O Concello de Baltar, remite o expediente de aprobación definitiva da delimitación do solo de núcleo rural histórico-tradicional de Meaus e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o establecido na Disposición Adicional Segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.
Unha vez analizado o expediente remitido polo Concello de Baltar e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:
I. Antecedentes.
I.1. O concello de Baltar non conta actualmente con ningunha figura de planeamento xeral, polo que son de aplicación as normas complementarias e subsidiarias da provincia de Ourense, aprobadas definitivamente o 3 de abril de 1991.
I.2. A tramitación do expediente da delimitación do solo de núcleo rural, foi a seguinte:
• Constan informes municipais: xurídico, do 20.6.2013; e técnico, do 27.6.2013.
• O Concello pleno do 27.6.2013 aprobou inicialmente a delimitación do solo de núcleo rural e someteuna a información pública durante un mes mediante anuncios nos xornais La Región e Faro de Vigo, do 10.7.2013, e no DOG do 5.7.2013, con corrección de erros no DOG do 25.9.2013. Non se presentou ningunha alegación.
• O Concello pleno do 22.8.2013 aprobou provisionalmente a delimitación do solo de núcleo rural de Meaus.
• O Concello pleno do 19.12.2013 aprobou provisionalmente un anexo á DSNR referente a cuestións de protección patrimonial.
• Consta informe favorable, do 16.4.2014, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.
• Consta informe favorable, do 9.7.2014, da Deputación Provincial de Ourense.
• Consta informe favorable, do 3.9.2015, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
• O Concello pleno do 8.10.2015 aprobou provisionalmente a delimitación do solo de núcleo rural de Meaus.
II. Análise e consideracións.
O ámbito de actuación comprende unha zona de 71.475 m2, situada arredor do núcleo de Meaus e clasifícase todo o ámbito delimitado como solo de núcleo rural histórico-tradicional, conforme o establecido na disposición adicional segunda da LOUG.
De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG e co artigo 3.a), en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais corresponde á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
III. Resolución.
Visto canto antecede,
RESOLVO:
III.1. Aprobar definitivamente a delimitación do solo de núcleo rural histórico-tradicional de Meaus, no concello de Baltar.
III.2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
III.3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2016
María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo