Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 49 Venres, 11 de marzo de 2016 Páx. 9322

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ferrol

ANUNCIO das bases do XXIV Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos 2016.

Bases:

1. O obxectivo do XXIV Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos 2016, que se realiza con carácter bianual, é dar testemuño do dinamismo e da pluralidade da gráfica actual desde a perspectiva da arte contemporánea múltiple e seriada.

Esta convocatoria constitúe, así mesmo, unha oportunidade para a consolidación e o enriquecemento dos fondos de arte do Centro Torrente Ballester.

O carácter de convocatoria pública vén dado pola publicación das bases no Diario Oficial de Galicia (DOG) e na páxina web www.ferrol.es.

2. Condicións de participación.

– Poderán participar no certame artistas de calquera nacionalidade e país de residencia.

– O certame está aberto a todos os procesos gráficos tradicionais ou experimentais, incluídos os dixitais, o vídeo, a fotografía e a instalación, con intervencións directas ou combinadas con calquera outro procedemento, sen condicións de tamaño. Admítense polípticos, obras seriadas, probas únicas, variacións...

– Cada participante poderá presentar de 2 a 6 obras pertencentes a unha mesma familia ou serie, ou unha soa obra seriada completa formada por varias pezas.

– Non poderán concorrer ao premio os gañadores das cinco convocatorias anteriores.

– Non se admiten obras premiadas noutros certames nin realizadas antes de 2010.

– Os candidatos enviarán ao correo electrónico premiomr@ferrol.es, do 15 ao 30 de marzo de 2016, a seguinte documentación:

– O formulario debidamente cuberto e asinado.

– Fotografías das obras. Formato JPEG (de 500 KB a 1 MB máximo cada unha).

– Nos pés de foto indicarase: apelidos, nome e número da obra correspondente á lista do formulario.

– Un currículum vítae resumido e unha breve explicación das obras (en galego, castelán, inglés ou francés). Todo nun máximo de dúas páxinas.

– Indicarase se as obras presentadas son obras únicas ou editadas, ou se se poden editar.

3. Premio.

Concederase un único premio de 7.000 € (impostos engadidos).

O xurado poderá outorgar unha ou varias mencións honoríficas.

4. Selección.

– Nomearase unha comisión, que estará formada por persoas especializadas e que realizará unha selección dos dossieres dixitais e proporá claramente os números das obras seleccionadas que, segundo o seu criterio, reúnan a calidade suficiente para seren valoradas polo xurado do premio.

– A relación das obras seleccionadas darase a coñecer antes do 30 de abril a través da páxina web www.ferrol.es. Os candidatos seleccionados recibirán, ademais, un correo electrónico.

– Todas as obras seleccionadas formarán parte da exposición, así como do catálogo que se realice desta, e terán opción ao premio.

5. Envío das obras seleccionadas.

– Soamente se enviarán as obras seleccionadas.

– As obras seleccionadas poderanse enviar montadas sobre soporte ríxido, enmarcadas con metacrilato ou sen enmarcar. Neste último caso, a organización definirá un sistema para presentar as obras e poderá consultar co artista as súas preferencias.

Ao dorso das obras indicarase:

– Apelido/s e nome.

– Título da obra.

– Técnica/s.

– Ano de realización.

– Valor da obra en euros.

– Sentido de posición da obra.

– En caso de obra editada, indicación do número da tiraxe.

Achegarase o formulario impreso, datado e asinado, así como un CD con fotografías das obras enviadas en alta resolución (300 ppp).

– En canto ao transporte, enviarase todo por correo postal ou transporte privado, en soporte ríxido ou tubo reutilizable.

– Nos envíos desde o estranxeiro, indicarase sobre o paquete: «Impresos para exposición temporal/sen valor comercial». A organización non se fai responsable de ningunha obra retida na alfándega.

– Os gastos de envío serán por conta do participante. A devolución será por conta da organización do certame. As obras estarán aseguradas unicamente durante o tempo que dure a exposición. A organización non se fará responsable dos danos sufridos polas obras durante o transporte (ida ou volta).

– As obras deberán remitirse ao Centro Torrente Ballester de Ferrol no período abranguido entre o 16 e o 30 de maio de 2016, ambos inclusive. No exterior constará:

24 PMR Premio Internacional de Gráfica Máximo Ramos.

Centro Torrente Ballester.

Rúa Concepción Arenal, s/n.

15402 Ferrol (A Coruña).

España.

6. Selección do premio e das obras para a exposición.

– O xurado estará formado por un presidente, que será o concelleiro delegado de Cultura, unha secretaria funcionaria do Negociado de Cultura, que actuará con voz e sen voto, e catro vogais seleccionados entre personalidades de recoñecido prestixio no campo das artes.

– A composición do xurado darase a coñecer, con anterioridade á súa reunión, na páxina web www.ferrol.es, co fin de que se poidan interpoñer os recursos legais pertinentes.

– O xurado proporá o autor premiado de entre as obras seleccionadas.

– O xurado reserva para si o dereito de que o premio quede deserto. As decisións do xurado son inapelables.

– O ditame do xurado darase a coñecer no acto de inauguración da exposición e publicarase na páxina web www.ferrol.es.

– A exposición terá lugar do 10 de xuño ao 10 de setembro de 2016.

– Editarase un catálogo da exposición. Os participantes seleccionados autorizan a organización para reproducir as obras no catálogo con fins promocionais e aseguran que estas obras están libres de calquera tipo de canon ou dereito de reprodución.

– Cada participante seleccionado recibirá un catálogo.

7. A/s obra/s premiada/s pasarán a formar parte dos fondos do Centro Torrente Ballester.

8. A presentación das obras ao premio implica a total aceptación destas bases por parte dos artistas participantes. Non se aceptarán candidaturas acompañadas dun formulario non asinado.

Ferrol, 11 de febreiro de 2016

P.D. (Resolución 29.6.2015)
Jesús Basterrechea López
Concelleiro delegado de Cultura, Ensino e Universidade

missing image file