Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 15 Luns, 25 de xaneiro de 2016 Páx. 2709

III. Outras disposicións

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2016 pola que se dá publicidade da encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia, ordenada pola Resolución da Consellería de Sanidade do 18 de xaneiro de 2016, para a posta á disposición dos espazos precisos e os traballos de apoio para a organización das probas selectivas correspondentes ás categorías de médico/a de familia e enfermeiro/a.

En cumprimento dos artigos 9.3 e 8.4 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, dáse publicidade á encomenda de xestión á Fundación Semana Verde de Galicia, ordenada pola Resolución do conselleiro de Sanidade, do 18 de xaneiro de 2016, coas seguintes características:

1. A actividade obxecto da encomenda é realizar os traballos de apoio para a realización das probas selectivas correspondentes ás categorías de médico/a de familia e enfermeiro/a do Servizo Galego de Saúde, que terán lugar o 23 de xaneiro de 2016, en quenda de mañá e tarde, de conformidade cos requirimentos técnicos que se detallan na correspondente resolución, relativos ás obrigas da entidade encomendante, ás directrices de execución e ao cronograma das actividades que se van desenvolver.

2. A Fundación Semana Verde de Galicia é unha fundación do sector público autonómico, de acordo co artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, na medida en que o seu patrimonio fundacional, con carácter de permanencia, está formado en máis dun 50 % por bens e dereitos achegados ou cedidos pola Xunta de Galicia. De acordo co artigo 47 da citada Lei 16/2010, ten a consideración de medio propio e servizo técnico da Xunta de Galicia.

3. As probas selectivas a que se refiren as actividades encomendadas realizaranse o 23 de xaneiro de 2016.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2016

Antonio Fernández-Campa García-Bernardo
Xerente do Servizo Galego de Saúde