Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 3 Xoves, 7 de xaneiro de 2016 Páx. 469

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 10 de decembro de 2015 polo que se fai pública a Resolución do 9 de decembro de 2015 pola que se aproba definitivamente a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-566 Narón (AC-862)-Campo do Hospital (AC-862), no seu treito situado entre os puntos quilométricos 10+750-11+430.

Con data do 9 de decembro de 2015, a conselleira de Infraestruturas e Vivenda emitiu resolución de aprobación definitiva da delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-566 Narón (AC-862)-Campo do Hospital (AC-862), no seu treito situado entre os puntos quilométricos 10+750-11+430, co seguinte contido:

«Antecedentes.

1. O 16 de setembro de 2015 asínase o informe da Área de Planificación e Programación para iniciar a tramitación do expediente de redución extraordinaria da liña límite de edificación, ao que se fai referencia no encabezamento deste informe, segundo o previsto no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia.

2. Mediante Resolución do 17 de setembro de 2015, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas aprobou, ao abeiro do establecido no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter provisional, a delimitación anterior, e resolveu tramitala segundo o procedemento establecido no artigo 85 do Regulamento xeral de estradas, aprobado polo Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro.

3. A delimitación provisional foi sometida a información pública, polo prazo de trinta días hábiles, mediante anuncio do 21 de setembro de 2015, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 190, do luns 5 de outubro, e no taboleiro de anuncios do Concello de Valdoviño, a fin de que calquera persoa física ou xurídica formulase as alegacións que considerase pertinentes.

4. O expediente estivo exposto ao público, en días e horas hábiles de oficina, nos locais da Axencia Galega de Infraestruturas en Santiago de Compostela e na Casa do Concello de Valdoviño.

5. Mediante informe do 4 de decembro de 2015 a Área de Planificación e Programación indicou que non se presentaron alegacións durante o período de información pública da delimitación provisional e que tampouco foi emitido informe ningún ao respecto por parte das entidades locais consultadas.

6. Mediante proposta de resolución do 7 de decembro de 2015, da dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, proponse a aprobación, con carácter definitivo, da delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-566 Narón (AC-862)-Campo do Hospital (AC-862), no seu treito situado entre os puntos quilométricos 10+750-11+430.

Consideracións legais:

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda é competente para resolver o expediente de delimitación da liña límite de edificación previsto no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, ao abeiro do indicado no artigo 85.4 do Regulamento xeral de estradas, aprobado por Real decreto 1812/1994, do 2 de setembro, por analoxía coa estrutura da Administración xeral do Estado.

Visto todo o que antecede e, en particular, o informe de resposta da Área de Planificación e Programación,

RESOLVO:

Aprobar, ao abeiro do establecido no artigo 41.3 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, con carácter definitivo, a delimitación da liña límite de edificación da estrada autonómica AC-566 Narón (AC-862)-Campo do Hospital (AC-862), no seu treito situado entre os puntos quilométricos 10+750-11+430, segundo o plano que se xunta, que supón as seguintes reducións con respecto á establecida con carácter xeral na antedita lei:

– A 7 m da liña exterior da delimitación da calzada, entre os puntos quilométricos 10+750 e 11+430, por amba as dúas marxes da estrada AC-566.

Contra esta resolución de aprobación, con carácter definitivo en vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo establecen os artigos 116.1 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Porén, poderase impugnar directamente o acto que se notifica ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa (artigo 116.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro). Para tal efecto, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta publicación, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

No caso de que se interpoña recurso de reposición, non se poderá interpoñer o recurso contencioso-administrativo ata que aquel sexa resolto expresamente ou se teña producido a desestimación presunta do recurso de reposición interposto».

O que se fai público para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2015

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas