada un, cun máximo de 1 punto.

Forma de acreditación: fotocopia compulsada do título ou certificado correspondente expedido pola escola oficial de idiomas ou institución ou centro recoñecido oficialmente. Para estes efectos, non se valorarán as materias que formen parte do plan de estudos dunha titulación académica.

Todos os méritos recollidos neste artigo se computarán ata a data de finalización do prazo de presentación das solicitudes.

4. Unha vez avaliados pola comisión de valoración os méritos acreditados documentalmente, exporase no taboleiro de anuncios da consellería e na súa páxina web unha lista provisional ordenada polas puntuacións outorgadas. Contra estas puntuacións poderán presentarse reclamacións no prazo de cinco días hábiles contados a partir do seguinte á exposición na páxina web. Non se terá en conta, neste prazo de reclamacións, a achega de novos méritos que non foran acreditados documentalmente no prazo de presentación das solicitudes.

Despois de resolverse as reclamacións publicarase na páxina web da consellería a lista definitiva coa puntuación obtida na primeira fase e convocarase aos aspirantes que obteñan un mínimo de 6,75 puntos na valoración dos méritos a unha entrevista persoal, indicando a data e hora de realización da entrevista.

5. A segunda fase consistirá nunha entrevista que se valorará de cero a dous puntos. As persoas preseleccionadas serán convocadas, mediante publicación na páxina web da consellería, a realizaren unha entrevista persoal coa comisión de valoración, na sede da Dirección Xeral de Comercio, en que se valorará a súa capacidade de resposta, madurez, motivación e iniciativa. De non se presentar á entrevista, entenderase que o aspirante renuncia á bolsa, polo que a súa solicitude será desestimada.

Logo de realizar as entrevistas, a comisión de valoración elaborará a relación de candidatas/os por orde de puntuación, que se publicará na páxina web http://ceei.xunta.gal

6. Para o caso de empate na puntuación obtida, este resolverase aplicando por orde os seguintes criterios:

a) A maior antigüidade na data de obtención do título.

b) A maior idade da persoa solicitante.

Artigo 13. Audiencia

1. Despois de instruír o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ás persoas interesadas para que, nun prazo de cinco días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polas persoas interesadas.

Artigo 14. Resolución e notificación

1. Logo de avaliar as solicitudes presentadas, a comisión de valoración elevaralle ao conselleiro de Economía, Emprego e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, unha relación de catro persoas propostas, segundo a orde de prelación acadada de acordo cos criterios de valoración fixados no artigo 12, e a lista de reserva para o caso de non aceptación ou renuncia dalgunha delas.

2. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria ditará resolución mediante a cal se adxudicarán as bolsas ás persoas que obtivesen maior puntuación. A dita resolución será publicada na web http://ceei.xunta.gal e notificada ás/aos adxudicatarias/os, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres meses contados a partir do seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as/os interesadas/os poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Aceptación ou renuncia

Recibida a notificación da resolución de concesión da bolsa, as/os bolseiras/os deberán comunicar a súa aceptación ou renuncia no prazo máximo de cinco días hábiles.

Transcorrido o dito prazo, se as/os beneficiarias/os non se declaran en ningún sentido, entenderase que aceptan a bolsa.

No caso de que as/os adxudicatarias/os non acepten a bolsa ou non se poidan incorporar por calquera outro motivo, poderán ser substituídas/os polas persoas que figuren na listaxe de reserva en función da súa puntuación.

Artigo 16. Pagamento das bolsas

1. O pagamento das bolsas realizarase por períodos mensuais vencidos e logo de que o/a titor/a correspondente expida certificación en que se faga constar que se cumpriu o programa formativo inicialmente proxectado e se acadaron os obxectivos previstos. No caso de producirse a incorporación ou o cesamento nun día distinto ao primeiro ou ao último de cada mes, a/o bolseira/o percibirá o importe que proporcionalmente corresponda ao número de días que goce da bolsa.

De conformidade co disposto no artigo 65.4.f) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), os/as beneficiarios/as das bolsas quedan exentos/as da obriga de constituír garantía.

2. Os pagamentos produciranse logo da expedición da certificación mencionada no número anterior e da presentación do documento que se sinala na letra c) do artigo 19 e unha vez cumpridos os demais requisitos exixidos na normativa de aplicación.

3. De acordo co establecido no artigo 7.j) da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e da modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio (BOE núm. 285, do 29 de novembro), estas bolsas están exentas do imposto sobre a renda das persoas físicas.

4. Os pagamentos xestionaranse pola Habilitación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, de xeito que os documentos contables sexan expedidos a favor desta para facer fronte ao pagamento das bolsas.

Artigo 17. Modificación da resolución, revogación e réxime sancionador

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, logo de proposta motivada da Dirección Xeral de Comercio, poderá revogar a concesión da bolsa se a persoa beneficiaria incumpre as condicións impostas con motivo da súa concesión.

3. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a axuda percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

4. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 37 e seguintes da Lei de subvencións de Galicia e no título V do Regulamento da dita lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro).

5. Ás persoas beneficiarias das bolsas reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei de subvencións de Galicia e no título VI do seu regulamento.

Artigo 18. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da orde de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de tres meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta é expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 19. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das bolsas terán as seguintes obrigas:

a) Aceptar por escrito as normas e obrigas establecidas nas bases reguladoras e na convocatoria da bolsa, dentro do prazo de 5 días posteriores á notificación da concesión.

b) Xustificar o cumprimento dos requisitos establecidos.

c) Presentar, coa aceptación da bolsa, declaración de non percibir outras subvencións, bolsas, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como soldos ou salarios que impliquen vinculación contractual ou estatutaria das persoas interesadas, segundo o modelo do anexo III. Así mesmo, deberán presentar a dita declaración antes de cada pagamento mensual.

d) Presentar, tamén coa aceptación da bolsa, certificación médica acreditativa de non padecer enfermidade nin estar afectada/o por limitacións físicas ou psíquicas que sexan incompatibles coa realización das funcións que se desenvolverán.

e) Comunicarlle a súa renuncia á Dirección Xeral de Comercio con dous días de antelación á data de cesamento, no caso de que se produza con posterioridade ao inicio da formación.

f) Comunicarlle á Dirección Xeral de Comercio a obtención doutras bolsas ou axudas, así como calquera outra alteración dos requisitos impostos ás persoas beneficiarias para o outorgamento destas bolsas.

g) Non desenvolver outras tarefas que dificulten o cumprimento das súas obrigas como bolseiras/os.

h) Cumprir co programa de formación establecido cuns niveis de rendemento satisfactorios presentando os traballos e informes que determine a Dirección Xeral de Comercio. Así mesmo, deberán asistir ás actividades que o dito centro directivo considere convenientes para a súa formación.

i) Presentar ante a Dirección Xeral de Comercio, no prazo dun mes a partir da finalización da formación, unha memoria detallada das actividades realizadas en que especificará o programa formativo desenvolvido e os obxectivos acadados.

j) Presentar, no momento de aceptar a bolsa, declaración responsable coa conta bancaria onde deba aboarse a bolsa.

k) As demais que, con carácter xeral, se establecen no artigo 11 da Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Natureza xurídica da relación

1. A condición de beneficiaria/o destas bolsas non xerará relación laboral ou contractual de ningún tipo coa Xunta de Galicia ou cos organismos ou entidades en cuxas dependencias se leve a cabo a formación.

2. En materia de seguridade social, será de aplicación, no que corresponda, o disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social (BOE núm. 259, do 27 de outubro).

Artigo 21. Control e publicidade

1. Estas bolsas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei de subvencións de Galicia, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario/a, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

missing image file
missing image file
missing image file