Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 33 Xoves, 18 de febreiro de 2016 Páx. 5990

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

RESOLUCIÓN do 11 de febreiro de 2016 pola que se convoca o procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores en centros de reeducación da Comunidade Autónoma.

De conformidade co disposto na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores (en diante LORPM) correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, no seu ámbito territorial, a execución das medidas impostas polos xulgados de menores nas súas sentenzas firmes para o cal levará a cabo a creación, dirección, organización e xestión dos servizos, institucións e programas axeitados para garantir a correcta execución das medidas previstas nesa lei.

Neste senso, o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, encomenda á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na LORPM.

A citada LORPM prevé, no seu artigo 45.3, a posibilidade de que a Comunidade Autónoma estableza os convenios ou acordos de colaboración con entidades privadas sen ánimo de lucro para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, sen que iso supoña en ningún caso a cesión da titularidade e responsabilidade derivadas da dita execución.

Así mesmo, o artigo 88 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, sinala que a Xunta de Galicia poderá celebrar convenios ou acordos de colaboración coas demais administracións, así como con outras entidades, públicas ou privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, de acordo cos principios de cooperación e colaboración, e sen que isto supoña cesión da titularidade ou responsabilidade.

En virtude deste título habilitante e tendo en conta o superior interese da persoa menor que preside as actuacións no ámbito da xurisdición de menores, a colaboración con entidades privadas de iniciativa social con experiencia acreditada permite asegurar una intervención educativa de calidade orientada á efectiva reinserción dos/das menores.

Existe unha pluralidade de entidades entre cuxos fins está a intervención socioeducativa con menores e mozos/as, capacitadas para desenvolver programas de intervención con menores.

Por todo iso, faise necesaria a articulación dun procedemento de selección que garanta os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade e non discriminación, á vez que permita elixir os proxectos daquelas entidades que garantan unha mellor calidade técnica na intervención que se levará a cabo na execución das medidas privativas de liberdade, co fin de que se realice unha actuación axeitada e en beneficio da persoa menor, tendo en conta os seus intereses.

Por todo o exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Convocar o procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na LORPM en centros de reeducación da Comunidade Autónoma, a través da formalización dun convenio de colaboración.

As entidades coas cales se asine un convenio de colaboración percibirán da Consellería de Política Social con cargo á aplicación orzamentaria 12.02.312B.228 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia unha compensación máxima polos gastos en que incorran no desenvolvemento das actividades conveniadas, que en ningún caso suporá un beneficio económico para a entidade conveniante.

A compensación máxima que se satisfará establécese en 8.493.079,09 € (3.639,891,04 € para o exercicio 2016 e 4.853.188,05 € para o exercicio 2017). O dito importe será distribuído como segue:

Convenio de colaboración para a atención residencial e a intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade no Centro de Reeducación Concepción Arenal da Coruña

2016

1.769.414,78 €

2017

2.359.219,70 €

Convenio de colaboración para a atención residencial e a intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade no Centro de Reeducación Monteledo de Ourense

2016

1.870.476,26 €

2017

2.493.968,35 €

Segundo. Ordenar a publicación da presente resolución no DOG.

Terceiro. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, sen prexuízo da interposición previa, con carácter potestativo, do recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ao abeiro do establecido no artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

ANEXO I

Procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores en centros de reeducación da Comunidade Autónoma.

Primeiro. Obxecto da convocatoria

A presente convocatoria ten por obxecto establecer o proceso para a selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na LORPM en centros de reeducación da Comunidade Autónoma. Así mesmo, incluirá a atención dos fillos e fillas menores de tres anos que convivan coas súas nais internadas, de acordo co disposto na alínea n) do artigo 56 da citada lei e no artigo 34 do Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da LORPM.

O termo «persoa menor» entenderase, no marco da presente convocatoria, como extensivo á totalidade daquelas persoas ás cales lles sexa aplicable algunha medida derivada da LORPM, independentemente de que alcanzaran ou non a maioría de idade no momento da execución, de acordo co uso que do dito termo se dá na antedita lei.

Segundo. Contido da convocatoria

Seleccionaranse entidades privadas sen ánimo de lucro para a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade, de xeito que quede garantida a execución das seguintes medidas:

– Internamento en réxime aberto, semiaberto ou pechado (tanto preventivas como firmes).

– Permanencia de fin de semana no centro.

As necesidades que se tratan de satisfacer a través dos convenios son as seguintes:

– Dar cumprimento ás medidas xudiciais privativas de liberdade impostas polos xulgados de menores.

– Proporcionar unha atención residencial integral e continuada ás persoas menores internadas, que dea cobertura ás necesidades de alimentación, lavandaría, limpeza e mantemento das instalacións, de xeito que se asegure unha atención residencial de calidade.

– Levar a cabo unha intervención educativa integral dirixida á súa inserción social.

– Garantir a vixilancia no centro e a saúde das persoas menores e facilitar a atención sanitaria nos supostos previstos na normativa aplicable.

Para a levar a cabo as actuacións que se conveniarán, a Xunta de Galicia cederá o uso dos seguintes inmobles á/ás entidade/s conveniada/s, por un período de tempo igual á duración do convenio e das súas posibles prórrogas:

– Centro de Reeducación Concepción Arenal, situado no barrio de Palavea, s/n, 15170, A Coruña, con 35 prazas autorizadas. Neste centro levarase a cabo a execución das medidas de internamento en réxime aberto, semiaberto ou pechado (tanto preventivas coma firmes) e permanencia de fin de semana no centro.

– Centro de Reeducación Monteledo, situado no complexo Montealegre, Camiño dos Rapaces, 4, 32971 Ourense, con 37 prazas autorizadas. Neste centro levarase a cabo a execución das medidas de internamento en réxime aberto, semiaberto ou pechado (tanto preventivas coma firmes) e permanencia de fin de semana no centro. Excepcionalmente e por razóns de urxencia, en ausencia de vacantes no centro de atención específica e polo tempo imprescindible, internamentos terapéuticos nos réximes pechado, semiaberto ou aberto (tanto preventivos como firmes); nestes casos contará co apoio do equipo clínico do centro de atención específica.

A cesión de uso dos bens inmobles así como dos bens mobles de que dispoñen os centros axustarase ao establecido na Lei 5/2011, do 30 de setembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A cesión do uso dos ditos inmobles entenderase outorgada, en todo caso, coa excepción do dereito de propiedade e sen prexuízo de dereitos de terceiras persoas. A utilización dos centros polas entidades colaboradoras terá un simple carácter instrumental para a execución da actividade conveniada e queda circunscrita á súa vixencia, sen que se poida alegar ningún dereito, nin usarse para outro fin distinto do previsto. Os actuais inmobles poderán ser substituídos por outras instalacións.

Tamén serán cedidos en uso o equipamento e os bens mobles necesarios, os cales estarán identificados e relacionados con carácter de inventario nun anexo ao convenio que se asinará xunto co convenio e será parte deste.

No desenvolvemento dos programas e recursos, as entidades deben cumprir de forma estrita a normativa aplicable e, en particular, a título simplemente enunciativo, as seguintes normas e circulares:

• A Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores.

• O Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei orgánica 5/2000.

• A Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.

• A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

• O Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.

• O Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

• O Decreto 42/2000, do 7 de xaneiro, modificado polo Decreto 406/2003, do 29 de outubro, polo que se refunde a normativa reguladora vixente en materia de familia, infancia e adolescencia.

• A Orde da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, do 1 de agosto de 1996, pola que se regulan os contidos mínimos do Regulamento de réxime interior e o proxecto educativo dos centros de atención a menores.

• A Circular 12/2008 na cal se establece o procedemento das actuacións para a execución das medidas xudiciais de internamento acordadas polos xulgados de menores.

Terceiro. Participantes

Poderán participar no procedemento de selección as entidades privadas sen ánimo de lucro cuxos fins, obxecto ou ámbito de actividades teñan relación directa co obxecto do convenio, segundo os seus estatutos ou regras fundacionais. En calquera caso, deberán dispoñer dunha organización con elementos persoais e materiais suficientes para a debida execución do convenio.

Considéranse tarefas análogas ás do obxecto do convenio a execución de programas de intervención, en réxime residencial ou de atención de día, dirixidos a menores que estean baixo unha medida de protección por parte da Administración pública ou que deban cumprir medidas xudiciais impostas ao abeiro da LORPM.

Cuarto. Presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no DOG. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos rexistros ou oficinas e polos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e irán dirixidas á Consellería de Política Social-Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica-Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia.

Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

A presentación de solicitudes fóra de prazo dará lugar á súa inadmisión, que se lle notificará ao interesado en virtude de resolución expresa, en cumprimento do establecido no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes de participación no procedemento de selección serán formuladas por quen teña a representación legal da entidade e deberase xuntar orixinal ou copia autenticada notarialmente ou debidamente compulsada da seguinte documentación:

1. Escritura ou documento de constitución, estatutos ou acto fundacional, en que conste a finalidade e as normas polas que se regula a entidade na súa actividade, así como as súas modificacións, se as houber, inscritos no correspondente rexistro oficial cando isto fose exixible conforme a normativa que lle sexa aplicable.

2. Documento acreditativo da identidade do representante da entidade, así como da representación que teña e a súa capacidade para asinar convenios ou, se é o caso, as previsións estatutarias ou acordos sociais en que se estableza a dita representación.

3. Declaración responsable do representante sobre a traxectoria da entidade e documentación acreditativa da súa experiencia en programas con menores.

4. Declaración responsable da inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais de Política Social na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Sen prexuízo da necesidade de inscrición no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, esta deberá manterse na data de formalización do convenio e durante o período de duración do convenio e as súas posibles prórrogas.

5. Compromiso de subscrición dunha póliza de seguros para a cobertura dos seguintes riscos:

– De responsabilidade civil que cubra:

• Os danos que poida sufrir calquera persoa, en si mesma ou nos seus bens, e que deriven do funcionamento dos centros ou instalacións en que se leva a cabo a atención residencial e a intervención educativa integral.

• Os danos que poidan ser causados a terceiras persoas e aos seus bens polos/as profesionais e, en xeral, por calquera persoa dependente do centro ou entidade, incluídos os actos derivados de actividades relacionadas coa actividade conveniada, realizadas por calquera das persoas anteriormente citadas, tanto dentro como fóra das instalacións.

• Os danos que poidan ser causados a terceiras persoas e aos seus bens polas persoas menores atendidas, tanto dentro como fóra das instalacións.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 150.000 € por sinistro e 300.000 € por anualidade.

– De accidentes de menores residentes, causados tanto no interior do centros e instalacións anexas, como nos desprazamentos e actividades realizadas no exterior do centro.

A suma asegurada deberá ser dun mínimo de 30.000 € por persoa por falecemento ou invalidez permanente, e cubrir os gastos sanitarios e de enterramento.

A xustificación da póliza subscrita e do pagamento da prima deberá ser realizada pola entidade seleccionada no momento da sinatura do convenio.

6. Certificación positiva expedida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social que acredite que a entidade está ao día no cumprimento dos seus deberes coa Seguridade Social.

7. Certificación positiva expedida pola Consellería de Facenda da Xunta de Galicia de non ter contraída ningunha débeda coa Facenda da Comunidade Autónoma de Galicia.

8. Certificación positiva expedida pola Agencia Estatal da Administración Tributaria que acredite que a entidade está ao día do pagamento dos seus deberes tributarios.

9. Proxecto de intervención educativa integral coa estrutura e contidos mínimos determinados no anexo II.

10. Memoria na cal se indiquen os recursos humanos e materiais con que contará a entidade para a execución das medidas, de acordo co previsto no anexo II, xunto cun compromiso do responsable da entidade de adscribir á execución das medidas os medios persoais e materiais precisos para a súa boa execución, e, en todo caso, os indicados na memoria.

11. Plan de formación continua do persoal co contido indicado no anexo II.

12. Proposta desagregada dos gastos derivados da execución da actividade obxecto de convenio, asinada polo responsable da entidade, cuxo importe en ningún caso poderá superar o previsto na presente convocatoria.

A proposta diferenciará entre gastos de persoal, gastos da seguridade, gastos de funcionamento do centro e gastos das persoas menores internadas.

13. Relación das persoas traballadoras fixas con discapacidade, de ser o caso, xunto coa resolución ou certificación acreditativa do grao e vixencia da discapacidade e unha declaración responsable do número de persoas traballadoras fixas con discapacidade e porcentaxe que representan sobre o cadro total de persoal.

14. Certificación ou resolución do órgano administrativo correspondente, de conformidade cos artigos 11 e 22 do Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego, no caso de que conte coa Marca Galega de Excelencia en Igualdade ou cun plan de igualdade.

Quinto. Emenda de solicitudes

Unha vez recibida a solicitude e a documentación, se se constata que esta non reúne os requisitos establecidos no punto anterior, requirirase o solicitante para que no prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte á recepción da notificación, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con advertencia de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución nos termos establecidos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sexto. Órgano competente para a ordenación e a instrución do procedemento

A Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica é o órgano competente para a ordenación e instrución do procedemento.

Sétimo. Comisión de valoración

Mediante resolución da persoa titular da Consellería de Política Social designarase unha comisión de valoración para a avaliación das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios preferenciais. Esta comisión emitirá o informe resultado da baremación, informe que lle remitirá ao órgano instrutor para a emisión da proposta de resolución.

Esta comisión estará formada por:

Presidente/a:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Política Familiar, Infancia e Adolescencia.

Tres vogais:

– A persoa titular do Servizo de Xustiza Penal Xuvenil.

– Un/unha técnico/a do Servizo de Xustiza Penal Xuvenil.

– Un/unha técnico/a do Servizo de Inspección de Familia e Menores da Subdirección Xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais.

Secretario/a:

– Un/unha funcionario/a público/a da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica que actuará con voz pero sen voto.

Oitavo. Criterios de valoración e baremo

1. Calidade da asistencia e intervención proposta, ata 55 puntos, segundo a seguinte desagregación:

1.1. Calidade do proxecto de intervención educativa integral, ata 30 puntos, desagregado nas seguintes partes:

– Coherencia entre a problemática e as necesidades das persoas menores atendidas e os obxectivos, contidos, metodoloxía e actividades propostos, ata 10 puntos.

– Calidade do sistema de avaliación proposto, ata 10 puntos.

– Detalle dos protocolos de actuación, ata 10 puntos.

1.2. Adecuación do plan de formación de persoal ás características da intervención, ata 10 puntos.

1.3. Ofertas de programas non previstos no punto 1 do anexo II, ata 5 puntos.

Cada programa adicional valorarase cun máximo de 2,5 puntos, en atención aos seguintes criterios:

– Coherencia cos programas e actuacións exixidas e relevancia da intervención, ata 1 punto.

– Innovación, ata 0,75 puntos.

– Extensión da súa aplicabilidade máis alá da intervención do centro, a través da creación de redes de apoio alleas á entidade, ata 0,75 puntos.

1.4. Oferta de proxectos de investigación relacionados coa mellora da intervención educativa e avalados polas universidades e outros organismos públicos de investigación que se están desenvolvendo na actualidade ou que se levaron a cabo nos últimos cinco anos, ata 5 puntos.

Cada proxecto valorarase cun máximo de 2,5 puntos, en atención aos seguintes criterios:

– Coherencia e relevancia da intervención, ata 1 punto.

– Innovación, ata 0,75 puntos.

– Extensión da súa aplicabilidade máis alá da intervención do centro, a través da creación de redes de apoio alleas á entidade, ata 0,75 puntos.

Para cada proxecto de investigación que desenvolva actualmente a entidade, esta debe presentar unha memoria na cal se indique: título, autor/es, resumo, antecedentes e estado actual do tema obxecto de investigación, obxectivos e hipóteses xerais e específicas do proxecto así como metodoloxía e plan de traballo e bibliografía. No caso dos proxectos de investigación xa rematados, a memoria debe incluír un resumo del, introdución, metodoloxía, análise e resultados, conclusións e bibliografía.

1.5. Oferta de equipamentos non previstos no anexo II ou en número superior ao exixido, ata 5 puntos:

– Equipamentos informáticos postos á disposición dos menores, ata 2 puntos (0,40 puntos por equipamento).

– Vehículos (só se valorará un vehículo a maiores), ata 1 punto.

– Equipamentos de ocio e tempo libre non estritamente necesarios para a intervención educativa (valoraranse polo seu contido educativo, polo fomento da socialización e da promoción da actividade física), ata 2 puntos.

2. Medios persoais dispoñibles (incremento do persoal mínimo respecto ao exixido no punto 2.2 do anexo II), ata 20 puntos.

2.1. Incremento do persoal educativo (educadores e auxiliares técnicos educativos). Valorarase cada educador/a ou auxiliar técnico educativo ofertado por riba do sinalado como mínimo no punto 2.2 do anexo II, ata 8 puntos, mediante a seguinte fórmula:

Pp=(8 × Np/Nm)

Pp: puntuación da proposta que se vai valorar.

Np: número de profesionais incluídos na proposta que se vai valorar.

Nm: número máis alto de profesionais proposto polas entidades concorrentes.

Só se valorarán contratacións a xornada completa (1.771 horas anuais) ou a media xornada. Esta última computará como 0,5 profesionais.

2.2. Incremento do persoal de vixilancia, ata 5 puntos.

Valorarase o incremento de horas de vixilancia diaria por riba do sinalado como mínimo no punto 2.2 do anexo II (64 horas para os centros Concepción Arenal e Monteledo) mediante a seguinte fórmula:

Pp=(5 × Np/Nm)

Pp: puntuación da proposta que se vai valorar.

Np: número de horas previstas na proposta que se vai valorar.

Nm: número de horas máis alto proposto polas entidades interesadas en conveniar.

2.3. Incremento do persoal sanitario (médico/a) ata 5 puntos.

Persoal médico: valorarase a oferta de horas semanais de permanencia no centro para a prestación de atención medica que non sexa de obrigado cumprimento conforme o previsto no Real decreto 1774/2004.

Aplicarase a seguinte fórmula:

Pp=(5 × Np/Nm)

Pp: puntuación da proposta que se vai valorar.

Np: número de horas semanais a maiores (médico/a) previstas na proposta presentada para a súa valoración.

Nm: número de horas semanais a maiores (médico/a) máis alto proposto polas entidades interesadas en conveniar.

2.4. Incremento de persoal coordinador, ata 2 puntos.

Valorarase como máximo a contratación dun /dunha coordinador/a máis dos establecidos no punto 2.2 do anexo II, (a xornada completa 1.771 horas anuais, 2 puntos, a media xornada, 1 punto).

3. Experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores que estean baixo unha medida de protección por parte da Administración pública ou que deban cumprir medidas xudiciais, ata 5 puntos.

Valorarase a traxectoria e experiencia en atención aos seguintes criterios:

– Por cada ano de experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores infractores, 1 punto.

– Por cada ano de experiencia profesional acreditada en programas de intervención dirixidos a menores que estean baixo unha medida de protección, 0,5 puntos.

4. Importe da cantidade xustificada en concepto de compensación económica, ata 20 puntos.

En caso de concorrer dous solicitantes, á proposta de gastos máis baixa asignaránselle 20 puntos e á proposta máxima de gasto 0 puntos. En caso de que concorran tres ou máis solicitantes aplicarase a seguinte fórmula matemática:

Pp = 20 × [(Cm - Cp) / (Cm - Cb)]

Pp: puntuación da proposta que se valora.

Cm: compensación máxima establecida.

Cp: proposta de gastos que se valora.

Cb: proposta de gastos máis baixa das presentadas.

Noveno. Criterios aplicables en caso de empate

En caso de igualdade na puntuación acadada por dúas ou máis propostas, terá preferencia a entidade que estea nalgún dos seguintes supostos e pola orde que se indica:

1. Que conte no seu cadro de persoal cun número de persoas traballadoras fixas discapacitadas superior ao 2 %, tendo preferencia no caso de que varias entidades estean nas mesmas circunstancias a que dispoña de maior porcentaxe de persoas traballadoras con discapacidade.

2. Que conte coa Marca Galega de Excelencia en Igualdade ou cun plan de igualdade, de acordo co establecido nos artigos 11 e 19 da Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres en Galicia, e no Decreto 33/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a promoción da igualdade nas empresas e a integración do principio de igualdade nas políticas de emprego.

Décimo. Resolución do procedemento

Unha vez revisadas e avaliadas as solicitudes presentadas, a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica elevará á persoa titular da Consellería de Política Social unha proposta de resolución na cal se especificará a entidade seleccionada para levar a cabo a atención residencial e a intervención educativa en cada centro.

A resolución que poña fin ao procedemento de selección de entidades colaboradoras será ditada pola persoa titular da Consellería de Política Social no prazo máximo de tres meses desde a publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia. Esta resolución será notificada aos interesados dentro do dito prazo. No caso de que no vencemento do prazo máximo non se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

A resolución que poña fin ao procedemento de selección das entidades colaboradoras poñerá fin á vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo máximo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, sen prexuízo da interposición previa, con carácter potestativo, do recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Décimo primeiro. Subscrición de convenios

Notificada aos interesados a resolución do procedemento formalizarase o convenio coas entidades seleccionadas, no prazo de vinte días, de acordo co modelo previsto no anexo III.

Non se formalizará convenio de colaboración coas entidades que non figuren inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais.

No caso de que a entidade seleccionada non formalice o convenio no prazo indicado, ou esta non figure inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais na data da súa formalización, asinarase o convenio no prazo de vinte días coa entidade seguinte que cumpra os requisitos exixidos na convocatoria, seleccionada pola orde en que queden clasificadas as propostas.

Décimo segundo. Vixencia dos convenios

Os convenios que se subscriban ao abeiro do presente procedemento estarán vixentes desde a data da súa sinatura prevista para o 1 de abril de 2016, ata o 31 de decembro de 2017 e poderán prorrogase por acordo expreso das partes por períodos sucesivos, non superior cada un deles a un ano, ata un máximo de 2 anos.

ANEXO II

1. Proxecto de intervención educativa integral.

A) Xeneralidades.

A intervención educativa que se realice coa persoa menor en execución da medida xudicial que lle sexa imposta seguirá, en todo caso, o establecido na parte dispositiva da sentenza. Así mesmo, será integral e incorporará a perspectiva de xénero, e deberá abarcar tanto a dimensión persoal como a familiar e social.

A intervención educativa terá como obxectivo principal a reinserción social da persoa menor, para o cal se perseguirá que esta:

• Asuma as consecuencias da comisión do ilícito penal e se responsabilice do cumprimento da medida.

• Tome conciencia cívica dos seus dereitos e deberes e saiba respectar os dereitos e liberdades das outras persoas.

• Potencie as actitudes e adquira as competencias e habilidades que beneficien o seu desenvolvemento integral e lle permitan exercer unha cidadanía plena.

A intervención educativa responderá na súa formulación e desenvolvemento aos seguintes principios xerais:

• O superior interese da persoa menor sobre calquera outro interese concorrente.

• O respecto ao libre desenvolvemento da súa personalidade.

• A información dos dereitos que lle corresponden e a asistencia necesaria para o seu exercicio.

• A aplicación de programas fundamentalmente educativos que fomenten o sentido da responsabilidade e o respecto polos dereitos e liberdades das outras persoas.

• A adecuación das actuacións á súa idade, personalidade, xénero e circunstancias persoais e sociais.

• Utilización preferente dos recursos normalizados do ámbito comunitario, naqueles casos en que o réxime de internamento o permita e sempre que non sexa prexudicial para o interese da persoa menor.

• O fomento da colaboración das nais e pais ou persoas que teñan a representación legal durante a execución das medidas.

• O carácter preferentemente interdisciplinar na toma de decisións que afecten ou poidan afectar a persoa menor.

• A confidencialidade, a reserva oportuna e a ausencia de inxerencias innecesarias na vida privada das persoas menores e das súas familias.

• A coordinación de actuacións e a colaboración dos equipos de profesionais de medio aberto das xefaturas territoriais da Consellería de Política Social e con outros organismos, especialmente cos que teñan competencias en materia de educación, sanidade e protección de menores.

• O carácter socializador e a prevalencia da función social e psicopedagóxica na execución e contido das medidas.

Dereitos e deberes da persoa menor garantidos na intervención.

A persoa menor que execute unha medida xudicial nun centro de internamento ten dereito a que se lle respecte a súa propia personalidade, a súa liberdade ideolóxica e relixiosa e os dereitos e intereses lexítimos recoñecidos pola lexislación vixente que non estean afectados polo contido da medida, especialmente os inherentes á minoría de idade civil cando sexa o caso.

Especificamente recoñécenselle os dereitos recollidos no artigo 56 da LORPM.

De igual xeito, a persoa menor interna terá os deberes que se recollen no artigo 57 da lei citada.

A persoa menor recibirá no momento do seu ingreso información escrita nun idioma que entenda sobre estes aspectos así como sobre o réxime de internamento en que se atopa, as cuestións de organización xeral, as normas de funcionamento do centro, as normas disciplinarias e os medios para formular peticións, queixas e recursos. Tamén se lle informará da existencia do procedemento habeas corpus e dos supostos en que pode instalo. Se ten dificultades para entender o contido desta información, explicaráselle por outro medio axeitado.

A intervención organizarase, cando menos, nas seguintes fases:

• Fase de acollida e valoración diagnóstica.

• Fase de elaboración do proxecto individualizado de execución da medida.

• Fase de desenvolvemento e seguimento da intervención.

• Fase de preparación do segundo período de liberdade vixiada e avaliación da intervención.

A metodoloxía fundamentarase, con carácter xeral, nos seguintes principios:

• Contextualización-normalización: a intervención realizarase, sempre que sexa compatible coa medida xudicial imposta, no contorno social da persoa menor e usando as redes sociais normalizadas e especializadas.

• Individualización: as circunstancias e características individuais, familiares e sociais, deben tratarse e executarse para cada persoa menor.

• Perspectiva de xénero: realizarase unha intervención que teña en conta o xénero no proceso de conformación da identidade, permita recoñecer os factores de risco e protección asociados a esta variable e a considere como factor de desenvolvemento e integración social.

• Potenciación: a intervención terá en conta as necesidades e carencias da persoa menor co obxecto de fomentar a súa autonomía e madurez persoal e superar os seus déficits formativos, culturais, de habilidades sociais e persoais.

• Integración: considerarase a persoa menor dunha forma integrada para lograr o arraigo e inclusión na súa realidade social.

• Orientación: a intervención proporcionará axuda técnica e humana á persoa menor, dotándoa de ferramentas para manexar e superar as súas dificultades e conflitos.

En todo caso, a metodoloxía dos distintos programas e actividades que se desenvolvan para a intervención educativa integral será:

• Comprensiva e guiada, de tal xeito que a persoa menor entenda tanto os contidos coma o procedemento que se vai traballar.

• Integradora, relacionando as diversas aprendizaxes de contidos de diferentes áreas que formen parte dunha mesma realidade.

• Participativa, baseándose na motivación da persoa menor, no fomento da súa iniciativa e da súa implicación no desenvolvemento das actividades.

• Grupal e cooperativa, perseguindo o desenvolvemento, a cohesión e a vivencia do sentimento de colaboración e equipo naquelas actividades que se realicen en grupo.

• Dinámica, incorporando novos recursos materiais, especialmente os relacionados cos medios audiovisuais e as tecnoloxías.

• Progresiva, partindo da situación inicial da persoa menor iranse propoñendo actividades que supoñan unha maior dificultade, implicación e responsabilidade.

• Reflexiva e de análise, facilitando que a persoa menor poida aplicar os coñecementos, actitudes e competencias técnicas e instrumentais que melloren a súa posición persoal e participación social.

A intervención educativa nos centros de internamento supón o desenvolvemento, cando menos e sen prexuízo de calquera outro que incida no desenvolvemento persoal e social do/da menor, dos seguintes programas socioeducativos:

• De competencia social.

• De educación en valores.

• De promoción da igualdade entre mulleres e homes e prevención da violencia de xénero.

• De aprendizaxe e apoio escolar.

• De tecnoloxías da información e comunicación (TIC) e do seu uso seguro e responsable.

• De educación para a saúde.

• De prevención do consumo de drogas.

• De educación e seguridade viaria.

• De educación afectivo-sexual.

• De motivación, formación e orientación para a inserción laboral.

• De educación ambiental.

• De ocio e tempo libre.

• De intervención familiar.

• De axuda psicolóxica e autoapoio: desenvolvemento da intelixencia emocional.

• De detección e avaliación do risco de reincidencia.

• De maternidade-paternidade responsable.

• De atención a persoas menores maltratadoras e ás súas familias.

• De control da agresividade e violencia.

• De tratamento de agresores sexuais.

• De atención específica e de loita contra os abusos sexuais das persoas menores e a pornografía infantil.

– A intervención educativa na execución das medidas de permanencia en fin de semana.

A intervención educativa que se realice coa persoa menor en execución da medida xudicial de permanencia en fin que semana que lle fose imposta seguirá, en todo caso, o establecido na parte dispositiva da sentenza. O programa individualizado de execución proporá a realización de tarefas de carácter formativo, cultural ou educativo.

– A acción titorial.

Unha das funcións máis relevantes do persoal educador en canto á atención do proceso evolutivo individual da persoa menor é exercer a súa titoría. O/a titor/a será a persoa referente principal de cada persoa menor desde o seu ingreso ata a saída do centro e axudaraa a situarse nese novo espazo, descoñecido para ela, constituíndo o punto de apoio fundamental no seu proceso de adaptación e durante todo o período de internamento. Tamén será a persoa responsable da elaboración e seguimento do seu PIEM e da elaboración dos correspondentes informes.

– Atención residencial.

A atención residencial garantirá, nun marco vivencial axeitado á idade e condición das persoas menores internas, a adecuada cobertura das súas necesidades básicas: aloxamento, alimentación, vestiario, aseo e traslados.

Tamén proporcionará a vixilancia e seguridade interior necesaria para asegurar o adecuado cumprimento da medida de privación de liberdade de acordo co previsto a este respecto no Real decreto 1774/2004.

B) Estrutura e contidos mínimos do proxecto de intervención educativa integral.

1. Marco legal e xustificación da intervención.

2. Descrición do centro: datos de identificación, situación xeográfica, tipoloxía de centro, recursos do centro (infraestruturas, humanos, materiais, financeiros), recursos da contorno.

3. Características da poboación atendida.

4. Medidas que se executarán.

5. Áreas de intervención:

5.1. Desenvolvemento persoal.

5.2. Saúde.

5.3. Formación.

5.4. Orientación e inserción laboral.

5.5. Estruturación do lecer e tempo libre.

5.6. Convivencia e relacións co contorno social e de relacións familiares.

6. Obxectivos xerais e específicos por áreas de intervención.

7. Contidos por áreas de intervención e dos programas socioeducativos. Para cada programa describirase a súa fundamentación, obxectivos xerais e específicos, contidos, actividades, temporalización, metodoloxía e avaliación cuantitativa e cualitativa do programa e de cada actividade.

8. Marco metodolóxico da intervención educativa integral.

9. Organización e funcionamento da intervención, descrición e funcións do persoal, dos órganos de goberno e xestión, así como doutros equipos de traballo que se poidan formar no centro, organización do persoal e normas de funcionamento dos órganos de goberno e xestión e do resto de equipos de traballo, descrición da rede de recursos comunitarios e sistema de coordinación previsto cos ditos recursos, protocolo de actuación para cada fase de intervención e protocolos de actuación para asegurar a integridade física e psíquica da persoa menor en situacións que sexa preciso usar medios de contención, para a intervención en situacións de crise e para a prevención de suicidios.

10. Avaliación de tipo cuantitativa e cualitativa (obxectivos, temporalización, instrumentos, criterios e indicadores).

2. Recursos materiais e humanos para a execución das medidas.

2.1. Recursos materiais.

As entidades deberán contar como mínimo cos seguintes recursos materiais:

a) Centro de Reeducación Concepción Arenal da Coruña:

– Os materiais necesarios para levar a cabo a actividade, tanto os funxibles coma os inventariables que non estivesen incluídos no inventario ou estivesen en cantidade insuficiente.

– Dous vehículos de cinco prazas cada un, para os traslados das persoas menores internas ás distintas actividades que se realicen fóra do centro.

– Conexión á internet, doce equipamentos informáticos e dúas impresoras para uso exclusivo das persoas menores internas.

b) Centro de Reeducación Monteledo de Ourense:

– Os materiais necesarios para levar a cabo a actividade, tanto os funxibles como os inventariables que non estivesen incluídos no inventario ou estivesen en cantidade insuficiente.

– Dous vehículos de cinco prazas cada un, para os traslados das persoas menores internas ás distintas actividades que se realicen fóra do centro.

– Conexión á internet, doce equipamentos informáticos e dúas impresoras para uso exclusivo das persoas menores internas.

2.2. Recursos humanos.

Os centros, para os efectos de garantir a calidade da asistencia residencial e a intervención educativa residencial integral, contarán cos seguintes perfís profesionais:

1. Persoal educador.

O persoal educador é o encargado directo da execución das medidas xudiciais. Realiza o seguimento da persoa menor co obxectivo de facilitarlle o seu proceso socializador e madurativo, atendendo especialmente ao seu proceso evolutivo individual, mediante o apoio necesario na superación das dificultades que deron lugar ao comportamento problemático que supuxo a infracción penal e na mellora das súas condicións persoais, familiares e sociais. Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Coñecer as características da persoa menor, da súa familia e do seu contorno social.

b) Informar de xeito comprensivo a persoa menor e a súa familia sobre a súa situación xudicial e os dereitos e obrigas que marca a lei.

c) Valorar as necesidades educativas de cada persoa menor de acordo cos seus factores de risco e protección.

d) Analizar a situación da persoa menor na súa totalidade e adaptar a ela a intervención educativa.

e) Definir os obxectivos educativos e, de acordo con eles, elaborar o programa individualizado de execución de medida (PIEM) e os informes de seguimento, finais e de incidencias (se as houber) que esixe a LORPM e o seu regulamento.

f) Explicar á persoa menor e, se procede, á súa familia o PIEM na súa vertente educativa e xudicial.

g) Acompañar, orientar e educar as persoas menores no seu proceso de maduración e de desenvolvemento de hábitos e habilidades persoais e sociais: hábitos de hixiene, orde das dependencias, hábitos de alimentación e habilidades de diálogo, discusión e comportamento social.

h) Proporcionar mediación e axuda para resolver as situacións conflitivas que teñan as persoas menores a nivel persoal, familiar e social.

i) Reforzar o proceso de formación regulada cando así se precise.

j) Apoiar o proceso de orientación e formación laboral das persoas menores fomentando as súas capacidades para inserirse na sociedade.

k) Asegurar o cumprimento da normativa do centro por parte das persoas menores.

l) Programar e desenvolver actividades de ocio dentro do centro e proporcionar alternativas de ocupación do tempo libre a través da participación en actividades de lecer organizadas fóra do centro.

m) Exercer a titoría das persoas menores que lle sexan encomendadas.

n) Formar parte dos órganos colexiados que lle corresponda.

Todo o persoal educador adscrito á execución destas medidas deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Educación Social, ou en materias propias ou relacionadas coa intervención educativa ou social, ou contar coa acreditación correspondente para o desempeño desta función.

2. Persoal psicólogo.

O/A psicólogo/a encárgase do diagnóstico e tratamento de problemas psicolóxicos e da maduración persoal das persoas menores en canto ao autocoñecemento e á análise persoal. Entre as súas funcións estarán:

a) Estudar a información psicolóxica que figure no expediente remitido polo xulgado e completala se fose preciso.

b) Detectar posibles patoloxías clínicas ou o consumo de substancias tóxicas e derivar, se é o caso, ao recurso especializado que corresponda.

c) Colaborar co resto do persoal de intervención educativa na elaboración do PIEM e de informes, tanto os estipulados na lexislación aplicable coma os que lle fosen requiridos expresamente.

d) Asesorar e dar apoio técnico ao persoal educador durante todo o proceso de intervención educativa.

e) Colaborar no traballo de avaliación e seguimento da persoa menor.

f) Elaborar e desenvolver programas de intervención psicolóxica tanto a nivel individual como familiar e de grupo.

g) Realizar, nos casos en que sexa necesario, tratamentos psicolóxicos e terapias de apoio, tanto a nivel individual como familiar e de grupo.

h) Formar parte dos órganos colexiados que lle corresponda.

Este persoal deberá estar en posesión dunha licenciatura ou titulación universitaria de grao en Psicoloxía.

3. Traballador/a social.

O/a traballador/a social avaliará as relacións da persoa menor co seu medio social e familiar e orientará o traballo do persoal educador nesta área, para o cal deberá coñecer en profundidade o mapa de recursos e a súa dimensión comunitaria, en especial aqueles que fixan a súa atención nas persoas menores e as súas familias (servizos sociais, oficinas de emprego, asociacións, recursos de lecer e tempo libre, entidades deportivas e sociais, etc.). Este persoal terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Informar a persoa menor e a súa familia dos recursos e axudas sociais existentes, nos casos en que sexa necesario.

b) Tramitar a documentación e permisos administrativos que, se é o caso, poida precisar a persoa menor.

c) Deseñar e desenvolver en colaboración co resto dos profesionais de orientación e inserción laboral que interveñan no centro programas para a mellora da capacidade de emprego das persoas menores.

d) Colaborar co resto dos profesionais da intervención educativa e de orientación e inserción laboral, no deseño do itinerario personalizado de formación e/ou de inserción sociolaboral e, de ser o caso, asumir a súa elaboración.

e) Colaborar co resto do persoal de intervención educativa na elaboración do PIEM e dos informes estipulados na lexislación aplicable.

f) Dar apoio técnico ao persoal educador durante todo o proceso de intervención educativa.

g) Colaborar co resto do persoal de intervención educativa no traballo de avaliación e seguimento da persoa menor achegando a información oportuna para a elaboración dos informes estipulados na lexislación aplicable.

h) Coordinarse coas entidades públicas ou servizos sociais durante o desenvolvemento da intervención.

i) Formar parte dos órganos colexiados que lle corresponda.

Este persoal deberá estar en posesión dunha diplomatura ou titulación universitaria de grao en Traballo Social.

4. Persoal médico.

Correspóndelle velar pola saúde das persoas menores internas. Entre as súas funcións estarán:

a) Velar pola hixiene e salubridade xeral do centro.

b) Elaborar e desenvolver programas de promoción da saúde.

c) Participar na elaboración de programas nutricionais e dietas.

d) Determinar a aplicación periódica de probas clínicas.

e) Prestar ás persoas menores internas a atención médica prevista na LORPM e no seu regulamento, sen prexuízo da asistencia sanitaria universal que ofrece a sanidade pública.

f) Coordinarse cos e coas profesionais dos centros de saúde ou dos centros de atención sanitaria especializada.

g) Colaborar no traballo de avaliación e seguimento do/a menor achegando a información oportuna para a elaboración dos informes estipulados.

Este persoal deberá estar en posesión da licenciatura ou titulación universitaria de grao en Medicina.

Ademais dos anteriores perfís profesionais, as entidades conveniadas tamén poderán contar con:

5. Persoal auxiliar técnico educativo.

Correspóndelle a este persoal a colaboración na execución do proxecto educativo do centro e dos PIEM, baixo a supervisión do persoal educador e en coordinación co resto do equipo educativo, realizando tarefas complementarias e de apoio ao labor destes.

Entre as súas funcións atópanse as seguintes:

a) Colaboración na atención dos e das menores e nos seus coidados básicos.

b) Apoio no desenvolvemento de proxectos específicos en función das necesidades das persoas menores e das actividades do centro.

c) Elaboración e cobertura de todos os documentos que se lle encomenden, de acordo coas súas funcións de apoio.

d) Acompañamento do persoal educador nos traslados, saídas, xestións, consultas, aseos dos e das menores así como nas excursións e actividades de ocio e tempo libre.

Este persoal deberá estar en posesión do título de bacharelato ou dun ciclo formativo de grao superior da familia de servizos socioculturais e á comunidade ou ter cualificación e experiencia contrastadas para o desempeño das súas funcións.

Así mesmo, para garantir o correcto funcionamento e a calidade na actividade desenvolvida, os centros en que se levará a cabo a atención residencial e a intervención educativa integral obxecto deste convenio contarán, cando menos, cos seguintes órganos de goberno, xestión e representación:

– Director/a.

– Subdirector/a.

– Persoal coordinador.

– Consello de centro.

– Comisión educativa.

1. Director/a.

A dirección será exercida en cada centro por unha persoa licenciada, diplomada ou con titulación universitaria de grao, preferentemente da rama das Ciencias Xurídicas e Sociais (Psicoloxía, Pedagoxía, Socioloxía, Educación Social ou Traballo Social).

A dirección terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Exercer a garda dos e das menores durante o cumprimento da medida de internamento que lles fose imposta.

b) Cumprir e facer que o persoal de intervención educativa adscrito á execución das medidas cumpra os mandatos xudiciais que proveñan do xulgado de menores correspondente.

c) Asegurar o cumprimento da normativa vixente, das directrices e instrucións da xefatura territorial da Consellería de Política Social e da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica e das normas de funcionamento interno do centro.

d) Planificar e organizar os recursos necesarios para o correcto funcionamento do centro.

e) Planificar, de acordo co proxecto educativo do centro, a intervención socioeducativa.

f) Dirixir e coordinar o desenvolvemento dos programas así como as actuacións do persoal de intervención educativa de xeito que se garanta a interdisciplinariedade e a calidade da intervención.

g) Velar polo cumprimento dos dereitos das persoas usuarias dos centros e dos seus programas individualizados de execución das medidas.

h) Establecer canles de colaboración con outras entidades e organismos, perseguindo a optimización dos recursos do contorno e a calidade da atención.

i) Establecer a necesaria coordinación co equipo de medio aberto da xefatura territorial da Consellería de Política Social correspondente, de cara á preparación dos períodos de liberdade vixiada correspondentes ao segundo período das medidas de internamento.

j) Garantir a elaboración de toda a documentación que a normativa exixe para a execución das medidas e a súa remisión en prazo aos distintos órganos competentes na área de menores.

k) Elaborar avaliacións periódicas da actividade e intervencións efectuadas e sobre as actuacións levadas a cabo coas persoas menores.

l) Dirixir e moderar os actos colectivos.

m) Convocar e presidir as reunións dos órganos colexiados, así como cumprir e facer cumprir os acordos adoptados por estes.

2. Subdirector/a.

Ao igual que a dirección, a subdirección será exercida en cada centro por unha persoa licenciada, diplomada ou con titulación universitaria de grao, preferentemente da rama das Ciencias Xurídicas e Sociais (Psicoloxía, Pedagoxía, Socioloxía, Educación Social ou Traballo Social).

O persoal de subdirección terá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Colaborar coa dirección no exercicio das súas funcións.

b) Asumir as funcións que a dirección lle delegue.

c) Substituír o/a director/a nos casos de ausencia, asumindo nestes casos todas as súas funcións.

3. Persoal coordinador.

É o persoal responsable en cada quenda do correcto funcionamento do centro en todas as súas vertentes, constituíndose, por tanto, en persoa de referencia para calquera problema que se presente nas instalacións, no grupo de menores, no equipo educativo ou no resto do persoal.

Este persoal terá, polo menos, as seguintes funcións:

a) Coordinar e dirixir as entradas e saídas de quenda.

b) Adoptar as medidas necesarias para manter a boa orde do centro, informando inmediatamente a dirección nos supostos de incidentes que revistan gravidade.

c) Estimular e orientar o traballo de todo o persoal de intervención educativa.

d) Controlar que as instalacións e materiais precisos para o desenvolvemento da actividade están en bo estado.

e) Garantir que os libros de rexistro e demais partes que deban ser cubertos polo persoal do centro estean permanentemente actualizados.

f) Atender, en primeira instancia, as incidencias que se produzan coas persoas menores.

g) Asistir aos rexistros das persoas menores e das súas pertenzas ou das instalacións, velando por que se fagan nas condicións previstas na normativa aplicable.

h) Dirixir e moderar os actos colectivos cando non estea presente o persoal directivo.

i) Informar diariamente a dirección do funcionamento do centro e recibir as oportunas instrucións.

j) Formar parte dos órganos colexiados que lle correspondan.

Este persoal deberá contar cunha licenciatura, diplomatura ou titulación universitaria de grao, preferentemente da rama das Ciencias Xurídicas e Sociais (Psicoloxía, Pedagoxía, Socioloxía, Educación Social ou Traballo Social).

4. Consello de centro.

É o órgano colexiado que asumirá a coordinación xeral do centro, marcando as directrices e adoptando os acordos procedentes.

Estará composto polos seguintes membros:

– O/a director/a.

– O/a subdirector/a.

– Unha persoa de entre o persoal coordinador.

– Dúas persoas de entre o persoal educador.

– Unha persoa de entre o resto do persoal técnico de intervención.

– Un/unha representante dos e das menores.

– Unha persoa de entre o persoal de servizos.

– Un/unha representante da xefatura territorial da Consellería de Política Social

Entre as súas funcións estarán:

a) Elaborar os proxectos de modificación do regulamento de réxime interno e elevalos á consellería para a súa aprobación.

b) Aprobar os proxectos de modificación do proxecto de intervención educativa e elevalos á consellería para a súa aprobación.

c) Aprobar a programación anual de actividades.

d) Elaborar e avaliar a memoria anual de actividades.

e) Supervisar que as directrices e programacións se axusten aos principios, criterios e obxectivos establecidos pola Consellería de Política Social.

f) Propoñer á Consellería de Política Social as medidas que consideren convenientes para mellorar o funcionamento do centro.

O consello reunirase en sesión ordinaria dúas veces ao ano. Reunirase en sesión extraordinaria cando as circunstancias o aconsellen, incluíndo na orde do día só o tema ou temas que determinen a convocatoria.

5. Comisión educativa.

É o órgano colexiado de carácter técnico e multiprofesional, que con independencia das funcións que como especialistas poida ter cada persoa membro, realizará funcións de estudo, asesoramento, proposta, seguimento, valoración e intervención especializada.

Estará composto polos seguintes membros: director/a, subdirector/a, persoal coordinador, persoal educador, psicólogas/os e traballadoras/es sociais.

Entre as súas funcións estarán:

a) Elaborar as propostas de modificación do proxecto de intervención educativa do centro.

b) Presentar ao consello de centro propostas de modificación do regulamento de réxime interno.

c) Elaborar a programación anual de actividades.

d) Facer o seguimento da programación do centro e da intervención educativa, tanto a nivel individual como de grupo.

e) Achegar os datos necesarios para a elaboración da memoria anual de actividades.

f) Elevar á dirección, para a súa tramitación, propostas sobre modificacións de medidas.

A comisión educativa reunirase as veces necesarias para o cumprimento das súas funcións e, para non alterar o correcto funcionamento do centro, poderá organizarse en subcomisións.

A/o médica/o do centro deberá acudir ás reunións desta comisión cando sexa expresamente convocada/o por figurar na orde do día o tratamento de asuntos relacionados coas súas funcións.

O funcionamento dos órganos colexiados rexerase polas normas básicas do réxime xurídico das administracións públicas.

Para garantir a atención residencial e a intervención educativa das persoas menores que deben cumprir medidas privativas de liberdade, as entidades concorrentes deberán achegar como mínimo os seguintes recursos humanos:

a) Centro de Reeducación Concepción Arenal.

Un cadro de profesionais para a intervención educativa con alta cualificación técnica e humana en número suficiente para cumprir as ratios establecidas no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, e que estará constituído, cando menos, por:

– 1 director/a.

– 1 subdirector/a.

– 3 coordinadores/as.

– 32 educadores/as.

– 1,5 psicólogos/as.

– 1,5 traballadores/as sociais.

– 1 médico/a (con permanencia no centro o tempo necesario para dar cumprimento aos requirimentos de atención previstos no Real decreto 1774/2004).

A referencia efectuada a cada unidade correspóndese cun profesional a xornada completa.

Ademais, a entidade colaboradora contará co persoal necesario para garantir unha atención residencial integral que cubra as seguintes necesidades:

– A vixilancia no centro (mínimo de tres persoas en cada quenda de día e dúas na de noite, equivalentes a 64 horas diarias de vixilancia).

– A alimentación dos menores.

– A lavandaría e limpeza.

– O mantemento das instalacións.

– A xestión administrativa vinculada ao funcionamento do centro.

b) Centro de Reeducación Monteledo.

Un cadro de profesionais para a intervención educativa con alta cualificación técnica e humana en número suficiente para cumprir as ratios establecidas no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, e que estará constituído, cando menos, por:

– 1 director/a.

– 1 subdirector/a.

– 3 coordinadores/as.

– 32 educadores/as.

– 1,5 psicólogos/as.

– 1,5 traballadores/as sociais.

– 1 médico/a (con permanencia no centro o tempo necesario para dar cumprimento aos requirimentos de atención previstos no Real decreto 1774/2004).

A referencia efectuada a cada unidade correspóndese cun profesional a xornada completa.

Ademais, a entidade colaboradora contará co persoal necesario para garantir unha atención residencial integral que cubra as seguintes necesidades:

– A vixilancia no centro (mínimo de tres persoas en cada quenda de día e dúas na de noite, equivalentes a 64 horas diarias de vixilancia).

– A alimentación dos menores.

– A lavandaría e limpeza.

– O mantemento das instalacións.

– A xestión administrativa vinculada ao funcionamento do centro.

Na memoria é necesario indicar, en relación con este persoal, a modalidade de contratación, titulación e experiencia laboral, xornada, horarios e número de horas anuais de dedicación.

3. Plan de formación continua do persoal.

Este plan de formación debe indicar:

• Os obxectivos e os contidos das actividades formativas.

• Os perfís profesionais das persoas destinatarias.

• A duración prevista en horas.

• O perfil profesional ou formativo das persoas encargadas da docencia.

ANEXO III
Modelo de convenio

Convenio de colaboración entre a Consellería de Política Social e XXXXX para levar a cabo a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñan que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores no centro XXXX.

Santiago de Compostela, ... de... de 2016

Reunidos:

Dunha parte, José Manuel Rey Varela, conselleiro de Política Social, en nome e representación desta, no uso das facultades que lle veñen atribuídas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta de Galicia e da súa Presidencia, e de conformidade co disposto no Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, o Decreto 126/2015, do 4 de outubro, polo que é nomeado conselleiro de Política Social, e o Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social.

Doutra parte, ..., como apoderado/ representante legal, de XXXXX, de acordo co XXXXX.

Ambas as dúas partes comparecentes recoñécense reciprocamente capacidade suficiente para o outorgamento do presente convenio de colaboración, e en consecuencia,

Expoñen:

Primeiro. Que a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, ten asumidas entre as súas competencias, segundo o artigo 13 do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, a protección e tutela dos/as menores en situación de risco ou desamparo e a execución das medidas ditadas polos xulgados de menores, nos termos establecidos na Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores (en diante LORPM).

Segundo. Que XXXXX, constituída en virtude de XXXXXXXXX, é unha entidade sen ánimo de lucro que figura inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Consellería de Política Social co número XXXX.

Dentro do seus obxectivos prevé XXXXX, accións estas que teñen relación directa co obxecto do convenio.

Terceiro. Que ambas as dúas partes na súa actuación teñen en conta, por unha parte, os principios recollidos na Convención dos Dereitos do Neno aprobada polas Nacións Unidas o 20 de novembro de 1989, así como o cumprimento da normativa estatal e autonómica sobre reforma de menores, e por outra, as regras mínimas uniformes das Nacións Unidas para a Administración de xustiza de menores (reglas de Beijing), adoptadas pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 29 de novembro de 1985, a Recomendación (87) 20 do Comité de Ministros do Consello de Europa, do 17 de setembro de 1987, sobre reaccións sociais ante a delincuencia xuvenil e o Ditame do Comité Económico e Social Europeo sobre a prevención da delincuencia xuvenil, modos de tratamento da delincuencia xuvenil e o papel da xustiza do menor na Unión Europea do 15 de marzo de 2006.

Cuarto. Que o artigo 45.3 da LORPM faculta as comunidades autónomas para establecer os convenios ou acordos de colaboración necesarios con entidades privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, sen que isto supoña en ningún caso a cesión da titularidade e responsabilidade derivada da dita execución.

O artigo 88 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, atribúelle á Xunta de Galicia a potestade de celebrar convenios ou acordos de colaboración coas demais administracións, así como con outras entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro, para a execución das medidas da súa competencia, baixo a súa directa supervisión, de acordo cos principios de cooperación e colaboración, e sen que isto supoña cesión de titularidade ou responsabilidade.

Quinto. Que co fin de promover a concorrencia pública e garantir os principios de publicidade, transparencia, obxectividade e non discriminación a Consellería de Política Social convocou un procedemento de selección de entidades privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo a atención residencial e a intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na LORPM (DOG nº XXXX).

Sexto. Que unha vez resolto o procedemento a entidade XXXXXX resultou seleccionada para colaborar coa entidade pública na atención residencial e a intervención educativa integral con menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na LORPM no centro XXXX.

Por todo o exposto, a Consellería de Política Social e a entidade XXXXX acordan formalizar o presente convenio de colaboración de acordo coas seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación do convenio

Este convenio ten por obxecto regular a colaboración entre a Consellería de Política Social e XXXXXX para a atención residencial e a intervención educativa integral con persoas menores que teñen que cumprir medidas xudiciais privativas de liberdade previstas na LORPM no centro XXXXX.

Así mesmo, incluirá a atención dos fillos e fillas menores de tres anos que convivan coas súas nais internadas, de acordo co previsto na alínea n) do artigo 56 da LORPM e no artigo 34 do Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

O convenio ten por obxecto satisfacer as seguintes necesidades:

– Dar cumprimento ás seguintes medidas privativas de liberdade impostas polos xulgados de menores:

– Internamento en réxime pechado, semiaberto e aberto.

– Permanencia de fin de semana.

– Proporcionar unha atención residencial integral e continuada ás persoas menores internadas, que dea cobertura ás necesidades de alimentación, lavandaría, limpeza e mantemento das instalacións, de xeito que se asegure unha atención residencial de calidade.

– Levar a cabo unha intervención educativa integral dirixida á súa reinserción social.

– Garantir a vixilancia no centro e a saúde das persoas menores e facilitar a atención sanitaria nos supostos previstos na normativa aplicable.

Segunda. Beneficiarios/as

Persoas menores que teñen que cumprir unha medida xudicial privativa de liberdade prevista na LORPM e recollida no obxecto do convenio, así como, se é o caso, menores de tres anos que convivan coas súas nais internadas, de acordo co disposto na alínea n) do artigo 56 da citada lei e no artigo 34 do Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo.

O termo «persoa menor» entenderase, como extensivo á totalidade daquelas persoas ás cales lles sexa aplicable algunha medida derivada da LORPM, independentemente de que alcanzasen ou non a maioría de idade no momento da súa execución, de acordo co uso que ao dito termo se dá na antedita lei.

Terceira. Directrices e normativa

Na colaboración para a atención ás persoas menores a entidade XXXXX terá en conta os principios inspiradores da execución das medidas xudiciais recollidos na LORPM e no Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, así como as directrices e instrucións ditadas desde a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica que desenvolvan estes principios, primando fundamentalmente o carácter educativo dos programas cunha intervención integral que abrangue aspectos educativos, formativos, familiares e sociais que favorezan o desenvolvemento harmónico da súa personalidade e a súa toma de conciencia polos feitos cometidos. Esta intervención desenvolverase nas fases e de acordo cos obxectivos, áreas, programas e metodoloxías recollidos no Proxecto de intervención educativa integral presentado, que se incorporará como anexo ao convenio.

Cuarta. Órganos de dirección, xestión e participación

O centro contará cos seguintes órganos de goberno, xestión e representación:

– Director/a.

– Subdirector/a.

– Consello de centro.

– Comisión educativa.

Os órganos de goberno, xestión e participación adaptarán a súa composición e funcións ao establecido no Proxecto de intervención educativa integral que se incorpora como anexo a este convenio.

Quinta. Obrigas

Da Consellería de Política Social:

– Ceder en uso a XXXX por un período de tempo igual á duración do convenio e, se é o caso, das súas posibles prórrogas, o inmoble correspondente ao centro XXXX. O actual inmoble poderá ser substituído por outras instalacións.

Tamén serán cedidos en uso os equipamentos e bens mobles necesarios, os cales figuran identificados e relacionados con carácter de inventario no anexo a este convenio.

– Remitir á entidade XXXX toda a información relativa ás medidas para a súa execución.

– Realizar todas as actuacións administrativas que, de acordo coa súa competencia, lle correspondan na execución das medidas.

– Elaborar circulares e instrucións que establezan un procedemento para a execución e seguimento das medidas privativas de liberdade así como de soportes documentais que permitan un tratamento informático da información que garanta a unidade de expediente e a súa reserva.

– Contribuír ao financiamento das actividades obxecto deste convenio nos termos sinalados na cláusula sexta.

– Levar a cabo o seguimento e supervisión do centro así como das actividades levadas a cabo pola entidade na execución das medidas.

– Asumir no caso de que sexan necesarias, a realización de obras que afecten a estrutura resistente dos edificios e do resto das instalacións.

Da entidade colaboradora:

• En relación coa persoa menor ou mozo/a.

– Exercer a súa garda e custodia.

– Proporcionarlle, no momento do seu ingreso, información sobre os dereitos e deberes, de acordo co establecido na normativa vixente.

– Respectar os seus dereitos, tanto os que lle recoñecen as leis nacionais coma as internacionais, así coma os dereitos que deriven da execución da medida xudicial.

– Prover a persoa menor dun ambiente coas condicións socioeducativas axeitadas, para abordar as dificultades que deron lugar ao comportamento conflitivo e que supuxeron a infracción penal, e para facilitar o seu normal desenvolvemento evolutivo.

– Xestionar con axilidade a documentación administrativa que as persoas menores precisen.

– Realizar o acompañamento e asesoramento, garantindo que a intervención educativa que se realice responde a parámetros de calidade.

– Contar con protocolos de actuación, cando menos, para asegurar a integridade física e psíquica da persoa menor en situacións que sexa preciso usar medios de contención, para a intervención en situacións de crise e para a prevención de suicidios.

• En relación coa execución das medidas.

– Admitir todos os ingresos que, contando co correspondente mandato xudicial, sexan ordenados pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, logo de confirmar a existencia de praza.

– Prestar ás persoas menores internas a atención médica prevista na LORPM e no seu regulamento, sen prexuízo da asistencia sanitaria universal que ofrece a sanidade pública.

– Realizar, no caso das medidas de permanencia de fin de semana, a correspondente entrevista coa persoa menor con carácter previo á elaboración do programa individualizado de execución de medida.

– Elaborar e presentar nos prazos recollidos legalmente un programa individualizado de execución de medida para cada menor ou un modelo individualizado de intervención nos supostos de medidas de carácter preventivo.

– Realizar as actuacións que correspondan de acordo co programa de execución aprobado, para o seguimento e a execución definitiva da medida.

– Elaborar e remitir os correspondentes informes de seguimento, así como de incidencias, se as houber, co obxecto de manter informadas a autoridade xudicial e administrativa.

– Elaborar e remitir calquera outro informe que lle sexa solicitado polo xulgado ou fiscalía competente ou pola entidade pública responsable da execución.

– Propoñer o internamento da persoa menor nun centro sociosanitario se, en atención ao diagnóstico realizado ou á evolución na medida, se considera o máis axeitado.

– Presentar, cando se considere procedente, a proposta de revisión xudicial da medida ou medidas.

– Asistir ás entrevistas, reunións e actos e dilixencias procesuais aos cales sexa convocada.

– Actuar de xeito coordinado co persoal técnico, entidades ou servizos que participen na execución da medida.

– Preparar, en coordinación co persoal do equipo de medio aberto correspondente, o segundo período de execución da medida.

– Elaborar o informe final de valoración do proceso de execución e da situación á dita data da persoa menor.

– Informar, en calquera momento e por pedimento do departamento da Xunta de Galicia competente na área de menores, sobre a evolución da situación das persoas menores ao seu cargo.

– Seguir as instrucións establecidas pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social, así como das súas xefaturas territoriais, en relación coa execución das medidas xudiciais, e subministrar toda a información que lle sexa solicitada.

– Comunicar de xeito inmediato á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social así como ás súas xefaturas territoriais calquera incidencia relevante na execución da medida ou o seu incumprimento, así como todas aquelas circunstancias sobrevidas que poidan orixinar irregularidades no desenvolvemento da actividade conveniada.

– Executar inmediatamente o mandamento de posta en liberdade unha vez comprobado que a persoa menor non está suxeita a outras medidas de internamento pendentes de execución. Nos casos de desinternamento dunha persoa menor de dezaoito anos, a dirección do centro porase en comunicación cos seus proxenitores, representantes legais ou xefatura territorial no caso de menores tutelados/as, para que se fagan cargo dela no momento do desinternamento.

Unha vez rematada a medida xudicial e feita a comprobación de que a persoa menor non vai ter que executar novas medidas impostas, a entidade colaboradora:

– Entregará á/ao menor toda a documentación de carácter persoal que lle pertenza.

– Destruirá todas as copias da documentación que elaborase ou que lle fose remitida pola Consellería de Política Social. A información que teña sobre a persoa menor en calquera soporte distinto do papel será destruída tamén conforme o disposto na normativa aplicable.

– Remitirá á xefatura territorial da Consellería de Política Social o resto da documentación orixinal, indicando expresamente que é para dar cumprimento ao establecido no número 6 do artigo 12 do Regulamento da LORPM.

• En relación co persoal adscrito á intervención.

– Contar cun cadro de profesionais para a intervención educativa con alta cualificación técnica e humana en número suficiente para cubrir as ratios de persoal establecidas no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, coa composición e número determinados na memoria que se anexa ao presente convenio.

As características do persoal, modalidades de contratación, titulacións, experiencia laboral, horario, etc., deben adaptarse ao establecido na devandita memoria.

Este persoal dependerá exclusivamente da entidade conveniada, a cal terá todos os dereitos e deberes inherentes a súa condición de empregadora respecto daquel, correspondéndolle á entidade a súa dirección técnico-educativa e organización. A administración será de todo allea ás relacións entre o persoal e a entidade colaboradora. Por conseguinte, en ningún caso o referido persoal poderá alegar ningún dereito en relación coa Administración nin exixirlle a esta responsabilidade de calquera clase como consecuencia das obrigas existentes entre a entidade conveniada e o seu persoal.

En ningún caso a sinatura do convenio suporá a existencia dunha relación funcionarial ou laboral entre a Administración e o persoal que a entidade achegue para levar a cabo a atención residencial, a intervención educativa integral, coas persoas menores.

A extinción do convenio non poderá producir en ningún caso a consolidación das persoas que realizasen os traballos obxecto do convenio como persoal da Xunta de Galicia.

– A cobertura, en todo momento, dos postos de traballo e das correspondentes funcións. En consecuencia, a entidade efectuará ao seu cargo e inmediatamente as substitucións necesarias do persoal que teña asignado á actividade sexa cal for a súa causa, de forma que a execución das medidas xudiciais quede sempre asegurada. As variacións que se produzan no cadro de persoal serán inmediatamente comunicadas á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para a súa autorización, acompañando a documentación acreditativa da titulación e do curriculum profesional.

– Garantir a retribución axeitada do seu persoal, asumindo de forma directa e non trasladable á Administración o custo de calquera mellora nas condicións de traballo e /ou nas súas retribucións, xa sexa como consecuencia de convenios colectivos, pactos ou acordos de calquera índole, de xeito que en ningún caso, poderá repercutir as referidas modificacións sobre o importe que se facturará.

– Garantir a calidade técnica (titulación, formación e aptitude profesional) do persoal que leva a cabo a intervención, sendo ao seu cargo a formación e promoción precisa para asegurar a calidade desta.

– O cumprimento respecto do persoal da entidade da normativa laboral, de Seguridade Social e de prevención de riscos laborais e seguridade e saúde no traballo que se encontre vixente en cada momento.

No suposto de que sexa obrigatoria a subrogación do persoal por estar así establecido nos convenios colectivos vixentes, aplicarase o disposto nestes.

– O cumprimento do disposto nas normas vixentes en caso de accidente ou prexuízo de calquera índole ocorrido ao persoal con ocasión do exercicio do seu cometido, baixo a súa responsabilidade, sen que esta alcance de ningún modo á Administración conveniante.

– Informar e formar o seu persoal nas obrigas que dimanan da lexislación aplicable en materia de protección de datos de carácter persoal.

– Desenvolver, con carácter anual, un plan de formación permanente do persoal do centro. Este plan enviarase á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica con tres meses de antelación á súa posta en marcha, para os efectos do seu visto e prace.

• En relación coa intervención educativa.

– Levar a cabo a intervención educativa de acordo co proxecto de intervención educativa integral para a execución das medidas de internamento presentado pola entidade, que se anexa ao convenio.

– Poñer á disposición da persoa menor os recursos precisos para cubrir as necesidades derivadas da súa formación escolar e ocupacional.

– Presentar á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica unha programación anual que recolla as previsións de actuación ao longo do ano, co fin de ter sistematizado o traballo do centro e poder avalialo ao finalizar cada período. Deberá ser presentada no mes de decembro do ano anterior a que fai referencia e conter, cando menos, a descrición das actividades que se van desenvolver en cada unha das áreas de intervención, a programación das reunións educativas, o sistema de avaliación periódica da execución da programación anual e o modo de actualización ou corrección da programación en función das avaliacións periódicas.

– Proporcionar e xestionar os medios e recursos necesarios para o óptimo desenvolvemento das actividades e programas.

• En relación coa atención residencial.

– Garantir que os cuartos, as zonas de convivencia e as zonas dedicadas á realización de actividades formativas, deportivas ou de ocio sexan acolledoras e confortables e estean adecuadamente equipadas.

– Subministrar o vestiario necesario ás e aos menores se non optan por utilizar a súa propia vestimenta. As pezas de roupa deben ser correctas, adaptadas ás condicións climatolóxicas e desprovistas de calquera elemento que poida afectar a súa integridade, seguridade ou saúde, ou que as identifique como persoas internas.

– Manter en condicións de uso axeitadas a roupa de cama, mesa e aseo (sabas, mantas, colchas, edredóns, albornoces, manteis e toallas) e repoñela nos supostos de perda ou deterioración.

– Cambiar e lavar a roupa interior das e dos menores con carácter diario ou, se for preciso, con maior frecuencia. Respecto da restante roupa de uso persoal observarase unha periodicidade mínima de dúas veces por semana.

– Cambiar a roupa da cama sempre que o requiran as circunstancias e, en todo caso, semanalmente, así como cando se produza un novo ingreso.

– Dotar as e os menores dos servizos de perrucaría e do material de limpeza e aseo persoal que precisen.

– Dispoñer dun réxime dietético de alimentación equilibrado e variado, acorde coas necesidades enerxéticas que as idades das persoas menores precisan, o cal deberá contar cando menos con catro inxestas (almorzo, comida, merenda e cea) e estar visado polo/a profesional correspondente.

– Dispoñer de dietas especiais para os/as menores que o requiran, tanto por prescrición facultativa como por motivos relixiosos.

– Gardar mostras testemuño das comidas servidas diariamente durante o tempo marcado pola normativa sanitaria, de cara a posibilitar o seu estudo epidemiolóxico no suposto de se producíren brotes de toxiinfección alimentaria.

• En relación co inmoble.

– Utilizar o inmoble titularidade da consellería. Este uso circunscríbese á vixencia do convenio, sen que poida alegar ningún dereito, nin usalo para outro fin distinto do aquí previsto.

– Achegar os recursos materiais necesarios para levar a cabo a actividade que se detallan na memoria presentada que figura como anexo ao presente convenio, e que cumpren, se é o caso, os requisitos mínimos establecidos no anexo II da convocatoria.

– Manter en bo estado os inmobles, os bens mobles e a totalidade do equipamento achegados pola Administración, os cales deben ser devoltos á finalización do convenio nas mesmas condicións en que foron entregados, asumindo as ditas entidades todos os gastos derivados do seu funcionamento, reposición e mantemento.

– Levar a cabo o mantemento das zonas comprendidas dentro do perímetro valado dos centros, estean axardinadas ou non.

– Manter o centro en todo momento en perfecto estado de hixiene e limpeza.

• Outras obrigas.

– Facilitar o exercicio das facultades de comprobación, dirección e inspección da Administración acerca da actividade conveniada. En consecuencia, en canto teña relación co obxecto do convenio, a Administración poderá obter da entidade conveniada a documentación e información que xulgue oportuna, establecer os sistemas de control de calidade que se deberán empregar e levar a cabo as inspeccións que coide pertinentes, e para estes efectos reservará para si a facultade de realizar as visitas que considere necesarias para comprobar as condicións técnicas de execución da intervención, o cumprimento dos requisitos para desenvolver a actividade, o trato e asistencia que reciben as persoas beneficiarias, así como o bo funcionamento e cumprimento das obrigas contraídas. Poderá solicitar a comparecencia de persoal directivo da entidade e /ou das persoas menores usuarias do centro. Así mesmo, a Administración está facultada para ditar as instrucións oportunas para o estrito cumprimento do convenio.

A entidade acatará exacta e inmediatamente as ordes e instrucións que lle dite a Administración para a execución da actividade.

A entidade conveniada poderá requirir a identificación documental de quen deba exercer esta facultade de inspección e a entrega das instrucións por escrito por parte da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

– Presentar no prazo de dous meses dende a sinatura do convenio un regulamento de réxime interno, o cal estará exposto no centro nun lugar visible ao público, e contará como mínimo coas normas de funcionamento, dereitos e deberes das persoas usuarias e órganos de representación e participación.

– Presentar no prazo de dous meses dende a sinatura do convenio o Plan de prevención de riscos laborais e as medidas de emerxencia en materia de primeiros auxilios, loita contra incendios e evacuación, que deberán ser coñecidos por todas as persoas, tanto menores como profesionais. Os planos de evacuación estarán permanentemente expostos en lugar visible.

– Asumir os gastos xerados polos desprazamentos das persoas menores e do persoal educador acompañante, así como os derivados das pagas de cartos de peto as cales terán carácter educativo e estarán orientadas ao mellor cumprimento das medidas que se establezan, dentro dos requisitos que se definan no regulamento de réxime interno do centro.

– Cumprir a normativa vixente e cantas disposicións sobre protección e reeducación de menores dite a Xunta de Galicia e os seus órganos competentes no exercicio das súas atribucións.

– Desenvolver e executar todas aquelas instrucións, circulares, protocolos, etc., emitidas en relación coa actividade obxecto de convenio, pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para unha mellor organización e seguimento desta.

– Cumprir a normativa vixente en materia hixiénico-sanitaria.

– Xustificar as pólizas de seguros e o pagamento da prima cada vez que corresponda renovar a dita póliza.

– Indemnizar os danos que se causen a terceiras persoas como consecuencia das operacións que requira a actividade, excepto cando o dano fose producido por causas imputables á Administración.

– Expor, nun lugar visible ao público o organigrama do persoal adscrito á execución das medidas.

– Contar cun libro de rexistro de persoas usuarias e un libro de rexistro das persoas encargadas da súa asistencia letrada, ambos os dous autorizados pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

– Contar cun expediente individual e único para cada persoa menor onde conste toda a información prevista na normativa aplicable.

– Dispor dun libro de reclamacións, segundo o modelo aprobado, e dunha caixa de suxestións, de cuxa existencia deberá informarse nun lugar visible ao público.

– Dispor dun libro de queixas segundo o modelo aprobado, de cuxa existencia deberán ser informadas as persoas menores.

– Contar coa autorización da Xunta de Galicia para dar publicidade en calquera soporte das intervencións realizadas ao abeiro do convenio (publicacións, estatísticas, memorias, etc.).

– Contar coa autorización da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para a organización de eventos (seminarios, congresos, xornadas, etc.) así como para a presentación de relatorios, comunicacións e outros nos que se traten temas directamente relacionados coa actividade conveniada.

– Elaborar unha memoria anual e os informes de seguimento da actividade desenvolvida que se lle indiquen por parte do persoal técnico da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

A memoria anual será presentada ante a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica durante o primeiro trimestre do ano seguinte a que corresponde e conterá a descrición e análise cuantitativa e cualitativa de todas as actuacións desenvolvidas durante ese ano.

Ademais, presentarase anualmente a explotación estatística dos datos conforme, entre outros, as seguintes epígrafes que serán, en todos os casos, desagregadas por sexo:

a) Número de persoas menores atendidas, clasificadas por medidas segundo os seguintes tramos de idade: 14-15, 16-17, 18-21 e de 21 en diante.

b) Idade, nacionalidade e etnia das persoas menores infractoras atendidas.

c) Tipoloxía das medidas en relación cos delitos cometidos.

d) Tipoloxía dos delitos cometidos e medidas aplicadas.

e) Nivel de escolarización e/ou formación e características sociofamiliares.

f) Participación nos distintos programas.

g) Contactos e entrevistas realizadas coa familia da persoa menor.

h) Índice de reincidencia e perfil das persoas reincidentes (idade, nacionalidade, etnia, nivel de escolarización e/ou formación e características sociofamiliares).

– Colaborar coa Administración na investigación, estudo e desenvolvemento de programas relacionados coa delincuencia xuvenil en Galicia.

– Incorporar en todo o material e documentación xerada polo programa o logotipo da identificación corporativa da Xunta de Galicia

Sexta. Compromisos económicos e forma de pagamento e xustificación

A entidade XXXX percibirá da Consellería de Política Social con cargo aos orzamentos aprobados para estes fins unha compensación polos gastos en que incorra no desenvolvemento do convenio de XXXX euros, que en ningún caso supón un beneficio económico para a entidade conveniada.

A dita compensación será satisfeita por meses vencidos, logo da xustificación dos gastos mediante a factura correspondente.

Para o aboamento da compensación a entidade colaboradora presentará á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, dentro dos cinco días seguintes ao mes en que se levou a cabo a actividade conveniada, os seguintes documentos:

a) A factura correspondente conforme o establecido no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

b) Certificado da entidade onde conste o persoal que leva a cabo a actividade, ordenado por grupo profesional e posto de traballo, especificando o nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, tipo de contrato e dedicación horaria.

c) Copia dos TC1 e TC2 da Seguridade Social do persoal propio.

d) Copia das facturas das actividades subcontratadas.

e) Folla de atención mensual, asinada pola persoa responsable do centro onde constarán todas/os as e os menores que estiveron executando unha medida no período facturado, especificando: nome e apelidos, data de nacemento, expediente xudicial, data de ingreso, data de fin de medida e movemento (permanencia, alta ou baixa).

A documentación sinalada nas letras b), c) e d), unha vez achegada coa primeira facturación da actividade desenvolvida, só é preciso remitila no caso de que sufra variación.

Para a presentación das facturas utilizarase como sistema preferente o sistema electrónico de facturación da Xunta de Galicia. Para máis información: http://conselleriadefacenda.es/factura e http://www.conselleriadefacenda.es/sicon.

Sétima. Confidencialidade

Ambas as dúas partes garanten a total confidencialidade dos datos persoais e familiares a que teñan acceso como consecuencia das actividades que se van realizar, de acordo co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, no Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e no artigo 12 do Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei orgánica 5/2000, que regula o expediente persoal do menor na execución da medida.

No seu cumprimento, a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, responsable do ficheiro «Xestión de servizos sociais», regulado pola Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal (DOG nº 246, do 27 de decembro) autoriza a entidade XXXX como encargada do tratamento, para que acceda aos datos de carácter persoal contidos no devandito ficheiro, para os únicos efectos da execución deste convenio.

A entidade conveniada como encargada do tratamento tratará os datos de conformidade coas instrucións do responsable do ficheiro e só coas finalidades e os usos exclusivamente precisos para a execución deste convenio, polo que non poderán ser usados para un fin distinto. En particular deben prestar cumprimento ás previsións establecidas para o ficheiro de Servizos Sociais incluído no anexo I da Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes na Consellería de Traballo e Benestar. Os datos persoais a que teña acceso a encargada do tratamento non serán comunicados a terceiros, nin sequera para a súa conservación.

A responsable do ficheiro, e, de ser o caso, a encargada do tratamento deberán adoptar as medidas de índole técnicas e organizativas precisas que garantan a seguridade dos datos persoais e eviten a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizados. A Orde do 15 de decembro de 2011 pola que se regulan os ficheiros de datos de carácter persoal existentes nesta consellería dispón que o ficheiro ten un nivel de seguridade alto, polo tanto será precisa a aplicación das medidas de seguridade previstas no título VIII do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

A encargada do tratamento poderá subcontratar os servizos de auditoría e consultoría necesarios para garantir a adecuación do tratamento dos datos á Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, nos termos establecidos no artigo 21. 2 do Real decreto 1720/2007. A empresa subcontratada pasa a ter a condición de encargada do tratamento e queda obrigada igualmente ao cumprimento das instrucións estipuladas pola responsable do ficheiro para a encargada do tratamento. Adoptará as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a seguridade, integridade e confidencialidade dos datos de carácter persoal tratados conforme o disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, e ao Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro.

Unha vez finalizada a vixencia do convenio os datos de carácter persoal deberán ser destruídos ou devoltos á responsable do ficheiro, o mesmo que calquera soporte ou documento en que conste algún dato de carácter persoal obxecto de tratamento. Porén, non procederá a destrución dos datos cando exista unha previsión legal que exixa a súa conservación; neste caso, deberá procederse á súa devolución, garantindo ao responsable do ficheiro a dita conservación. A encargada do tratamento conservará os datos, debidamente bloqueados, en canto poidan derivar responsabilidades da súa relación coa responsable do ficheiro.

A obriga de confidencialidade subsistirá aínda despois da finalización do contrato.

A encargada do tratamento responderá directamente ante a Axencia Española de Protección de datos dos incumprimentos que poidan derivar das condicións anteriores.

Oitava. Comisión mixta de seguimento

Para o seguimento do presente convenio constituirase unha comisión mixta á cal serán sometidas todas as cuestións derivadas do seu desenvolvemento e que non fosen recollidas nel ademais de, con carácter previo, aquelas que impliquen desconformidade por algunha das partes asinantes.

Esta comisión está composta por:

– O/a represente legal da entidade ou persoa en quen delegue.

– A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica ou persoa en quen delegue.

Actuará como secretario/a, con voz pero sen voto, un/unha funcionario/a da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica.

A propia comisión acordará o seu calendario de reunións.

Novena. Vixencia e posibles prórrogas

O presente convenio producirá efecto desde a data da súa sinatura ata o 31 de decembro de 2017 e poderá prorrogarse por acordo expreso das partes por períodos sucesivos, non superior cada un deles a un ano, ata un máximo de dous anos, todo iso condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos exercicios correspondentes.

No caso de que non se prorrogue o convenio por causas imputables á entidade conveniada, esta debe continuar coa actividade que viña desenvolvendo mentres a Administración non formalice un novo convenio con outra entidade.

Décima. Causas de extinción

Serán causas de resolución do presente convenio as seguintes:

1. Expiración do prazo de vixencia.

2. Mutuo acordo das partes outorgantes.

3. O incumprimento dos compromisos e cláusulas do convenio.

4. Imposibilidade sobrevida do obxecto do convenio.

Décimo primeira. Natureza xurídica e cuestións litixiosas

O presente convenio terá carácter administrativo e rexerase polo establecido nas súas cláusulas e, na súa falta, polas prescricións do Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público, para resolver as lagoas e dúbidas que se poidan presentar.

A Administración gozará de todas as prerrogativas inherentes á natureza administrativa do convenio á hora de interpretar, modificar ou resolver as lagoas ou dúbidas que se poidan presentar.

Correspóndelle á Consellería de Política Social a resolución de cantas cuestións litixiosas xurdan sobre a interpretación, modificación ou efectos do convenio, poñendo os seus acordos fin á vía administrativa, e cabe contra eles recurso contencioso-administrativo, segundo o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Para tales efectos, o tribunal competente será o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Porén, contra os actos da Administración poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que os ditou, no prazo dun mes para actos expresos e de tres meses para os que non o sexan, segundo o disposto no artigo 116 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións publicas e do procedemento administrativo común.

Décimo segunda. Publicidade do convenio

De acordo co establecido na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, este convenio será obxecto de difusión no Diario Oficial de Galicia e a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica remitirá os datos necesarios para a publicidade do convenio nos rexistros públicos e informará na súa páxina web oficial da subscrición cos seguintes datos básicos: identificación das partes, data da sinatura, finalidade e período de vixencia. A sinatura do convenio leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos e a referida publicidade.

Así mesmo, a entidade asinante presta o seu consentimento para incluír e facer públicos os datos relevantes referidos aos convenios asinados no rexistro público de convenios creado polo Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

En proba de conformidade ambas as partes asinan o presente convenio por cuadriplicado, no lugar e data expresados.

Pola Consellería de Política Social

Pola entidade XXXX