Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 8 de marzo de 2016 Páx. 8736

I. Disposicións xerais

Presidencia da Xunta de Galicia

LEI 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese.

Exposición de motivos

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto no artigo 27.3 do seu Estatuto de autonomía, aprobado mediante a Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, e de conformidade co artigo 148.1.3 da Constitución española, ten a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda.

A actuación das administracións públicas, que, no uso desas competencias, debe velar en todo momento pola salvagarda e a satisfacción dos intereses xerais, non pode descoñecer a existencia de proxectos de especial urxencia ou de excepcional interese público, que deben ser impulsados a fin de lograr os beneficios sociais e económicos para a nosa Comunidade Autónoma que lle son propios.

Tales beneficios resultan especialmente significativos nunha actividade como é a urbanística, que conta con relevancia en distintos planos de interese, tanto respecto da propia configuración e ordenación dun modelo territorial respectuoso co medio ambiente e a singularidade galega como a modo de motor de impulso do desenvolvemento e do crecemento económico e social.

Asemade, a necesidade de acomodar tales proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese aos distintos instrumentos de ordenación existentes para facer posible a súa execución, ao par que garantir a seguridade xurídica de todos os operadores do sector, demanda contar cun procedemento áxil e eficaz que faga posible conciliar a totalidade dos intereses implicados. Esta lei incorpora os pasos que hai que seguir nestes casos, ordenando ademais o inicio do procedemento de modificación da ordenación urbanística correspondente de xeito simultáneo á aprobación do proxecto declarado urxente ou de excepcional interese público polo Consello da Xunta.

A oportunidade da presente regulación revélase se cabe de xeito máis evidente tras os máis recentes pronunciamentos xudiciais firmes de declaración de nulidade de planeamentos urbanísticos. Tales pronunciamentos, e a consecuente reviviscencia dos plans de ordenación urbana inmediatamente anteriores no tempo, traen consigo a existencia dun modelo de cidade non coincidente en numerosos casos co planeamento en vigor, amosando a necesidade de dar resposta rápida e eficaz a aqueles proxectos que non poden ser paralizados no tempo ata a aprobación dun novo plan, polas consecuencias que tal paralización implicaría no benestar do conxunto da cidadanía galega e no crecemento social e económico da nosa Comunidade.

En todo caso, a regulación contida nesta lei conxuga o impulso que corresponde ás administracións públicas na execución destes proxectos necesarios para a modernización e competitividade de Galicia co debido respecto ás resolucións xudiciais, por canto determina de xeito expreso e simultáneo á aprobación da execución dos devanditos proxectos a orde de inicio do procedemento polo que se acomode a ordenación urbanística correspondente, e, en último termo, garante tamén o respecto á autonomía municipal e aos intereses locais afectados, ao prever en sede do procedemento que se regula a emisión de informe preceptivo e vinculante por parte do concello de que se trate, tras o correspondente sometemento do proxecto a información pública.

Do mesmo xeito, o procedemento deseñado nesta lei garante que os proxectos autorizados, de ser o caso, polo Consello da Xunta serán obxecto de informe sectorial por todos aqueles órganos que corresponda de acordo coa lexislación aplicable, e moi en particular que se respectarán os procedementos previstos na normativa vixente en materia de avaliación de impacto ambiental.

En definitiva, esta lei xorde co máis firme propósito de dar resposta inmediata desde a Comunidade Autónoma de Galicia, e no exercicio das competencias que lle son propias, ás situacións descritas, a fin de evitar que proxectos públicos que actúan como canles vertebradoras da igualdade social e impulsores do crecemento económico de Galicia poidan quedar frustrados.

En canto á estrutura da lei, configúrase como unha lei cun artigo único, desenvolvido en dez puntos, unha disposición derrogatoria única e dúas disposicións derradeiras.

No primeiro punto establécese o réxime xeral de intervención municipal previa para os actos que promovan órganos das administracións públicas ou entidades de dereito público.

O punto segundo prevé o réxime excepcional para os actos promovidos polos órganos das administracións públicas ou de dereito público que sexan desconformes co planeamento urbanístico aplicable, para os casos en que existan razóns de urxencia ou de excepcional interese público que o xustifiquen.

O procedemento en cuestión regúlase nos puntos terceiro, cuarto e quinto do artigo.

Nos puntos sexto, sétimo e oitavo establécense os efectos da aprobación do proxecto polo Consello da Xunta.

O punto noveno prevé a posible suspensión das obras polo respectivo concello.

Finalmente, o punto décimo fai extensible a aplicación do procedemento establecido para os casos nos que, de acordo coa lexislación estatal, for declarada polos órganos competentes da Administración xeral do Estado a urxencia ou o excepcional interese público dos actos promovidos por órganos ou entidades dependentes dela, e para o caso de obras ou actuacións competencia da Comunidade Autónoma necesarias para completar a plena funcionalidade das actuacións previstas polo Estado.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei a Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese.

Artigo único. Actos promovidos polas administracións públicas para a aprobación de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese

1. Os actos que promovan órganos das administracións públicas ou de dereito público estarán suxeitos á intervención municipal previa nos termos previstos pola lexislación aplicable.

2. Malia o establecido no punto anterior, os proxectos promovidos por órganos das administracións públicas ou de dereito público que sexan desconformes co planeamento urbanístico aplicable poderán executarse se se aprecian razóns de urxencia ou excepcional interese público de acordo co previsto neste artigo. Sen prexuízo do disposto na lexislación estatal aplicable en canto aos actos promovidos pola Administración xeral do Estado e das súas entidades de dereito público, a Administración da Comunidade Autónoma será competente para apreciar as razóns expresadas respecto dos proxectos promovidos por calquera dos suxeitos indicados, cando as súas finalidades se consideren de interese público para a Comunidade Autónoma por estaren vinculadas a materias da súa competencia.

3. Para os efectos do indicado no punto anterior, o órgano promotor dará traslado do proxecto á consellaría competente por razón da materia e solicitará o inicio do procedemento previsto neste artigo. O proxecto deberá ter o grao de detalle suficiente para permitir coñecer de modo certo o carácter, extensión, localización e fins da obra proxectada.

Os proxectos poderán incluír todas as actuacións e obras necesarias para a implantación e o funcionamento das infraestruturas, dotacións ou instalacións previstas no proxecto, incluíndo os accesos viarios e as redes de condución e distribución.

4. Esa consellaría, logo da xustificación das razóns de urxencia ou excepcional interese público concorrentes e dos intereses autonómicos afectados, dará traslado do proxecto ao concello en cuxo termo municipal vaia executarse.

O concello, para os efectos da emisión do informe ao que se refire o parágrafo seguinte, someterá o proxecto a información pública durante un prazo de vinte días, mediante anuncio no boletín oficial da provincia e nun dos xornais de maior difusión dela.

Unha vez finalizado o período de información pública, o concello emitirá informe no prazo dos dez días seguintes, no que, logo da valoración do resultado da información pública, se pronuncie sobre a ponderación dos intereses locais afectados. O informe incluirá a resposta razoada que o concello ofreza aos que comparecesen no trámite, de acordo co disposto na lexislación de procedemento administrativo.

Se o informe do concello é desfavorable, polo grao de afección que a execución do proxecto supón para os intereses locais, a consellaría competente ditará resolución de arquivamento do procedemento e notificaralla ao órgano promotor.

Se o informe municipal non se emite no prazo indicado, a consellaría requirirá a súa emisión nun novo prazo de cinco días, coa advertencia de que, transcorrido este, o informe se considerará emitido en sentido favorable.

5. A consellaría competente por razón da materia remitirá o expediente á consellaría competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio, a cal solicitará con carácter de urxencia aqueles informes que sexan preceptivos de acordo coa lexislación sectorial aplicable, e, unha vez recadados eses informes, elevará o proxecto para informe da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, que se pronunciará sobre os aspectos urbanísticos do proxecto. Cumpridos estes trámites, devolverá o expediente completo á consellaría competente por razón da materia.

Simultaneamente ao previsto no punto anterior, se polas súas características o proxecto estiver comprendido dentro do ámbito de aplicación da avaliación de impacto ambiental establecido pola normativa vixente, a consellaría competente por razón da materia remitirá tamén o proxecto ao órgano competente para os efectos da tramitación do correspondente procedemento.

6. O Consello da Xunta, por proposta da consellaría competente por razón da materia, aprobará o proxecto se procede e, nese caso, ordenará o inicio do procedemento de alteración da ordenación urbanística correspondente, conforme a tramitación establecida na Lei do solo de Galicia. O acordo do Consello da Xunta de aprobación do proxecto será inmediatamente executivo e habilitará o órgano promotor para o inicio das obras correspondentes.

7. A aprobación do proxecto comportará a declaración de utilidade pública e a necesidade de ocupación dos bens e dereitos afectados aos fins de expropiación ou imposición de servidumes.

8. Se a execución dos proxectos públicos previstos neste artigo comporta a necesidade de realizar actuacións expropiatorias, terá a condición de administración expropiante e beneficiario da expropiación o concello en cuxo termo municipal se executen as obras. O concello procederá á expropiación dos terreos e á transferencia posterior da súa titularidade ao órgano promotor.

9. O concello poderá, en todo caso, acordar a suspensión das obras ás que se refire o número 3 deste artigo cando se pretendan levar a cabo sen seguir o procedemento nel previsto ou se a execución das obras non se axusta ao proxecto aprobado.

10. O procedemento previsto neste artigo tamén poderá ser aplicable para os casos nos que, de acordo coa lexislación estatal, for declarada polos órganos competentes da Administración xeral do Estado a urxencia ou o excepcional interese público dos actos promovidos por órganos ou entidades dependentes dela, en canto ás obras ou actuacións que, de ser o caso, e de acordo co que se convenie cos órganos ou entidades promoventes, sexan da competencia autonómica e necesarias para completar a plena funcionalidade das actuacións previstas polo Estado.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ou contradigan o establecido nesta lei.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Autorízase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións regulamentarias que sexan precisas para a aplicación e o desenvolvemento desta lei.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta lei entrará en vigor o día 20 de marzo de 2016.

Santiago de Compostela, un de marzo de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente