Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 12 de febreiro de 2016 Páx. 5052

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 4 de febreiro de 2016 pola que se somete a información pública o Catálogo das paisaxes de Galicia.

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, ten por obxecto o recoñecemento xurídico, a protección, a xestión e a ordenación da paisaxe de Galicia, entendendo que a paisaxe ten unha dimensión global de interese xeral para a comunidade galega, conforme o Convenio europeo da paisaxe, aprobado en Florencia o 20 de outubro de 2000 a proposta do Consello de Europa, que entrou en vigor o 1 de marzo de 2004, e foi ratificado polo Estado español mediante o Instrumento do 28 de xaneiro de 2008.

O artigo 5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que os poderes públicos de Galicia velarán para que, no ámbito das súas competencias, se adopten as medidas específicas necesarias para a protección, xestión e ordenación da paisaxe e, no seu capítulo III, establece os instrumentos para conseguilo. Entre eles, os catálogos da paisaxe, definidos no seu artigo 9 como os documentos de referencia que, apoiándose nas distintas áreas xeográficas, morfolóxicas, urbanas e litorais existentes no territorio galego, deberán delimitar, con base nos diferentes estudos e traballos existentes na materia, as grandes áreas paisaxísticas de Galicia, identificando os diversos tipos de paisaxe existentes en cada unha delas e as súas características diferenciais. O contido dos catálogos da paisaxe aparece recollido neste mesmo artigo.

A Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, na súa disposición transitoria segunda, establece que o órgano competente para a elaboración dos catálogos da paisaxe, regulados no capítulo III da citada lei como instrumentos para a protección, xestión e ordenación da paisaxe, é a consellería competente en materia de ambiente en tanto non se constitúa o Observatorio Galego da Paisaxe.

O Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no seu artigo 1, crea a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio. O Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica desta consellería, establece, no seu artigo 4, que o/a conselleiro/a é a autoridade superior da consellería, e con tal carácter está investido/a das atribucións enumeradas no artigo 34 da Lei de Galicia 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.

Por Decreto 244/2011, do 29 de decembro, apróbanse os estatutos do organismo autónomo Instituto de Estudos do Territorio, organismo autónomo adscrito á consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, que entrou en funcionamento o 7 de abril de 2012. O Instituto de Estudos do Territorio ten entre as súas funcións segundo o artigo 10.5 dos seus Estatutos a da posta en marcha de instrumentos para a protección, xestión e ordenación das paisaxes de Galicia, tales como os catálogos e as directrices de paisaxe, os estudos de impacto e a integración paisaxística, os plans de acción da paisaxe en áreas protexidas, incluída a elaboración dos informes deles derivados, así como calquera outro que se entendese como necesario para o cumprimento dos puntos anteriores, mentres non se constitúa o Observatorio Galego da Paisaxe.

O artigo 9.5 da citada Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, establece que no procedemento de elaboración dos catálogos da paisaxe se abrirá un tramite de información pública non inferior a dous meses, para que todos os posibles interesados poidan formular as alegacións que estimen pertinentes.

Polo exposto, e en cumprimento do artigo 86 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do artigo 9.5 da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro. Someter a información pública o Catálogo das paisaxes de Galicia, por un prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e dar audiencia, polo mesmo prazo, aos concellos de Galicia.

Segundo. Os interesados poderán examinar o Catálogo das paisaxes de Galicia, no Instituto de Estudos do Territorio e no enderezo electrónico http://www.xunta.es .

Terceiro. As alegacións que se consideren pertinentes irán dirixidas ao Instituto de Estudos do Territorio (Complexo Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela) e poderán presentarse no seu rexistro, así como en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Cuarto. Publicar esta orde no Diario Oficial de Galicia para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 4 de febreiro de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio