Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 23 de febreiro de 2016 Páx. 6668

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, pola que se acorda someter a información pública o Plan de emerxencia exterior do polígono industrial da Grela-Bens.

En aplicación do disposto no artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, e ao disposto nos artigos 4 e 5 do Decreto 277/2000, do 9 de novembro, polo que se designan os órganos autonómicos competentes en materia de control de riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, deben someterse ao correspondente procedemento de información pública os plans de emerxencia exterior dos establecementos en que estean presentes substancias perigosas en cantidades iguais ou superiores ás especificadas na columna 3 das partes 1 e 2 do anexo 1 do citado Real decreto 840/2015.

Atendendo á documentación remitida polos industriais a través da Consellería de Economía e Industria, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior revisou e actualizou o Plan de emerxencia exterior do polígono industrial da Grela-Bens.

En consecuencia e de conformidade co previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común,

RESOLVO:

Primeiro. Someter ao trámite de información pública por un período de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, o proxecto do Plan de emerxencia exterior do polígono industrial da Grela-Bens, en Arteixo e A Coruña, de cara á presentación de cantas alegacións se consideren oportunas.

Para efectos de cumprir co previsto no artigo anterior, o Plan de emerxencia exterior estará dispoñible na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, na rúa Roma 25-27 do Polígono das Fontiñas en Santiago de Compostela, e poderá ser tamén consultado no enderezo web http://cpapx.xunta.es/plans-de-emerxencia

Segundo. As alegacións deberán dirixirse en prazo igual á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, na rúa Roma 25-27 do Polígono das Fontiñas, CP 15781 Santiago de Compostela, e serán presentadas na oficina do Rexistro Único e Información da Xunta de Galicia ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral de Emerxencias e Interior