Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 45 Luns, 7 de marzo de 2016 Páx. 8590

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2016 pola que se ordena a publicación do Acordo do 22 de febreiro de 2016, polo que se aproba a instrución relativa á remisión telemática dos extractos dos expedientes de contratación e das relacións anuais dos contratos celebrados polas entidades do sector público local de Galicia.

O artigo 29 do texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP), aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, regula a obriga das entidades locais de remitir, dentro dos tres meses seguintes á formalización do contrato, unha copia certificada do documento de formalización, xunto cun extracto do expediente de que derive, sempre que a contía supere determinados importes concretados en función do tipo de contrato. Así mesmo, o citado artigo 29 regula a obriga de comunicar as incidencias na execución dos contratos indicados -modificacións, prórrogas ou variacións do prezo, nulidade e extinción-, obriga que se debe entender sen prexuízo das facultades recoñecidas ao Tribunal de Contas e aos órganos de fiscalización externa das comunidades autónomas para reclamar cantos documentos e antecedentes se consideren pertinentes en relación cos contratos de calquera natureza e contía.

O Consello de Contas, mediante convenio subscrito co Tribunal de Contas con data do 27 de xuño de 2011, está adherido á Plataforma de rendición de contas das entidades locais (www.rendiciondecuentas.es) para a remisión telemática da conta xeral das entidades locais da Comunidade Autónoma. Neste convenio (actualizado en datas posteriores: addenda do 27.6.2014 e convenio do 4.12.2014) ambas as partes recoñecen o principio de rendición única das contas das entidades locais de Galicia.

Con data do 27 de xuño de 2014, con fundamento nas relacións de colaboración e cooperación, engadiuse unha addenda ao dito convenio en virtude da cal a relación anual de contratos prevista no artigo 40.2 da Lei 7/1985, do 5 de abril, de funcionamento do Tribunal de Contas, que as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia teñen a obriga de enviar ao Tribunal de Contas a través da referida plataforma, tamén producirá efectos perante o Consello de Contas de Galicia, posibilitando a explotación de datos para as funcións de fiscalización que a este lle corresponden.

Esta instrución aprobouna o Pleno do Consello de Contas de Galicia na súa sesión do día 22 de febreiro de 2016, en exercicio das súas competencias recoñecidas no artigo 29 do TRLCSP en relación cos artigos 2.1.b) e 7.3.b) da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galicia, para levar a cabo a fiscalización da contratación das entidades que compoñen o sector público local galego, competencias que se deben poñer en relación co deber de colaboración previsto no artigo 23 da Lei 6/1985.

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2016

José Antonio Redondo López
Conselleiro maior do Consello de Contas de Galicia

Instrución relativa á remisión telemática ao Consello de Contas de Galicia dos extractos dos expedientes de contratación e das relacións anuais dos contratos celebrados polas entidades do sector público local de Galicia

O artigo 29 do texto refundido da Lei de contratos do sector público (TRLCSP), aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, en relación co artigo 2.1.b) da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, regula a obriga de remisión de información sobre os contratos a este para o exercicio da función fiscalizadora. Para tal efecto, as entidades locais deben remitir, dentro dos tres meses seguintes á formalización do contrato, unha copia certificada do documento mediante o cal se formalizase este, xunto cun extracto do expediente de que derive, sempre que a contía supere determinados importes segundo o tipo de contrato.

Así mesmo, recóllese no citado artigo 29, de carácter básico salvo o seu número 4, a obriga de comunicar as incidencias na execución dos contratos indicados -modificacións, prórrogas ou variacións do prezo, nulidade e extinción- sen prexuízo das facultades recoñecidas ao Tribunal de Contas e aos órganos de fiscalización externa das comunidades autónomas para reclamar cantos documentos e antecedentes se consideren pertinentes en relación cos contratos de calquera natureza e contía.

O Consello de Contas, mediante convenio subscrito co Tribunal de Contas con data do 27 de xuño de 2011, está adherido á Plataforma de rendición de contas das entidades locais (www.rendiciondecuentas.es) para a remisión telemática da conta xeral das entidades locais da Comunidade Autónoma.

Con data do 27 de xuño de 2014, con fundamento nas relacións de colaboración e cooperación, engadiuse unha addenda ao dito convenio en virtude da cal a relación anual de contratos, prevista no artigo 40.2 da Lei 7/1985, do 5 de abril, de funcionamento do Tribunal de Contas, que as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia teñen a obriga de enviar ao Tribunal de Contas a través da referida plataforma, tamén producirá efectos perante o Consello de Contas de Galicia posibilitando a explotación de datos para as funcións de fiscalización que a este lle corresponden.

En virtude do exposto, en uso das competencias recoñecidas ao Consello de Contas de Galicia polo referido artigo 29 do TRLCSP, en relación cos artigos 2.1.b) e 7.3.b) da mencionada Lei 6/1985, para levar a cabo a fiscalización da contratación das entidades que compoñen o sector público local galego o Pleno do Consello aproba a seguinte instrución:

Primeiro. Obxecto, ámbito de aplicación e documentación que cómpre remitir.

Mediante a presente instrución, o Consello de Contas de Galicia concreta a información e documentación contractual correspondente aos exercicios 2016 e seguintes que lle serán remitidas en cumprimento das obrigas contidas no artigo 29 do texto refundido da Lei do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, en relación co artigo 2.1.b) da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, así como o procedemento e medio para levalo a cabo.

A obriga de remisión da documentación contractual ao Consello de Contas por parte dos órganos, organismos e entidades do sector público local de Galicia realizarase por medio da Plataforma de rendición de contas das entidades locais (www.rendicioncuentas.es) na forma, contido e prazos establecidos na instrución relativa á remisión telemática ao Tribunal de Contas dos extractos dos expedientes de contratación e das relacións anuais dos contratos celebrados polas entidades do sector público local, aprobada por Acordo do seu Pleno do día 22 de decembro de 2015 e publicada no BOE nº 312, do 30 de decembro de 2015.

Segundo. En relación coas obrigas derivadas do establecido nos artigos 39 e 40 da Lei 7/1988, do 5 de abril, de funcionamento do Tribunal de Contas, observarase o disposto polo propio tribunal na dita instrución.

A relación anual de contratos a que se refire o citado artigo 40 tamén despregará os seus efectos perante o Consello de Contas en virtude do convenio subscrito para tal finalidade co Tribunal de Contas, no marco das relacións de colaboración e cooperación, para a súa utilización na función fiscalizadora da actividade contractual que corresponde ao Consello.

Terceiro. No non previsto neste acordo observarase o establecido na instrución sempre que non se opoña ou contradiga o disposto na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

Cuarto. Esta instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.