Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 39 Venres, 26 de febreiro de 2016 Páx. 7376

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 18 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente, se aproba o proxecto de execución e se recoñece a utilidade pública, en concreto, da infraestrutura gasista de antena de aproximación en MOP 10 bar e estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 bar para subministración de gas natural a Viveiro (Lugo), promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/14-0).

Logo de examinar o expediente instruído por instancia da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, Edificio Área Central, local 31 HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 21.9.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Viveiro (Lugo), que se publicou no Diario Oficial de Galicia (31.10.2011) e no Boletín Oficial da provincia (9.11.2011).

Segundo consta neste proxecto de autorización administrativa, a subministración de gas natural proxéctase a través dunha planta de gas natural licuado (GNL) situada no parque empresarial de Landrove, e desde a cal parte a rede de distribución cara aos núcleos urbanos de Covas, Viveiro e porto de Celeiro.

Segundo. O 18.11.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución das instalacións da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Viveiro, promovido por Gas Galicia SDG, S.A.

Segundo consta neste proxecto de execución, a rede de distribución de gas natural acada unha lonxitude de 23.633 m.

Terceiro. O 14.3.2013 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución da planta satélite de GNL para subministración ao termo municipal de Viveiro.

Segundo consta neste proxecto de execución, a dita planta (capacidade xeométrica de 59,97 m3) sitúase na parcela V-40 do parque empresarial de Landrove.

Cuarto. O 10.6.2015 a empresa Gas Galicia SDG, S.A. presentou a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista, cuxo proxecto leva por título «Antena de aproximación en MOP 10 bar e estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 bar en Viveiro (Lugo)».

Con esta infraestrutura gasista, a subministración de gas natural á rede de distribución do termo municipal de Viveiro, inicialmente proxectada desde unha planta satélite de GNL, pasará a realizarse desde o gasoduto de transporte básico da mariña lucense.

Quinto. O 26.6.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se iniciou o trámite de competencia para o outorgamento da dita autorización administrativa (DOG nº 133, do 16 de xullo), para os efectos previstos no artigo 5 do Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP).

Durante o prazo establecido (30 días) non se presentaron solicitudes en concorrencia coa dita solicitude de Gas Galicia SDG, S.A., por tanto, o trámite de competencia quedou resolto a favor desta empresa.

Sexto. O 9.9.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e recoñecemento, en concreto, da utilidade pública da infraestrutura gasista denominada «Antena de aproximación en MOP 10 bar e estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 bar para subministración de gas natural a Viveiro (Lugo)», promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/14-0).

Esta resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16.10.2015, no Boletín Oficial da provincia do 8.10.2015 e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 15.10.2015, e tamén estivo exposta no taboleiro de anuncios do Concello de Viveiro durante vinte días.

Así mesmo, practicouse notificación individual aos propietarios dos dous predios afectados pola devandita infraestrutura gasista (nº de predios LU-VI-45 e LU-VI-46), que aparecen na RBDA incorporada á citada Resolución do 9 de setembro de 2015 pola que se realizou o trámite de información pública; a este respecto, o 18.11.2015 Gas Galicia SDG, S.A. comunicou que chegou a un acordo mutuo co propietario do predio nº LU-VI-45.

Sétimo. O 11.9.2015 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas trasladou as separatas técnicas do proxecto de execución da devandita infraestrutura gasista, para os efectos de obter o seu informe ao respecto, ás seguintes entidades titulares de bens e dereitos afectados pola mesma (sinálase cun «x» os que contestaron): Axencia Galega de Infraestruturas (x), Augas de Galicia (x), Concello de Viveiro, Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (x).

As entidades que contestaron presentaron os seus respectivos escritos manifestando a súa conformidade ou fixando o seu condicionado técnico, dos cales se deu traslado a Gas Galicia SDG, S.A., quen presentou a súa conformidade.

A respecto das entidades que non contestaron a petición inicial nin a súa reiteración, sen prexuízo da autorización que lles corresponda outorgar, enténdese a súa conformidade coa autorización da infraestrutura gasista proxectada, de acordo co disposto nos artigos 80 e 84 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

Oitavo. O 29.10.2015 a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial) emitiu informe favorable sobre o proxecto de execución da infraestrutura gasista denominada «Antena de aproximación en MOP 10 bar e estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 bar para subministración de gas natural a Viveiro (Lugo)».

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; e no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria; en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos; co Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural; co Decreto 62/2010, do 15 de abril, polo que se regula o trámite de competencia e os criterios de valoración no suposto de concorrencia de dúas ou máis solicitudes de autorización administrativa de instalacións de transporte secundario e distribución de gas natural e redes de distribución de gases licuados do petróleo (GLP); coa Orde da Consellería de Industria e Comercio do 30 de novembro de 1999 sobre a tramitación de autorizacións administrativas das canalizacións de gas; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O citado proxecto cumpre coas exixencias regulamentarias fixadas no Real decreto 919/2006, do 28 de xullo, polo que se aproba o Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos e as súas instrucións técnicas complementarias ICG 01 a 11.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

A Dirección Xeral de Enerxía e Minas, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura gasista denominada «Antena de aproximación en MOP 10 bar e estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 bar para subministración de gas natural a Viveiro (Lugo)», promovida por Gas Galicia SDG, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da citada infraestrutura gasista.

3. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada infraestrutura gasista, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. A empresa promotora, Gas Galicia SDG, S.A., constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 1.831,34 €, importe do 2 % do orzamento das instalacións, para garantir o cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, e no artigo 82 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro.

A devandita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda. As instalacións que se autorizan realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran na proxecto presentado pola empresa promotora, Gas Galicia SDG, S.A., titulado «Proxecto de autorización e execución de instalacións-Antena de aproximación en MOP 10 bar estación de regulación e medida (ERM) MOP 10/4 bar en Viveiro, Lugo», asinado polo enxeñeiro técnico industrial Antonio Javier Sabín Vázquez (colexiado nº 2.233 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais da Coruña); e no cal figura un orzamento de 91.567,12 €.

Terceira. As instalacións e as súas montaxes deberán cumprir as disposicións e normas técnicas que en xeral sexan de aplicación e, en particular, as correspondentes ao Regulamento técnico de distribución e utilización de combustibles gasosos coas súas instrucións técnicas complementarias e as normas que os complementan, regulamentos electrotécnicos, normas UNE e demais normativa e directrices vixentes, así como cantas as substitúan ou se diten a nivel estatal ou desta comunidade autónoma, e deberán preverse para responder aos avances tecnolóxicos no eido do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; así mesmo, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá estendela tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. En canto aos bens e dereitos afectados por esta infraestrutura e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa promotora procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

Sétima. A empresa promotora deberá iniciar a subministración de gas no prazo dun mes contado a partir da data en que a xefatura territorial formalice a acta de posta en marcha.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións ou licenzas de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarias para realizar a citada infraestrutura gasista.

Novena. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas