Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 21 Martes, 2 de febreiro de 2016 Páx. 3799

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 19 de xaneiro de 2016 pola que se fai público o importe do canon unitario de tratamento por tonelada de residuos domésticos que aplicará a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) para o ano 2016.

Antecedentes.

Primeiro. Mediante Resolución do 30 de decembro de 2014 da entón Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, emitida ao abeiro do número tres da disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, e publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 5, do 9 de xaneiro de 2015, foi aprobada a proposta de revisión do canon unitario que percibirá a Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) pola xestión de residuos domésticos ou urbanos inicialmente establecido no número dous da dita disposición, fixando un importe revisado, para 2015, de 67,18 euros por tonelada de residuos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido e quedando o dito importe sometido aos mecanismos de actualización anual e eventual revisión previstos pola mesma disposición.

Segundo. No 15 de xaneiro de 2016, o Instituto Nacional de Estatística (INE) fixo público que a taxa de variación anual do índice de prezos de consumo correspondente a decembro de 2015 fora do 0,0 %.

Fundamentos xurídicos.

Primeiro. O Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, configura este departamento coma o órgano da Administración da Comunidade Autónoma con competencias e funcións en materia, entre outras, de ambiente, e adscríbeo á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental que ten atribuídas, ben directamente ou ben a través das súas unidades subordinadas, funcións e competencias en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana e o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, incluíndo diversas atribucións en materia de residuos.

Segundo. A disposición adicional vixésimo primeira da Lei 11/2013, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, sinala que o sistema promovido pola Administración autonómica para a xestión institucional dos residuos domésticos, xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama) ao abeiro da Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, constitúe un modo de xestión colectiva dos residuos municipais cuxa finalidade de interese xeral é a de conseguir, en cooperación coas entidades locais adheridas ao sistema, o mellor resultado ambiental global no tratamento dos residuos domésticos, procurando a máxima eficiencia no uso dos recursos públicos.

O número dous da dita disposición fixou o canon unitario de tratamento por tonelada de residuos que percibirá a citada entidade, sinalando que o canon actualizarase anualmente no mes de xaneiro conforme o índice de prezos de consumo, e que a súa contía se publicará no Diario Oficial de Galicia.

O importe base da actualización aplicable para o ano 2016 é o resultante da revisión efectuada pola resolución da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do 30 de decembro de 2014 citada no antecedente primeiro (67,18 euros por tonelada de residuos xestionada) que se incrementará co correspondente imposto sobre o valor engadido, o cal se mantén na presente anualidade xa que o índice anual de prezos de consumo correspondente a decembro de 2015 non experimentou variación, segundo queda indicado no antecedente segundo.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Facer público o importe actualizado do canon unitario por tratamento de residuos domésticos aplicable, durante o ano 2016, no marco do sistema promovido pola Xunta de Galicia para a xestión institucional dos residuos de competencia municipal e xestionado pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, S.A. (Sogama), fixándoo na suma de 67,18 euros por tonelada de residuos domésticos xestionada, máis o incremento correspondente ao imposto sobre o valor engadido.

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio