Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 2016 Páx. 6087

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 3 de febreiro de 2016 pola que se dispón a publicación da segunda addenda ao convenio de colaboración entre o Ministerio de Economía e Competitividade e a Xunta de Galicia, para o desenvolvemento da Estratexia española de innovación na Comunidade Autónoma de Galicia.

O 30 de decembro de 2015 o Ministerio de Economía e Competitividade e a Xunta de Galicia asinaron a segunda addenda ao convenio de colaboración para o desenvolvemento da Estratexia española de innovación na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co establecido no texto da addenda,

DISPOÑO:

A súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2016

Manuel Antonio Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación

ANEXO
Segunda addenda ao convenio de colaboración entre o Ministerio de Economía e Competitividade e a Xunta de Galicia, para o desenvolvemento da Estratexia española de innovación na Comunidade Autónoma de Galicia

Dunha parte, Luis de Guindos Jurado, ministro de Economía e Competitividade, nomeado polo Real decreto 1826/2011, do 21 de decembro (BOE do 22 de decembro), actuando en virtude do artigo 13.3 da Lei 6/1997, do 14 de abril, de organización e funcionamento da Administración xeral do Estado, e da disposición adicional décimo terceira da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Doutra, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Comunidade Autónoma de Galicia, no exercicio das competencias que lle atribúen os artigos 24 e 26 da Lei 1/1983, do 2 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, para cuxo cargo foi nomeado polo Real decreto 1617/2012, do 29 de novembro (DOG núm. 229, do 30 de novembro).

Ambas as dúas partes actúan na respectiva representación que posúen e recoñécense reciprocamente a capacidade legal necesaria para o outorgamento do presente documento,

EXPOÑEN:

Primeiro. Que, con data 27 de decembro de 2012, o Ministerio de Economía e Competitividade e a Xunta de Galicia asinaron un convenio para colaborar nas actuacións de fomento da innovación na Comunidade Autónoma de Galicia a través do desenvolvemento da Estratexia española de innovación.

Segundo. Que o convenio arriba mencionado se subscribiu co fin de regular a concesión dun préstamo nos orzamentos xerais do Estado. O Ministerio comprometeuse a realizar a súa achega á Xunta de Galicia pola cantidade de 35 M€ en forma de crédito reembolsable, desembolsados segundo o calendario recollido na cláusula sétima do convenio (4 M€ en 2012, 15 M€ en 2013 e 16 M€ en 2014).

Terceiro. Que, no mencionado convenio, se estableceu o programa de actuacións que debe desenvolver a Xunta de Galicia. O programa comprendía oito actuacións cuxo contido e orzamento se detallaba no anexo I do convenio.

Cuarto. Que, con data 27 de decembro de 2013, se asinou a primeira addenda ao convenio que recollía un cambio no calendario de desembolso do préstamo (5 M€ en 2013, 12,5 M€ en 2014 e 17,5 M€ en 2015), así como un reaxuste no calendario de realización de actuacións.

Quinto. Que as actuais necesidades e demandas do Sistema galego de I+D+i e a posta en marcha das políticas de investigación e innovación da Xunta de Galicia baseadas no desenvolvemento da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) que substitúe a anterior estratexia na Comunidade Autónoma de Galicia, fan necesario revisar e modificar as actuacións que se levarán a cabo na Comunidade Autónoma de Galicia no marco do convenio.

Así mesmo, a evolución dos tipos de xuro desde a sinatura do convenio fai necesaria a revisión das condicións financeiras establecidas neste, co fin de adaptalas aos actuais tipos de xuro do mercado.

Polo que antecede, a Xunta de Galicia propón á Comisión de Seguimento do Convenio a modificación de:

– As actuacións previstas no anexo I do convenio, sen suprimir ningunha delas nin incorporar ningunha nova, reformulándoas, en canto a contido, beneficiarios e redistribución do orzamento inicialmente establecido entre todas elas, de modo que a súa execución se aliñe coas políticas de investigación e innovación baseadas no desenvolvemento da RIS3 Galicia.

– As condicións financeiras do convenio, en canto a períodos de desembolso, tipo de xuro e períodos de carencia e amortización.

Sexto. A Comisión de Seguimento, en reunión mantida o 10 de xuño de 2015 considerou que a proposta favorece a consecución dos obxectivos xerais marcados no convenio, e acordou tramitar unha addenda para modificar o programa de actuacións (orzamento, contido e beneficiarios) e realizar un axuste das condicións financeiras previstas.

Polo exposto, ambas as dúas partes acordan subscribir a presente addenda ao Convenio de colaboración para o fomento da innovación na Comunidade Autónoma Galicia, asinado o 27 de decembro de 2012, conforme as seguintes cláusulas:

Primeira. A cláusula quinta queda redactada como a continuación se expresa:

«Quinta. Financiamento

O Mineco financiará as actividades suxeitas a este convenio cun préstamo de trinta e cinco millóns de euros que serán desembolsados de acordo co seguinte calendario:

Millóns de €

Ano 2013

5,00

Ano 2014

12,50

Ano 2015

8,75

Ano 2016

8,75

Total

35,00

Para os xuros devindicados ata o 1 de xaneiro de 2016, aplicarase un xuro do 3,95 %.

A partir do 1 de xaneiro de 2016, o préstamo terá un tipo de xuro do euribor a un ano publicado polo Banco de España correspondente ao mes anterior á sinatura da addenda, un período máximo de carencia, desde o ano seguinte ao de concesión do préstamo, de 5 anos para o libramento do ano 2013, 4 anos para o de 2014, 3 anos para o de 2015 e 2 anos para o de 2016 e un período máximo de reembolso de 10 anos adicionais, sendo por tanto o período total de amortización máximo de 15 anos para o libramento de 2013, 14 anos para o de 2014, 13 anos para o de 2015 e 12 anos para o de 2016, e a Comunidade Autónoma de Galicia poderá amortizar total ou parcialmente en calquera momento anterior ao calendario previsto na cláusula sétima».

Segunda. O parágrafo segundo da cláusula sétima queda redactado como a continuación se expresa:

«O pagamento da devolución do préstamo e dos seus xuros realizarase segundo o cadro de amortización que se xunta como anexo II, sendo a data de pagamento das anualidades correspondentes a cada un dos libramentos, a coincidente, ou seguinte día hábil, coa data de desembolso por parte do Ministerio do libramento en cuestión. Todo iso agás que a Comunidade Autónoma de Galicia amortice anticipadamente, de acordo co previsto na cláusula quinta».

Terceira. Anexos

Modifícanse os anexos I e II do citado convenio de colaboración que quedan substituídos integramente polos anexos incorporados ao presente texto.

Cuarta. Entrada en vigor

A presente addenda entrará en vigor a súa sinatura por ambas as dúas partes.

A presente addenda será publicada no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

E en proba de conformidade, ambas as dúas partes asinan en duplicado exemplar e para un único efecto, en Madrid o 30 de decembro de 2015.

Luis de Guindos Jurado
Ministro de Economía e Competitividade

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

ANEXO I
Programa de actuacións que se financiarán

Actuación

Total libramentos

(2013-2016)

1

Contratos programa para a consolidación de centros de coñecemento

16,96 M€

2

Centro de excelencia e crecemento empresarial

1,00 M€

3

Dinamización do Fondo Tecnolóxico

8,00 M€

4

Apoio á valorización de tecnoloxías

0,30 M€

5

Programa de captación de fondos internacionais

0,20 M€

6

Incorporación de talento innovador ás empresas (Rede XIGA)

0,04 M€

7

Consolidación de estruturas de investigación

8,20 M€

8

Captación de talento internacional en Galicia para a innovación aberta

0,30 M€

Total

35,00 M€

Actuación nº 01

Título actuación:

Contratos programa para consolidación de centros de coñecemento

Obxectivos

1. Reforzar o papel tractor dos centros de coñecemento do Sistema galego de I+D+i.

2. Potenciar a interacción entre axentes do Sistema galego de I+D+i orientada á valorización de coñecemento.

Descrición

1. Instrumentación de convenios bilaterais de cooperación cos centros de coñecemento (centros tecnolóxicos, CSIC, IEO e fundacións de investigación sanitaria) recoñecidos dentro do Sistema rexional de I+D+i para a consecución de obxectivos comúns en beneficio dos intereses rexionais, de acordo coas estratexias de investigación e innovación tecnolóxica de cada institución.

2. Os contratos programa definirán o conxunto de indicadores específicos e os resultados que deberán ser avaliados para cada un dos centros obxecto desta liña de actuación recollida no eixe 3 do Plan I2C (Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015).

3. As propostas seleccionadas darán lugar a contratos-programa mediante os cales se vinculará o financiamento obtido por parte das entidades seleccionadas ao cumprimento dun conxunto de compromisos e indicadores considerados de carácter estratéxico para o desenvolvemento do Sistema galego de I+D+i, ligados fundamentalmente á investigación colaborativa con empresas, en particular pemes.

4. Realización de convocatorias competitivas de axudas para os centros tecnolóxicos recoñecidos dentro do Sistema rexional de I+D+i co fin de incentivar a transferencia de resultados de investigación, de coñecementos e das capacidades tecnolóxicas dos centros ao mercado. As axudas estableceranse en función dunha serie de indicadores que, de forma obxectiva, valoren as perspectivas financeira, de resultados e de igualdade dos centros.

Destinatarios

1. Centros tecnolóxicos sectoriais (TIC; saúde; pesca; madeira; automoción; tecnoloxías da produción…).

2. Organismos públicos de investigación (fundacións de investigación sanitaria; CSIC; IEO).

Orzamento

16,96 M€

Data prevista de inicio

2013

Prazo de execución

2013-2017

Resultados esperados

1. Incremento do cociente de financiamento competitivo versus non competitivo dos centros.

2. Incremento da facturación a empresas por parte dos centros.

3. Incremento do número de empresas que colaboran cos centros.

Actuación nº 02

Título actuación

Centro de excelencia e crecemento empresarial

Obxectivos

1. Impulsar a excelencia nos procesos de planificación estratéxica da innovación empresarial das pemes galegas con potencial de crecemento e que pertenzan aos sectores tecnolóxicos priorizados na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3).

2. Creación dun foro onde compartir boas prácticas na xestión da innovación na empresa.

Descrición

1. Instrumentación de servizos de consultaría especializada para prestar apoio ao crecemento orgánico das empresas, potenciando procesos de toma de decisión de calidade por parte das empresas.

2. Tratase de xerar dinámicas de apoio aos equipos directivos das empresas para que desde a valorización do coñecemento, desde a innovación e desde a internacionalización e o reforzamento das súas capacidades financeiras e de xestión poidan emprender sendas de crecemento sustentable.

3. Mediante esta actuación, que se xestionará a través do Parque Tecnolóxico de Galicia-Tecnópole, porase á disposición das empresas un plan de traballo enfocado especificamente aos perfís de Xerencia e primeiros niveis de Dirección, que incidirá nos aspectos vinculados á estratexia, situación de mercado e funcionamento organizativo, co obxectivo de fortalecer as capacidades das empresas participantes a través das seguintes actividades:

a) Titorización e aceleración. O Programa contará cun equipo de titores especialistas coñecedores do ámbito da innovación galega e o desenvolvemento de negocio, que se encargarán de definir as necesidades de aceleración de cada unha das empresas participantes deseñando un itinerario específico para cada unha delas que reflectirán os obxectivos que se deben lograr xunto coas fases, as actividades e os recursos necesarios para acadalos. Os titores encargaranse de realizar o seguimento da consecución dos obxectivos marcados e apoiarán os participantes durante todo o proceso.

b) Profesionalización e capacitación, por un lado, xeralista, destinada a todas as empresas participantes, sobre temas de interese xeral e, por outro lado, capacitación específica para as empresas beneficiarias baseada no itinerario específico deseñado para cada participante.

c) Mentorización especializada e networking. Participación de expertos de recoñecido prestixio e reputación internacional e con perfís adaptados ás necesidades dos distintos participantes, para a realización de diversas actividades: relacións comerciais, preparación de presentacións e propostas, asistencia a meetings internacionais, feiras, etc. Realizaranse tamén sesións de networking con stakeholders, principalmente a nivel internacional, para axudar a identificar entidades de interese que axuden no éxito do proxecto.

d) Funding. Co obxectivo final de obter fondos, realizaranse distintas actividades como son:

– Unha lonxa de investimentos, focalizada na atracción de posibles investidores.

– Preparación para asistencias individualizadas a eventos internacionais de venture capital.

– Análise de proxectos para presentar en convocatorias de fondos europeos de Horizonte 2020.

Destinatarios

1. Pemes innovadoras galegas con potencial de crecemento e que pertenzan aos sectores tecnolóxicos priorizados na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3).

Orzamento

1,00 M€

Data prevista de inicio

2015

Prazo de execución

2015-2017

Resultados esperados

1. Número de proxectos de empresas que se traducen nun crecemento orgánico contrastable.

2. As empresas beneficiarias avancen na senda da innovación aumentando notablemente o seu potencial innovador, reflectido na dependencia das súas vendas dos produtos introducidos no mercado nos últimos anos, experimenten un crecemento significativo, presenten unha maior diversificación das súas vendas e incrementen a atracción de financiamento externo, maximizando a captación de fondos públicos europeos (a través da participación en programas de H2020) e de fondos privados.

Actuación nº 03

Título actuación

Dinamización do Fondo Tecnolóxico

Obxectivos

1. Estimular un óptimo aproveitamento financeiro do Fondo Tecnolóxico por parte das empresas galegas.

2. Incentivar a formación de consorcios Universidade-Empresa e Centro Tecnolóxico-peme para articular proxectos colaborativos de alto impacto.

3. Reducir as barreiras á participación de empresas galegas no Fondo Tecnolóxico.

Descrición

1. Instrumentación de medidas de urxencia orientadas a asegurar o aproveitamento do orzamento do Fondo Tecnolóxico previsto para Galicia no horizonte 2007-2013 de cara a corrixir o deficiente patrón actual de consumo do Fondo (15 % á metade do período de execución orzamentaria).

2. Esta actuación recolle dúas medidas complementarias:

a) Programa de bonos tecnolóxicos de estímulo á dinamización de proxectos colaborativos de alto impacto rexional por parte de axentes intermedios (centros tecnolóxicos; clústers; asociacións) a través de oficinas de proxectos especializadas na xénese de proxectos colaborativos e preparación profesionalizada de propostas. O programa articularase mediante unha licitación pública de carácter competitivo orientada á homologación dunha lista reducida de axentes intermedios de acordo coa súa solvencia técnica, organizativa e económica así como a súa capacidade de impacto rexional. Os axentes intermedios serán retribuídos en base a resultados cun bono aplicado a cada solicitude de proposta presentada ao Fondo Tecnolóxico que alcance unha puntuación preestablecida de acordo con criterios de calidade e complementariedade Academia-Empresa.

b) Convocatoria aberta de carácter non competitivo para complementar o financiamento dos proxectos de carácter singular, desde o punto de vista do impacto rexional, que obtivesen un compromiso de financiamento por parte do Fondo Tecnolóxico, en coherencia co encadramento comunitario e o regulamento do Feder.

3. Colaboración, a través dun convenio, entre a Axencia Galega de Innovación e o CDTI que permita continuar e afondar no labor de promoción e mellora do nivel tecnolóxico das empresas galegas mediante o fomento da investigación, o desenvolvemento e a cooperación público-privada en áreas tecnolóxicas estratéxicas para o desenvolvemento económico de Galicia.

Destinatarios

1. Empresas.

2. Axentes intermedios de apoio a pemes, especializados no soporte á innovación empresarial e preparación de propostas de proxectos, tales como: centros tecnolóxicos, centros públicos de investigación, consultoras, plataformas tecnolóxicas, clústers, asociacións sectoriais e empresariais.

Orzamento

8,00 M€

Data prevista de inicio

2013

Prazo de execución

2013-2017

Resultados esperados

1. Incremento significativo no número de propostas presentadas ao Fondo Tecnolóxico.

2. Novas empresas que participan en proxectos colaborativos de I+D+i.

3. Incremento significativo no consumo do Fondo Tecnolóxico en Galicia.

Actuación nº 04

Título actuación

Apoio á valorización de tecnoloxías

Obxectivos

1. Estimular a creación de empresas innovadoras de base tecnolóxica (EBT).

2. Estimular a xeración de dinámicas sistemáticas de valorización do coñecemento derivado dos resultados da investigación por parte dos Centros de Investigación.

3. Valorar o coñecemento a través da transferencia.

4. Estreitar lazos centros de coñecemento-empresa.

5. Detectar proxectos potenciais de valorización.

Descrición

1. O artigo 31 da Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, indica que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia apoiará a valorización de resultados mediante o impulso dun fondo de proba de concepto destinado a desenvolver as aplicacións comerciais dos resultados de investigación a través de actividades tales como estudos de mercado, validación técnica, análise de oportunidades comerciais e de negocio ou formulación de propostas a empresas ou investidores que poidan contribuír ao avance na fase de comercialización.

2. O eixe estratéxico 4 «Valorización do coñecemento» do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle as liñas de actuación 4.3 «Apoio á valorización de tecnoloxías» e 4.7 «Apoio específico a grupos de investigación para proxectos de valorización».

3. Esta actuación instrumentarase mediante un convenio de colaboración cunha entidade con recoñecida experiencia no impulso de programas de adestramento no campo da transferencia de tecnoloxía.

Destinatarios

1. Grupos de investigación.

2. Centros de investigación.

3. Centros tecnolóxicos.

4. Axentes de valorización: OTRI; consultoras; incubadoras de empresas.

Orzamento

0,30 M€

Data prevista de inicio

2015

Prazo de execución

2015-2017

Resultados esperados

1. Número significativo de proxectos de valorización derivados desta intervención.

2. Número de EBT creadas.

3. Incremento número de patentes e licenzas de propiedade intelectual.

Actuación nº 05

Título actuación

Programa de captación de fondos internacionais

Obxectivos

1. Incrementar o retorno de fondos de programas europeos por parte dos axentes galegos do Sistema de I+D+i.

2. Reducir as barreiras á participación de pemes no Horizonte 2020 (H2020).

Descrición

1. Con esta liña de actuación recollida no eixe 5 do Plan I2C preténdese incrementar a participación de entidades galegas nos programas europeos, logrando un retorno acorde co aumento do orzamento comunitario nos próximos anos e co peso específico de Galicia no conxunto do Estado.

Estimular a homologación de axentes intermedios para a presentación de proxectos.

Incentivar os axentes intermedios homologados segundo os resultados acadados na presentación de proxectos.

Esta actuación recolle o lanzamento dun Programa de bonos tecnolóxicos internacionais de estímulo á preparación de propostas por parte de axentes especializados. O programa articularase mediante unha licitación pública de carácter competitivo orientada á homologación dunha lista reducida de axentes intermedios de acordo coa súa solvencia técnica, organizativa e económica así como a súa capacidade de impacto rexional. Os axentes intermedios serán retribuídos segundo resultados cun bono aplicado a cada solicitude de proposta presentada a programas internacionais de I+D+i que alcancen unha puntuación preestablecida de acordo con criterios de calidade e complementariedade Academia-Empresa.

2. Esta liña de actuación tamén está recollida no eixe 6 do Plan I2C «Internacionalización dos procesos de coñecemento e innovación» co cal se pretende favorecer iniciativas tanto público como privadas de ámbito internacional, a través do impulso de redes, a participación en programas de axuda europeos e potenciar conexións con comunidades de coñecemento en innovación para xerar sinerxías e valorización.

Esta actuación instrumentarase mediante un convenio de colaboración coa Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia (Atiga) co obxectivo de impulsar a participación das empresas galegas en proxectos europeos, fomentar e impulsar actuacións que contribúan á internacionalización do Sistema galego de I+D+i e a súa visibilización.

Destinatarios

1. Pemes.

2. Axentes Intermedios de apoio a pemes, especializados no soporte á innovación empresarial e preparación de propostas de proxectos, tales como: centros tecnolóxicos, centros públicos de investigación, consultoras, plataformas tecnolóxicas, clústers, asociacións sectoriais e empresariais.

3. Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia (Atiga).

Orzamento

0,2 M€

Data prevista de inicio

2013

Prazo de execución

2013-2017

Resultados esperados:

Incremento da participación galega nos programas internacionais de I+D+i; incremento do retorno procedente de programas internacionais ao Sistema galego; mellora nos ratios de éxito da participación de axentes galegos.

Actuación nº 06

Título actuación

Incorporación de talento innovador ás empresas (Rede XIGA)

Obxectivos

1. Estimular a xeración de dinámicas de innovación nas pemes.

2. Crear emprego especializado en I+D+i.

Descrición

1. Programa de financiamento directo á formación e incorporación de expertos xestores de innovación en pemes galegas.

2. Medida recollida no eixe 1 do Plan rexional I2C de xestión do talento.

3. O obxectivo final é que as pemes galegas conten cos recursos necesarios para incorporar e consolidar emprego nun ámbito crítico e estratéxico que xa se converteu nun factor determinante de supervivencia nun mercado cada vez máis competitivo: a innovación.

4. A Rede de xestores de innovación de Galicia (XIGA) é o resultado dun programa piloto de formación de técnicos especialistas en materia de financiamento e xestión de I+D+i e a súa inserción laboral nas pemes galegas, iniciado no ano 2010.

5. A actuación establece as seguintes fases:

a) Organización dunha acción formativa especializada dirixida a perfís técnicos para capacitalos como xestores de innovación en empresas.

b) Intermediación na selección e incorporación de xestores de innovación por parte das pemes galegas.

c) Coordinar o seguimento de cada perfil formado e incorporado facilitando o traballo en rede entre os beneficiarios do programa.

Destinatarios

1. Empresas galegas.

2. Demandantes de emprego de alta cualificación.

Orzamento

0,04 M€

Data prevista de inicio

2010

Prazo de execución

2010-2014

Resultados esperados

1. Creación de emprego de alta cualificación.

2. Proxectos de innovación individuais e colaborativos xerados por parte dos xestores XIGA contratados.

3. Efecto multiplicador no investimento en I+D+i nas empresas con xestores XIGA.

Actuación nº 07

Título actuación

Consolidación de estruturas de investigación

Obxectivos

1. Consolidar os grupos de investigación do Sistema rexional de I+D con potencial internacional.

2. Impulsar a competitividade e capacidade de valorización de coñecemento dos grupos de investigación excelentes do Sistema rexional de I+D.

3. Configurar grupos mixtos de traballo entre organismos de investigación e empresas que se convertan en catalizadores do desenvolvemento de liñas de I+D+i (unidades mixtas de investigación).

Descrición

1. O Plan de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) recolle dentro do eixe estratéxico 4 (Valorización do coñecemento) a liña de actuación 4.2, destinada a estimular a creación de unidades mixtas de investigación entre organismos de investigación e empresas. Estas unidades mixtas son unha fórmula importante de acercamento entre o mundo empresarial e o científico/técnico para desenvolver liñas de investigación e valorización conxuntas.

2. A actuación consistirá na realización dunha convocatoria competitiva de axudas dirixidas aos organismos de investigación de Galicia para incentivar a creación, posta en marcha e impulso de unidades mixtas de investigación que promovan as relacións de colaboración entre os distintos axentes do Sistema galego de innovación a través do desenvolvemento conxunto de liñas de I+D+i de alto impacto.

3. As axudas concédense en función dunha serie de criterios que, de forma obxectiva valoran a calidade científico-técnica, capacidade e características das unidades mixtas de investigación.

4. As unidades mixtas de investigación constitúen un dos instrumentos de desenvolvemento do programa Innova en Galicia da Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3-Galicia). O citado programa está concibido para que o investimento público exerza de elemento tractor na mobilización e atracción de capital privado para os procesos de innovación galegos.

Destinatarios

Centros de investigación do Sistema galego de I+D+i (universidades; centros tecnolóxicos; CSIC; IEO; fundacións de investigación sanitaria).

Orzamento

8,20 M€

Data prevista de inicio

2014

Prazo de execución

2014-2017

Resultados esperados

1. Incremento do retorno de programas de financiamento internacional por parte dos organismos de Investigación beneficiarios.

2. Aumento da mobilización e atracción de capital privado para os procesos de innovación galegos.

3. Aumento do emprego cualificado.

4. Incentivación da trasferencia de coñecemento.

5. Reforzar a capacidade innovadora de sectores estratéxicos para Galicia.

Actuación nº 08

Título actuación

Captación de talento internacional en Galicia para a innovación aberta (Oportunius)

Obxectivos

1. Captación de investigadores de excelencia para a súa integración nos centros de investigación do Sistema galego de I+D+i.

2. Reintegración de investigadores galegos de excelencia no Sistema galego de I+D+i tras a súa etapa de consolidación investigadora en países estranxeiros.

3. Reter e captar investigadores/as excelentes, posuidores dunha bolsa ERC, para que desenvolvan a súa carreira en Galicia.

4. Difundir entre a comunidade científica galega as oportunidades que brinda o ERC.

5. Identificar liñas de traballo candidatas aos programas do ERC.

6. Animar e apoiar a presentación de candidaturas de investigadores galegos aos programas do ERC.

7. Incrementar o número de investigadores galegos beneficiarios dos programas do ERC.

Descrición

O programa Oportunius establece tres liñas de actuación:

1. Atracción de excelencia:

Captación, retención e recuperación do persoal investigador excelente (posuidor dunha bolsa ERC) mediante:

a) A contratación por parte da Axencia Galega do persoal investigador (contrato Oportunius).

b) A dotación de recursos para apoiar a actividade investigadora dos beneficiarios do ERC que non se acollan ao contrato da Axencia Galega de Innovación.

O programa xestionarase a través da contratación directa por parte da Axencia Galega de Innovación dos investigadores beneficiarios do ERC ou a través de convenios cos organismos de acollida destes investigadores para apoiar a súa actividade investigadora.

2. Apoio á excelencia:

Impulsar a actividade investigadora e potenciar a consecución de resultados de impacto daquel persoal investigador cunha traxectoria consolidada que superase a fase primeira do proceso de avaliación das bolsas do programa ERC e que non recibise financiamento. Dotárase o investigador dos recursos e asesoramento para mellorar o seu proxecto de investigación e así poder incrementar as súas posibilidades de obter una bolsa ERC na convocatoria seguinte, mediante a sinatura de convenios de colaboración entre a Axencia Galega de Innovación e as entidades que conten con investigadores nesta situación.

3. Fomento da excelencia:

Estimular a participación nos programas do ERC de investigadores que mostren un alto potencial e unha carreira investigadora prometedora. Ofrecerase ao investigador formación e asesoramento para a preparación de propostas ao ERC co obxectivo de incrementar as posibilidades de obter una bolsa desta natureza.

As accións de formación e asesoramento canalizaranse a través dunha serie de actividades de difusión, formación e acompañamento. Para tal efecto, seleccionáranse, a través de licitacións públicas, a entidades e/ou profesionais coa especialización necesaria para levar a cabo as actividades.

Destinatarios

1. Investigadores beneficiarios dunha bolsa ERC.

2. Investigadores que superasen a fase primeira do proceso de avaliación das bolsas do programa ERC e que non recibiran financiamento.

3. Investigadores de traxectoria consolidada.

4. Universidades e centros públicos de investigación do Sistema galego de I+D+i.

Orzamento

0,30 M€

Data prevista de inicio

2014

Prazo de execución

2014-2017

Resultados esperados

1. Dotar o Sistema galego de I+D+i de investigadores de primeiro nivel, capaces de liderar proxectos con alto potencial.

2. Contribuír á consolidación dun modelo económico baseado no coñecemento e a innovación.

3. Creación de emprego altamente cualificado derivado da formación de equipos de investigación destes científicos en centros galegos.

4. Incremento da capacidade de xeración de coñecemento básico e aplicado do Sistema galego de I+D+i e mellora da competitividade do tecido produtivo coa transferencia de resultados de investigación á empresa.

5. Aumentar a captación de recursos do ERC por parte dos OPIs de Galicia.

Resumo de indicadores de impacto asociados ás actuacións descritas:

Proxecto

Emprego inducido

Financiamento privado

Retorno de fondos europeos

Novas empresas innovadoras

Contratos Programa para consolidación de centros de coñecemento

160,00

100,00

20,00

10,00

Centros de excelencia e crecemento empresarial

25,00

0,50

-

25,00

Dinamización do Fondo Tecnolóxico

100,00

40,00

-

-

Apoio á valorización de tecnoloxías

6,00

-

-

3,00

Captación de fondos internacionais

-

0,20

0,50

-

Incorporación de talento innovador ás empresas (XIGA)

18,00

0,10

-

-

Consolidación de estruturas de investigación

70,00

20,00

1,50

-

Captación de talento internacional para a innovación aberta

15,00

-

5,00

-

Total

394,00

160,80

27,00

38,00

missing image file