Antecedentes:
Primeiro. Con data do 24 de novembro de 2015 publicouse no DOG a Resolución do 18 de novembro de 2015 pola que se anunciaba a licitación correspondente ao expediente antedito. Segundo se indicaba no citado anuncio, o prazo máximo para presentar as solicitudes é de 15 días naturais a partir da data de publicación do anuncio da licitación no DOG, de tal xeito que o prazo remataba o día 9 de decembro.
Segundo. Finalizado o prazo establecido, a persoa encargada do Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia certifica que non se presentou ningunha oferta.
Terceiro. No prego de prescricións técnicas (PPT) da contratación indícase que aquelas empresas que participen neste procedemento e desexen visitar os edificios obxecto deste prego poderán facelo remitindo previamente unha solicitude anexada por enderezo electrónico, co obxecto de establecer a data da visita.
Presentaronse dúas solicitudes de visita, dentro do prazo previsto, por parte das empresas seguintes: OHL Servicios-Ingesa e ISS Direct.
Consultados os motivos de non ter presentado oferta, nos dous casos os responsables indican que a resposta á solicitude de visita foi tardía e non dispoñían de tempo abondo para preparar as súas ofertas.
Pola súa parte, o contratista actual declarou non ter presentado oferta por descoñecemento da publicación desa licitación.
Por todo o exposto anteriormente, para os efectos de garantir a eficiencia no procedemento, que doutro xeito quedaría deserto, este órgano de contratación acorda ditar a seguinte resolución:
Primeiro. Concédese un novo prazo de presentación de ofertas, por un período de quince días naturais a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, a non ser que o último día sexa inhábil, caso en que se prorrogará o prazo ao primeiro día hábil seguinte.
Segundo. As condicións da licitación son as que aparecen reflectidas no perfil do contratante e no anuncio respectivo publicado no DOG núm. 224, do 24 de novembro de 2015.
Terceiro. Esta resolución farase pública no perfil de contratante e no DOG.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán os interesados interpor recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG. Non obstante, os interesados poderán optar por interpor contra esta resolución recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o mesmo órgano que a ditou e, neste caso, non se poderá interpor o recurso contencioso-administrativo mentres non se dite resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, de acordo co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2015
P.D. (Orde do 17.11.2015; DOG núm. 223, do 23 de novembro)
Mª del Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural