Antecedentes:
O 2 de decembro de 2015 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 230) o anuncio do 11 de novembro de 2015 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de senda peonil, estrada AC-543, Santiago de Compostela-Noia, p.q. 0+000 ao 2+000, de clave AC/13/088.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.
Posteriormente, e despois da análise dos informes e certificacións presentadas, o 1 de febreiro de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 20) o anuncio do 25 de xaneiro de 2016, polo que se aproba o expediente de información pública, e definitivamente o proxecto de construción de senda peonil, estrada AC-543, Santiago de Compostela-Noia, p.q. 0+000 ao 2+000, de clave AC/13/088.06.
O mencionado proxecto de construción ten por obxecto a execución dun itinerario peonil seguro e accesible, mediante a construción de beirarrúas e sendas peonís, entre o p.q. 0+000 ao 2+000 da estrada AC-543 Santiago (AC-548)-Noia (AC-550), nas parroquias de Laraño e Vidán, que comunicarán os ditos núcleos poboacionais co núcleo urbano de Santiago de Compostela.
A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada porque na vía obxecto do proxecto se localizan gran número de vivendas e negocios, situados en ambas as súas marxes, o que ocasiona na zona un elevado tránsito de peóns. Coa realización desta actuación preténdese, por unha parte, separar o tráfico rodado do peonil, evitando ou minimizando as posibles situacións de risco que existen na actualidade e, por outra parte, reducir as emisións de gases contaminantes como o CO2, mediante o fomento da mobilidade alternativa.
A competencia para a execución da expropiación forzosa no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado, con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.
Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.
Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día once de febreiro de dous mil dezaseis,
DISPOÑO:
Artigo único
Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de senda peonil, estrada AC-543, Santiago de Compostela-Noia, p.q. 0+000 ao 2+000, de clave AC/13/088.06.
Santiago de Compostela, once de febreiro de dous mil dezaseis
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda