Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 4 de marzo de 2016 Páx. 8252

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de marzo de 2016 pola que se aproba o modelo normalizado de solicitude de acceso á información pública da Administración xeral e das entidades integrantes do sector público autonómico de Galicia.

A Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, regula no capítulo III do título I o dereito de acceso á información pública. Pola súa banda, partindo da previsión contida no artigo 105.b) do noso texto constitucional, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, desenvolveu, no seu día, no seu artigo 37, o dereito dos cidadáns a acceder aos rexistros e documentos que estean nos arquivos administrativos.

O capítulo III da citada Lei 19/2013, do 9 de decembro, configura de forma ampla o dereito de acceso á información pública, do cal son titulares todas as persoas e que poderá exercerse sen necesidade de motivar a solicitude. Este dereito só se limitará naqueles casos en que así sexa necesario pola propia natureza da información ou pola súa entrada en conflito con outros intereses protexidos. En todo caso, os límites previstos aplicaranse atendendo a un test de dano (do interese que se salvagarda co límite) e de interese público na divulgación e de forma proporcionada e limitada polo seu obxecto e finalidade. Así mesmo, dado que o acceso á información pode afectar de forma directa a protección dos datos persoais, a lei aclara a relación entre ambos os dereitos establecendo os mecanismos de equilibrio necesarios.

Na Comunidade Autónoma de Galicia foi aprobada a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, que aborda, no capítulo IV do seu título I a regulación do dereito cidadán ao acceso á información pública, máis alá daquela que sexa ofertada en virtude do disposto no capítulo II, relativo ás obrigas de publicidade activa. Deste xeito, determínase o procedemento pertinente, establecendo a necesaria obriga das administracións públicas de facilitarlle á cidadanía aquela orientación e asesoramento que precise, así como de proporcionarlle modelos normalizados de solicitudes e canles electrónicas para tramitalas.

Por outro lado, á vista do establecido na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico da cidadanía aos servizos públicos, e do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, así como na Orde do 12 de xaneiro de 2012 pola que se regula a habilitación de procedementos administrativos e servizos na Administración xeral e no sector público autonómico de Galicia, resulta imprescindible adaptar a solicitude de acceso á información pública ás novas exixencias e ofrecer a posibilidade de levar a cabo a súa presentación a través de medios electrónicos, facilitando así a comunicación entre a Administración e a cidadanía.

O Decreto 233/2012, do 5 de decembro, polo que se determina a organización, funcións e competencias da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, establece que lle corresponde á Vicepresidencia da Xunta de Galicia a competencia, entre outras, de coordinar a planificación interdepartamental e a súa execución.

O Decreto 72/2013, do 25 de abril, establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e, en virtude desta normativa, esta consellería é competente nas materias que lle corresponden, entre outras, a execución das competencias en materia de racionalización e simplificación de procedementos administrativos.

Polo exposto, en uso das facultades que teño conferidas, de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto aprobar o modelo normalizado de solicitude de acceso á información pública da Administración xeral e das entidades integrantes do sector público autonómico de Galicia, de acordo cos requisitos mínimos establecidos no artigo 17 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, e no artigo 26 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

Artigo 2. Presentación

1. As solicitudes de información deberán dirixirse ao titular do órgano administrativo ou entidade que posúa a información, segundo o modelo do anexo I da presente orde.

2. As ditas solicitudes deberán presentarse na Secretaría Xeral da Presidencia e nas secretarías xerais técnicas das respectivas consellerías, segundo a materia obxecto da solicitude, que serán as encargadas de remitilas, de ser o caso, aos órganos competentes para a súa tramitación e resolución, previstos no artigo 27.3 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

3. A presentación será preferiblemente por vía electrónica a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación electrónica das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, así como mediante a Chave concertada 365, no enderezo https://sede.xunta.es/chave365.

4. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou norma que a modifique ou substitúa, utilizando o modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. De acordo co establecido no artigo 26.4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a persoa solicitante non está obrigada a motivar a súa solicitude de acceso á información. Porén, poderá expor os motivos polos cales solicita a información e que poderán ser tidos en conta cando se dite a resolución. Non obstante, a ausencia de motivación non será por si soa causa de rexeitamento da solicitude.

Artigo 3. Documentación

1. A documentación que a persoa solicitante achegue xunto coa solicitude poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas que se presenten garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. De non presentarse a documentación de forma electrónica, poderá opcionalmente ser presentada en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros indicados no artigo 2.4 desta orde utilizando o modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Artigo 4. Resolución

1. De conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, a resolución en que se conceda ou denegue o acceso deberá notificarse á persoa solicitante e aos terceiros afectados que así o solicitasen o antes posible e, como moi tarde, no prazo máximo dun mes desde a recepción da solicitude polo órgano competente para resolver.

2. Transcorrido o prazo para resolver sen que se ditase e notificase resolución expresa, entenderase que a solicitude foi desestimada.

Artigo 5. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados electronicamente accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada ou presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nos ficheiros denominados «expedientes de acceso á información pública» co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. Os órganos responsables destes ficheiros serán a Secretaría Xeral da Presidencia e as secretarías xerais técnicas das correspondentes consellerías, ante os cales poderán exercerse os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, mediante o envío dunha comunicación.

Artigo 7. Notificacións

1. Notificaránselles ás persoas interesadas as resolucións e actos administrativos que afecten os seus dereitos e intereses, nos termos previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. As notificacións electrónicas só poderán practicarse cando así o manifeste expresamente a persoa destinataria ou despois da aceptación da proposta do correspondente órgano ou organismo público.

3. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). De acordo co artigo 25 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e a hora na que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.

4. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que se accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, terase por efectuado o trámite e seguirase o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día 7 de marzo de 2016.

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file