Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 5 Luns, 11 de xaneiro de 2016 Páx. 1026

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 10 de novembro de 2015, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución denominado planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) en Melide (A Coruña), promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/23-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, e no artigo 1 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP), sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 29 de agosto de 2015 esta dirección xeral ditou resolución pola cal se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Melide, na provincia da Coruña (expediente IN627A 2014/16-0), que se publicou no Diario Oficial de Galicia o 8 de outubro de 2015 e no Boletín Oficial da provincia do 15 de setembro de 2015.

Conforme o disposto nesta autorización administrativa, a subministración de gas natural ao termo municipal de Melide realizarase mediante un módulo de regasificación de gas natural licuado (GNL), que se situará na parcela con referencia catastral 2901501NH8520S, desde a cal partirá a rede de distribución cara ao núcleo urbano de Melide.

O 7 de outubro de 2015 Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da instalación nunha localización diferente.

Obxecto da petición:

O obxecto da petición é a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución denominado planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) en Melide (A Coruña).

Descrición das instalacións:

A planta satélite de GNL situarase na parcela de referencia catastral 15047A051003670000GR, polígono 51, parcela 367. Trátase dun emprazamento diferente ao previsto no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a que se fai referencia nos antecedentes.

Proxéctase un módulo de almacenamento de GNL cun depósito horizontal con capacidade de 30 m3.

O módulo de 30 m3 proporcionará gas natural nas seguintes condicións, para alimentar a rede de distribución:

– Capacidade de almacenamento de GNL: 30 m3.

– Presión normal de servizo de almacenaxe de GNL: > 4 bar.

– Capacidade de regasificación: 600 m3(n)/h.

– Presión de subministración de GN: 4 bar.

– Temperatura de subministración de GN: 0-20 ºC.

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Melide, na provincia da Coruña.

Orzamento: douscentos vinte e catro mil trescentos trinta e nove euros con sesenta e un céntimos (224.339,61 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, e poderán examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, rúa Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña.

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas