Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 4 de xaneiro de 2016 Páx. 48

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Sanidade

ORDE do 2 de xaneiro de 2016 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión dun posto de persoal directivo na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde.

De conformidade co establecido nos artigos 76.h) e 121.7 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia (DOG nº 143, do 24 de xullo); no artigo 41 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico (DOG nº 17, do 27 de xaneiro de 2014); no artigo 36 do Decreto 112/2015, do 31 de xullo, polo que se crea a Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde e se aproban os seus estatutos; e nos artigos 59 e 60 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo (DOG nº 145, do 29 de xullo), de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e en uso das atribucións conferidas a esta consellería,

DISPOÑO:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir na Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I.

Segundo. As retribucións do posto ofertado serán as que correspondan de acordo coa normativa vixente sobre confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica.

Terceiro. As solicitudes para participar na presente convocatoria poderán presentarse no rexistro xeral dos servizos centrais e periféricos da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde, ou a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. As persoas interesadas deberán presentar, xunto co modelo de solicitude do anexo II, un curriculum vitae e un plan de actuación. Dentro do prazo da convocatoria, ademais, deberán rexistrar no seu expediente electrónico persoal (Fides/expedient-e) os seus datos persoais, requisitos e méritos, e acreditalos ante unha unidade de validación. O acceso ao expedient-e efectuarase a través da páxina web ( www.sergas.es ) na forma que se indica na Orde do 8 de maio de 2012, pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia (DOG nº 92, do 15 de maio).

O plan de actuación da área correspondente que se solicita debe recoller a estratexia que se desenvolverá a medio prazo e debe expresar as principais accións que se porán en marcha, indicando unha planificación estimada delas e o modelo de seguimento e a avaliación que se aplicará.

Quinto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto ofertado.

Sexto. Consonte os artigos 59 e 60 do citado Decreto 206/2005, e co artigo 36.4 do Decreto 112/2015, o vínculo da persoa seleccionada formalizarase nun nomeamento de carácter administrativo para o persoal estatutario ou funcionario con vínculo de fixeza ao servizo de calquera Administración pública, pertencente ao grupo de clasificación que se corresponda co nivel académico que se require para o posto directivo e que se especifica no anexo I.

Sétimo. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Denominación do posto: director/a da Área de Planificación e Promoción da Investigación Sanitaria.

Titulación requirida: licenciado/a universitario/a ou equivalente segundo o Espazo Europeo de Educación Superior.

Localidade: Santiago de Compostela.

missing image file