Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Luns, 1 de febreiro de 2016 Páx. 3517

II. Autoridades e persoal

b) Nomeamentos

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 19 de xaneiro de 2016 pola que se nomean vogais do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas.

O Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas (DOG núm. 163, do 26 de agosto), establece no seu artigo 10 que o Consello Reitor é o órgano colexiado de goberno da Axencia Galega de Infraestruturas e está integrado pola Presidencia, a Vicepresidencia e catro vogais, xunto cunha secretaría.

O dito artigo 10 do estatuto dispón que os/as vogais do Consello Reitor son nomeados/as e separados/as pola persoa titular da consellería competente en materia de infraestruturas, do seguinte xeito: unha persoa en representación da consellería con competencias en materia de administracións públicas, designada pola persoa titular daquela consellería, de entre os/as titulares dos seus órganos superiores ou de dirección; unha persoa en representación da consellería competente en materia de facenda, designada pola persoa titular daquela consellería, de entre os/as titulares dos seus órganos superiores ou de dirección; e dúas persoas en representación da consellería con competencias en materia de infraestruturas, designadas pola persoa titular da consellería, de entre os/as titulares dos seus órganos superiores ou de dirección. En caso de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os/as vogais serán substituídos/as polos seus respectivos suplentes, propostos pola mesma persoa ou entidade que designou as persoas titulares.

En cumprimento do dito precepto, a Orde do 18 de outubro de 2011, pola que se ditan actos dirixidos á constitución e posta en funcionamento da Axencia Galega de Infraestruturas, nomeou os/as vogais do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas (DOG núm. 202, do 21 de outubro).

Porén, os cambios producidos na estrutura orgánica da Xunta de Galicia e das súas consellerías fan necesaria unha nova designación de vogais no Consello Reitor.

Con base nas anteriores circunstancias, unha vez feitas as devanditas designacións por parte das respectivas persoas titulares das consellerías correspondentes, cómpre facer o seu nomeamento, que, para xeral coñecemento, se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto, consonte as atribucións que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e o artigo 10 do Decreto 173/2011, do 4 de agosto, polo que se aproba o estatuto da Axencia Galega de Infraestruturas,

DISPOÑO:

Primeiro. Deixar sen efecto os nomeamentos como vogais titulares e suplentes do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas efectuados pola Orde do 18 de outubro de 2011 (DOG núm. 202, do 21 de outubro).

Segundo. Nomear vogais titulares e suplentes do Consello Reitor da Axencia Galega de Infraestruturas as seguintes persoas:

a) En representación da consellería con competencias en materia de administracións públicas:

1. Como vogal titular, a persoa titular da Secretaria Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de administracións públicas.

2. Como vogal suplente, a persoa titular da Vicesecretaría Xeral da consellería con competencias en materia de administracións públicas.

b) En representación da consellería con competencias en materia de facenda:

1. Como vogal titular, a persoa titular da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro da consellería con competencias en materia de facenda.

2. Como vogal suplente, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da consellería con competencias en materia de facenda.

c) En representación da consellería con competencias en materia de infraestruturas:

1. Como vogais titulares, a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de infraestruturas, e a persoa titular da Dirección Xeral de Mobilidade da mesma consellería.

2. Como vogais suplentes, a persoa titular da Vicesecretaría Xeral da Secretaría Xeral Técnica da consellería con competencias en materia de infraestruturas e a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación Técnica da Dirección Xeral de Mobilidade da mesma consellería.

Terceiro. Esta orde producirá efectos desde o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2016

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda