Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 1 de febreiro de 2016 Páx. 3696

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 26 de xaneiro de 2016, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, pola que se dá publicidade á campaña de vixilancia periódica da saúde para o ano 2016 no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, modificada pola Lei 54/2003, do 12 de decembro, de reforma do marco normativo da prevención de riscos laborais, o empresario garantiralles aos traballadores ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.

O Decreto 11/2015, do 5 de febreiro, polo que se modifica o Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece no artigo 14.2.2.c) que o Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia realizará, entre outras funcións, a vixilancia da saúde dos empregados.

O Decreto 17/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de prevención de riscos laborais na Administración xeral da Xunta de Galicia, reitera entre as funcións do Servizo de Prevención de Riscos Laborais da Xunta de Galicia a vixilancia da saúde en relación cos riscos derivados do traballo. A Orde do 25 de marzo de 2009 publica o procedemento de vixilancia da saúde.

Con base no antedito, publícase a presente convocatoria de campaña da vixilancia periódica da saúde no ámbito da Administración xeral da Xunta de Galicia para o ano 2016, de acordo coas seguintes premisas.

Primeira. Obxecto

Prestación da vixilancia da saúde ao persoal empregado público en función dos riscos inherentes ao traballo, segundo o disposto no artigo 22 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Segunda. Ámbito de aplicación

É aplicable a todos os traballadores da Xunta de Galicia, agás ao persoal que presta servizos nos centros docentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ao persoal e centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e ao persoal de entes públicos e fundacións.

Terceira. Inscrición

A inscrición previa realizarase de forma telemática no formulario de petición de recoñecemento, que está dispoñible na páxina web da Xunta de Galicia (Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Servizo de Prevención de Riscos Laborais): www.xunta.es/riscos

A inscrición debe incluír todos os datos que figuren no formulario. A falta dalgún deles impedirá a tramitación da solicitude.

Toda inscrición xerará un xustificante do consentimento que se deberá presentar o día concertado para realizar a vixilancia da saúde.

O prazo de inscrición rematará transcorridos 30 días naturais a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, agás para o persoal de nova incorporación, o persoal que se incorpore ao traballo tras unha ausencia prolongada por motivos de saúde e o persoal que durante o prazo de solicitude estea gozando das vacacións. Nestes supostos deberá presentarse a debida xustificación ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais.

As/os responsables dos distintos centros de traballo facilitarán os medios necesarios para a inscrición.

Cuarta. Citacións

A falta de asistencia á cita implicará, agás causa de forza maior debidamente xustificada ante o Servizo de Prevención de Riscos Laborais no prazo de cinco días, que o/a traballador/a renuncia ao recoñecemento médico de forma voluntaria.

Quinta. Resultados e entrega dos informes da vixilancia da saúde

Os resultados da vixilancia da saúde serán subscritos polo facultativo competente, teñen carácter persoal e reservado e a entrega farase, preferiblemente de forma telemática, a cada traballador/a.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2016

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza